main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

28/08/201808:46
Dous mozos suxeitan senllos mandos da Xbox One diante dun televisor.
Santiago de Compostela

Unha alianza entre dúas empresas que apostan pola accesibilidade

A alianza comercial que Samsung e Xbox manteñen en Estados Unidos chegará a Europa en breve para unir a distribución e o márketing das videoconsolas de Microsoft e as televisións de Samsung.

Esta é unha gran noticia xa que as consolas Xbox e os últimos modelos de televisores de Samsung prestaron especial atención á accesibilidade, de maneira que a súa combinación é unha opción moi interesante para as persoas con discapacidade e as persoas maiores que queiran gozar dos videoxogos.

No caso da Xbox xa falamos de distintas opcións que incorpora como a do copiloto, que permite manexar con dous mandos o que normalmente se fai cun, facilitando así que unha persoa cunha discapacidade física poida gozar desta tecnoloxía coa axuda doutro usuario.

No caso dos televisores de Samsung, son múltiples as posibilidades de accesibilidade que foron incorporando, como manexar os dispositivos coa voz.

Por esta razón, a combinación de ambas as compañías ofrecerá unha das mellores opcións para as persoas con discapacidade e maiores ás que lles gusten os videoxogos.

27/08/201810:58
Unha muller maior utiliza un teléfono móbil.
Santiago de Compostela

Un manual para axudar a persoas maiores a utilizar o seu smartphone

Para moitas persoas maiores, e tamén para persoas con discapacidade, o uso da nova tecnoloxía pode chegar a ser moi complicado, polo que necesitan unha axuda que saiba explicar paso a paso como utilizar os diferentes dispositivos, como os teléfonos móbiles intelixentes.

En moitos casos, estes usuarios atópanse máis cómodos utilizando teléfonos de teclas, pero o problema é que cada vez é máis difícil atopar este tipo de terminais e, ademais, en moitos casos teñen limitadas as funcionalidades dun smartphone.

Por esta razón, o ideal é que aprendan a utilizar os teléfonos táctiles, xa que está claro que é o camiño polo que avanza a tecnoloxía, non só nos smartphones senón en todo tipo de dispositivos.

Para axudar nesta aprendizaxe, a Fundación Vodafone presentou hai uns anos unha guía dirixida especialmente a persoas maiores, e tamén a persoas con discapacidade, na que explica paso a paso como utilizar as principais funcións dos smartphones, desde como acendelos ata como navegar por Internet.

Ademais, a guía, que está dispoñible nesta ligazón, incorpora un catálogo de aplicacións que poden ser útiles para estes usuarios que inclúe un código QR para a súa descarga.

Xunto a esta guía, a Fundación Vodafone elaborou en colaboración coa CNSE un curso a base de vídeos para que persoas maiores aprendesen a utilizar os smartphones. De maneira que a combinación das dúas opcións pode ser unha gran axuda.

O único problema desta guía é que se centra en terminais Android e nun modelo de hai uns anos, polo que sería ideal que a fundación puidese actualizalo a novos modelos. Con todo, ata que chegue esa actualización, a guía segue sendo moi útil para iniciarse no uso dun smartphone.

27/08/201810:50
Persoas maiores usuarias do centro sociocomunitario de Maceda.
Maceda

A Xunta anima ás persoas maiores de Maceda a mellorar a súa calidade de vida a través dun envellecemento activo coa organización de actividades no centro sociocomunitario

  • A delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, visitou o venres este servizo e coñeceu o seu programa de actividades de formación e animación sociocultural
  • Durante o verán desenvolvéronse cursos de novas tecnoloxías, manualidades, relaxación, tramitación electrónica co emprego do certificado dixital e benestar e saúde
  • A Consellería de Política Social conta con 11 centros desta tipoloxía na provincia de Ourense

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, desprazouse o venres ata o centro sociocomunitario de Maceda co obxectivo de coñecer de primeira man as instalacións e actividades que alí se desenvolven. Durante os meses de verán este centro acolleu varios cursos dirixidos non só aos maiores da comarca senón tamén á poboación infantil, contribuíndo ao intercambio interxeracional.

Durante a visita, Díaz Mouteira, que estivo acompañada pola xefa territorial da Consellería de Política Social, María José Fernández Laso, destacou que a administración autonómica considera prioritaria a integración das persoas maiores e que por esta razón a Xunta de Galicia aposta por centros coma o que visitou, espazos nos que as persoas maiores poden convivir e socializar entre eles, ao mesmo tempo que se manteñen activos a través das diferentes actividades que levan a cabo nas instalacións. E, ao fío, a delegada territorial lembrou que o pasado mes de xuño, a Consellería de Política Social habilitaba un crédito adicional de 75.000 euros para reforzar a oferta formativa e de ocio dos 11 centros sociocomunitarios emprazados na provincia ourensá. Unha achega que para o caso concreto do centro de Maceda permitiu que durante os meses de verán se levaran a cabo cursos de novas tecnoloxías, de manualidades, de relaxación e benestar, e mesmo de tramitación administrativa co emprego do certificado dixital.

Na actualidade e ata setembro, se está a desenvolver a actividade que leva por nome “A diversión non ten idade” co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos usuarios participantes favorecendo un envellecemento activo e inclusivo na sociedade, a través de actividade física, exercicios de psicomotricidade, xogos tradicionais e saídas ao aire libre.

Os centros sociocomunitarios son centros de carácter polivalente, abertos a toda a pobación, dotados de recursos humanos, materiais e financeiros, nos que se fomenta o desenvolvemento de actividades de formación e animación sociocultural dirixidas a propiciar a interrelación entre os distintos sectores de toda a poboación, cunha especial dedicación ás acción relacionadas coa prevención da dependencia e coa autonomía persoal.

A provincia de Ourense conta con 11 centros sociocomunitarios: Ourense centro, Pontepelamios (Ourense), Ribadavia, Maceda, Xinzo da Limia, Viana do Bolo, O Barco de Valdeorras, Petín, Celanova, Carballiño e Verín.

27/08/201810:43
Home traballando nun escritorio.
Santiago de Compostela

A Xunta promove a captación de talento coa incorporación de 110 profesionais menores de 35 anos en 59 entidades galegas

  • O programa Principia mobiliza 3,4 millóns de euros nesta terceira edición na que o 90% dos contratos son indefinidos e na que será a primeira experiencia laboral para o 36% dos seleccionados
  • A través das tres primeiras convocatorias da iniciativa foron contratados 372 profesionais menores de 35 anos, apoiouse a 158 entidades e acadouse unha mobilización de 11,7M€
  • A Consellería de Economía, Emprego e Industria busca reforzar a inserción de profesionais cualificados no tecido produtivo galego
  • Enmárcase dentro da Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3) e de iniciativas como os contratos-programa cos centros tecnolóxicos e as fundacións sanitarias, as Unidades Mixtas de Investigación e o programa Oportunius

 

A Xunta vén de resolver a terceira convocatoria do programa Principia que permitirá a contratación de 110 mozos e mozas titulados en 59 entidades galegas. Trátase dunha iniciativa pioneira posta en marcha no ano 2016 para favorecer o mantemento do talento na Comunidade e o desenvolvemento da súa carreira profesional, así como estimular a demanda no sector público e privado de persoal suficientemente preparado para acometer proxectos vinculados á I+D+i.

Mediante estes contratos, que deberán ter unha duración mínima dun ano, o Goberno galego busca abrir unha porta ao mercado laboral a universitarios ou titulados de FPII con pouca experiencia, xa que o programa está focalizado nos mozos e mozas menores de 35 anos con menos de 36 meses empregados na súa categoría profesional.

Nesta terceira convocatoria -que conta cun investimento público de 1,1M€ que mobilizará 3,4- o 93% das entidades beneficiarias son empresas e o 90% dos contratos concedidos son indefinidos. Ademais, nove de cada dez dos traballadores recibirán máis de 60 horas de formación a cargo da empresa e o 36% dos técnicos seleccionados carece de experiencia laboral, o que confirma que este programa é unha boa ferramenta para impulsar a empregabilidade dos mozos e mozas titulados. A Coruña é a provincia onde se realizarán mais contratos, cun total de 50, seguida de Pontevedra, con 40, e Lugo e Ourense con 10 cada unha.

Búscase que lles sirva como anclaxe ao mercado laboral, de forma que sexan contratados polas empresas despois da finalización do programa, reforzando así a competitividade en materia de investigación do tecido empresarial galego. De feito, o 64% dos contratados nas dúas primeiras convocatorias non tiña experiencia laboral e a media de idade non chega aos 28 anos.

Consolídase así este programa pioneiro en Galicia que, desde a súa posta en marcha en 2016, e contando esta nova edición, concedeu axudas para a contratación de máis de 372 profesionais que se traduce nunha mobilización de 11,7 millóns de euros en 158 entidades. Unha iniciativa que trata, ademais, de incentivar a contratación feminina e fomentar as vocacións STEM entre as mulleres e que conseguiu que o 42% dos contratos foran femininos nas dúas primeiras edicións, alcanzando nesta última a práctica paridade laboral.

No marco da Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3), a Xunta continúa así a súa aposta pola captación e retención do mellor talento, como unha das ferramentas principais para aumentar a capacidade innovadora do tecido produtivo galego e con ela a competitividade da Comunidade, obxectivo recollido, tamén, no Plan Galicia Innova 2020.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), ten posto en marcha varios programas cun gran impacto na retención de talento en Galicia. Así, destacan iniciativas como os contratos-programa -que apoian aos centros tecnolóxicos e ás fundacións sanitarias-, as Unidades Mixtas de Investigación, ou o programa Oportunius, reforzando así a capacidade de innovación de Galicia e tendendo pontes entre os organismos públicos de investigación e o tecido empresarial. Proximamente sumarase, tamén, o novo programa Talento Senior. 

27/08/201808:25
Unha parella de persoas maiores utiliza dispositivos de fogares intelixentes.
Santiago de Compostela

A tecnoloxía no fogar que cambiará as nosas vidas dentro de 50 anos

É difícil imaxinar como será a tecnoloxía dentro dunha década, co que pensar como conviviremos con ela dentro de medio século antóllase unha quimera. Con todo, Intel presentou un estudo que pon os fogares intelixentes no centro desa evolución que deberá facilitar a vida de todos, especialmente a das persoas con discapacidade e persoas maiores.

No seu estudo, Intel preguntou a máis de 1.000 consumidores en Estados Unidos sobre como vían a evolución da tecnoloxía nos próximos 50 anos.

Un dos resultados máis rechamantes é que case tres de cada catro pais mostrábanse entusiasmados sobre as posibilidades dos fogares intelixentes, e máis da metade ve un aumento da tecnoloxía que temos nas nosas casas.

A tecnoloxía no fogar é clave para mellorar a autonomía de persoas con discapacidade e maiores, na que a intelixencia artificial deberá ter un papel clave.

Así, máis da metade dos enquisados por Intel confían en que a intelixencia artificial axudaralles a mellorar a súa calidade de vida automatizando tarefas diarias e predicindo as súas necesidades, gustos e costumes.

Ata tal punto é a confianza dos consumidores no futuro dos fogares conectados que, pensando en dentro de 50 anos, sitúan a súa importancia ao mesmo nivel que a dos computadores persoais e case á altura dos teléfonos intelixentes.

Sen dúbida, a tecnoloxía no fogar e a intelixencia artificial son dúas dos alicerces que deben cimentar unha gran revolución que mellore a calidade de vida e a autonomía das persoas con discapacidade.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS