
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Xunta acaba de dar a coñecer os 25 proxectos seleccionados na primeira fase do programa Ignicia. Esta semana reuniuse na sede da Axencia Galega de Innovación (Gain) en Santiago de Compostela o comité avaliador da segunda edición deste plan, que ten por obxectivo apoiar o acceso ao mercado de proxectos de investigadores galegos con potencial para a súa comercialización.
Das 48 propostas presentadas seleccionáronse 25 procedentes de organismos públicos e privados de investigación de Galicia. En concreto, nove corresponden á Universidade de Santiago de Compostela; seis á Universidade de Vigo; catro á Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela; tres ao Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións (Gradiant); dous á Universidade da Coruña; e un á Fundación Biomédica Galicia Sur.
Destas 25 propostas, preto do 50% (12 propostas) están aliñadas co reto 3 da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), cuxo obxectivo é conseguir un novo modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo; mentres que un 44% (11 propostas) están vencelladas ao reto 2, que persegue un novo modelo industrial; e un 8% (2 propostas) están aliñadas co reto 1, que busca a modernización dos sectores primarios a través da innovación. En canto á súa distribución por sectores, o sector maioritario no que se centran os proxectos é o da biotecnoloxía, aplicada á saúde e á industria, e o TIC (Tecnoloxías da Información e da Comunicación).
Para acometer esta primeira selección, realizáronse catro avaliacións individuais de cada proxecto, co apoio dun equipo formado por tres expertos de Oxentia (Oxford Univiersity Innovation) referente mundial no ámbito da transferencia de tecnoloxía.
Estas avaliacións foron postas en común na reunión de consenso celebrada esta semana na que se chegou a un acordo sobre as valoracións finais de cada proposta. As iniciativas seleccionadas serán sometidas en setembro a unha segunda avaliación, na que se elixirán as definitivas que pasarán á seguinte fase.
Os proxectos seleccionados recibirán durante un prazo estimado de dous meses asesoramento especializado para a elaboración e mellora dun plan de desenvolvemento e comercialización e realizarase un informe de auditoría legal de cada un deles, como paso previo necesario para formalizar o investimento, que se agarda realizar en decembro deste ano.
Precisamente, a semana pasada o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asinou un acordo co presidente da Fundación Barrié, José María Arias, para colaborar en accións de formación e de xestión do fondo de proba de concepto. Este acordo dá continuidade ao subscrito en 2016 para o desenvolvemento da primeira edición desta iniciativa, que permitiu apoiar un total de 9 proxectos cun investimento de 4 millóns de euros en sectores como as TIC, o aeronáutico e a biotecnoloxía; crear ou manter 61 postos de traballo de alta cualificación; e a posta en marcha de cinco empresas de base tecnolóxica para a comercialización dos seus resultados.
Nesta segunda edición do Ignicia, convocada no mes de abril, o Goberno galego investirá tres millóns de euros ata 2020 e, como novidade, implantarase unha metodoloxía de avaliación previa de proxectos e tecnoloxías transferibles ao mercado nos centros de coñecemento, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, co obxectivo de dotar aos axentes de transferencia de coñecemento e tecnoloxía do sistema galego de I+D+i dunha metodoloxía homoxénea para a realización de avaliacións áxiles e efectivas das súas carteiras tecnolóxicas.
Un total de 14 centros educativos galegos impartirán por primeira vez, o curso que vén 2018/19, o STEMbach, Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, creado ao abeiro da Estratexia galega para a educación dixital, Edudixital 2020. Segundo os datos da resolución provisional –publicada na páxina web da Consellería de Cultura e Educación, no enlace http://www.edu.xunta.gal/portal/node/25697–, trátase de seis centros da provincia da Coruña, catro de Pontevedra, tres de Lugo e un de Ourense, que se converten nos institutos referentes en toda Galicia á hora de implantar este proxecto.
En concreto, os centros autorizados de xeito provisional son os seguintes:
Código
Nome do centro
Concello
Provincia
15004083
CPR Plurilingüe Compañía de María
A Coruña
A Coruña
15005233
IES Agra do Orzán
A Coruña
A Coruña
15006730
IES Sofía Casanova
Ferrol
A Coruña
15015755
IES Plurilingüe Rosalía de Castro
Santiago de Compostela
A Coruña
15025301
IES Arcebispo Xelmírez II
Santiago de Compostela
A Coruña
15027228
IES María Casares
Oleiros
A Coruña
27006531
IES Lucus Augusti
Lugo
Lugo
27006541
IES Nosa Sra. Dos Ollos Grandes
Lugo
Lugo
27007247
IES Francisco Daviña Rey
Monforte de Lemos
Lugo
32008941
IES Eduardo Blanco Amor
Ourense
Ourense
36004137
IES Ramón Mª Aller Uloa
Lalín
Pontevedra
36004745
IES Plurilingüe A Paralaia
Moaña
Pontevedra
36018461
IES República Oriental de Uruguay
Vigo
Pontevedra
36019244
IES A Sangriña
A Guarda
Pontevedra
Vocación científico-tecnolóxica e conexión coa Universidade
O obxectivo deste bacharelato é promover a vocación do alumnado cara a investigación científica e tecnolóxica, mediante unha metodoloxía que lle facilite a incorporación e adaptación á ensinanza universitaria, e tendo en conta a perspectiva de xénero. Ademais, favorécese unha mentalidade científica, rigorosa, ordenada e crítica; así como o desenvolvemento da creatividade, do sentido da iniciativa ou do emprendemento e da resolución de problemas. Por outra banda, tamén axudará a mellorar as destrezas comunicativas e expresivas e proporcionará unha relación máis estreita entre profesorado e alumno.
Este bacharelato –pensado tanto para a modalidade de Humanidades como para a de Ciencias– permitirá unha conexión directa co ensino universitario, posto que o alumnado que o curse deberá desenvolver, no segundo curso, un proxecto de investigación individual ou colectivo con posterior defensa pública. Este proxecto, similar ao traballo de fin de grao, será co-dirixido por un docente dun departamento universitario ou dun centro de investigación de prestixio do Sistema Universitario de Galicia (SUG), e será titorizado polos profesores que impartan a materia de afondamento STEM. De feito, e para cristalizar esta cooperación, asinarase un convenio de colaboración coas universidades participantes.
Materia extracurricular semanal
Ademais, o alumnado cursará algunha materia extracurricular semanal, de dúas ou tres horas, de afondamento relacionada co ámbito de materias STEM e cunha orientación ao traballo na mellora das competencias comunicativas e dixitais. Esta materia será a mesma nos dous cursos coa correspondente secuenciación curricular.
Así mesmo, realizará actividades complementarias de formación –organizadas polo centro en colaboración con universidades, entidades ou organismos investigadores, ou con persoas investigadoras de recoñecida competencia– como conferencias, obradoiros ou proxectos.
Ao final da etapa, e tras a avaliación positiva tanto da materia de afondamento STEM extracurricular como da defensa do proxecto de investigación, o alumnado recibirá unha certificación acreditativa da dirección do centro de que realizou os estudos correspondentes a este programa.
Espazos maker e STEMweek
Ademais do STEMbach, que é unha acción prioritaria dentro da estratexia STEM, o vindeiro curso poñeranse en marcha outras dúas novidosas. En primeiro lugar, a creación de 10 Espazos Maker nos propios centros educativos que fomentan a creatividade do alumnado baixo a máxima de “aprender facendo”. Trátase de espazos, que conlevarán dotación de equipamento específico e unha achega económica de 2.000 euros, destinados a alumnado, profesorado e incluso familias nos que poidan desenvolver proxectos mediante a experimentación.
En segundo lugar, entre finais de agosto e principios de setembro desenvolverase o primeiro campamento científico-tecnolóxico en inglés: a STEMweek. Nesta semana de inmersión STEM en inglés participarán arredor de 200 alumnos de 3º e 4º de ESO.
Semana STEM, robótica e clubs de ciencia
A maiores, no curso 2018/19 tamén se reforzan e amplían outras medidas vinculadas con este ámbito científico-tecnolóxico como son a Semana STEM (450 prazas), a extensión da Robótica en Primaria e os clubs de ciencia. Neste sentido, o obxectivo é duplicar os centros con Robótica nesta etapa, tendo en conta que na primeira experiencia do curso pasado alcanzáronse os 111 centros e 11.000 alumnos implicados. E no caso dos clubs de ciencia, preténdese pasar dos 30 aos 100. Estes espazos, para os cales a Consellería destina 1.500 euros, nacen como un lugar de aprendizaxe non formal baseado nunha metodoloxía de indagación onde os docentes suxiren diferentes accións enfocadas ao alumnado co obxecto de que poidan dar resposta ás súas curiosidades e aos seus intereses e resolver problemas.
Todas estas iniciativas, que manteñen a convocatoria aberta ata setembro salvo no caso da STEMweek, favorecen que Galicia teña a estratexia STEM máis ambiciosa de todo o Estado.
Pronto celebrarase a vixésima edición dos Premios CODESPA, uns galardóns que buscan recoñecer o labor que empresas do sector privado e xornalistas realizan na loita contra a pobreza e a exclusión social. Poden participar tanto empresas de carácter internacional como as nacionais. Estas últimas serán as que agruparemos para promocionar o bo labor das compañías españolas. Que deben cumprir? A continuación especificámosvolo.
É unha das aplicacións máis claras que demostra como a tecnoloxía é unha peza clave para mellorar a calidade de vida de persoas maiores e persoas con discapacidade.
Un exemplo é o de Ilunion, a través de Ilunion Sociosanitario, que adquiriu o robot Roni co obxectivo de reforzar o acompañamento a persoas maiores.
A compañía vai utilizar a Roni como unha ferramenta de apoio nas actividades dirixidas a persoas maiores que se desenvolvan na súa sede, co obxectivo de favorecer as relacións sociais.
O robot Roni é un prototipo desenvolvido pola empresa francesa Kompaï Robotics, que incorpora a tecnoloxía Big Data e Internet das Cousas e que permitirá fortalecer o desenvolvemento de distintas actividades de apoio para persoas maiores ou en situación de dependencia.
Roni, bautizado con este nome polos usuarios dun dos centros de día que xestiona Ilunion Sociosanitario, conta cunha pantalla táctil con xogos e vídeos dirixidos á estimulación cognitiva. Ademais, facilitará a comunicación dos usuarios con outras persoas que se atopen fora do centro a través de vídeoconferencias, entre outras posibilidades.
O robot permite tamén a programación de mensaxes con tarefas concretas, o que xera unha función de recordatorio de tarefas e a asimilación de determinadas rutinas, como a comida ou outras tarefas cotiás.
O Concello de Fene vén de abrir o prazo para participar nunha serie de obradoiros de balde sobre novas tecnoloxías da información dirixidos sobre todo a mulleres. A iniciativa enmárcase na relación de colaboración entre o Goberno local (Concellería de Benestar Social e Igualdade) e o Instituto de Investigacións Científicas e Ecolóxicas, con sede en Barallobre, sendo o seu obxectivo incidir “na formación para unha mellor incorporación da muller aos novos sectores de emprego”.
A temática dos cursos é do máis variada: uso do móbil, manexo do computador, redes sociais, correo electrónico, procesador de textos, folla de cálculo ou como elaborar presentacións dixitais. Os obradoiros impartiranse entre os meses de setembro e decembro e celebraranse en distintas sedes e/ou entidades do Concello de Fene. Poderán participar todas as mulleres do municipio sen límite de idade interesadas nestas temáticas, “podendo alcanzar os contidos mínimos ou ben perfeccionar os que xa posúan”, sinala o Goberno local, que engade que o programa tamén está aberto á participación da poboación masculina, aínda que no caso de encher prazas, terán preferencia as mulleres.