main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

20/08/201811:38
Cartel do curso.
Santiago de Compostela

En setembro, curso de DPO organizado polo CPETIG e a Amtega

O CPETIG, en colaboración coa Amtega,  organiza un curso especializado sobre a figura do delegado de Protección de Datos, DPO, que terá lugar na Cidade da Cultura en dúas fins de semana consecutivas do vindeiro mes de setembro.

O curso, de 20 horas de duración, desenvolverase os días días 7, 8, 14 e 15 de setembro, en horario de tarde para as sesións dos venres e de mañá para as sesións dos sábados. Impartido por profesionais do Centro de Formación de AENOR, os contidos estarán centrados nos fundamentos e principios da nova regulamentación de Protección de Datos, nos dereitos das persoas interesadas, nas obrigas de responsables e encargados do tratamento de datos e nas medidas de seguridade, así como no estatuto da figura do Delegado de Protección de Datos, DPO, nas autoridades de control e no réxime sancionador.

Esta formación vai dirixida a responsables de seguridade e cumprimento normativo, auditores internos ou externos que deban avaliar a observancia da normativa, consultores, avogados e, en xeral, a profesionais interesados en prestar servizos neste ámbito.

 

Obxectivos

O curso vai ofrecer unha visión xeral da normativa europea de Protección de Datos, incidindo en aspectos prácticos para as entidades responsables do tratamento e aos seus prestadores de servizos. Entre outros obxectivos, o curso está deseñado para coñecer os principios básicos da nova normativa, cunha análise detallada das obrigas que afectan ás entidades públicas e privadas que tratan datos de carácter persoal; e afondar nas funcións do DPO, acadando o nivel de coñecemento preciso para poder levalas a cabo.

 

Inscrición

En breve abrirase o prazo de inscrición a esta actividade formativa.

20/08/201810:50
Vista aérea do Campus de Pontevedra e das súas facultades.
Santiago de Compostela

As nosas universidades amplían coas TIC avanzadas a súa oferta de mestrados

Os nosos estudantes terán este ano máis opcións formativo-tecnolóxicas para especializárense. E algunhas delas estreitamente relacionadas cos contidos e ferramentas dixitais, máis polo miúdo cos videoxogos, os medios sociais ou a ciberseguridade. A oferta complétase cun achegamento directo ao cálculo avanzado, por parte da Universidade da Coruña e a de Santiago. 

En total, neste curso que xa estamos preto de comezar, o ano académico 2018-2019, as universidades galegas van estrear un total de catorce másteres, dous deles oficializados o xoves no Diario Oficial de Galicia e algúns poñendo en xogo o impulso conxunto das tres universidades galegas, a USC, a UDC e a UVigo. Na oferta de formación inclúense contribucións formativas que, como dixemos, cóllennos de preto: Computación de Altas Prestacións (UDC-USC), Ciberseguridade (UVigo-UDC), Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos (UDC) ou Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais (UVigo). 

Entre os novos mestrados tamén se inclúen o de Investigación e Innovación en Didáctica para Educación Infantil e Primaria, e máis Biodiversidade Terrestre, Economía e Xeoinformática, que implican ás tres universidades. Outra das novidades é o de Xenómica e Xenética, da USC-UVigo, e máis o de Enerxías Renovables, da USC.

20/08/201810:41
A imaxe que acompaña a historia 1.000, achegada por Ramón Díaz Raña.
San Sadurniño

A web colaborativa Fálame de San Sadurniño chega ás 1.000 historias

A páxina-comunidade Fálame de San Sandurniño vén de superar o seu artigo número 1.000. En palabras do Concello, impulsor da web colaborativa xunto coa aula CeMIT e (por suposto) as veciñas e veciños do termo municipal, o feito de terse acadado a dita cifra “dá boa conta da saúde dun proxecto nacido hai cinco anos, co gallo do Día das Letras Galegas e do Día de Internet”. O Goberno local tamén lembra, pescudando nas orixes da iniciativa, que esta tivo o seu xermolo na aula CeMIT local, botando a andar como “un caixón de saberes do territorio, actuais e pasados, recollidos con texto, fotos, audios e vídeos”. E todo, sublíñase, “cunha alta compoñente de participación social”.

Até o de agora, a web xuntou contribucións de 300 persoas, colleitou máis de 700.000 visitas, contabilizou 75.000 accesos únicos e, como proxecto social, tamén xuntou unha boa presada de premios relacionados coa dinamización cultural e a inclusión dixital. 
Polo que se refire á historia número 1.000, é un artigo rubricado polo antigo crego de San Sadurniño e Santa Mariña, Ramón Díaz Raña, quen nos leva da man ao final do Franquismo e, máis en detalle, ás “tensas relacións que mantiña co alcalde daquel entón, Santiago Secada”, quen chegou a remitirlle ao Goberno Civil un informe para que as autoridades vixiasen de preto a actividade pública, política e relixiosa do párroco, acusado por Secada, entre outras cousas, de organizar conferencias “aparentemente de propagación del galleguismo” e de fomentar “una revolución revisionista” contraria aos principios do movemento.

Volvendo ao balance do Concello, o equipo de Goberno local tamén salienta as diferentes pólas que medraron da cerna orixinal, con proxectos paralelos como a canle audiovisual Teño unha horta en San Sadurniño ou o encontro audiovisual Chanfaina Lab, que o vindeiro mes de setembro emprenderá a súa quinta edición. O Concello tamén destaca a media ducia de premios obtidos ata o momento pola iniciativa, entre eles o Acting concedido dentro dun proxecto de ámbito europeo ou o Rodolfo Prada outorgado pola Deputación de Ourense ás mellores experiencias de xestión cultural, ademais dos alcanzados por Teño unha horta en distintos festivais.

20/08/201810:25
Logo É-Saúde.
Santiago de Compostela

A plataforma É-Saúde nominada finalista dos premios New Medical Economics como mellor proxecto en saúde dixital

  • Conta, actualmente, cun total de 51.000 usuarios e cada día acceden unha media de 2.500 persoas
  • Esta dirixida a pacientes e cidadanía e posibilita acceder a servizos e contidos personalizados de saúde desde calquera dispositivo conectado a Internet
  • Permite consultar a axenda de citas en atención primaria ou especializada
  • O paciente, dende o propio móbil, pode consultar cando ten que recoller unha receita na farmacia, ir a unha consulta médica ou realizar unha proba diagnóstica

 

A Plataforma É-Saúde, ferramenta dixital dirixida a pacientes e cidadáns que permite acceder a unha serie de servizos interactivos e contidos personalizados de saúde dende calquera dispositivo conectado a internet, vén de ser nominada finalista aos premios New Medical Economics 2018 na categoría de mellor proxecto en saúde dixital 2018.

É-Saúde conta, actualmente, cun total de 51.000 usuarios. Cada semana realízanse 400 novas altas a este servizo, ao que cada día acceden unha media de 2.500 persoas dadas de alta.

É-Saúde, en marcha dende setembro de 2016, posibilita a estas persoas consultar e xestionar as súas citas, revisar a súa folla de tratamentos, os informes de alta, informes de probas diagnósticas, entre outras prestacións directamente dende o seu móbil, ordenador ou tablet.

Dende o mes de setembro do pasado ano os usuarios poden descargarse os informes dos programas de Saúde Pública. En concreto, os informes de prevención e detección precoz de metabolopatías, xordera neonatal, cancro de mama e cancro de colon; ademais dos de calendario de vacinacións. Toda esta información xérase na data da consulta, e contén as probas realizadas ata ese momento.

Para facilitar a consulta, os usuarios poden acceder a estes informes a través da carpeta A miña historia clínica Sergas, e nas carpetas de A miña carpeta de saúde infantil e A miña carpeta de cribado do adulto.

 

Outros usos da Plataforma

É-Saúde permite acceder á axenda de citas en atención primaria ou especializada actualizada, posibilitando completala con citas e eventos persoais de maneira que o paciente, dende o propio móbil, poida consultar cando ten que recoller unha receita na farmacia, ir a unha consulta médica, realizar unha proba diagnóstica ou facer as actividades de promoción da saúde que tivera programado.

A Plataforma permite, ademais, o acceso a todos os cursos de formación da Escola Galega de Saúde para Cidadáns e dos cursos desenvolvidos polas asociacións de pacientes.

Así mesmo, a través dela pódense consultar servizos ou participar nas comunidades entre o seu persoal médico e de enfermería e outros pacientes, e nas asociacións de pacientes que lle permitan contactar con outros doentes cos que comparta dúbidas, recomendacións de hábitos de vida, etc.; todo iso coa garantía que ofrece o feito de que toda a información estea albergada no servidor do Servizo Galego de Saúde, coa conseguinte seguridade xurídica e tecnolóxica que iso supón.

 

Acceso delegado

Máis de 1.000 persoas teñen delegado o acceso a esta plataforma; este acceso está planificado de tal forma que permite que os pais, nais e titores, no caso dos menores de idade, ou os representantes legais ou persoas expresamente autorizadas polo paciente, no caso dos maiores, accedan no nome dos titulares aos servizos telemáticos personalizados que se ofrecen neste dispositivo.

Isto posibilita xestionar de modo máis directo e áxil os procesos de saúde a través dunha terceira persoa autorizada para o efecto. Entre outros servizos, permite ter acceso aos mesmos informes médicos e información sanitaria do titular do dereito, como os informes médicos de probas diagnósticas, as citas médicas ou os fármacos prescritos e pendentes de dispensación na oficina de farmacia. Ademais, Sanidade tamén engadiu aos servizos dispoñibles os informes de calendario de vacinación infantil.

Polo tanto, calquera pai, nai, titor legal ou coidador pode solicitar o permiso no seu centro de saúde, acompañando o seu DNI ou pasaporte, así como libro de familia, partida de nacemento ou documento que acredite a tutela ou a patria potestade para o caso de menores, ou sentencia xudicial de incapacitación ou tutela legal no caso de persoas incapacitadas. É tamén necesario que tanto o paciente como a terceira persoa autorizada e solicitante de dito acceso dispoñan da tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

17/08/201811:03
Persoa maior usando un smartphone.
Santiago de Compostela

A Fundación Vodafone e a Amtega continuarán en setembro o ciclo de actividades para iniciar aos maiores no uso dos dispositivos móbiles

  • No primeiro semestre do ano más de 300 persoas participaron nestas xornadas que se realizan na Rede de Aulas CeMIT
  • Está previsto que o calendario de actividades se estenda ata finais de ano
  • As inscricións pódense formalizar, de xeito gratuíto, na propia aula CeMIT ou a través da Web de CeMIT.

A Fundación Vodafone e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración coa Rede CeMIT continúan traballando para impulsar o uso dos smartphones e as tabletas entre as persoas maiores. Os ciclos “Aprende a usar o teu smartphone” e “Aprende a usar a túa tablet”, retomaranse en setembro e prolongaranse ata novembro nas localidades de Brión, Oroso, Pontedeume e Ribadeo.

De cara a darlle continuidade a esta programación, a Fundación Vodafone renovou parte do material cedido para a realización destas actividades con 7 novas tabletas. Pódense consultar as datas e formalizar a inscrición, de balde, na páxina web de CeMIT (https://cemit.xunta.gal/), e na aulas aulas CeMIT de xeito presencial ou contactar coa Oficina CeMIT enviado un correo a cemit@xunta.gal.

 

Máis de 300 participantes

O primeiro semestre do ano pechouse cuns datos moi positivos coa realización de 35 actividades e a participación de 16 aulas da Rede CeMIT e máis de 300 asistentes.

Cada un dos centros CeMIT que participaron nesta iniciativa dispuxeron de diversos terminais telefónicos e de tabletas, cedidos pola Fundación Vodafone, para facilitar a aquelas persoas que non dispoñan deles o seu manexo. Ademais, como material de apoio, as aulas dispuxeron tamén dunha serie de guías en papel moi sinxelas e vídeos con pílulas formativas breves e moi prácticas, que serven de soporte audiovisual á hora de formar dunha maneira fácil e á medida da persoa interesada.

 

A Rede CeMIT

A  Rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega e conta coa colaboración de 92 concellos e 53 comarcas e está integrada por 98 aulas, co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital. A rede é un dos instrumentos principais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia para ofrecer á cidadanía recursos de capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento.

Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias.

Paralelamente, os centros da Rede contan cun servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios e usuarias para a utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.

 

A Fundación Vodafone

A Fundación Vodafone España é unha institución sen ánimo de lucro que contribúe ao impulso da innovación e a utilización das TIC para mellorar a calidade de vida das persoas e, especialmente dos colectivos vulnerables. Participa en proxectos de innovación tecnolóxica nacionais e europeos, dirixidos a investigar novas aplicacións das comunicacións móbiles que faciliten a vida ás persoas dependentes, maiores e enfermos crónicos.

Desde 2016, Fundación Vodafone é aliada dixital do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 e contribúe na alfabetización e capacitación dixital dos galegos e galegas a través do impulso do uso de dispositivos móbiles coas iniciativas “Aprende a usar o teu smartphone” e “Aprende a usar a túa tablet”.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS