main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

27/08/201808:16
Participantes nos obradoiros.
Fisterra

Fisterra formou en creatividade TIC a 75 rapazas e rapaces

Concello de Fisterra quere fomentar a creatividade tecnolóxica entre a rapazada local: a formación TIC que non se limita simplemente a formar. Este 23 de agosto, sen ir máis lonxe, o Concello celebrou o acto de clausura dos obradoiros de informática e creación de aplicacións para dispositivos móbiles dirixidos a nenas e nenos de idades comprendidas entre os 4 e os 17 anos. Os cursos desenvolvéronse nos meses de xullo e agosto deste verán e neles participaron 75 rapazas e rapaces.

O acto desenvolveuse no salón de actos do consistorio. A entrega de diplomas foi cometido da concelleira de Cultura, Educación e TIC, Teresa Fernández Martínez e, máis do tenente de alcalde Xan Carlos Sar Oliveira.

Como dixemos, nas actividades formativas participaron un total de 75 nenos e adolescentes, que puideron entrar en contacto directo coas principais vantaxes das novas ferramentas dixitais e, tamén, cos recursos e metodoloxías máis indicados para crear eles mesmos estas ferramentas dixitais. Tamén se achegaron á realidade da edición de videos, música, retoque dixital, linguaxes de programación e aplicacións web.

24/08/201808:36
Robot Lego.
Arteixo

Arteixo acolle este venres unha xornada de construción robótica a prol do medio ambiente

Este 24 de agosto, a partir das 10:00 horas, temos unha cita en Arteixo coa robótica, o respecto polo medio ambiente e a sustentabilidade. Trátase dunha xornada de construción masiva de enxeños de Lego Education que ten o obxectivo de “estender os valores e obxectivos de sensibilización medio ambiental”, facendo fincapé, por suposto, nas novas xeracións. A cita cos enxeños tecnolóxicos e a ecoloxía será na praza do Balneario de Arteixo

Esta iniciativa enmárcase dentro do programa Planeta Limpo, que é un programa integral, promovido pola Fundación Prosegur, que busca sensibilizar e concienciar á sociedade da importancia da conservar a natureza e a diversidade, o impacto e a necesidade da correcta xestión dos residuos. Segundo informa o Concello de Arteixo, é un programa innovador que, na súa terceira edición, desenvólvese na provincia da Coruña.

Esta convocatoria artéllase nunha primeira etapa, que se desenvolveu en 10 colexios da nosa terra (entre abril e maio de 2018) a través de obradoiros nas aulas, onde 1.880 alumnos e alumnas de entre 8 e 12 anos levaron a cabo misións medioambientais coa axuda de robots LEGO Education. A segunda fase veu xusto despois, cunha serie de desafíos medio ambientais para resolver en rede e rematando cunha serie de actividades lúdicas no verán abertas ao público. Nesta última fase do programa estanse levando a cabo obradoiros ecolóxicos na praza do Balneario (onde participan activamente as persoas inscritas na quinta quenda do campamento educativo) e máis a devandita xornada de construción masiva que se celebra mañá. Esta quedada, unha actividade de fluxo continuo e aberta ao público, pretende afianzar o respecto polo medio mediante a materialización colectiva dun modelo conxunto construído entre todos os participantes. A dinámica levarase a cabo nunha única xornada tamén con material e facilitadores LEGO Education.

23/08/201809:15
Un home maior utiliza unhas lentes de realidade virtual.
Madrid

Proxectos para alcanzar unha sociedade dixital máis xusta e accesible

  • Todos os anos varios proxectos interesantísimos logran avanzar grazas á axuda da Fundación Vodafone e o seu programa de Proxectos de Transformación Dixital.
  • Todos estes proxectos teñen un obxectivo común, lograr unha sociedade dixital máis xusta e accesible para todos.

 

Tecnoloxía pensada para todas as persoas, en especial para persoas con discapacidade que aínda sofren, en moitos casos, enormes barreiras para acceder aos dispositivos que poden supoñer unha mellora da súa calidade de vida.

Estes proxectos enmárcanse dentro da comunidade "Conectados pola Accesibilidade" que ata este pasado luns mantivo aberto o prazo de recepción de candidaturas para participar no programa de 2018.

Aínda teremos que esperar para saber cales son os proxectos seleccionados, pero seguro que son interesantes como os dos últimos anos e, sobre todo, útiles no obxectivo de achegar a tecnoloxía a persoas con discapacidade.

Esta convocatoria conta cunha dotación total de 225.000 euros, que se dividen nun máximo de 15 proxectos. Cada un pode obter unha axuda de ata 15.000 euros para desenvolver o proxecto.

Este programa é unha cita anual indispensable para coñecer novas ideas e propostas tecnolóxicas que axuden a todas as persoas.

23/08/201808:19
Nenos nunha aula da Tecnópole.
Ourense

A Tecnópole dá unha viraxe á súa formación para escolares con STEAM Kids

A Tecnópole de Ourense (o Parque Tecnolóxico de Galicia) aproveitou este mes de agosto, preludio do ano académico, para presentar a súa nova estratexia formativa para os de menores idades: a estratexia STEAM Kids Tecnópole. Trátase dunha fórmula que, como se indica no seu nome, apóiase en cinco piares: os ámbitos da ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría, a arte e as matemáticas (disciplinas que constitúen o acrónimo inglés STEAM). A maiores, engádese outro ámbito fundamental: o da nosa comunidade escolar (nenas e nenos de entre 8 e 11 anos). Entre un e outro eido, a Tecnópole quere achegar a súa experiencia e fomentar ao máximo a interactividade e a participación activa. 

A idea básica é facer que a rapazada participe unha vez á semana no programa de habilidades de innovación de Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole. O prazo de inscrición abre o 1 de setembro cunha cota limitada de 24 asistentes. Baixo o nome STEAM Kids Tecnópole, esta nova proposta substitúe as anteriores Aulas Robótica para, en palabras do parque tecnolóxico, ofrecer aos máis novos “unha aproximación innovadora ao mundo da ciencia e a tecnoloxía dende unha óptica artística e creativa”. Respecto do acrónimo que lle dá nome á iniciativa (compendio de Science, Technology, Engineering, Arts and Mathematics), a Tecnópole lembra que a idea é centrarse nestas aprendizaxes para “ensinar ao alumnado a pensar de forma crítica e aproximarse á enxeñería ou ao deseño dunha maneira realista mentres constrúen as súas habilidades matemáticas e científicas”.

A organización tamén fai saber que os escolares, nas accións previstas, levarán a cabo pequenas investigacións, construirán robots programables, aprenderán a programar, farán voar drons, deseñarán instalacións artísticas de alicerce tecnolóxico, superarán retos interdisciplinares e descubrirán a maxia das matemáticas. O referente inspirador da Tecnópole para esta nova proposta son entidades que apostan por innovar na educación tales como o Tinkering Studio do Exploratorium de San Francisco, que segundo lembra o parque tecnolóxico propón “potenciar o desenvolvemento intelectual e humano dos máis novos a través de actividades que combinan diferentes disciplinas”. A maiores, para mozas e mozos de 12 a 18 anos, o programa de habilidades innovadoras de escolares de Parque Tecnolóxico de Galicia complétase un curso máis coas Aulas Tecnópole, que este ano alcanzan a súa novena edición. Dende outubro ata maio, cada xoves pola tarde acollerán un grupo formado por un máximo de 45 alumnos e alumnas. Os seus ámbitos de traballo estarán abertos a todas as áreas do coñecemento, dende as novas tecnoloxías ata as ciencias ou as humanidades. Os participantes no curso terán ocasión de presentar os seus proxectos en Galiciencia.

23/08/201808:11
Home sentado diante dun portátil.
Santiago de Compostela

Red.es e a AMTEGA presentarán ás nosas PEME o programa de axudas Asesores Dixitais

Impulsar a dixitalización e a implantación de infraestruturas tecnolóxicas nas pequenas e medianas e empresas e no día a día dos autónomos. Este é o gran obxectivo do programa de axudas Asesores Dixitais, impulsado polo Ministerio de Economía e Empresa a través da Secretaría de Estado para o Avance Dixital. Co obxectivo de mostrar a súa actividade actual e achegar información sobre as súas posibilidades para o noso tecido produtivo, a entidade público-empresarial Red.es, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), vai celebrar o vindeiro 27 de setembro unha xornada informativa

A cita será ás 16.00 horas nas instalacións do Centro Demostrador TIC en Santiago e está dirixida ás PEME ou autónomos que queiran acometer unha transformación dixital do seu negocio. Nesta xornada exporanse os aspectos claves da iniciativa e haberá unha quenda de preguntas para resolver as dúbidas que poidan xurdir ao público asistente. Para quen non o saiba, Asesores Dixitais é unha iniciativa impulsada por Red.es e co-financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). A actual convocatoria inclúe até 5.000 euros de axuda por PEME para recibiren un asesoramento individualizado e facilitar o proceso de transformación dixital da súa actividade.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS