
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar os apoios da Consellería de Economía, Emprego e Industria para a terceira convocatoria dos premios e axudas a proxectos Industria 4.0, unha iniciativa que impulsa cun orzamento de máis de 4 millóns de euros para apoiar como mínimo seis novas iniciativas colectivas para seguir avanzando no desenvolvemento en Galicia da fábrica intelixente e conectada en sectores estratéxicos da economía. A previsión é mobilizar investimentos por 10 millóns de euros en proxectos de medio cento de empresas coordinadas por organismos intermedios de carácter sectorial, para seguir avanzando na implantación da Industria 4.0 en Galicia.
O prazo de solicitude estará aberto ata o próximo 28 de setembro.
Entre as principais novidades da convocatoria destaca o incremento das axudas máximas de 1 millón a 1,5 millóns de euros para impulsar cada un dos proxectos sectoriais aprobados, co obxecto de facilitar a formación de grupos de empresas amplos e con investimentos de maior calado.
Como en convocatorias anteriores, cada un dos organismos intermedios promotores dos proxectos seleccionados recibirán un premio de 25.000 euros, como compensación polo seu labor na formación de grupos de empresas dispostas a investir no eido da Industria 4.0. Este traballo inclúe a localización, a coordinación e a dinamización dos plans de investimento.
Os proxectos aprobados ao abeiro desta terceira convocatoria sumaranse aos impulsados polas 70 empresas beneficiaras das dúas edicións anteriores, que mobilizan máis de 15M€ en investimentos altamente tecnolóxicos, no eido da industria intelixente e conectada.
Os sectores da automoción, madeira, agroalimentario, metalmecánico, aeronáutico e naval, impulsados polos respectivos clusters, son os que están a actuar polo de agora como locomotoras da Industria 4.0 en Galicia. As relacionadas coa automatización e a intercomunicación entre máquinas son as tecnoloxías máis empregadas nos proxectos desenvolvidos ata a data, seguidas das vinculadas á sensórica ou a dixitalización de procesos.
Os plans apoiados a través desta liña de axudas, ademais de beneficiar de xeito directo aos traballadores das empresas que acometen investimentos 4.0 e aos dos organismos intermedios, que facilitan a cooperación, están chamados a actuar como investimentos de futuro, ao servir como exemplos a seguir por outras empresas no desenvolvemento da Axenda Industria 4.0.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe en Celanova, durante a clausura do obradoiro de emprego Novicrea4.0, a iniciativa e motivación dos participantes aos que se lles abren novas oportunidades de empregabilidade no eido das novas tecnoloxías.
Conde subliñou o esforzo que a Xunta está a realizar para adaptar a formación que ofrece aos novos perfís profesionais e ás necesidades das empresas e incidiu na súa importancia tanto para os profesionais en activo como para as persoas desempregadas porque as necesidades van cambiando e, polo tanto, tamén os perfís laborais. Como resposta, a Xunta conta con medidas e programas como estes obradoiros, pero tamén con plans específicos de formación como o da automoción, recentemente aprobado. Ou as Unidades Formativas en Empresas nas que estas especifican a formación que precisan impartir e o Goberno galego financia o 100%.
O obradoiro, no que participaron un total de 20 alumnos e alumnas en situación de desemprego dos concellos de Celanova, Bande e Verea, centrouse nas novas tecnoloxías da información. Durante nove meses os participantes puideron formarse en eidos como o deseño web, a administración de bases de datos e big data, a xestión de márketing e comunicación ou o desenvolvemento de produtos multimedia interactivos. Durante os primeiros seis meses recibiron a formación específica dun destes módulos e os tres restantes adquiriron coñecementos en materia de inserción laboral, tanto por conta allea como propia. Así, os alumnos desenvolveron, entre outros, proxectos centrados na promoción turística dos concellos implicados con apps, campañas de promoción e vídeos turísticos.
O conselleiro destacou que este obradoiro permite aos alumnos sumar un novo activo ao seu currículum á hora de atopar un posto de traballo e sinalou que desde 2009 a Xunta leva investido case 286.000 euros na convocatoria de 662 obradoiros en concellos de toda Galicia.
Informou de que axiña se sumará unha nova modalidade, os obradoiros duais, que combinarán un contrato de formación e aprendizaxe de nove meses en empresas cun posterior contrato en prácticas na mesma. O obxectivo é que a oferta formativa estea orientada aos novos perfís profesionais e poñer en valor o medio rural con novas oportunidades laborais. Así, nesta nova iniciativa terán prioridade as ofertas referidas ao forestal e ao Camiño de Santiago.
Finalmente, Conde destacou a importancia que está a ter a implicación dos Concellos emprendedores tanto na convocatoria destes obradoiros como na creación de emprego a través da formación e lembrou que teñen prioridade na concesión de axudas como as destinadas aos obradoiros. Neste sentido, felicitou aos tres concellos por apostar por esta iniciativa que pretende vincular as novas tecnoloxías e tendencias do mercado laboral ao rural para abrir novas oportunidades de empregabilidade.
A Universidade de Santiago e o Instituto da Muller queren impulsar o emprendemento feminino. De aí xorde o concurso Innovatia 8.3, que se dirixe a visualizar e recoñecer as mellores iniciativas de alicerce tecnolóxico impulsadas por investigadoras e/ou emprendededoras. Ao certame poderán concorrer iniciativas empresariais ou empresas con presenza maioritaria de mulleres nos seus consellos de dirección ou de administración e que teñan contado co apoio de universidades españolas. O prazo de presentación de propostas fica aberto até 10 de setembro. O concurso científico-tecnolóxico está co-financiado polo Fondo Social Europeo.
Entre os seus obxectivos concretos figura o de crear “un modelo de intervención que integre a perspectiva de xénero nos procesos de transferencia de coñecemento e no proceso de creación de empresas de base tecnolóxica na contorna universitaria”. O certame vén con dúas categorías, por unha banda a de iniciativas empresariais de alicerce tecnolóxico (dotada de 10.000 euros de premio en metálico e asesoramento personalizado durante seis meses por unha profesional referente no sector), e pola outra e a de iniciativa empresarial startup (premiada con 7.000 euros e asesoramento personalizado durante tres meses por unha profesional referente no sector).
Os proxectos serán valorados por un comité composto por persoal experto e independente e integrado por cinco persoas: dúas procedentes de sociedades de capital risco que xestionen fondos para transferencia de tecnoloxía; outras dúas procedentes de redes OTRI e unha persoa que represente asociacións empresariais ou directivas a nivel nacional. Este comité avaliará factores como a viabilidade económica e financeira dos proxectos; así como o grao de innovación do produto, proceso ou servizo; o volume de emprego creado ou proxectado; o carácter multidisciplinar do equipo promotor; e ter en consideración políticas de igualdade.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou onte na rolda de prensa do Consello que Galicia contará no último trimestre deste ano cunha nova estratexia de formación profesional para adiantarse aos perfís profesionais do futuro e afrontar os novos desafíos.
Ao longo da súa intervención o responsable do Goberno galego afirmou que a Administración autonómica seguirá traballando na súa aposta por consolidar un modelo de FP de referencia en toda España. Non en van,o primeiro Campus FP a nivel nacional está xa a desenvolverse en Vigo; un proxecto que inclúe unha rede de traballo entre os 16 centros da comarca e a construción do centro FP Hub, que actuará como corazón do campus.
Como proba do carácter dinámico da formación profesional, Feijóo lembrou que dos 146 títulos de formación profesional que se impartiron no último curso, a terceira parte (49) non existían no curso 2008/09. E, entre os ciclos que se foron creando destacan algúns de marcado carácter tecnolóxico, como CM instalacións de telecomunicacións, CS animación 3D, xogos e contornas interactivas ou CS desenvolvemento de aplicacións web; e outros que buscan dar un salto de calidade a sectores estratéxicos como produción agroecolóxica, CS paisaxismo e medio rural, CS enerxías renovables ou CS vitivinicultura.
Así mesmo, esta adaptación ás demandas da sociedade e dos sectores produtivos galegos tamén se observa na propia oferta dos ciclos vinculados a determinadas familias profesionais: como informática e comunicacións, que pasou de ofertar 68 ciclos nos centros galegos en 2008 a 118 en 2018; hostalaría e turismo (de 50 a 92); transporte de mantemento de vehículos (de 56 a 94); ou os ciclos da familia de electricidade e electrónica, que pasaron de 123 en 2008 a 156 en 2018.
Por outra banda, e tomando como referencia os datos de matrícula do curso pasado, a familia profesional con máis alumnos foi administración e xestión (7.051 matriculados), seguida de sanidade (6.639), informática e comunicacións (5.003), electricidade e electrónica (4.288), servizos socioculturais e á comunidade (4.056) e hostalaría e turismo (3.447).
O presidente da Xunta precisou que este aumento da calidade veu aparellado tamén dun incremento notable no alumnado. Así, dos 34.746 alumnos matriculados en formación profesional no curso 2008/09, pasouse a 51.000 no curso 2017/18, é dicir, preto dun 47% máis.
Paralelamente, o número de ciclos sostidos con fondos públicos incrementouse arredor dun 40%, ao pasar de 898 en 2008/09 a 1.257 no curso que comezará en setembro. E, dentro destes: 984 corresponden á modalidade de presencial ordinario; 182 a presencial adultos; 46 á FP Dual; e 45 á modalidade a distancia.
En relación á FP Dual, o titular do Goberno galego subliñou que segundo os primeiros datos de inserción laboral nesta modalidade, correspondentes ao alumnado que finalizou no curso 2016/17, nove de cada dez alumnos están a traballar de xeito estable; unha diferenza de 13 puntos con respecto á formación profesional xeral.
A matriculación multiplicouse por 50 nos últimos cinco anos, ata chegar aos 736 alumnos do curso pasado. E, na actualidade, existen na Comunidade 50 titulacións de FP Dual, 127 ciclos formativos, 32 centros educativos que as ofertan e máis de 200 empresas colaboradoras.
Sobre os viveiros de empresa, cómpre lembrar que a rede de viveiros está conformada por 26 centros, dos que xurdiron 29 empresas que están en funcionamento fóra dos viveiros. E, en canto á innovación, desde 2013 desenvolvéronse 120 proxectos de innovación desde os centros de FP e mobilizáronse 1,68 millóns de euros.
Appentra Solutions, a spin-offparticipada pola UDC e promovida por investigadores vinculados ao o Centro de Investigación TIC (CITIC)vai poñer a disposición dos investigadores e innovadores da nosa terra o seu programa Parellelware Trainer, un recurso avanzado de adestramento que permite optimizar proxectos con vistas ás necesidades reais do mercado. O programa poderá ser empregado polos científicos no marco da nova edición do CESGAHack, o hackaton que organizan anualmente Appentra e máis o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e que chega á súa terceira edición entre o 24 e o 28 de setembro, novamente na sede do CESGA.
Os participantes que empreguen o Parellelware Trainer de Appentra poderán acelerar ao máximo o ciclo de vida do seu desenvolvemento, xa que estarán en disposición de identificar decontado oportunidades reais para paralelizar a súa aplicación. Ademais, os investigadores que se xunten na quedada CESGAHack, cuxo prazo de inscrición remata este domingo 5 de agosto, tamén terán ao alcance da man o privilexio de acceder directamente ao supercomputador Finis Terrae II do CESGA.
Para quen non o saiba, o CESGAHack é unha xuntanza para facer demostracións e intercambiar recursos e coñecemento. O obxectivo é axudar aos científicos e programadores a acelerar a execución das súas aplicacións de simulación científica.
Este pulo de enerxías materializarase a través de diverso hardware e software avanzado e coa axuda dun equipo de mentores expertos en cousas como optimización, paralelaxe e execución de programas de simulación. Ademais, como dixemos, o CESGAHack 3 tamén axudará aos científicos e programadores e reducir o máximo o tempo que pasan codificando para mellorar o seu software.
Segundo lembra Appentra, os dous eventos anteriores tiveron éxitos importantes para os equipos participantes, como o equipo de Edanya, que traballaba nun modelo de predicións de tsunamis na Universidade de Málaga, que gañou o premio NVIDIA Global Impact Award.
Quen queira máis información sobre o evento, pode atopala na páxina web de Appentra.