main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

26/07/201816:54
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a posta en marcha do Plan Galicia 5G.
Santiago de Compostela

Galicia contará cun Plan 5G para captar solucións tecnolóxicas en fase piloto baseadas neste método ultrarrápido de transmisión de datos

  • O plan ten un dobre obxectivo: converter Galicia nun dos primeiros territorios europeos en dispoñer desta tecnoloxía e conseguir que se instalen na nosa Comunidade os equipos de desenvolvemento de equipamento e software necesarios
  • Feijóo explicou que se elaborará unha ordenanza tipo, promovida pola Xunta e a Fegamp, e se poñerá en marcha o Nodo de cooperación rexional 5G, coordinado polo operador público Retegal
  • Lembrou que Galicia conta cun sector TIC potente con 21.000 profesionais e preto de 3.400 empresas

 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a posta en marcha do Plan Galicia 5G, que permitirá á nosa Comunidade captar solucións tecnolóxicas en fase piloto baseadas neste método ultrarrápido de transmisión de datos.

Esta medida, explicou o titular do Goberno galego, ten un dobre obxectivo. Por unha banda, converter a Galicia nun dos primeiros territorios europeos en dispoñer desta tecnoloxía e, pola outra, conseguir que se instalen na nosa Comunidade os equipos de desenvolvemento de equipamento e software necesarios.

Para iso, o Plan Galicia 5G márcase catro liñas de actuación con medidas concretas:

  1. Elaborar unha ordenanza municipal tipo, promovida pola Xunta e a Fegamp. Deste xeito, definirase un catálogo de solucións técnicas válidas e porase en marcha unha Oficina de asesoramento 5G para os concellos.
  2. Poñer en marcha o Nodo de cooperación rexional 5G, coordinado polo operador público Retegal.
  3. Lanzar, entre este ano e o próximo, as primeiras probas de concepto baseadas nesta tecnoloxía.
  4. Crear un Plan de formación especializada.

Tal e como salientou Feijóo, Galicia ten potencial suficiente para acoller desenvolvementos que faciliten despregar redes 5G nunha fase posterior. E é que a nosa Comunidade conta cun sector TIC potente con 21.000 profesionais e preto de 3.400 empresas; con universidades e centros de referencia; e con proxectos innovadores relacionados co 5G, como o Consorcio Aeronáutico de Galicia ou o corredoiro Vigo-Oporto.

“Galicia é a terceira Comunidade autónoma con máis cobertura para redes 4G”, subliñou o presidente, para logo engadir que conta cun operador público neutro, Retegal, que pode facilitar e racionalizar o despregamento da rede 5G.

En concreto, esta tecnoloxía indispensable na evolución de elementos innovadores permitirá impulsar a transformación dixital do rural, mellorar a atención ás persoas maiores ou con doenzas crónicas, prestar servizos médicos a distancia e ofrecer servizos turísticos máis especializados.

Durante a súa intervención, o titular do Goberno galego animou ás sete cidades galegas a implicarse no desenvolvemento desta normativa, dado que as empresas de telecomunicacións xa trasladaron o seu interese en impulsar proxectos 5G en Galicia.

26/07/201812:23
Muller de costas paseando por unha rúa.
Madrid

Arrinca o proxecto ALBA, unha plataforma online para asesorar a mulleres xordas vítimas de violencia de xénero

  • A Fundación Mutua Madrileña apoia este proxecto dentro do seu plan de acción contra a violencia de xénero e de apoio ás vítimas.

 

CNSE (Confederación Estatal de Persoas Xordas) poñerá en marcha co impulso da Fundación Mutua Madrileña, o servizo online ALBA de atención e asesoramento sobre violencia de xénero para mulleres xordas, que nace para paliar a escasa accesibilidade que atopa este colectivo no seu acceso á información, os servizos e os recursos existentes neste ámbito.

"As mulleres xordas son un colectivo especialmente vulnerable ante a violencia de xénero", ata o punto de que "algunhas nin sequera saben que están a sufrir esta violencia, canto menos que poden facer, que dereitos teñen e que servizos hai á súa disposición" explica Concha Díaz, presidenta da CNSE. Para Díaz, estas mulleres "necesitan unha comunicación accesible que inclúa a lingua de signos, e contar con mediadoras xordas debidamente formadas para que as poidan seguir, acompañar e apoialas durante todo o proceso, así como ofrecer asesoramento aos equipos profesionais que deben atendelas".

Neste sentido, o servizo ALBA estará atendido por unha experta xorda en igualdade de xénero que orientará ás vítimas de violencia machista nas súas necesidades (avogados, recursos especializados de atención a vítimas, subvencións), fará un seguimento de cada caso; orientará ás persoas próximas á vítima (familia, amigas e amigos...); e actuará como consultoría para asesorar a entidades públicas e privadas que traballan coas vítimas de violencia de xénero.

atención realizarase por videochamada en lingua de signos española ou chat, segundo o demanden as persoas usuarias, dunha maneira totalmente anónima, e sempre preservando a confidencialidade.

O proxecto ALBA foi un dos proxectos seleccionados na VI Convocatoria Anual de Axudas a Proxectos de Acción Social da Fundación Mutua Madrileña, que este ano celebra o seu XV Aniversario, dentro da categoría loita contra a violencia de xénero.

Prevese que o servizo comece a funcionar nas próximas semanas como unha aposta pioneira que segundo cualificou a presidenta da CNSE "pretende botar luz e combater na medida do posible, esta grave situación de desvantaxe que tanto risco leva na seguridade e a saúde das mulleres xordas".

A esta iniciativa súmanse outras como un programa de promoción accesible de hábitos saudables, unha campaña contra o micromachismo, e a formación de voluntarias para a prevención da violencia de xénero en mulleres xordas, que a CNSE desenvolve desde hai anos co apoio da súa rede asociativa.

26/07/201812:03
Presentación do videoxogo.
Madrid

A Fundación Xoán XXIII Roncalli presenta o seu primeiro videoxogo para persoas con discapacidade intelectual

  • O proxecto foi patrocinado pola empresa Bombardier grazas á cesión do salario doado por algúns traballadores que participaron previamente nunha acción de voluntariado na Fundación.

 

A Fundación Xoán XXIII Roncalli, en colaboración coa empresa de desenvolvemento tecnolóxico Exponential Solidarity, presentou na sede da Fundación a primeira ferramenta interactiva destinada a unha usuaria do centro con discapacidade intelectual.

A iniciativa enmarcouse dentro do proxecto solidario Videoxogos para a inclusión, un taller para nenos desenvolvido dentro da programación do Campamento de Verán que a Fundación organiza durante os meses de xuño e xullo para fillos dos seus traballadores.

O seu obxectivo foi a aprendizaxe de novas tecnoloxías a través da definición, creación e entrega de aplicacións e ferramentas adaptadas e personalizadas para persoas con discapacidade intelectual do Centro de Día de Fundación Xoán XXIII Roncalli. "Con este proxecto, non só conseguimos que os nenos asistentes ao campamento de verán aprendan sobre novas tecnoloxías, senón que tamén afiancen valores como a solidariedade, a sensibilización cara á discapacidade intelectual e a comprensión de que a mellor aplicación da tecnoloxía e a nosa capacidade é axudar ás persoas con necesidades diferentes", sinalou Rocío Alonso, Directora de Innovación e Desenvolvemento da Fundación.

O desenvolvemento do videoxogo foi realizado pola empresa Exponential Solidarity co fin de mellorar a capacidade de comunicación e interacción coa contorna, a memoria e a atención da usuaria, recorrendo para iso a cores que lle gustan, persoas ás que coñece da súa contorna máis próxima e ao seu grupo de música favorito. "É unha proposta experimental que forma parte da actividade pedagóxica "Coding4Solidarity" dentro da nosa liña de innovación educativa. Foi o noso primeiro proxecto xunto á Fundación Xoán XXIII Roncalli.

"A experiencia no campamento foi unha marabilla. Estamos seguros de que vai ser a semente doutros proxectos fantásticos e enriquecedores para todos os participantes", declarou Lucas Carmona, cofundador da empresa.

Esta experiencia innovadora e pioneira supuxo unha primeira toma de contacto co mundo laboral para os nenos do campamento, que se organizaron por departamentos (comunicación, deseño, programación...) coma se traballasen nunha empresa de desenvolvemento de software e tivesen que satisfacer as necesidades do seu cliente, que neste caso foi a usuaria final do videoxogo.

Este proxecto foi patrocinado pola empresa Bombardier grazas á cesión do seu salario por parte dos traballadores que xa realizaron hai unhas semanas no marco dunha acción de RSE coa Fundación, e está perfectamente aliñado con dúas das liñas estratéxicas da Fundación Xoán XXIII Roncalli: poñer ás persoas no centro da organización e fomentar a innovación. É un claro exemplo de aposta polas novas tecnoloxías aplicadas á mellora da calidade de vida das persoas.

26/07/201811:57
Robot Roni.
Santiago de Compostela

ILUNION Sociosanitario aposta pola robótica para reforzar o acompañamento a persoas maiores

  • A empresa adquire o robot Roni, que será unha ferramenta de apoio en actividades que se desenvolvan no centro e favorezan as relacións sociais.

 

ILUNION Sociosanitario incorporou nos seus centros un robot de apoio para reforzar o acompañamento ás persoas maiores, nas actividades que se desenvolvan no centro e que favorezan as relacións sociais co resto de usuarios.

A compañía do Grupo ILUNION aposta, así, pola tecnoloxía e a robótica como ferramenta de apoio ao seu persoal especializado e fortalecer as actividades de acompañamento.

O robot Roni é un prototipo desenvolvido pola empresa francesa Kompaï Robotics, que incorpora a tecnoloxía Big Data e Internet das Cousas e que permitirá fortalecer o desenvolvemento de distintas actividades de apoio para persoas maiores ou en situación de dependencia. Roni, bautizado con este nome polos usuarios dun dos centros de día que xestiona ILUNION Sociosanitario, conta cunha pantalla táctil con xogos e vídeos dirixidos á estimulación cognitiva. Ademais, facilitará a comunicación dos usuarios con outras persoas que se atopen fora do centro a través de vídeo conferencias, entre outras posibilidades.

O robot permite tamén a programación de mensaxes con tarefas concretas, o que xera unha función de recordatorio de tarefas e a asimilación de determinadas rutinas, como a comida ou outras tarefas cotiás. Para o director xeral de ILUNION Sociosanitario, Joaquín Leizaola, "esta incorporación traerá melloras significativas no reforzo da atención personalizada aos usuarios dos nosos centros".

 

Fase de programación e validación de tarefas

O robot atópase na actualidade nunha primeira fase de programación e validación de tarefas. Unha vez finalice esta primeira etapa, Roni contará cun catálogo de funcións de acompañamento en actividades cognitivas, de lecer, de ocupación, animación, orientación e reforzo do benestar físico e mantemento funcional. Roni configúrase como un asistente de apoio nas terapias e mellorará a experiencia das persoas. Nesta tarefa está a ser fundamental o persoal de ILUNION Sociosanitario, que reforzou a escoita activa para detectar a percepción que os usuarios teñen da nova incorporación.

 

Prototipo avalado pola Comisión Europea

Este é o mesmo modelo de robot no que se basea o premiado proxecto "Mario, Managing active and healthy aging with use of caring service robot", un proxecto europeo deseñado especificamente para o seu uso en demencias e con persoas maiores a través de intervencións multifactoriais apoiadas neste modelo de robot asistencial. Os seus beneficios acaban de ser destacados nun estudo da Comisión Europea.

26/07/201811:47
Vista aérea do Campus de Pontevedra.
Pontevedra

Os videoxogos, a placa Arduino e a impresión en 3D, presentes nos vindeiros cursos do Campus de Pontevedra

As novas tecnoloxías estarán presentes na programación complementaria do Campus de Pontevedra para o vindeiro ano, impulsada pola Vicerreitoría e materializándose xa nunha ampla oferta (non só de novas tecnoloxías) de obradoiros de extensión cultural para o primeiro cuadrimestre. En total ofértanse nove cursos de diversos eidos como arte, música, cine, danza ou ferramentas dixitais que se desenvolverán entre os meses de setembro e novembro e para os que a pre-matrícula se abrirá do 23 de xullo ao 13 de agosto.

Os primeiros en arrancar farano o 10 de setembro, coincidindo co inicio do curso e son os obradoiros de cinema comparado e de uso de motores gráficos. O primeiro deles, Reflexos fílmicos. Obradoiro de cinema comparado, pretende formar a ollada crítica do alumnado sobre o cinema e as formas audiovisuais mediante a comparación directa entre obras sen relación aparente entre si. 

Pola súa banda, o curso de uso de motores gráficos-UNITY-Perfiles non técnicos baséase na aprendizaxe do funcionamento dos motores gráficos, así como a familiarización cos termos e nomenclaturas empregadas no deseño e desenvolvemento de produtos de entretemento interactivo, videoxogos, etc. Unha semana máis tarde, o día 17, comezan outros dous obradoiros, neste caso sobre programación radiofónica e sobre lingua de signos. O primeiro deles consiste nunha iniciación á creación dun programa de radio co obxectivo de dar a coñece ao alumnado as distintas ferramentas necesarias para a creación dos diferentes contidos dun programa. O curso de lingua e cultura da comunidade xorda ofrece aos asistentes a posibilidade coñecer una lingua visoxestual, facendo un repaso pola crenzas erróneas sobre as linguas de signos e a comunidade e cultura xorda. O día 1 de outubro dará comezo outro dos obradoiros do primeiro cuadrimestre, desta volta centrado en aplicacións coa placa de hardware e software libre Arduino. A finalidade é que estudantes “comprendan e saiban aplicar diferentes aspectos” relacionados coa programación na dita placa, coñezan as características destas tecnoloxías e shields máis comúns e poidan executar programas no microcontrolador, entre outras competencias. 

Un día máis tarde botará a andar o obradoiro de iniciación á impresión 3D con materiais innovadores, no que se tratará de achegar a todos os asistentes estes novos compoñentes, ligados á impresión en 3D, ademais da análise dos filamentos e como se comportan. Segundo informa a Vicrerreitoría do curso a respecto desta acción formativa, subminístrase con ela a posibilidade de asesorar e axudar a crear todo tipo de proxectos que xa están en marcha tanto por alumnos de Enxeñaría Forestal, Belas Artes e mesmo Comunicación Audiovisual. O día 11 de outubro comeza o curso de introdución á danza tradicional galega e un pouco máis tarde, un actividade formativa de cerámica. A programación péchase co curso de iniciación á escalada en rocódromo, que se desenvolverá do 19 de outubro ao 23 de novembro na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS