main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

17/07/201808:08
Produtos promocionais de emBarouta-T.
Ames

Premiada a iniciativa de cole intelixente do CEIP Barouta, Ames

Finalmente resolveuse no mes de xuño a quinta edición do concurso Proxecto Innovación, organizado pola Plataforma Proxecta, o espazo educativo-tecnolóxico da Fundación Amancio Ortega e da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, destinado a salientar e visualizar as propostas da nosa rapazada que máis potencial atesouren para convertérense en grandes inventos das comunicacións, da docencia, do medio ambiente ou da saúde, entre outros moitos eidos. O primeiro premio foi para o CEIP de Barouta (Ames), grazas ao proxecto Embaróuta- T: nó sostible de colexio intelixente, conectado e vinculado a calquera parte do mundo. 

A iniciativa gañadora, apoiada pola ANPA e o Concello de Ames, recibirá unha contía de 7.880 euros (o 80% do importe solicitado), para poder desenvolver o devandito proxecto de colexio smart.

En termos máis concretos, Embaróuta- T: nó sostible pretende a transformación do propio centro, a través da robótica e o tratamento de refugallos (poñendo o foco nos plásticos con vistas á súa axeitada reciclaxe), cara a metodoloxías e procedementos propios das Cidades Intelixentes. Ou sexa, cara un aproveitamento das posibilidades das novas ferramentas da comunicación e da información para gañar en xestión, rendibilidade, sustentabilidade, eficiencia e eficacia. No caso do cole de Ames, a idea básica é que sexa un “cole conectado co mundo”: con calquera recanto do mundo. Ademais, outro dos obxectivos é convertelo nun centro docente “onde se promovan aprendizaxes significativas desde as capacidades e orientados ás expectativas de todo o alumnado”.

O pasado 24 de maio os representantes dos seis proxectos finalistas do V Concurso Proxecta Innovación tiveron a oportunidade de explicar e defender os seus proxectos ante o xurado do certame no XII Encontro inspiraTIC. O xurado determinou que o segundo premio fose para o proxecto Hortus Cultus 3.0, do CEIP Balaídos de Vigo, e o terceiro premio levouno a iniciativa Realiz-Arte, do CPR Compañía de María da Coruña. Ademais, concedéronse 3 accésits, para os proxectos Curtas Inma, do CPR La Inmaculada - La Salle, de Santiago; Plataforma #Educagram, do IES do Castro de Vigo; e Mastigar e dixerir un libro: a Fraga Milmañas, do CEIP Ponte dos Brozos, de Arteixo.

17/07/201808:03
Participantes no curso.
Carballo

Até 14 rapaces adestráronse en Carballo en fotografía cos móbiles e tabletas

Un total de 14 mozas e mozos da contorna de Carballo participaron a semana pasada nun obradoiro sobre teléfonos móbiles e tabletas e diferentes e enriquecedores xeitos de facer que sexan algo máis que unha simple ferramenta para sacar fotos, aínda que tamén. Houbo contidos sobre retoque de imaxes e dereitos, sobre técnica fotográfica, sobre exposición correcta ou sobre as mellores aplicacións móbiles para obter os mellores resultados nas fotografías. 

O curso rematou o venres 13 cunha clase sobre retoque e sobre dereitos de imaxe. Foi impartido por Alfredo Varela no Pazo da Cultura durante toda a semana, ao abeiro da programación do XX Certame de Fotografía Xosé Manuel Eirís.

Foron, en total, cinco sesións de tres horas de duración nas que os alumnos aprenderon conceptos sobre técnica fotográfica, a exposición correcta, o enfoque, a composición ou as mellores aplicacións móbiles gratuítas para sacarlle o mellor partido aos dispositivos. Ademais das nocións teóricas, houbo espazo para as saídas ao exterior, por exemplo á zona do Parque do Anllóns e a varios barrios de Carballo. 

Segundo explica Varela, o balance da experiencia “é positivo”, e os “rapaces quedaron moi contentos e conseguimos fotografías boas, e creo eu que quedamos todos con ganas de facer algún curso máis”. No que se refire á parte teórica, o profesor informa que se trataron aspectos básicos da práctica fotográfica, como por exemplo os detalles para acadar a mellor exposición ou para conseguir tirar proveito da luz que incide na cámara e na súa contorna.

16/07/201808:20
Participantes no curso.
Lugo

O Concello de Lugo acompaña o inicio do seu programa formativo TIC

Este venres a concelleira de Concello e Cidadanía de Lugo, Rosana Rielo, comprobou in situ o desenvolvemento dos obradoiros de novas tecnoloxías que organiza e desenvolve o Goberno local en diferentes emprazamentos (aulas CeMIT do Castiñeiro e María Balteira e Edificio de Novas Tecnoloxías), un total de 25 actividades formativas que achegan, en total, 323 prazas. 

A visita de Rielo foi a un dos tres cursos de balde que arrincaron esta semana. O programa Tecnoloxíza-T! desenvólvese ao longo do segundo semestre de ano e achega oportunidades de dixitalización para todas as idades. 

Segundo fixo saber a concelleira, trátase dun programa de gran amplitude temática con gran potencial para mellorar o currículo, a empregabilidade e a formación en xeral de toda a cidadanía. Entre os temas a tratar polos obradoiros figuran os seguintes: edición de fotografía e vídeo, creación de páxinas web e de videoxogos, robótica, comunicación a través de redes sociais (como por exemplo WhatsApp, Youtube ou Instagram), ou deseño gráfico, amais de informática (tanto iniciación como nivel intermedio) trámites a través do móbil ou introdución a Autocad, entre outros. Tamén haberá titorías tecnolóxicas encamiñadas a dar servizo a usuarias e usuarios que precisen aclarar calquera tipo de dúbida sobre novas tecnoloxías e posibilidades das mesmas. 

Segundo fixo saber a concelleira de Concello e Cidadanía, as persoas interesadas poden formalizar a inscrición neste centro TIC da cidade vella até as 20:00 horas do día do peche da inscrición, que é distinto para cada curso. O acceso aos cursos será por sorteo.

16/07/201808:16
Pantallazo da web.
O Porriño

Colle pulo dende O Porriño o Centro Tecnolóxico Galego de Videoxogos

Centro Tecnolóxico Galego de Videoxogos (CTGV), con sede no Porriño (Pontevedra), xa é unha realidade dende hai uns meses, xerando e achegando recursos para impulsar a nosa industria, apostando polo talento local e tendendo pontes de innovación entre investigadores, empresas e, en última instancia, seareiros. Ao longo dese tempo, segundo desvela nunha entrevista Dinahosting, empresa colaboradora, xa foron contabilizados máis de 200 contactos coas galegas e galegos que queren achegarse a este sector, tanto con ideas e propostas como a través de iniciativas reais e concretas. 

Entre os obxectivos do centro figuran os seguintes: por unha banda emprazar a nosa terra na vangarda do desenvolvemento estatal de videoxogos (mostrando Galicia como unha Comunidade competitiva e innovadora en materia de lecer dixital) e, pola outra, facer medrar a porcentaxe de xogos que achegamos ao mundo. Sobre este último punto, o centro asumiu o reto de incrementar a taxa dende o 2,5% actual (o índice de produtos xerados a nivel estatal) até un moi salientable 10%. A día de hoxe o CTGV conta con dous estudos e ten en marcha tres proxectos, amais de dispor do apoio de catro patrocinadores.Amais de ser un punto de encontro (unha comunidade onde se xunten profesionais do sector galego e onde teñan un lugar no que poñer en común proxectos e ideas), o centro quere ser unha factoría de transferencia tecnolóxica (carrexando ideas e iniciativas ao tecido industrial da nosa terra) e de transferencia de coñecemento (levando as experiencias xeradas no CTGV aos centros de formación de Galicia, incluídas as universidades). A comunidade de impulsores do centro conta coa presenza do programador Jorge Pérez, do debuxante e artista gráfico Andrés Gil Vázquez, do programador e guionista Nicolás Casal e do deseñador gráfico e de videoxogos Javier F. Morales.

16/07/201808:06
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

O CDTIC da Amtega organiza sobre unha sesión demostradora sobre unha aplicación de software libre para levar a contabilidade

  • A sesión “Facturascripts a mellor alternativa para o seu negocio” será impartida por Ítaca Software Libre, no marco da colaboración entre Amtega e Agasol
  • A inscrición é de balde e aínda é posible facela, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.

O vindeiro 19 de xullo de 10:00 a 12:00h o CDTIC en Santiago acollerá a sesión “Facturascripts a mellor alternativa para o seu negocio” (https://cdtic.xunta.gal/facturascripts), organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a Asociación Galega de Software Libre (Agasol) e Ítaca Software Libre. 

O obxectivo desta sesión é presentar FacturaScripts, un programa software libre de uso fácil, accesible e potente, que permite levar ao día a contabilidade da empresa dun xeito sinxelo, xa que xera ao momento todo o necesario para que os responsables poidan centrarse no seu negocio. Conforme fai as facturas ou albarás, dá de alta os clientes ou provedores, engade os produtos ao catálogo e xera os asentos contables. No mesmo proceso calcúlanse os prezos de custo ou asígnanse os de venda. Tamén permite facer orzamentos e cun par de clics, convertelos en pedidos, albarás ou facturas, co que se aforra tempo de xestión.

Esta sesión demostradora, impartida polos integrantes da cooperativa Ítaca Software Libre (http://www.itacaswl.com) Asier Epelde e Yolanda Sánchez, está dirixida a todas as empresas que busquen simplificar as súas xestións ou esquecerse de complexos programas de facturación e contabilidade que lles obriguen a configurar centos de opcións antes de empezar a traballar. 

Para participar na actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.gal/) ou a través da súa aplicación dispoñible para plataformas Android e iOS. A inscrición é de balde e aínda é posible facela, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas. 

 

Colaboración con Agasol
Agasol (https://www.agasol.gal/) é unha iniciativa de empresas galegas de software libre que se agrupan nunha asociación para intentar acadar maiores oportunidades de negocio, exercer como interlocutores dun sector en fase expansiva en Galicia e, ao tempo, promocionar un modelo de sociedade do coñecemento no que resulta clave a liberdade para mellorar os programas informáticos e facer públicos e accesibles eses progresos.

 

Plan de Software Libre da Xunta
Esta xornada enmárcase no Plan de Acción de Software Libre da Xunta de Galicia, dentro das liñas de actuación dirixidas ao sector empresarial para mellorar o coñecemento de solucións de software libre entre as empresas galegas así como o achegar experiencias e casos de uso concretos, medidas demandadas polo empresariado galego, segundo se reflicte dos informes anuais do uso de software libre elaborados polo OSIMGA.

 

Centro Demostrador TIC
O CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. Así, a través de distintos servizos e actividades, o CDTIC amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS