main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

18/07/201810:43
Imaxe do sensor que utiliza enPathia.
Málaga

enPathia, unha solución completa desenvolvida por Eneso para controlar un computador

  • Eneso desenvolveu unha solución completa para axudar a persoas cunha discapacidade física a utilizar un computador, na que a tecnoloxía permite utilizar un sistema que opera como un rato con calquera parte do corpo e realizando un movemento suave.

 

enPathia, que é como se chama este sistema, adáptase a calquera parte do corpo do usuario que poida mover aínda que sexa levemente e permite manexar calquera computador cun conector USB que utilice un sistema operativo Windows, Linux ou MacOS.

A solución consiste nun pequeno sensor que se fixa cunha cinta a calquera parte do corpo, e este adáptase a calquera tipo de movemento que poida facer o usuario.

enPathia permite realizar as mesmas accións que se poden facer cun rato, xa que detecta o movemento do sensor, e cando este se para sobre un elemento abre un menú no que o usuario elixe que tipo de clic quere facer sobre ese elemento: clic normal, dobre clic, clic dereito...

Este innovador sistema está patentado por Eneso e pola Universidade de Málaga e está dispoñible a través da páxina web da compañía malagueña.

18/07/201808:16
Rede de Videovixilancia Forestal da Xunta.
Santiago de Compostela

A Xunta pon en marcha a rede de videovixilancia forestal, unha plataforma de altas prestacións para monitorar o 54% do territorio

  • A Rede está integrada por 44 centros, 10 máis dos previstos, que facilitarán cobertura visual de 1,5 millóns de hectáreas, incluíndo terreos das 73 parroquias de Alta Actividade Incendiaria
  • A plataforma de videovixilancia está dotada con 88 cámaras de altas prestacións, dotadas de visión nocturna e capacidade para operar baixo temperaturas extremas
  • O novo sistema, que se integrará coas aplicacións do Servizo de Protección de Incendios, posibilitará aos técnicos forestais a monitorización das zonas videovixiladas as 24 horas do día
  • Permite xeoposicionar as imaxes, o que facilitará o seguimento do incendio e a toma de decisións para asignar recursos

 

A Rede de Videovixilancia Forestal da Xunta entrou en funcionamento a pasada semana coa activación de 20 das 88 cámaras que integran a plataforma. O sistema incorpora as melloras ofertadas pola empresa adxudicataria, a galega Itelsis, que incrementou o número de centros de 34 a 44, o que permitirá monitorar o 54% do territorio, fronte ao 48% inicial.  

A Rede de Videovixilancia dos espazos forestais concibiuse como un instrumento de apoio ao labor de detección, prevención e seguimento deste tipo de incendios e foi anunciada polo presidente da Xunta no Parlamento como unha das 30 medidas na proposta de acordo forestal. Así o recordaron onte pola mañá a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, durante a visita que realizaron ao Centro de Coordinación Central da Dirección Xeral de Montes para comprobar o funcionamento da plataforma, que estará completamente operativa a mediados de agosto. 

 

Cámaras de altas prestacións
A nova rede estase a despregar aproveitando as infraestruturas de Retegal. Estanse a instalar 2 cámaras de altas prestacións, dotadas de visión nocturna e con capacidade para operar baixo temperaturas extremas e resistentes a ventos furacanados en 44 centros de telecomunicacións do operador público. 

As 88 cámaras que integran a Rede facilitarán cobertura visual de máis de 1,5 millóns de hectáreas, máis da metade do territorio galego, incluíndo terreos das 73 parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI) definidas así no Plan de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais de Galicia (PLADIGA) da Consellería do Medio Rural.

 

Plataforma para unha xestión integral
A nova plataforma ofrece unha xestión centralizada das cámaras, facilitando a vixilancia remota dos montes desde o Centro de Coordinación Central as 24 horas do día e permitirá aos axentes e técnicos forestais o acceso en tempo real ás imaxes, incluso a través de dispositivos móbiles. 

Ademais a plataforma integrarase coas aplicacións empregadas polo SPDCIF como o Xeocode, baseada nun sistema de información xeográfico, que posibilita a xestión de alarmas, incendios, medios e persoal on line a nivel de distrito, provincial e central.

En caso de detectarse un lume o sistema achegará información visual en directo sobre o avance e as condicións do incendio e permitirá xeoposicionar o punto que se está a visualizar en cada momento. Deste xeito, a rede ofrece un mecanismo de apoio á toma de decisións polas autoridades e persoal técnico competentes para mobilizar e xestionar medios e recursos para os labores de extinción.

 

Investimento e evolución da rede
No desenvolvemento da rede colaboran a Consellería do Medio Rural, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e Retegal que articula a posta en marcha e mantemento desta Rede de Vixilancia dos espazos forestais ata 2022 cun investimento de 2.026.000 euros.

17/07/201812:50
Presentación da iniciativa.
Santiago de Compostela

Despois do verán abrirase a primeira convocatoria dos Hubs de Innovación Dixital que promoverá a Xunta

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou onte nunha xornada celebrada en Santiago de Compostela que a Xunta vai impulsar a posta en marcha de Hubs de Innovación Dixital como punto de encontro entre a empresa, a investigación e o financiamento. Despois do verán realizarase a primeira convocatoria, baixo concorrencia competitiva, para identificar os Hubs que todos os axentes do sistema innovador queren impulsar en Galicia.

A través da fórmula dos Hubs de Innovación Dixital, a Administración autonómica busca cohesionar a todos os axentes en torno a sectores estratéxicos, para incentivar a colaboración entre eles e que iso dea lugar a novos proxectos conxuntos, de carácter novidoso e con capacidade para posicionar a innovación galega en Europa.

O obxectivo é que centros de coñecemento e empresas poidan desenvolver unha estratexia de colaboración firme, buscar os socios axeitados, establecer canles de comunicación, aliñar procesos e responder de forma flexible ás demandas do mercado e da sociedade. Así, os Hubs permitirán un mellor rendemento de todas as capacidades do sistema de innovación galego, facilitando o acceso das empresas ás oportunidades existentes no sector tecnolóxico. Neste sentido, o conselleiro sinalou que a Xunta xa mantivo encontros con 65 axentes de todo o ecosistema de innovación galego para avanzar no desenvolvemento dos Hubs.

Conde, que participou nun encontro sobre estratexias de apoio á Industria 4.0, incidiu na importancia da innovación colaborativa, converxendo empresas, centros de coñecemento e Administración, para impulsar a I+D+i e potenciar o desenvolvemento da nova revolución industrial. Sinalou neste sentido que a cooperación entre todos os axentes é a mellor fórmula para activar todos os resortes que compoñen o ecosistema de innovación, e aliñalos coas necesidades do tecido produtivo.

O reto é que a industria se sume á dinámica do descubrimento, que move o traballo dos centros tecnolóxicos e de innovación. Ese é precisamente o obxectivo do Plan Galicia Innova 2020, cun investimento público-privado de 1775 millóns de euros, para propiciar esa conexión entre o ámbito científico-tecnolóxico e a empresa.

Esta nova folla de ruta permitirá seguir fomentando o esforzo compartido que ten permitido que Galicia estea incrementando o gasto en I+D per cápita, o persoal contratado e o número de investigadores por cada 1000 ocupados. Ademais, a comunidade estase consolidando como a sexta en solicitudes de patentes.

Estes datos deixan de manifesto que a innovación e a tecnoloxía se atopan nun punto de inflexión sen precedentes que desembocará nun aumento da produtividade e nun maior crecemento económico. Apuntou Conde que a Industria 4.0 obriga ás empresas a pensar en como os mundos en liña e fóra de liña traballan xuntos na práctica, subliñando que o primeiro obxectivo dos hubs será precisamente axudar as empresas a integrar ese mundo online a través de proxectos de innovación punteiros.

17/07/201812:43
Cartel do evento.
As Pontes

Amigus achéganos en xullo unha nova cita coas tecnoloxías que se comparten

Quen queira seguir exercitando este verán as súas habilidades robóticas e tecnolóxicas e, o máis importante, compartilas cos demais, vai poder facelo na nova edición dos Amigus Labs, os obradoiros maker que organizan cada pouco os membros da Asociación Amigus e Merca nas Pontes. A edición 18.4 dos obradoiros celébrase os días 26 e 27 de xullo no Lar da vila coruñesa. A actividade estará centrada unha vez máis na arte e na creación dixital: desta volta traballando novamente en prototipos xa previamente perfilados, montando un sistema de intelixencia artificial nun barco solar ou experimentando con sensores de telemetría conectados por ESP8266. 

Ademais, na celebración da quedada retomarase o fío do desenvolvemento e testeo de robots velocistas. Tamén se habilitará unha área de exposición dos proxectos realizados nos últimos meses.

Por outra banda, haberá actividades para nenas e nenos, como de costume. Estas collerán corpo na zona Amigus Labs Kids que se celebra o xoves 26 de 11:00 a 14:00: unha oportunidade para aprenderen a modelar en 3D e afondaren en como imprimir pezas nas impresoras 3D. 

O venres realizarase un obradoiro de robótica, onde se brindará unha oportunidade para crear robots, adestrándonos en todas as fases de fabricación dos mesmos, dende o deseño dos PCBS até o proceso de soldadura, pasando por un achegamento pormenorizado aos compoñentes e a impresión 3D. Neste punto, segundo informa Amigus, entrará en xogo o enxeño Garabullos, un pequeno robot educativo creado por Diego Lale como unha variante do coñecido Escornabot.

A organización tamén fai saber que se o tempo así o permite, farase o xantar das súas xornadas de traballo no lago das Pontes, en horario de 14:00 a 16:00 horas, onde se desenvolverán as probas do barco autónomo e aproveitarase tamén para experimentar con drons.

A idade mínima para participar tanto no obradoiro como na Amigus Labs é de 8 anos en adiante, a inscrición é de balde. Para asistirmos podemos vir equipados co noso ordenador e todo o necesario para poder conectalo a un só enchufe. A inscrición é de balde, e o prazo remata o 24 de xullo. Podemos facelo enviando un correo a amigus@amiguslabs.org (prazas limitadas).

17/07/201812:42
Unha moza con síndrome de Down e outra nena comunícanse a través dunha tableta na praia.
Madrid

A app Soyvisual da Fundación Orange alcanza o millón de descargas

  • A Fundación Orange tróuxonos grandes novas xa que a súa aplicación Soyvisual, pensada para estimular o desenvolvemento da linguaxe e a comunicación en nenos e mozos con discapacidade cognitiva, alcanzou xa o millón de descargas.

 

É unha grande noticia porque é unha mostra de como a tecnoloxía posta ao servizo de persoas con discapacidade pode ter un gran éxito, como é esta aplicación que fomenta a linguaxe e a comunicación mediante o uso de láminas e imaxes.

Soyvisual é unha aplicación moi ben deseñada e que ademais é unha grande aposta da Fundación Orange, que fai uns poucos meses poñían en mans de desenvolvedores a biblioteca de imaxes para que puidesen utilizala na creación de novos recursos.

A aplicación Soyvisual está dispoñible tanto en Android como en iOS e conta cunha comunidade de creadores que continuamente soben novo contido, polo que é unha plataforma viva que se actualiza constantemente.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS