
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Google Maps foi desenvolvendo para axudar ás persoas para chegar a outros sitios. Estamos ante unha das aplicacións para móbil máis importantes e é de estimable axuda tanto para quen vai en coche, a pé ou en bicicleta. Tamén para coñecer as rutas do transporte público. Hoxe, Google anuncia que incorpora un novo tipo de rutas: as adaptadas para persoas en cadeira de rodas ou con mobilidade reducida.
Para acceder a estas novas rutas de mobilidade reducida simplemente debemos pulsar onde queremos chegar, como adoita ser habitual. Despois clickar en direccións e alí en opcións. Debaixo de opcións como "camiñar menos" ou "menos transbordos" atoparase a de "accesible para cadeiras de rodas".
Cando eliximos esta última opción, Google Maps mostraranos unha ruta na que é posible acceder mediante cadeira de rodas. Sobre todo tendo en conta estacións adaptadas.
Para complementar este movemento, solicitouse en Local Guides opinións de todo tipo respecto de temas de mobilidade reducida. Tamén se organizaron máis de 200 quedadas para responder estas dúbidas.
Outro detalle respecto aos temas de mobilidade en Google Maps é que se engadiron imaxes a Street View para reflectir como son algúns destes lugares e así as persoas con mobilidade reducida (e calquera) poidan facerse unha idea de que se atoparán unha vez alí.
A Deputación de Ourense, ABANCA e Afundación anunciaron este sábado a creación conxunta dun centro tecnolóxico destinado a espallar e facer real na contorna o espírito smart (o espírito de gañar en sustentabilidade, comunicación integral, eficiencia en recursos, melloras na xestión pública e posta a punto da Administración Electrónica) en toda a contorna. Trátase do centro Provincia Intelixente, que foi dado a coñecer polos presidentes da Deputación, de ABANCA e de Afundación, Manuel Baltar, Juan Carlos Escotet e Miguel Ángel Escotet.
O centro estará na Finca Sevilla, en Ourense, e terá unha superficie de máis de 8.000 metros cadrados, que permitirá, segundo sinalaron, “crear novas oportunidades no ámbito tecnolóxico, económico e social na provincia”. A empresa Viewnext, do grupo IBM e con máis de 200 traballadores, será a primeira compañía en incorporarse ao centro. A adhesión foi asinada por Manuel Baltar e o director xeral da firma, José María Pascual. A Deputación de Ourense realizará unha achega de 200.000 euros no 2018 e outra do mesmo importe no vindeiro ano, para sufragar a posta en marcha e mantemento do centro de innovación, e comprométese con ABANCA e Afundación a “realizar proxectos conxuntos no ámbito das novas tecnoloxías”, a través do IESIDE, na formación superior para a innovación e desenvolvemento dixital. Pola súa banda, Afundación será a encargada de renovar e axeitar o inmoble ás finalidades desta iniciativa, “no referido á instalación no centro de empresas do ámbito da innovación”, fixo saber Miguel Ángel Escotet. Manuel Baltar dixo no acto que esta iniciativa intégrase nas actuacións do Plan Ourense 15-19, que basea a súa importancia na innovación, e neste caso, en “dispoñer dunhas instalacións que poidan acubillar emprego tecnolóxico”.
O presidente do goberno provincial lembrou que “tamén hoxe asinamos un convenio de colaboración con Viewnext por medio do cal 200 empregos tecnolóxicos emprazaranse neste centro de innovación, no que se desenvolverán aplicacións e iniciativas relacionadas coa tecnoloxía e os servizos municipais, nesa estratexia na que pretendemos que pivote desde a Deputación a atención aos 92 concellos da provincia”. Segundo engadiu, o obxectivo é converter Ourense nun referente nacional e internacional en innovación smart.
Os premios Argos, promovidos pola USC ao abeiro do programa do mesmo nome (co fin de recoñecer o labor dos equipos investigadores-emprendedores universitarios), teñen nesta edición (a quinta) un marcado cariz dixital. De feito, veñen de recoñecer un software que é quen de localizar irregularidades no noso ritmo cardíaco e máis unha aplicación móbil para a xestión de terreos rurais. Trátase das iniciativas CardiaTech e Smartwood.
A convocatoria veu con dúas modalidades: Argos Spin (para proxectos baseados en resultados de investigación da USC) e Argos Enxeño (para os xurdidos de ideas propias ou empresas do contorno de Santiago e Lugo). Os premios, dotados con 3.000 euros cada un, foron entregados este venres 27 nun acto no paraninfo da Universidade presidido polo vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri. Tamén participaron a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois González; o xerente do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Guillermo Viña González; Teresa Bernal Cortegoso, da Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación (GAIN); e o director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE), José L. Villaverde Acuña.
No primeiro caso, na modalidade Argos Spin, CardiaTech propón a comercialización dun software que detecta patróns irregulares no ritmo cardíaco. Concibido por unha investigadora e un investigador do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC (CiTIUS), trátase dun método innovador ao servizo da interpretación de sinais electrocardiográficos. O proxecto, segundo informan os seus impulsores, está baseado “nun modelo de razoamento abdutivo” que proporciona unha resposta en 30 segundos en base a patróns cardíacos: ritmo sinusal normal, fibrilación auricular, outra anomalía ou ruído. A USC lembra que o software xa foi premiado a nivel internacional, no Physionet/Computing in Cardiology 2017, que salientou “a súa robustez e fiabilidade”. A iniciativa foi desenvolvida por Sebastián Bouzas e Lía Rendal.
Pola súa banda, Smartwood é unha proposta empresarial baseada nunha aplicación móbil deseñada “para o asesoramento e xestión de terreos rurais”. A aplicación ten a capacidade enviar datos dos cultivos que se poden plantar e como proceder en cada parcela. Ademais, proporciona unha estimación do rendemento que se vai obter e serve tamén como ferramenta de contacto cos axentes necesarios. O proxecto desenvolvérono José Luís Gude, Begoña Castro e Dayana Paz. A USC tamén informa que nesta edición dos premios concorreron un total de seis equipos promovidos por algo máis dunha vintena de universitarios e universitarias. Ademais dos dous proxectos premiados, xurdiron outros catro con propostas nos eidos da mercadotecnia dixital, o deseño de ferramentas de optimización e automatización de rutas, a produción de encimas industriais de alta calidade para alimentación e a simplificación da toma de decisións no eido das enerxías azuis.
O 79,3% dos concellos galegos que dispoñen dun sitio web contan con sede electrónica, o que supón un incremento do 49,9% nos últimos dous anos.
Así se desprende dos resultados do informe “A Administración electrónica nos concellos galegos”, que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Este informe está incluído no Plan Galego de Estatística 2017-2021 e avalía, cada dous anos, a situación das infraestruturas, equipamento así como o nivel de desenvolvemento da sede electrónica nos concellos, a interoperabilidade entre administracións, entre outros indicadores.
Servizos na sede electrónica
Tres de cada catro concellos con sede electrónica contan con rexistro electrónico mentres que o procedemento que conta cunha menor implantación na sede electrónica dos concellos é o “Pago electrónico: tributos, multas, etc.”.
Respecto á evolución no período 2015- 2017, incrementáronse a maioría dos servizos das sedes electrónicas dos concellos, especialmente no caso das Notificacións electrónicas que experimentaron un crecemento de 24,6 puntos porcentuais, ou a “Carpeta do cidadán”, que se incrementou en 14,7 puntos nestes dous anos.
O “Rexistro de documentos” e a “Solicitude e obtención de certificados” son os procedementos máis tramitados pola cidadanía dentro dos niveis máis avanzados de interacción. Ademais, o 27,7% de concellos galegos contan cun catálogo de procedementos dispoñible a través de Internet, sendo especialmente significativo entre os concellos con máis de 50.000 habitantes ( 57,1%).
Comunicacións e participacións da cidadanía
É destacable tamén o incremento de uso de redes sociais por parte dos concellos, que aumentan 9 puntos porcentuais nestes dous anos, acadando o 59%.
A rede social máis común nos concellos galegos é Facebook, seguida de Twitter. A acción máis común de participación coa cidadanía é a posibilidade de comentar noticias publicadas polo concello na súa web, presente nun 16,2% de concellos
O incremento da presenza do portal de transparencia nos concellos galegos é considerable no ano 2017, situándose no 62,2%, medrando 32,7 puntos nos dous últimos anos, e estando presente no 100% dos concellos máis grandes.
Trámites máis sinxelos para a cidadanía
Unha das indubidables vantaxes da administración electrónica é a redución do achega de documentos procedentes doutras administracións (DNI, certificacións de obrigacións tributarias [AEAT, Seguridade Social], familia numerosa, discapacidade, inscrición en rexistros, etc.).
No ano 2017 a supresión da obriga de achegar estes documentos chegou ata o 13% dos concellos galegos; e o 27% deles substituíu algún por declaracións responsables.
Ambos os dous indicadores presentan un crecemento respecto aos datos anteriores, que se cifra en 5 puntos no caso da supresión da obriga de aportar documentos e en 6,4 puntos no caso da substitución por declaracións responsables.
Aplicacións informáticas de xestión interna
As aplicacións con maior presenza na Administración Local de Galicia son: o “Padrón de habitantes” (96,7%) e a de “Contabilidade” (95,7%). A “Xestión de expedientes” foi a aplicación con maior crecemento respecto ao ano 2015, medrando a súa presenza en 21,1 puntos porcentuais.
En canto aos sistemas de identificación e certificados dixitais para o persoal dos concellos, o 96,13% das entidades locais contan con algún método de identificación ou autenticación do seu persoal no sistema informático da entidade.
Aínda que os nomes de usuario e contrasinal no ordenador do usuario segue sendo o método máis empregado polos concellos, o DNI electrónico ou certificado dixital aumentou 6,8 puntos nos dous últimos anos.
Nivel de implantación do Software Libre nos concellos galegos
O 88,2% dos concellos dispón de software libre nalgún equipo informático aumentando 5,6 puntos porcentuais respecto á edición anterior. O software libre ten maior implantación nas aplicacións libres que nos sistemas operativos. Así, a porcentaxe de concellos con aplicacións libres duplica á dos que dispoñen de sistemas operativos.
A combinación de software libre e software privativo é a opción máis común en todas as aplicacións informáticas de uso xeral analizadas, agás no caso do antivirus e seguridade, no que é o software privativo o que ten unha maior presenza.
A principal acción que se demanda dende os concellos para a promoción do software libre é a formación aos usuarios nesta materia (60,5% dos concellos), seguido polo asesoramento ao caso concreto do concello e as demostracións do propio funcionamento dos produtos de Software Libre con porcentaxe arredor do 51%.
Pode consultarse o informe completo elaborado polo OSIMGA na sección de informes de: http://www.osimga.gal
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución conxunta da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Compañía de Radio Televisión de Galicia coa que se abre o período de consultas preliminares ao mercado para deseñar as solucións e servizos que permitirán adaptar as emisións do ente público ás novas demandas de consumo.
Este é o primeiro paso do proceso de compra pública innovadora co que ambas entidades buscan materializar os obxectivos do convenio asinado a pasada semana para incorporar á oferta da televisión pública contidos interactivos e segundas pantallas. Esta colaboración enmárcase no Plan DICO Mindset, elaborado pola Amtega en colaboración cos Clústers TIC e do Audiovisual para impulsar o sector dos contidos dixitais en Galicia.
Durante o mes de setembro está prevista a celebración dun Workshop no que as empresas interesadas en presentar proxectos poderán realizar consultas aos técnicos da Amtega e a CRTVG que lles explicarán as necesidades que buscan satisfacer con estas iniciativas.
Retos
Como recolle resolución conxunta publicada hoxe no DOG, a Amtega e a CRTVG queren crea unha plataforma integral que ofreza distintos servizos que incorporen as novas tendencias tecnolóxicas como realidade virtual e aumentada a gamificación ou simuladores, ademais de novos modelos de creación de contidos e novas canles de distribución e solucións adaptadas ás novas tendencias de consumo.
Ademais, as solución propostas deberán dar resposta a retos como que capacidades tecnolóxicas son ás máis axeitadas para configurar o novo modelo de televisión pública interactiva ou establecer o modelo económico sostible que permita a adaptación progresiva ás novas tendencias dixitais con impacto económico no sector dos contidos dixitais.
Unha vez finalizada esta fase de consulta definiranse os proxectos concretos e abrirase o período de licitacións públicas para obter a solución tecnolóxica que mellor responda as necesidades expostas
Importe
O acordo asinado pola directora da Amtega, Mar Pereira, e o director da CRTVG, Alfonso Sánchez, contempla un orzamento total de 2.430.000 euros ata o 2020. A axencia pública autonómica achegará 1.780.000 de euros, cofinanciados nun 80% con Fondos Feder, para facilitar o posicionamento da televisión pública autonómica nos novos hábitos de consumo.
Plan DICO Mindset
Estas iniciativas en colaboración coa CRTVG son un dos proxectos tractores impulsados desde e a Administración autonómica no marco do DICO Mindset para dar resposta a demandas concretas e ter, tamén un efecto de estímulo para o sector.
Esta estratexia define actuacións en tres eixos: o reforzo do capital humano, o desenvolvemento de proxectos tractores e o fomento da competitividade dixital para configurar un sector de contidos dixitais galego máis potente, maduro e competitivo, que neste momento aglutina en torno a 900 empresas con preto de 5.400 empregados.
Ademais, está previsto crear un centro de xeración de contidos educativos innovadores e dentro da iniciativa de Memoria Dixital apostarse pola aplicación da innovación tecnolóxica a todo o ciclo de vida de preservación, xestión e promoción do patrimonio cultural galego.