
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Este 1 de setembro celébrase un dos grandes acontecementos en materia de software libre do eido hispano falante: o Maratón Linuxero. Trátase dunha iniciativa posta en marcha por seareiros de programas libres, por unha banda, e á emisión de podcast, pola outra. Da conxunción entre ambas tecnoloxías xurdiu o maratón, que ten moito de radio colectiva e ininterrompida sobre tecnoloxías sen cancelas. A edición deste sábado será unha edición especial, xa que se conmemora o ano de vida da iniciativa e faise, entre outras cousas, cunha emisión sen cortes de 14 horas de duración.
A convocatoria conmemorativa do 1 de setembro comezará ás 13:00 horas do horario peninsular, xuntando unha chea de representantes e seareiros do mundo do software libre para dar conta dos máis diversos asuntos, como por exemplo os titoriais e a divulgación arredor das vantaxes e utilidades deste tipo de programas ou as distribucións e proxectos de software libre máis innovadoras e de meirande proxección. Segundo lembra Mancomún, a listaxe completa cos horarios en UTC está na páxina web do evento, aínda que o acontecemento se retransmite en directo, tamén se poderá escoitar en diferido.
Respecto da edición do ano pasado, os responsables da quedada salientan os bos números acadados: 10 horas de emisión en “rigoroso directo”, sorteos patrocinados por empresas de primeira liña, ducias de podcasters participando, catro emisoras de radio online achegando comunicación de maneira simultánea, unha aplicación de Android creada para a ocasión, máis de 200 ouvintes en directo de media e case 5.000 reproducións en diferido.
Seguimos a dar conta de actividades tecnolóxicas para mulleres e dende as mulleres. Se os días pasados falamos da vertente feminina da acción divulgativa do Concello de Fene e máis da feira Pont-Up Store de Pontevedra, hoxe lembramos que a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo vai organizar este mes de setembro, en colaboración co Concello de Culleredo, un obradoiro para potenciar “o emprego e as competencias das mulleres no mundo das ferramentas dixitais”.
A actividade, que se acompaña do epígrafe Mulleres, Emprendemento e Novas Tecnoloxías da Información, impartirase a partir do día 3 do vindeiro mes no centro Amparo Prego Rubial (antiga escola unitaria) de Celas, en Culleredo.
O obxectivo da actividade é tirar abaixo muros e atrancos de empregabilidade entre as mulleres e o mercado laboral, e todo baixo a fórmula da formación en smartphones, tabletas e computadoras.
O obradoiro artellarase en tres grupos. Ao remataren a actividade, as participantes recibirán un diploma acreditativo. As interesadas poden chamar, para formalizar a inscrición ou solicitar datos a maiores, ao 981.669.541. Asemade, tamén poden facelo enviando un correo ao seguinte enderezo: info@marinasbetanzos.gal.
O Concello de Narón vén de informar de que xa está aberto o prazo de inscrición para participar en oito cursos CeMIT e máis un obradoiro xuvenil da axencia AMTEGA, a desenvolver en Xuvia. Esta información foi achegada pola concelleira de Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, quen lembrou que con cargo a financiamento íntegramente municipal destínanse neste último cuadrimestre do ano uns 7.000 euros ao Programa Municipal de Formación en Novas Tecnoloxías, que abrangue unha actividade de 2.100 horas ao ano.
Respecto dos oito devanditos cursos, son os seguintes: Busca de emprego en Internet; Internet e correo electrónico; Tratamento de textos; Follas de cálculo; Bases de datos; Presentacións gráficas; Iniciación á contabilidade e facturación e Presentacións dixitais eficaces. Hermida recordou que poderán asistir un máximo de doce persoas por curso.
O curso de Busca de emprego en Internet (48 horas) impartirase do 17 de setembro ao 2 de outubro; o de Internet e correo electrónico (30 horas) será do 3 ao 15 de outubro; o de Tratamento de textos (50 horas) do 16 de outubro ao 2 de novembro: o de Follas de cálculo (50 horas) do 5 ao 21 de novembro; o de Bases de datos (40 horas) do 22 de novembro ao 7 de decembro, e o de Presentacións gráficas(30 horas) do 10 ao 19 de decembro. Os citados cursos desenvolveranse en horario de mañá, entre as 9.30 e as 13.30, se ben pola tarde, de 16.00 a 20.00 serán os de Iniciación á contabilidade e facturación(200 horas) do 17 de setembro ao 28 de novembro, e Presentacións dixitais eficaces (48 horas), do 29 de novembro ao 17 de decembro.
Segundo informou a edil, as persoas que desexen anotarse nas ditas actividades deberán darse de alta na web CeMIT para acceder logo ao espazo propio da aula de Narón, onde poderán ver tódalas iniciativas formativas que se desenvolverán no centro localizado en Xuvia e reservar praza.
Hermida tamén recordou que a partir do vindeiro luns, 3 de setembro, reabrirase a Aula CeMIT de Xuvia –de 11.30 a 13.30 horas- co que “tamén se poderá solicitar nas instalacións axuda para realizar os trámites oportunos para solicitar os citados cursos”.
A través deste mesmo sistema, apuntou a edil de Novas Tecnoloxías, poderase solicitar a participación no obradoiro xuvenil Crea o teu personaxe de videoxogo ou película, impulsado a través de AMTEGA. A convocatoria, que se dirixe a rapazas e rapaces de 14 a 18 anos, celebrarase o 14 de setembro en horario de tarde, de 15.00 a 21.00 e a participación está limitada a un máximo de quince persoas.
San Sadurniño volve estar, nesta recta final do verán, no centro da actividade da dinamización socio-rural galega a través das novas tecnoloxías. O motivo? A celebración do encontro audiovisual creativo e participativo Chanfaina Lab, que arrinca (a quinta edición) este venres, 31 de agosto, logo de catro anos desenvolvéndose como foro creativo de obras de ficción, documentais e creación experimental. Na cita 2018-2019 participarán 32 realizadoras e realizadores.
Segundo informa o Concello, entre as persoas participantes atoparemos “figuras destacadas ou cunha longa traxectoria fílmica”, compartindo escenarios con valores emerxentes e persoas sen experiencia previa “pero coa mesma arela de contar e experimentar coa imaxe”. Unha vez máis, os requirimentos serán a liberdade creativa total, a brevidade (os contidos non deberán ir alén dos 5 minutos) e o carácter local das pezas (o protagonista será novamente San Sadurniño e as súas xentes e historias).
Amais da vertente creativa, o Chanfaina Lab volve brindar obradoiros abertos ao público e proxeccións (venres e sábado). Por exemplo (de balde e na Casa da Cultura) a do filme Dhogs, de Andrés Goteira, comentado polo propio director, que participará no encontro (esta finde) con outras dúas ducias de seareiras e seareiros do novo cinema e dos contidos dixitais: Aser Álvarez, Margarita Ledo, Abel Vega, as youtubeiras de Teño unha horta en San Sadurniño (Carmen Bouza, Carmen Couce, Cruz Piñón, Consuelo Picos e Lucía Pita), Adrián Canoura, Ángela Arnosa, Javier Seoane, Kevin Lorenzo, Bieito Beceiro, Catalina Rodríguez, Cibrán Tenreiro, Helena Girón, Fran Bermúdez, Iago Lourido, Irene Beceiro, Lucía Estevez, Mar Catarina, o triunvirato The Sun Girls (Mónica Cibreiro, Graciela Galdo e Olga López), Natalia Fernández, Pablo Martínez, Rubén Domínguez, Samuel M. Delgado, Sebastián Rodríguez, Simone Saibene e, planeando sobre todos eles, o fotógrafo Gabriel Tizón, quen segundo informa a organización das xornadas, “volverá roubar intres de todas as filmacións do sábado e do domingo”.
Todas as xeiras de divulgación e intercambio de propostas terán o seu arrinque na aula CeMIT de San Sadurniño, o venres ás 18.00 horas, onde se achegará unha introdución sobre o concello e as súas historias, de xeito que as creadoras e creadores poidan ir facéndose unha composición do lugar que será o escenario das súas curtas. Este labor correrá a cargo do profesor Manolo González, un dos ideólogos do Chanfaina, quen explicará como se vai desenvolver o encontro, ademais de facer de guía nunha rápida visita polo centro urbano de San Sadurniño e o paseo do Xubia.
Previamente, a actividade do Chanfaina comezará pola mañá cun obradoiro titulado Introdución ao son, a gravación e a interpretación do espazo sonoro local. Impartirao o experto Carlos Suárez na aula CeMIT entre as 10 e as 14.00h. e das 16 ás 18.00h. Este obradoiro iniciarase cunha charla e exercicios de escoita activa, que introducirán ás persoas participantes no mundo do son e da audición. Despois, mostrarase o uso de gravadoras e micrófonos para realizar rexistros sonoros de campo nos arredores da aula. Como remate farase unha posta en común dos sons gravados seguida dun coloquio sobre a conexión do material recollido coa identidade sonora local.
Despois do obradoiro e da recepción de participantes, a Casa da Cultura acollerá a partir das 20.30h. a Eira de Cineastas, que é unha proxección aberta ao público e gratuíta dunha escolma de pezas de todos os creadores e creadoras.
Cada vez son máis os sistemas de identificación que utilizan os teléfonos móbiles para mellorar a seguridade das aplicacións e facilitar o seu uso, algo que axuda a moitas persoas con discapacidade.
A última tecnoloxía que se está incorporando aos smartphones é o recoñecemento do iris, un sistema que reforza a seguridade e que permite identificar os usuarios cos ollos.
Esta opción é moi interesante, por exemplo, para persoas cunha discapacidade física que teñan dificultades para utilizar un detector de pegadas ou introducir códigos.
Un dos primeiros teléfonos en utilizar esta tecnoloxía son os Samsung Galaxy S9, que se uniron ao BBVA para incorporala á aplicación da entidade bancaria.
Desta forma, os usuarios que teñan o smartphone de Samsung e sexan clientes do banco, poderán acceder á aplicación utilizando o iris dos seus ollos, dunha maneira máis segura e, en moitos casos, máis cómoda.