main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

22/08/201812:43
Man a punto de pulsar un botón coa imaxe dun candado nun teclado.
Vigo

O Centro de Ciberseguridade Industrial achéganos á realidade actual da protección TIC das empresas

En setembro toca falar de moitas cousas tecnolóxico-dixitais pero, sobre todo, toca falar de protección de datos, internautas, empresas, servidores e infraestruturas en xeral. A visión máis empresarial da cuestión virá da man do Centro de Ciberseguridade Industrial, que celebra o día 20 de setembro, en Vigo, o seu primeiro encontro La Voz de la Industria. A cita será no Hotel Pazo Los Escudos. 

Na sesión, encamiñada á industria galega, presentaranse os resultados preliminares do estudo sobre a ciberseguridade na industria de Galicia. Ademais, no que atinxe ao programa de participantes, estará presente un amplo equipo profesional de expertos en protección tecnolóxica, amais de representantes dalgunhas das principais empresas con actividade no mercado estatal e internacional, en palabras da organización da xornada, “os principais actores do mercado da ciberseguridade industrial”. Máis en detalle, participan Innotec System, S12Sec, Palo Alto Networks, Cisco, Dimension Data, Eulen ou Intermark. A sesión incluirá tamén a participación da axencia galega AMTEGA, que dará a coñecer algunhas iniciativas en ciberseguridade que se están a impulsar na actualidade. Para consultar máis información e facer o rexistro de asistencia cómpre visitar a páxina web do Centro de Ciberseguridade Industrial.

22/08/201812:38
Cartel da iniciativa.
Fene

O Concello de Fene e INICE colaboran na posta en marcha dos Obradoiros de Inicio ás Novas Tecnoloxías, dirixidos fundamentalmente a mulleres

  • O Centro Municipal de Servizos Sociais albergará unha reunión informativa o día 28 para dar conta do programa, contidos e datas previstas de inicio das accións

O Concello de Fene e o Instituto de Investigacións Científicas e Ecolóxicas (I.N.I.C.E.) colaboran na posta en marcha dunha serie de Obradoiros de Inicio ás Novas Tecnoloxías, gratuítos e dirixidos principalmente ás mulleres. Tras a apertura do prazo de inscrición, as persoas interesadas nestas accións formativas, para as que quedan prazas vacantes, están convocadas a unha reunión informativa na que se explicará o programa, contidos e datas previstas de inicio de cada unha das actividades. Esa reunión terá lugar o martes, 28 de agosto, ás 10 horas, no Centro Municipal de Servizos Sociais (Avenida do Mar, bloque 1, baixo, San Valentín).

Os obradoiros, que se impartirán na Aula de Informática do Concello (Avenida de Naturais, 44-entresollado), son os seguintes:

  • Toma de contacto co computador (de 12 horas de duración: celebrarase do 3 ó 12 de setembro en horario de 10:00 a 11:30 h);
  • Manexo do correo electrónico (12 horas de duración do 3 ó 12 de setembro de 11:30 a 13:00 h);
  • Internet: búsquedas e descargas (15 horas do 13 ó 26 de setembro de 10:30 a 11:30 h);
  • Coñecendo Google Maps (9 horas do 13 ó 20 de setembro de 11:30 a 13:00 h):
  • Iniciación ás redes sociais (9 horas do 21 ó 28 de setembro de 11:30 a 13:00 h).

Estas actividades a favor da igualdade pretenden incidir na formación e mellor incorporación da muller á sociedade e que estea presente nos novos sectores de emprego.

Para mais información e inscricións pódese contactar con INICE no teléfono 646385736. 

22/08/201808:37
Innovación dixital.
Santiago de Compostela

A Xunta abre o proceso de consultas para definir a futura convocatoria para crear Hubs de innovación dixital

  • A Axencia Galega de Innovación (GAIN) vén de publicar no Diario Oficial de Galicia unha resolución para que os axentes do Sistema Galego de Innovación expresen o seu interese en impulsar un Hub de Innovación Dixital
  • O obxectivo deste anuncio é recabar suficiente información para definir a futura convocatoria de axudas, así como fomentar a colaboración entre os diversos axentes para a presentación de propostas coordinadas
  • Os Hubs de Innovación Dixital son un novo instrumento, impulsado pola Xunta no marco do Plan Galicia Innova 2020, que, a través dun modelo de colaboración público-privado, agrupan todos os axentes do ecosistema de I+D+i co obxectivo de mellorar a competitividade da economía galega

 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar o anuncio polo que se invita aos axentes do Sistema Galego de Innovación a que expresen o seu interese en acceder a unha liña de axudas para a posta en marcha de Hubs de Innovación Dixital.

Trátase dun novo instrumento previsto no Plan Galicia Innova 2020, en coherencia coas orientacións da Comisión Europea no ámbito da dixitalización e especialización intelixente, que agrupan os distintos axentes do sistema de I+D+i baixo un modelo de colaboración público-privado aberto co obxectivo de aumentar a competitividade das empresas galegas a través das tecnoloxías dixitais e, por extensión, a competitividade da economía galega.

O obxectivo desta consulta é dispor de suficiente información para a definición da futura convocatoria de axudas dirixida á posta en marcha de Hubs de Innovación Dixital en Galicia, así como fomentar a colaboración entre os diversos axentes para a presentación de propostas coordinadas que conten co respaldo empresarial e o consenso necesario para garantir a súa eficacia e eficiencia.

As propostas ou manifestacións de interese, previas á convocatoria, deberán incluír, entre outros aspectos, unha descrición da visión e das actividades preparatorias para a posta en marcha do Hub de Innovación Dixital, así como demostrar a capacidade do consorcio para recibir o apoio da Xunta e un enfoque tecnolóxico que implique de forma prioritaria tecnoloxías cun alto potencial para a industria. O prazo de presentación remata o 17 de setembro.

A partir da recollida destas manifestacións de interese, a Xunta prevé lanzar unha convocatoria de axudas en concorrencia competitiva para apoiar a posta en marcha de Hubs de Innovación Dixital en Galicia. Posteriormente, contémplanse dúas fases máis no seu desenvolvemento: o inicio dos Hubs, en 2019, coa posta en marcha da gobernanza e operacións, que se irá complementando coa oferta de servizos e as primeiras prestacións; e a fase operacional, a partir de decembro de 2019.

22/08/201808:29
Man dunha persoa maior sobre un teclado.
Ourense

A Universidade Popular de Ourense fará fincapé no ensino TIC para maiores

Universidade Popular de Ourense, impulsada polo Concello, vai fornecer á cidadanía de 78 iniciativas formativas ao longo do seguinte curso. Entre os puntos fortes da nova oferta educativa para o ano vindeiro, salienta sen dúbida o amplo abano temático da mesma. Haberá obradoiros de adestramento persoal, debuxo, creación de bixutería, fotografía, xestión económica para PEME (a cargo do Grupo Formativo Auria e Seoane), prevención de violencia de xénero (a cargo de COGAMI) ou, tamén, tecnoloxías para os maiores. 

Polo que respecta a estas últimas, as ferramentas dixitais, achegaranse actividades para familiarizar aos maiores coas mesmas e conseguir que poidan tirarlles proveito no seu día a día, favorecendo tamén o envellecemento activo. Estas accións virán da man do grupo Pacios Ramón Informática e Información. Os obradoiros, dous deles online e os demais presenciais, serán de Word e Excel nivel profesional, factura electrónica e certificados dixitais e o novo regulamento de protección de datos (recursos, obrigas e dereitos que deben ter en conta as empresas, os autónomos e tamén os cidadáns en xeral). Amais do devandito, Alba Adá Lameiras tamén impartirá un obradoiro sobre xestión de perfís persoais nas redes sociais.

22/08/201808:21
Muller diante dun ordenador.
Santiago de Compostela

A Xunta impulsa 23 obradoiros de emprego para menores de 30 anos nos que participarán máis de 350 alumnos de 57 concellos

  • A Consellería de Economía, Emprego e Industria busca con este programa específico, que inclúe formación e un contrato, favorecer a empregabilidade de mozos e mozas inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil
  • Os apoios que se veñen de conceder, que suman preto de 3,4 millóns de euros, permitirán desenvolver iniciativas centradas na informática e as TIC, o deseño gráfico, a hostelería e o turismo, a carpintería, o forestal, a xardinería, ou o ámbito sociosanitario
  • A iniciativa complementa aos novos obradoiros duais, cos que a Xunta prevé incrementar as oportunidades laborais de 2000 persoas desempregadas

 

A Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa un total de 23 obradoiros de emprego específicos para menores de 30 anos nos que participarán un total de 352 alumnos de 57 concellos galegos. Os apoios que se veñen de conceder, que suman preto de 3,4 millóns de euros, permitirán desenvolver iniciativas centradas en especialidades de ámbitos como a informática e as tecnoloxías da información e a comunicación (TIC); o deseño gráfico; a hostelería e o turismo; a carpintería; o forestal; a xardinería; ou o sociosanitario; e diferentes materias relacionadas coa construción e a industria, entre outros. Estes programas combinan a formación coa realización dun traballo específico, cun contrato de aprendizaxe durante 9 meses.

Son beneficiarios da iniciativa que se vén de resolver, destinada a persoas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, as administracións locais (con prioridade para os Concellos Emprendedores), as asociacións de entidades locais e as mancomunidades.

En concreto, na provincia da Coruña desenvolveranse un total de 10 obradoiros que contarán con 146 alumnos, impulsados de xeito individual polos concellos das Pontes, Boiro, Carballo, Ferrol, Betanzos e Rianxo; así como polas agrupacións formadas por: Fene, Ares, Cabanas, Neda e Mugardos; Santa Comba, A Baña, Negreira e Val do Dubra; Santiago de Compostela e Teo; e Rois, Dodro e Padrón.

No tocante á provincia de Lugo, a Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia dous obradoiros, promovidos polos concellos de Ribadeo e Lugo e nos que participarán un total de 32 alumnos.

En Ourense serán 47 persoas desempregadas as que se beneficien das iniciativas impulsadas pola agrupación formada polos concellos de Ribadavia, Carballeda de Avia e Castrelo de Miño; a Mancomunidade Voluntaria de Concellos da Comarca de Ourense, e a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín.

Na provincia de Pontevedra desenvolverán obradoiros de emprego específicos para menores de 30 anos os concellos de Vilagarcía de Arousa, Cambados, Vigo, O Porriño, Moaña, Redondela, e Mos, ademais da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo. Serán un total de 127 as persoas beneficiarias.

Estes programas compleméntanse cos novos obradoiros duais de emprego, cos que a Xunta prevé incrementar as oportunidades laborais de 2000 persoas desempregadas, cunha achega de preto de 30 millóns de euros. O obxectivo é poñer en marcha 100 obradoiros duais, que combinarán un contrato de formación e aprendizaxe durante 9 meses e, como principal novidade, a contratación en prácticas de, como mínimo, tres meses máis nunha empresa emprazada no ámbito territorial onde teña lugar o obradoiro, e sempre que o traballo estea vinculado coas materias que se impartan no programa.

Tanto os obradoiros duais como os espefícicos para menores de 30 anos combinan a formación co desenvolvemento dun traballo efectivo, xa que as persoas beneficiarias disporán dun contrato de traballo e percibirán un salario durante a súa participación nesta actividade. Ademais, os alumnos e alumnas recibirán, ao remate da formación, un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.

Con estes programas búscase mellorar a empregabilidade dos seus participantes ofrecéndolles unha formación para o emprego teórico-práctica de calidade da man de especialistas; a realización de actuacións de mellora das dotacións públicas ou de uso público no ámbito local, así como a prestación de servizos de interese xeral e social; e o impulso da colaboración institucional entre a Xunta e as entidades locais.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS