
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, mantivo onte en Lugo un encontro coa Federación Galega de Comercio para poñer en marcha o Programa Social Commerce a través do que 103 comercios de Galicia obterán unha axuda para xestionar as súas redes sociais.
Vázquez informoulle á Federación que a Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de resolver estas axudas que se enmarcan na convocatoria dirixida á dixitalización e modernización de empresas comerciais que, entre as súas actuacións, contempla un tícket para a xestión das redes sociais dos negocios.
Dos 103 comercios galegos, 45 están emprazados na provincia de Pontevedra; 9 na de Ourense; 25 na de Lugo; e 24 na provincia da Coruña.
O obxectivo desta iniciativa é, en palabras da directora xeral, potenciar a presenza do comercio galego de proximidade nas redes sociais, impulsando a súa conexión co cliente e creando novas redes de fidelización e imaxe de marca, buscando adaptar o comercio de proximidade ás novas tendencias do mercado.
A Xunta agarda con esta medida impulsar o comercio galego coa finalidade de potenciar un tecido comercial diverso, moderno, competitivo e de calidade; e adaptalo ás novas realidades co obxectivo de gañar en competividade. Do que se trata é de ofrecer un valor engadido ao comercio galego, vencellando o seu crecemento, expansión e modernización ás novas canles de comercialización, utilizando a innovación, o social commerce, e a mellora da imaxe, como factores para facer máis competitivo o tecido comercial de Galicia. Deste xeito, impúlsase entre o comercio a súa presenza na rede, a incorporación de ferramentas TIC de xestión e a mellora da loxística coa implantación do packaging axeitado.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina este ano preto de 4,5 millóns de euros para a modernización e impulso do pequeno comercio. A través de tres iniciativas, entre as que se inclúe o programa Social Commerce, financiaranse proxectos de expansión comercial e novas fórmulas de comercialización; dixitalización e modernización de empresas comerciais; e programas da competitividade.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de prorrogar o contrato dos servizos de telecomunicacións ata febreiro de 2021, un ano máis da data na que remata o actual. Os operadores adxudicatarios investirán máis de 4 millóns de euros en diferentes melloras nos servizos de internet, telefonía fixa e móbil de centros públicos dependentes da Administración autonómica.
Entre as melloras comprometidas, R, operador adxudicatario dos servizos de telefonía fixa e de internet, incrementará a velocidade de conexión a internet en 277 centros de servizos públicos, que abranguen xulgados, lonxas, albergues, oficinas de emprego, concellos e aulas CeMIT, entre outras. Estas melloras comezarán de xeito inmediato e o operador prevé que estean rematadas en xullo do ano que vén.
En canto á telefonía móbil, entre os compromisos do operador Vodafone, adxudicatario do servizo, comprométese a manter as liñas de datos 4G con alta velocidade de 240 sedes de diferentes servizos públicos.
Outra das melloras previstas é que a Administración autonómica disporá dun bono de 5.000.000 de sms masivos gratuítos unha vez consumidos os 420.000 sms do contrato actual. As mensaxes masivas están vinculadas á servizos da Administración dixital que se están a incrementar de xeito progresivo como as notificacións electrónicas a cidadáns e empresas.
Máis servizos, menos custe e máis investimento
O actual contrato de telecomunicacións da Xunta, entrou en vigor en 2015, conseguindo un aforro de 12 millóns de euros respecto do contrato anterior e un investimento adicional por parte dos operadores de 12 millóns de euros para acadar importantes melloras e reforzar a rede corporativa, que proporciona servizo de internet, telefonía fixa e móbil a 3.000 centros da Administración autonómica.
Entre as melloras contempladas está o incremento en máis dun triple de media o ancho de banda de máis de 2.300 centros de servizos públicos e a ampliación a 10 Gigas da capacidade do acceso a internet da rede corporativa. Tamén se están a integrar na rede corporativa os servizos de telefonía de preto de 1.400 centros públicos, o que mellorará a xestión das telecomunicacións e do servizo co que contan.
Responsables do Igape participaron onte pola mañá en Santiago na presentación a startups galegas do Programa Acelerador Bind 4.0, que desenvolve a Axencia vasca de desenvolvemento empresarial (SPRI), e na que os emprendedores e as empresas galegas teñen a oportunidade de participar. O programa ofrece a oportunidade singular de traballar, mesmo desde Galicia, cun gran cliente industrial.
Os retos desta iniciativa coinciden coa aposta da Xunta pola incorporación das novas empresas tecnolóxicas á Industria 4.0 como garantía para o seu crecemento e consolidación. Neste senso, xogan un papel destacado as aceleradoras postas en marcha polo Goberno galego para o desenvolvemento de iniciativas empresariais no eido da Industria 4.0.
O Bind 4.0 é un programa de aceleración público-privado desenvolto no País Vasco, dirixido ás mellores startups con solucións baseadas en tecnoloxías da industria 4.0 e aplicadas aos campos da fabricación avanzada, enerxía e saúde. O programa ofrece os mellores servizos de soporte e garante o desenvolvemento de proxectos con empresas tractoras como Mercedes-Benz Vitoria, ABB, Bridgestone, Iberdrola, Repsol-Petronor, Michelin e Danobat Group. Ademais de ofrecerlles ás startups seleccionadas un contrato cunha das principais empresas industriais vascas para o desenvolvemento dun proxecto baseado en tecnoloxías 4.0, o programa tamén achega colaboración tecnolóxica con Google, Siemens, Amazon e Microsoft.
Na última edición do programa recibíronse 385 startups candidatas novas de 57 países diferentes. Finalmente, 27 startups foron seleccionadas por 24 empresas colaboradoras para executar 40 proxectos da Industria 4.0.
O conxunto de programas e aceleradoras galegas está xerando un importante volume de novos emprendedores con interesantes proxectos e potencial de escalabilidade e crecemento. Esta colaboración co País Vasco abre unha posibilidade adicional aos emprendedores galegos e permitirá tamén a presentación das aceleradoras de Galicia no País Vasco a finais do presente ano, xerando así un intercambio de posibilidades para o emprendemento nacional e con proxección internacional.
Setembro vai vir con forza en materia de acontecementos TIC, e boa parte deles concentrándose en Pontevedra. Por exemplo a Pont-Up Store, ou a WordCamp Galicia da que informamos os días pasados. Sobre este último evento, que se celebra por vez primeira os días 22 e 23 de setembro na Facultade Ciencias Sociais e da Comunicación, a Universidade de Vigo vén dar cumprida información. Por exemplo, que se estima unha participación de 200 persoas. Todas elas compartindo información sobre WordPress e as súas múltiples e diversas utilidades e facianas. Para quen non o saiba, WordPress é o sistema libre que achega xestión para arredor da terceira parte das páxinas web do mundo.
No marco da preparación da WordCamp Pontevedra 2018, este luns Jorge Soto, vicerreitor do campus de Pontevedra, e Juan Hernando, presidente da comunidade de WordPress en Pontevedra, asinaron un convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e a Fundación WordPress para a organización deste evento, estando tamén presente no acto Xosé Baamonde, decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. O convenio xorde co obxectivo de “realizar conxuntamente actividades e proxectos en todo tipo de asuntos que resulten de interese” para as dúas institucións. Máis polo miúdo, o acordo contempla que a Universidade de Vigo ceda de balde os espazos precisos para a celebración da WordCamp Pontevedra 2018 na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e WordPress Community Support PBC, pola súa banda, comprométese a reservar un 20% das entradas dispoñibles do evento para os membros da comunidade universitaria a un prezo de dez euros por asistente. Segundo explican os promotores da WordCamp Pontevedra 2018, trátase este dun evento sen ánimo de lucro de dous días de duración organizado por voluntarias e voluntarios da comunidade de WordPress Pontevedra co apoio da organización internacional Fundación WordPress.
Como primeira WordCamp que se celebrará en Galicia, o evento "proponse achegar á comunidade galega os mellores contidos con relatores de todo o país e tamén pór en valor o traballo e coñecemento dos profesionais de aquí”, indican desde a organización. Esta edición, apuntan, celebrarase no campus de Pontevedra co obxectivo “de achegarse máis á comunidade universitaria”. Na primeira xornada da cita, o sábado, o programa inclúe dous grupos de conferencias con 20 relatores “que abranguerán todas as temáticas posibles para que tanto novatos como expertos aprendan e se divirtan”. Na xornada do domingo celebrarase un Día do Contribuidor no que as persoas interesadas aprenderán a colaborar co propio proxecto de WordPress mediante traducións, soporte, desenvolvemento, vídeo, etc. Ademais, durante o venres celebraranse diferentes actividades, como unhas charlas de balde dentro do programa do PontUp Store ou unha visita guiada por Pontevedra. A cita de Pontevedra forma parte dunha rede de acontecementos WordCamps que se celebran por todo o mundo, impulsados por usuarios, desenvolvedores e entusiastas do devandito sistema de xestión de contidos. Segundo lembran os organizadores da xuntanza galega, as relatoras e relatores tamén concorren de maneira voluntaria e os cartos que se recadan por medio de entradas e patrocinios repercuten de xeito exclusivo sobre o evento (comida para dous días, café, refrescos, camiseta conmemorativa, impresión, carteis…).
Segue a coller impulso a quinta edición da feira Pont-Up Store, que se vai celebrar en Pontevedra á volta do verán, dando acubillo a 45 proxectos de emprendemento procedentes das múltiples facianas da innovación. Segundo informou hoxe a Universidade de Vigo, co-responsable do evento (a través do Campus CREA) xunto co Concello, entre os sectores máis representados atópanse as novas tecnoloxías, a saúde, o turismo e a gastronomía. De partida, avaliáronse un total de 144 solicitudes recibidas, un 10% máis ca no ano pasado. A cita desenvólvese en Pontevedra do 20 ao 22 de setembro, coa praza de España de Pontevedra como centro de operacións.
Dos 45 proxectos elixidos, 37 disporán dun emprazamento de balde para amosar os seus produtos, ideas e servizos e seis terán a oportunidade de participar no programa de actividades demostrativas, desenvolvendo propostas coma un obradoiro de preparación de alimentos con impresión 3D, un taller de lectura con cans, un obradoiro de robótica para aprender a montar un stick arcade baseado en Raspberry PI, torneos de videoxogos, técnicas de pigmentación prehistórica, unha demostración de cociña con receitas saudables ou a presentación da nova cooperativa Músicas ao Vivo.
Así mesmo, 10 emprendementos participarán no Puntazo Exprés, onde terán oportunidade de explicar en cinco minutos a súa iniciativa a cinco destacadas executivas de empresas e entidades galegas: África González, directora do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) da UVigo, presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía e promotora da empresa NanoInmunoTech (NIT) con sedes en Vigo, Zaragoza e Madrid; Nuria Varela-Portas, xerente e fundadora da empresa de agroalimentación ecolóxica, Pazo de Vilane; María Caldeiro, xerente de FUNDAMAR; Lucía Gregorio, adxunta á dirección de REDEGAL, empresa punteira en comercio electrónico e aplicacións para iOS, Android e Windows Phone; e Teresa Fernández-Valdés, executiva de Bambú Producciones, considerada unha das mulleres máis influentes da televisión.
Este ano, como novidade, as presentacións de Puntazo Exprés serán abertas ao público e haberá tempo para a réplica. Todos os proxectos escollidos nesta edición son novos emprendementos con menos de tres anos e medio dende a creación da empresa. Entre os escollidos hai empresas como Exga3D, que deseña alimentos personalizados usando a impresión 3D e revalorizando o descarte de alimentos, destacando (tamén no negocio relacionado cos animais) Yaracan, que facilita terapias con animais; AliaDogs, unha plataforma enliña colaborativa de servizos caninos; ou Bichoh! que fabrica complementos artesáns para cans.
O sector dos videoxogos concentra catro propostas: Gaming Troop, unha asociación de xogadores con local propio; The Cloud Gaming, que xurde para impulsar e profesionalizar os deportes en liña en España; SPA-CC, que traballa xerando contornas virtuais e Alobre 3D, experta en xerar modelos 3D orientados a impresión. Dentro do ámbito tecnolóxico destacan tamén Xtonebox, que desenvolve equipos de audio de alta calidade baseándose na antiga tecnoloxía a válvulas; e Taller 7 Maker, onde fabrican prototipos con tecnoloxía 3D.