main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

10/08/201811:53
Presentación da iniciativa.
Lalín

Lalín organiza un campamento para achegar a rapazada á creación de robots

Concello de Lalín presentou onte a edición 2018 do seu Campamento Tecnolóxico, unha iniciativa que busca mellorar a oferta local de lecer formativo e, tamén, avanzar na incorporación das novas tecnoloxías nos procesos de aprendizaxe de nenas, nenos e adolescentes. Co fin de dar pasos relevantes neste eido do ensino e do fomento da creatividade (buscando tirar abaixo barreiras entre o talento de todos os participantes e a creación de tecnoloxías), farase especial fincapé na robótica educativa, que é un sistema de ensinanza interdisciplinaria que potencia o desenvolvemento de diferentes habilidades.

O Concello de Lalín pretende achegar esta disciplina aos nenos do municipio; con este fin propúxose a realización dun obradoiro de robótica dirixido a nenos e mozos con idades comprendidas entre os 8 e os 14 anos. No obradoiro ensinaránselle á rapazada as técnicas de programación de enxeños tecnolóxicos e porase o foco en fomentar o pensamento lóxico-dedutivo, en crear distintos supostos e en artellar relacións entre os sensores e motores. Segundo fixo saber o Concello, “a creación de robots permitiralle aos alumnos non só xogar coas súas creacións senón tamén aplicar os coñecementos adquiridos noutras disciplinas tales como as matemáticas ou a física”.

Achegaranse catro quendas, con 10 rapazas e rapaces por quenda (40 en total). 

  • Quenda 1 - 3, 4, 5, 6 e 7 de setembro de 10:00 a 14:00h.
  • Quenda 2- 3, 4, 5, 6 e 7 de setembro de 15:30 a 19:30h.
  • Quenda 3 – 26, 27 e 28 de decembro de 10:00 a 14:00h.
  • Quenda 4- 26, 27 e 28 de decembro de 15:30 a 19:30h.

Respecto do prazo de inscrición, está aberto entre o 13 e o 27 de agosto, podéndose facer no rexistro de entrada do Concello de Lalín ou dende a sede electrónica. As xeiras de robótica celebraranse na Aula CeMIT, no Auditorio de Lalín. As actividades que se realizarán durante o campamento terán como obxectivo final a montaxe e programación de dous robots, mais en concreto estando enfocadas á programación co hardware libre Arduino.

10/08/201808:32
Unha muller maior utiliza un teléfono móbil na súa casa.
Santiago de Compostela

Socialcare, un proxecto europeo para mellorar a asistencia no fogar a persoas maiores

  • A Unión Europea puxo en marcha o proxecto Socialcare, unha iniciativa innovadora que busca desenvolver un ecosistema de servizos vinculados entre si co obxectivo de mellorar a asistencia no fogar das persoas maiores.

 

Este ecosistema de servizos basearíase na utilización de tecnoloxía como sensores e aplicacións que facilitarían o coidado das persoas maiores facilitando a súa autonomía e mellorando a súa calidade de vida.

No caso de España, o proxecto conta co soporte do Ministerio de Industria e nel participan distintas compañías como Worldline Iberia ou Isoin, co obxectivo crear ese sistema de servizos adaptado ás necesidades dos usuarios.

Nese sistema participarían tanto familiares, como veciños e coidadores que se organizan para prestar o apoio necesario ás persoas maiores a través da tecnoloxía.

Segundo apunta Worldline Iberia, nos encontros dos participantes no proxecto con comunidades de prestación de servizos sociais a maiores, puideron constatar que as maiores preocupacións e os servizos máis demandados están ligados á saúde.

En concreto, son aspectos como a detección de caídas, a petición de axuda ou a xestión da medicación as que máis preocupan a estas persoas. Con todo, xa hai aplicacións tecnolóxicas que poden axudar neses aspectos, o obxectivo do proxecto é poñelas todas en conxunto para que poidan ser verdadeiramente útiles para os usuarios.

Un dos aspectos clave do proxecto é lograr ademais que a utilización deste ecosistema de servizos se faga a través de dispositivos que sexan fáciles de usar.

Socialcare xa se puxo en marcha nalgúns países europeos como Países Baixos ou Austria, nos que tivo unha gran acollida grazas, en gran medida, ao coidado que se puxo na usabilidade da solución, para asegurar que sexan accesibles para as persoas maiores.

10/08/201808:12
Cartel do evento.
Culleredo

Os desafíos de YouTube na educación, ao detalle nunha conferencia no Burgo

A vertente coruñesa da asociación Anhida, centrada en achegar recursos de desenvolvemento para nenos con hiperactividade ou déficit de atención, vai organizar o vindeiro 16 de agosto unha charla moi indicada para todas as familias nas que hai presenza de internautas novos, ben sexan usuarios das redes sociais ou, tamén, contribuidores de comunicación e contidos. A charla vaise desenvolver baixo o epígrafe Mamá quero ser youtuber e o seu obxectivo é guiar ás nais e aos pais nos desafíos que achega Internet na educación. A cita é no Burgo ás 19.00 horas, de balde e no Edificio de Servizos Múltiples. 

Os relatores serán dous membros do equipo de profesionais de Anhida Coruña, Raúl Taboada e Juan Ramos. Na conferencia, segundo adianta a organización, profundarase en todo o relacionado coa rede social YouTube e co fenómeno youtuber, e tamén con todos aspectos que se derivan da concorrencia activa de persoas cos devanditos trastornos no dito servizo dixital: autoestima, circuítos de recompensa (alterados en persoas con TDAH), aprendizaxe vicario, diferenzas e semellanzas entre endogrupo e exogrupo, etc. Anhida Coruña avanza que “todas estas explicacións con base científica serán tratadas para que tódolos asistentes entendan o que lles está pasando a eles mesmos, as súas fillas, familiares ou amigas”.

A conferencia está pensada para que poidan asistir rapazas e rapaces a partir de 12 anos, nais e pais de fillos con ou sen TDAH (Trastorno de Déficit de Atención e Hiperactividade), e tamén mestres e profesores que queiran comprender o que acontece co seu alumnado e co YouTube.

09/08/201808:36
Edificio do CITIC.
A Coruña

O CITIC organiza en setembro a primeira edición do Congreso XoveTIC

Á volta do verán, o Centro de Investigación TIC da Coruña (o CITIC) vai organizar a primeira edición dun evento que quere abrir portas ao talento da nosa mocidade. Trátase do primeiro Congreso XoveTIC, que se celebra os días 27 e 28 de setembro. XoveTIC oriéntase a investigadoras e investigadores novos (predoutorais e postdoutorais), que presentarán comunicacións orais ou pósteres das súas propostas ou contribucións coa finalidade de potenciar a colaboración entre universidade e grupos de investigación. O obxectivo tamén é “construír un espazo de encontro para o debate científico e contribuír á súa formación”.

Segundo salienta a organización do evento, cuxa inscrición é de balde, trátase “dunha oportunidade ideal para compartir investigacións nun ambiente colaborativo e distendido”. Quen queira recadar máis datos sobre o congreso, pode facelo na web específica habilitada polo CITIC. A xuntanza terá lugar na propia sede do centro tecnolóxico, no Campus de Elviña da Coruña. 

O programa inclúe, entre outras moitas actividades, conferencias plenarias a cargo de Petia Radeva e Antonio Bahamonde, comunicacións orais dos novos investigadores, xantar de networking, obradoiros de 5G e ciberseguridade e exposicións de pósters.

09/08/201808:32
Unha rapaza usando un rato nun portátil.
Santiago de Compostela

O sector TIC precisa estudantes de Matemáticas e Física

Os estudos relacionados coas novas tecnoloxías, en particular, e co universo STEM (Ciencia, Tecnoloxia, Enxeñaría e Matemáticas), en xeral, seguen a ocupar un ano máis os postos das carreiras con meirande taxa de empregabilidade. Dito doutra maneira: son e seguirán a ser estudos con moi baixa incidencia do paro. A principal razón disto está no proceso de revolución tecnolóxica que estamos a vivir, con entidades de toda índole e empresas tecnolóxicas (e tamén as non tecnolóxicas) demandando enxeñeiras e enxeñeiros en Informática e Telecomunicación. Porén, tamén precisan (e cada vez máis) tituladas e titulados en Matemáticas e Física para abordar os seus procesos de dixitalización (adaptándose aos novos tempos e garantindo a súa supervivencia) ou para pór en marcha proxectos innovadores.

Esta importante taxa de empregabilidade, segundo puidemos saber, tamén ten o seu reflexo na actividade dos centros onde se imparten estes estudos. No caso da Universidade de Santiago, onde se ofrecen as titulacións de Matemáticas e Física, o devandito percíbese claramente na suba da nota de corte, superior ao 10 en ámbolos casos no ano académico que vimos de deixar atrás. Estes días, comezando a matrícula para o vindeiro curso, a curva do acceso segue crecendo, superando na actualidade o 11.

Das máis de 160 titulacións que conforman a oferta de carreiras das tres universidades galegas, este curso Física quedou no posto número trece e Matemáticas no catorce. Están no grupo das máis solicitadas xunto a Medicamento, Biotecnoloxía, Odontoloxía, Enxeñería Biomédica ou Enxeñería Aeroespacial.

Como dixemos, o auxe das Matemáticas e da Física están directamente relacionado cos principais requirimentos do sector das novas tecnoloxías, que non só precisan de enxeñeiras e enxeñeiros en Telecomunicación ou en Informática. Segundo confirmou recentemente o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial, con sede (precisamente) no Campus Vida da Universidade de Santiago, unha parte importante da actividade das matemáticas e os matemáticos nas empresas do sector dixital ten que ver con labores de simulación, estatística e tratamento, análise e xestión dos datos (o que se coñece como Big Data, ou ferramentas de xestión e análise da información a gran escala).

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS