main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

03/08/201809:27
Xuntanza dos responsables da iniciativa.
Ourense

A novela Arnoia, Arnoia de Ferrín converterase en videoxogo

Sabíamos que a literatura galega é unha fonte inesgotable de argumentos e persoeiros memorables para o cinema e as series de TV, pero se cadra non estaba tan clara a cousa en materia de vídeoxogos. Con todo, cómpre proclamalo aos catro ventos: temos un rico patrimonio literario e, con el, podemos construír un igualmente rico panorama de contidos de lecer dixital. Hoxe mesmo fomos testemuñas desta senlleira sinerxía, co anuncio da transformación en videoxogo da novela Arnoia, Arnoia (1985), de Xosé Luis Méndez Ferrín

A iniciativa foi dada a coñecer polo coordinador do proxecto e axente cultural en Celanova, Antonio Piñeiro, a especialista en mercadotecnia dixital (e co-responsable de Imaxin Software) Luz Castro, o profesor da Escola de Telecomunicación de Vigo, Martín López Nores, e o presidente da Deputación de Ourense (colaboradora deste proxecto), Manuel Baltar. 

Segundo fixeron saber, a adaptación contribuirá a “trasladar a todos os públicos a riqueza literaria e turística de Celanova e da provincia de Ourense por medio dun formato innovador e interactivo”. Na xuntanza, celebrada no pazo provincial da Deputación, Baltar salientou que se trata dunha iniciativa que “mestura tradición e vangarda, e amosa a creatividade da nosa provincia no ámbito audiovisual, neste caso coa obra dun dos nosos escritores máis insignes como é Méndez Ferrín, unindo historia e innovación tecnolóxica”.

O proxecto, que terá versións en galego, español e inglés, busca“dinamizar didáctica e turisticamente as Terras de Celanova e da Baixa Limia; divulgar a literatura dos autores de Celanova alén dos libros; e tirar proveito das novas tecnoloxías para aproximar a literatura dos autores de Celanova á xuventude”. Tamén pretende “promover a dinamización local e o fomento do emprego por medio da creación de industria cultura baseada no patrimonio literario e cultural de Celanova e a súa zona de influencia”.

O videoxogo, que se poderá descargar como aplicación móbil para tirarlle partido en liña, virá complementado cun formato de xogo de mesa. A aventura consistirá en dispor unha serie de pescudas para percorrer no plano turístico a comarca de Celanova a través de xeolocalizacións, conxugando escenas de realidade aumentada con escenarios reais.

Na presentación de hoxe fíxose saber que a obra na que se basea o videoxogo narra a viaxe de Nmógadah, un mozo de dezaseis anos, un dos Príncipes Segredos das terras de Arnoia, na procura de aventuras. Entre os escenarios que figurarán nesta proposta audiovisual figuran o alcázar de Milmanda, a ponte de Freixo, Cortiña Grande, Castromao, os ríos Arnoia e Tuño e a Chaira, entre outros.

03/08/201809:25
Un computador colocado entre libros vellos nunha biblioteca.
Santiago de Compostela

Educar ás persoas que máis o necesitan a través da tecnoloxía

  • A mutua Ibermutuamur asinou un marco de colaboración coa Asociación DreamIT para traballar no impulso da educación das persoas máis desfavorecidas a través da tecnoloxía.

 

O obxectivo do acordo é axudar a distintos grupos de persoas, entre os que se inclúen persoas con discapacidade e persoas maiores, a mellorar a súa educación, e para iso apostan por utilizar a tecnoloxía como ferramenta de aprendizaxe.

Por unha banda, a mutua colaboradora coa Seguridade Social cederá material informático á asociación. Doutra banda, promoverá entre os seus empregados a adhesión a proxectos de voluntariado de distintas ONG dedicados a actividades de formación, preparación e instalación de equipos informáticos.

En canto a DreamIT, a asociación destinará este material informático aos proxectos que ten en marcha no ámbito nacional e de cooperación internacional.

Este tipo de proxectos demostra a importancia da colaboración entre entidades, xa que os beneficios multiplícanse e permiten chegar a máis persoas e a quen realmente o necesita.

03/08/201809:22
Un neno utiliza unha tableta nunha tenda de campaña no campo.
Santiago de Compostela

Aplicacións para que os pequenos aprendan e se divirtan

Ata hai só uns anos, miles de nenos pasaban as vacacións de verán cun caderno, co obxectivo de repasar o aprendido durante o curso escolar á vez que se divertían cos exercicios propostos.

Agora, ademais deses cadernos, os máis pequenos teñen tamén a posibilidade de utilizar distintas aplicacións pensadas para que aprendan á vez que se divirten.

A Fundación Jaime Alonso Abruña e a Academia Jaime Alonso recompilaron unha lista de aplicacións móbiles, a maioría gratuítas ou cun custo moi baixo, especialmente deseñadas para que os nenos aprendan mentres se divirten.

Unha delas é "Alfabeto para Nenos", que reúne distintos xogos didácticos para aprender o abecedario tanto en inglés como en español.

Outra opción é "Toca Doutor", dispoñible para dispositivos Apple e que axuda aos máis pequenos a descubrir o corpo humano a través de distintos quebracabezas.

Tamén está na lista "Libro para colorear", que é unha aplicación para que poidan desenvolver a súa vea artística cun libro para que coloreen imaxes de todo tipo, desde animais a persoas ou avións.

A aplicación "Smartick" está baseada nas matemáticas con sesións diarias de 15 minutos para que aprendan mentres se divirten.

Por último, a lista incorpora unha última aplicación dirixida a que os nenos aprendan a programar. Chámase "codeSpark" e busca introducir aos nenos no mundo da programación a través de quebracabezas, xogos e proxectos creativos.

02/08/201812:57
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, pasou parte da mañá de hoxe cos participantes no campamento ‘Laboratorio de ideas’.
Bergondo

A Xunta potencia a creatividade e o emprendemento da mocidade cun campamento de verán no albergue de Gandarío

  • Esta iniciativa, na que participa xente nova con idades comprendidas entre os 12 e os 15 anos, baséase no emprendemento, a comunicación, a oratoria e o razoamento científico
  • Enmárcase na Campaña de Verán 2018 que pon á disposición dos rapaces e rapazas de 9 a 17 anos un total de 6483 prazas en 24 albergues e instalacións xuvenís en toda a xeografía galega

 

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, pasou parte da mañá de hoxe cos participantes no campamento ‘Laboratorio de ideas’ que desde onte e ata o vindeiro día 10 ten lugar no albergue xuvenil de Gandarío, situado no municipio coruñés de Bergondo. Un grupo de 30 mozos e mozas con idades comprendidas entre os 12 e os 15 anos comparten experiencias e adquiren novas habilidades e coñecementos en ámbitos como o emprendemento, a comunicación, a oratoria, os audiovisuais, o razoamento científico, ao abeiro desta acción que se enmarca na Campaña de Verán 2018 da Xunta de Galicia.

Cecilia Vázquez destacou da visita o amplo abano de actividades que están a realizar os participantes neste campamento, as cales teñen como finalidade “potenciar a creatividade, a imaxinación e a autoconfianza para falar en público; pero sen esquecer outras actividades deportivas e de praia como windsurf, kayak ou padelsurf”.

A titular do departamento autonómico salientou que, de novo, a Campaña de verán da Xunta “volve ser un referente en España, ofrecendo á xente nova non só de Galicia senón tamén doutras rexións e mesmo do estranxeiro unha atractiva programación que converte a nosa comunidade nun destino preferente nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro”. Nesta liña, engadiu que a oferta de verán que propón a Xunta ten como finalidade que “a mocidade desfrute participando en actividades de ocio e tamén formativas na procura de que o verán sexa un tempo para divertirse e tamén para o enriquecemento persoal”.

Os campamentos organizados nas instalacións xuvenís da Xunta para menores entre os 9 e os 17 anos de idade ofertan 6483 prazas nun total de 24 albergues e instalacións distribuídos por toda a xeografía galega. Dentro destes campamentos organízanse actividades de ocio educativo e de diferentes temáticas, como actividades náuticas, coñecemento do medio natural, dramatización e expresión cultural, xogos tradicionais ou deportes de multiaventura, entre outras.

Tamén se ofertan outras 315 prazas para que rapaces e rapazas galegos poidan participar en campamentos de intercambio con outras comunidades, concretamente no País Vasco, Castela e León, Estremadura, A Rioxa, Madrid e Cantabria. A xente nova destas rexións de España tamén poderán vir a Galicia para participar nos nosos campamentos. Así mesmo, e como vén sendo habitual nas últimas convocatorias, resérvanse 230 prazas para facilitar a participación de descendentes de emigrantes galegos.

Os campamentos de verán forman parte da Campaña de Verán ‘Vive a túa aventura’, na que se ofertan un total de 9870 prazas, 298 máis que na anterior edición. A Xunta inviste 3,2 millóns de euros –un 8% máis respecto ao orzamento de 2017- neste programa que segue a ser un referente a nivel de todo o Estado, ademais dun recurso de conciliación estival e de ocio educativo de primeiro nivel.

02/08/201812:54
Rede Europea de Innovación pola Inclusión.
Santiago de Compostela

Máis de 100 organizacións uníronse á Rede Europea de Innovación pola Inclusión

Estes 103 membros que forman parte da Rede Europea de Innovación pola Inclusión son organismos da administración pública, autoridades locais, fundacións, asociacións, empresas e universidades. Algúns deles participaron na segunda convocatoria de boas prácticas que impulsou a Rede e que aínda está aberta ata o 7 de setembro. A través da selección e difusión de boas prácticas, esta convocatoria pretende fomentar a inspiración entre as organizacións e profesionais que traballan pola inclusión sociolaboral das persoas con maiores dificultades, así como ser compartidas e integradas a nivel europeo. Os dous membros finalistas e o gañador de cada categoría daranse a coñecer no VI Foro Europeo de Emprego e Emprendemento Inclusivos, que se celebra en Madrid o 3 de outubro na Fundación Telefónica. 

Este cento de organizacións centran a súa actividade no impulso do desenvolvemento socioeconómico inclusivo, na investigación e na cooperación transnacional. Os colectivos cos que traballan son, na súa maioría, persoas en situacións de vulnerabilidade como desempregados de longa duración, migrantes e persoas refuxiadas e mozas que non se incorporaron ao mercado laboral.

Alicia García-Madrid, xestora de programas europeos de inclusión social en Acción contra a fame, explica que "o feito de que existan máis de 100 entidades membro supón un maior enriquecemento e mellores resultados no intercambio de boas prácticas, xa que, a maior número de organizacións, maiores posibilidades de compartir mellores prácticas". Isto tradúcese, en definitiva, en máis e mellores oportunidades de inclusión sociolaboral en Europa. O que está a funcionar en España poderíase replicar en Italia, ou o que funcione en Bélxica poderíase implementar en España, por poñer exemplos. O obxectivo sempre é construír un mercado laboral europeo máis inclusivo.

 

Por que as organizacións do sector se unen á rede europea de innovación pola inclusión"

En menos dun ano superáronse as previsións ao lograr máis de 100 entidades membro na Rede. Este feito demostra que as entidades recoñecen e valoran as vantaxes que lles ofrece estar dentro:

  • Estar ao día das convocatorias europeas relacionadas coa inclusión social e laboral de colectivos vulnerables e buscar socios e entidades para presentar propostas de proxectos, xa que o lazo común da Rede contribuirá a unha mellor valoración das propostas de proxectos europeos que presenten.
  • Facer difusión das actividades que estean a realizar e que sexan interesantes compartir co resto dos membros.
  • Descubrir outras experiencias para a inclusión sociolaboral que lles permitan reflexionar e mellorar así os seus propios programas.
  • Participar na convocatoria de boas prácticas, e no caso de finalista ou gañador, participar na visita de estudo e no grupo de traballo de cada categoría. 

 

VI Foro de Emprego e Emprendimiento Inclusivos

Estas organizacións reuniranse na sexta edición do Foro Europeo de Emprego e Emprendimiento Inclusivos, que dedicará a xornada para tratar as "Experiencias e tendencias en innovación social pola inclusión". O obxectivo do evento é compartir as iniciativas europeas máis innovadoras que promoven a inclusión sociolaboral a nivel europeo, coñecer as novidades do sector a través das mesas de debate e relatorios, e fomentar a creación de alianzas entre os distintos asistentes.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS