main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

27/07/201811:34
Nena lendo un conto.
Xirona

Aprender xogando: videoxogos para nenos con discapacidade

  • Silvia Quera e Yolanda Peregrín crearon Animal Hero Universe, un videoxogo terapéutico para mellorar as capacidades cognitivas en nenos con síndrome de Down

 

Foi unha investigación científica a que as inspirou a empezar este proxecto. Un estudo realizado polo Centro de Regulación Xenómica de Barcelona descubriu que un composto do té verde, en combinación coa estimulación cognitiva, era capaz de mellorar a función cerebral en nenos con síndrome de Down. Pero atopáronse cun problema: os nenos non querían facer os exercicios, dicían que eran aburridos e que era como ir ao colexio. O tratamento non estaba a funcionar e Silvia Quera e Yolanda Peregrín, naquel momento estudantes de grao en Audiovisuais e Multimedia no ERAM da Universidade de Xirona, propuxeron unha solución.

"Tiñamos unha misión. Crear un xogo que fose divertido e motivador para estes nenos, pero que á súa vez escondese o contido terapéutico que eles necesitaban. Así é como naceu Animal Hero Universe, un videoxogo serio con fins terapéuticos deseñado para mellorar e reforzar as capacidades cognitivas en nenos con síndrome de Down. Os xogos serios son aqueles que teñen un obxectivo máis aló de entreter. Serio significa rigoroso, non aburrido, porque é un xogo e os xogos son divertidos", explican as dúas emprendedoras ao Confidencial.

Hero é o seu protagonista, un neno que terá que superar unha serie de obstáculos e dificultades para recuperar á súa mascota Axel, así como aos demais animais na Terra. Para iso necesitará a axuda dos xogadores, que se sentirán os heroes da historia. O seu obxectivo é que, a longo prazo, os nenos con síndrome de Down poidan ter os seus propios superpoderes. "Non só mentres xogan ao noso videoxogo senón tamén na vida real. Así melloraremos a súa calidade de vida. Ter dificultades non lles fai máis débiles senón que os motiva a loitar con máis forza", subliñan.

Ámbalas dúas lembran con agarimo que, "a medida que fomos avanzando no proxecto tivemos a oportunidade de coñecer a diferentes nenos con síndrome de Down. Empezamos a aprender sobre eles, a súa personalidade única e a maneira na que superan os retos aos que se enfrontan diariamente. Canto máis tempo pasabamos con eles, máis nos dabamos conta de que eles xa eran superheroes. Ver o positivismo que expresaban foi o que nos mantivo traballando neste proxecto. Os xogos, xunto coa ciencia, poderían axudar aos nenos".

Animal Hero Universe tamén está composto por un documental, unha web e un conto infantil interactivo. Naceu en 2014 a partir dun traballo universitario e, aos poucos, foron sumando colaboradores e especializándose en distintas áreas do videoxogo para axustalo exactamente ás necesidades dos menores

En 2017 participaron no programa de emprendemento Explorer, Mozos con Ideas, promovido por Banco Santander, co que obtiveron 5 meses de formación e 'mentoring' en emprendemento. O seu proxecto resultou gañador na final local de Xirona e xunto a medio cento de mozos emprendedores, tiveron a oportunidade de viaxar ata Silicon Valley, California para participar nunha auténtica inmersión formativa, cultural e tecnolóxica.

 

Un xogo personalizado

En Animal Hero Universe cada pantalla está pensada para desenvolver unhas capacidades diferentes sen que sexa repetitivo. Non queren que os nenos se aburran pero tampouco que deixen de aprender. Contan que o valor engadido do videoxogo é que "ten unha parte científica detrás. Traballamos en estreita colaboración coas investigadoras e o equipo de psicopedagogos da Fundación Astrid21 para asegurarnos de que os nenos poden sacarlle o máximo partido. Queremos saber que lles gusta e que é realmente o que necesitan. Deseñamos as probas e comprobamos con eles que son útiles".

De feito, un dos ases do proxecto é a personalización. A través dun sistema de dificultade progresiva, os xogadores non teñen que escoller que proba facer senón que, segundo os resultados que obteñen, o sistema calibra a dificultade e propón unha proba ou outra en cada momento. "Así conseguimos evitar a frustración ou o abandono traballando cada un ao seu ritmo. A finalidade é axudarlles a gañar máis autonomía, que decidan eles mesmos. Desenvolver capacidades como a memoria, a coordinación ou a concentración que van necesitar no futuro para vivir sós ou traballar", reflexionan.

Animal Hero Universe é un grande universo que empeza a expandirse. "Empezamos deseñando un xogo para nenos con síndrome de Down, pero xa estamos a deseñar outros videoxogos que se adapten ás necesidades de nenos con problemas distintos, como o autismo ou a hiperactividade". Na súa opinión, "os videoxogos permiten que os nenos se impliquen nos exercicios dunha maneira moito máis activa. A interacción e o tipo de exercicios que se poden facer en soportes analóxicos son moi limitados".

A vantaxe destes videoxogos, destacan, é que os nenos "non son conscientes de que están a traballar senón que o fan porque lles gusta. A motivación que invisten tradúcese nunha mellora significativa nos resultados de aprendizaxe. Queremos que os nenos aprendan xogando, pero que se divirtan e que aprendan tamén de verdade. Ten que ser unha alternativa divertida aos materiais de aprendizaxe, non un material obrigatorio. En consecuencia, un maior rendemento na escola ou outros ámbitos da súa vida darase de forma natural".

De momento, xa hai asociacións que contactaron con elas para colaborar. "Agora mesmo estamos a traballar cunha organización deportiva que ten nenos con autismo. Cando van esquiar no inverno, poñerse as botas e os esquís suponlles unha gran dificultade. Estamos a facer probas para axudalos".

Silvia e Yolanda enfróntanse a diario ás dificultades de ser novas, mulleres e emprendedoras. Mirando ao futuro aspiran a ser unha marca recoñecida de videoxogos para nenos con discapacidades. Agora prepáranse para dar o seu primeiro gran salto: este verán lanzarán unha demo gratuíta de Animal Hero Universe para iOS e Android. Logo abrirán un "crowdfunding" para desenvolver o videoxogo enteiro. Por agora estará dispoñible en español, catalán e inglés e dirixirase a nenos a partir de 7 e 8 anos aínda que xa preparan máis xogos pensados para outros rangos de idade.

27/07/201811:22
Cartel do evento.
Pontevedra

En setembro metémonos na rede internacional de eventos sobre WordPress coa WordCamp Pontevedra

En setembro, os días 22 e 23, vaise celebrar en Pontevedra un evento que colle de preto a practicamente todas e todos os que andan na Rede e, ademais de andar, fan por darlle forma e contribuír ao seu medre. Estamos a falar do evento WordCamp Pontevedra, que se desenvolve na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. O seu fío temático é WordPress, o coñecido e estendido sistema libre de xestión de contidos orientado á creación de bitácoras, blogs e páxinas web. O evento está organizado por voluntarias e voluntarios da comunidade de WordPress Pontevedra e conta co apoio da Fundación WordPress, a organización internacional.

Como dixemos, o tema a tratar será WordPress, aínda que non de maneira exclusiva. Segundo nos contan os organizadores, falarase de “calquera asunto que teña relación con WordPress, a calquera nivel, dende blogs e negocios até accesibilidade pasando por redes sociais e tendas en liña, entre outras moitas cuestións”.

O obxectivo da xuntanza é dar cabida á maior cantidade de xente posible, polo que a organización está a facer un esforzo para garantir a máxima accesibilidade económica. Así, coa axuda dos patrocinadores e as doazóns póñense en xogo entradas a prezos baixos: 25 euros por dous días.

A cita de Pontevedra forma parte dunha rede de acontecementos WordCamps que se celebran por todo o mundo, impulsados por usuarios, desenvolvedores e entusiastas do devandito sistema de xestión de contidos. Segundo explican os organizadores da xuntanza galega, as relatoras e relatores tamén concorren de maneira voluntaria e os cartos que se recadan por medio de entradas e patrocinios repercuten de xeito exclusivo sobre o evento (comida para dous días, café, refrescos, camiseta conmemorativa, impresión, carteis…).

A WordCamp Pontevedra, como primeira WordCamp que se celebrará en Galicia, conta con reunir unhas 200 persoas e pretende achegar os mellores contidos á comunidade galega con relatores de toda a nosa xeografía e e pór en valor o traballo e coñecemento dos profesionais da nosa terra.

O sábado haberá dúas tracks de conferencias con 20 relatores que tocarán todos os temas posibles para que, en palabras da organización, “tanto principiantes coma expertos aprendan e se divirtan”. O domingo será o Día do Contribuínte, onde se ensinará a colaborar co proxecto de WordPress: traducións, soporte, desenvolvemento, vídeo, etc.

Amais, o venres realizaranse diversas actividades: unha cita de balde dentro do programa de Pont Up Store con María José Soto, Fernando Puente e Vanesa Gómez, unha visita guiada por Pontevedra para asistentes de fóra ou unha cea para relatores, voluntarios máis patrocinadores, por exemplo.

27/07/201809:22
Hobbycon.
A Coruña

Hobbycon abre as súas portas na Coruña

Onte pola mañá abriu as portas o salón multidisciplinar Hobbycon, que até o domingo encherá o PALEXCO da Coruña de actividades de lecer alternativo, que van dende os xogos de mesa, a banda deseñada, o cosplay e o k-pop, até os videoxogos, xogando cada ano un rol máis destacado este último ámbito, que non limita a súa presenza a torneos e postos de xogo libre, senón que tamén conta con presenza do sector do desenvolvemento, representado este ano especialmente polo colectivo MOLAB.

Aparte de obradoiros, relatorios, tendas e zonas de xogo, tamén teñen lugar torneos, comezando onte pola tarde, ás 16:00 horas, cun torneo de ARMS para Nintendo Switch, ao que seguirá un torneo de BlazBlue: Central Fiction para PS4 ás 17:00 horas e un torneo de Naruto Shippūden: Ultimate Ninja Storm 4 para PlayStation 4 ás 18:00 horas.

Na xornada do venres os torneos que a celebrar serán os de Rocket League para PC (en grupos de 2 contra 2) ás 13:00 horas, de Hearthstone ás 14:00 horas, de Mario Kart 8 para Wii U ás 17:00 horas e de Dragon Ball FighterZ ás 18:00 horas, non sendo as únicas actividades ao redor do mundo dos videoxogos tal día, xa que ás 18:00 horas tamén terá lugar un relatorio de introdución ao desenvolvemento de videoxogos.

O sábado 28 terán lugar os torneos de League of Legends (5 contra 5) ás 13:00 horas, de Super Smash Bros para Wii U (individual) ás 16:00 horas, de FIFA 18 para PlayStation 4 ás 17:00 e de Clash Royale ás 18:00 horas.

Para despedir o evento, o domingo 29 celebraranse os torneos de Counter Strike: Global Offensive ás 13:00 horas, de Tekken 7 ás 16:00 horas, de Super Smash Bros. para Wii U (por parellas) ás 17:00 horas e de Street Fighter V ás 18:00 horas.

27/07/201809:19
Sinatura do convenio.
A Coruña

A Deputación da Coruña e a CEC formarán a 150 persoas nos novos xeitos de traballar e facer comunicación

A Deputación da Coruña e a Confederación de Empresarios da Coruña están a impulsar un programa de formación para adestrarnos nos principais conceptos, prácticas e metodoloxías dos novos xeitos de xestionar, traballar e producir. O programa inclúe oito cursos cun total de 215 horas sobre contabilidade, nova comunicación, redes sociais, ofimática ou técnicas de venda. Poderán participar uns 150 profesionais e, tamén, persoas desempregadas. O investimento incluído é de 30.600 euros, dos que o 80% (24.480 euros) serán achegados pola institución provincial.

A iniciativa, froito dun convenio asinado polo deputado de Promoción Económica e Emprego, José Luis García, e o presidente da patronal coruñesa, Antonio Fontenla Ramil, desenvolverase nas sedes das delegacións coruñesa e compostelá da CEC e en diversos concellos da provincia, que se determinarán en función das solicitudes das persoas interesadas neste programa.

Os cursos celebraranse até finais de 2018 e inclúen un total de 215 horas de formación en cuestións como ferramentas de comunicación (40 horas), habilidades para a xestión e resolución de problemas (50 horas), introdución á contabilidade (15 horas), Web 2.0 e redes sociais no entorno de traballo (20 horas), Excel avanzado (15 horas), novo regulamento de protección de datos (5 horas), técnicas de venda (35 horas) e habilidades para o traballo en equipo (35 horas).

Segundo explicou José Luís García, a iniciativa “pretende fomentar a formación continua dos traballadores en activo e, ao mesmo tempo, favorecer a inserción laboral dos desempregados, mellorando a súa cualificación profesional”.

27/07/201809:16
A nena con discapacidade intelectual e os seus compañeiros celebran a creación do videoxogo.
Madrid

Nenos que crean videoxogos para os seus compañeiros con discapacidade intelectual

Non hai nada mellor que proxectos nos que todos os participantes saen beneficiados, e ese é o caso do desenvolvido pola Fundación Xoán XXIII Roncalli e a empresa Exponential Solidarity, que xuntos crearon un videoxogo para unha das alumnas con discapacidade intelectual.

O interesante do proxecto, é que na elaboración e no desenvolvemento do videoxogo participaron todos os compañeiros da alumna á que foi destinado o programa, de maneira que todos puideron enriquecerse da experiencia de traballar de forma conxunta, coa tecnoloxía, para axudar á súa compañeira con discapacidade.

En concreto, o videoxogo desenvolveuse nun taller para nenos dentro do campamento urbano de verán que organiza a entidade.

Nel, os alumnos participaron coma se traballasen nunha empresa real de desenvolvemento de videoxogos, e tiveron que colaborar entre eles para cubrir as necesidades da súa compañeira.

O resultado é un videoxogo pensado para esta alumna que ten como obxectivo mellorar a súa capacidade de comunicación e interacción coa contorna, a súa memoria e a atención, a través das cores que lle gustan, as persoas que coñece da súa contorna máis próxima e do seu grupo de música favorito.

O proxecto, que estivo patrocinado polos traballadores da empresa Bombardier, desenvólveo a compañía Exponential Solidarity, que está especializada en ofrecer este tipo de experiencias en distintos centros aos que asisten persoas con discapacidade.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS