
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Esta fin de semana pasada foi de moita actividade creativa no concello de San Sadurniño, co engadido extra de ser unha actividade sen cancelas, plenamente colaborativa. O motivo? A celebración da quinta edición do encontro de cineastas Chanfaina Lab. As xeiras destes días empregáronse basicamente a “captar a esencia da paisaxe, da xente e das súas historias”. Porén, as primeiras actividades tamén se centraron en mostrar os múltiples camiños creativos que nos ofrecen as novas ferramentas e canles tecnolóxicas, camiños para extraer o talento que todas e todos levamos dentro.
Entre os participantes destas sesións formativas figurou o músico e investigador sonoro ourensán Carlos Suárez, que comezou destacando a importancia do sentido do oído á hora de afrontar o deseño dos nosos contidos, un sentido que é “capaz de percibir espazos e ambientes en tres dimensións a pesar de dispoñermos só de dúas orellas, algo que a ciencia aínda non foi capaz de explicar”. Segundo lembrou, reivindicar o poder comunicativo, revelador e evocador dos sons foi un dos grandes obxectivos do proxecto Escoitar.org, nado en 2006 co cometido de elaborar de xeito colaborativo un mapa sonoro de Galicia. Aquela iniciativa (na que Carlos Suárez participou activamente) acabou morrendo dez anos despois por falla de apoios, aínda que sentou un precedente para propostas colectivas semellantes no resto do Estado e que se replica en outros proxectos por todo o mundo, como Aporee.org.
Segundo fixo saber o relator, as paisaxes sonoras están en todos os recantos das cidades e do rural, aínda que nos espazos urbanos son máis complicados de percibir por mor do ruído ambiental, mentres que no rural son moito máis doadas de “sentir e rexistrar con todos os seus matices”. Ademais, sinalou, igual que o paso do tempo “muda a percepción visual dos lugares, tamén o fai coa súa percepción sonora, por iso hai sons que hoxe podemos escoitar nun determinado lugar e que, se cadra, dentro duns anos sexa imposíbel saber deles”. Esta vontade de preservar é a que ten alentado proxectos como Escoitar.org e todas as plataformas de sons dixitalizados que viñeron despois.
No curso acelerado de Carlos Suárez inscribíronse 15 persoas, na súa maioría participantes á súa vez na parte de creación visual do Chanfaina Lab.
O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), organiza en setembro un curso especializado sobre a nova figura do Delegado de Protección de Datos, DPO.
O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), organiza en setembro un curso especializado sobre a nova figura do Delegado de Protección de Datos, DPO. O curso, de 20 horas de duración, terá lugar na Cidade da Cultura en dúas fins de semana consecutivas, os días 7, 8, 14 e 15 de setembro.
Impartido por profesionais do Centro de Formación de AENOR, os contidos do curso estarán centrados nos fundamentos e principios da nova regulamentación de Protección de Datos, nos dereitos das persoas interesadas, nas obrigas de responsables e encargados do tratamento de datos e nas medidas de seguridade, así como no estatuto da figura do DPO, nas autoridades de control e no réxime sancionador.
O curso vai ofrecer unha visión xeral da normativa europea de Protección de Datos, incidindo en aspectos prácticos para as entidades responsables do tratamento e aos seus prestadores de servizos. Entre outros obxectivos, o curso está deseñado para coñecer os principios básicos da nova normativa, cunha análise detallada das obrigas que afectan ás entidades públicas e privadas que tratan datos de carácter persoal; e afondar nas funcións do DPO, acadando o nivel de coñecemento preciso para poder levalas a cabo.
Esta formación vai dirixida a responsables de seguridade e cumprimento normativo, auditores internos ou externos que deban avaliar a observancia da normativa, consultores, avogados e, en xeral, a profesionais interesados en prestar servizos neste ámbito.
Oportunidade do curso
A formación impartida no curso está aliñada co esquema de certificación da Axencia Española de Protección de Datos e concibida para que calquera persoa que desexe certificarse como DPO poida facelo, aínda que non teña experiencia.
A organización deste curso responde á crecente demanda do novo perfil profesional do DPO, cuxa figura e funcións veñen determinadas no RGPD. Entre outras, ten a responsabilidade de informar e asesorar á empresa e aos empregados sobre as súas obrigas no tratamento dos datos, supervisar o seu cumprimento e actuar de interlocutor entre a empresa e as persoas propietarias dos datos, ao obxecto de que estas poidan exercer os seus dereitos.
De forma obrigatoria, deben incorporar a figura de DPO no seu organigrama as organizacións públicas, as empresas que realizan tratamento masivo de datos ou a gran escala, as que traten datos de especial protección, como poden ser datos xenéticos, relativos á saude, biométricos, etc. e as empresas que recollan características psicolóxicas e de comportamento das persoas.
O prezo do curso de DPO é de 600€, cunha bonificación do 50% para as persoas colexiadas e precolexiadas.
O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Amtega, vén publicar as gravacións últimas sesións de #DemosXWeb, nas que se expuxeron temas de actualidade como a nova Normativa Xeral de Protección de Datos (RXPD), as subvencións para mellorar o ERP na empresa e o uso profesional da aplicación de mensaxería Whatsapp.
• Na sección “En diferido” da páxina web do Centro Demostrador TIC pódense ver os vídeos das sesións retransmitidas e de algunhas presenciais.
• As últimas incorporacións a “En diferido” son as sesións #DemosXWeb con temáticas de actualidade como o RXPD, subvencións para mellorar o ERP ou uso profesional de Whatsapp
• A canle de Livestream do CDTIC suma xa 67 sesións gravadas dispoñibles de balde para todo o público
O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), vén publicar as gravacións últimas sesións de #DemosXWeb, nas que se expuxeron temas de actualidade como a nova Normativa Xeral de Protección de Datos (RXPD), as subvencións para mellorar o ERP na empresa e o uso profesional da aplicación de mensaxería Whatsapp. As sesións foron seguidas en directo por decenas de espectadores que ao final das mesmas puideron trasladar as súas dúbidas aos relatores nunha quenda de preguntas.
Para aquelas persoas interesadas que non poden conectarse en directo, o CDTIC ofrece na sección “En diferido” da súa páxina web (https://cdtic.xunta.gal/en-diferido), as gravacións de todas as actividades transmitidas por streaming para que podan ser reproducidas en calquera momento e desde calquera dispositivo (móbil, ordenador ou tableta), o que permite acceder ás actividades do CDTIC de forma máis flexible e adaptada as necesidades das empresas.
#DemosXWeb, acceso a solucións dixitais sen desprazamentos
Esta iniciativa consiste en sesións demostrativas dunha hora, que se retransmiten exclusivamente por streaming, onde provedores TIC galegos expoñen as características e beneficios no emprego de produtos ou servizos dixitais para optimizar os procesos internos das empresas, incrementar as vendas, mellorar a relación cos clientes, maximizar a produtividade ou mellorar a presenza da empresa en Internet ou nas redes sociais.
DemosXWeb, convértese ademais nun escaparate para aquelas empresas e profesionais do sector TIC galego que poden amosar as súas solucións a potenciais clientes ou usuarios das mesmas sen límite de prazas, como adoita ser habitual en actividades presenciais.
Actualmente na canle de Livestream do CDTIC atópanse xa 67 eventos que en total chegan ás 16.363 reproducións. Proximamente, a canle da Amtega en Youtube (https://www.youtube.com/user/imitxunta) recollerá estes recursos audiovisuais.
Próximos #DemosXWeb
As sesións de #DemosXWeb continuarán o vindeiro 20 de setembro baixo o título “Aproveita as vantaxes de Joomla para desenvolver as túas webs” (https://cdtic.xunta.gal/demosxweb-joomla), que será transmitida en horario de 09:30 a 10:15h. O segundo “#DemosXweb previsto, “Innovación aplicada á xestión enerxética: Solución CO2st-TEM” (https://cdtic.xunta.gal/co2st), celébrase o 28 de setembro no mesmo horario.
Para poder seguir as sesións por streaming, compre inscribirse na páxina web do CDTIC ou a través da súa aplicación dispoñible para plataformas Android e iOS.
Centro Demostrador TIC
O CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. Así, a través de distintos servizos e actividades, o CDTIC amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.
O avance da tecnoloxía nos últimos anos foi tan rápido que moitas persoas maiores víronse case na obriga de levar a cabo un verdadeiro proceso de aprendizaxe para comunicarse cos seus seres queridos.
Con todo, este proceso, que en moitos casos é complicado debido á escasa adaptación dos dispositivos tecnolóxicos ás necesidades das persoas maiores, vai dando os seus froitos e xa logrou que preto da metade das persoas maiores dos principais países europeos sexan usuarios de WhatsApp.
Como ocorre con persoas que teñen unha discapacidade, moitas persoas maiores necesitan certas axudas para utilizar un smartphone ou unha tableta, xa sexa para facilitar ver o texto nas pantallas ou para simplificar o seu uso.
Aínda queda moito por avanzar neste campo, pero una das poucas empresas especializadas en desenvolver móbiles para estas persoas, Doro, presentou un estudo no que mostra o crecente interese das persoas maiores pola tecnoloxía.
En concreto, o informe afirma que en Alemaña, Francia, Italia, Reino Unido e Suecia, que son os países que participaron no estudo, máis de dous terzos das persoas maiores están interesadas na tecnoloxía, pero que, máis aló dos teléfonos móbiles e computadores, son moi poucos os que foron incorporando axudas para mellorar a súa calidade de vida.
Así, a práctica totalidade dos enquisados (o 94%) asegura que quere vivir na súa casa o maior tempo posible, con todo só un de cada dez inviste en tecnoloxía que lle podería axudar a lograr ese obxectivo.
Por esta razón é fundamental avanzar na adaptación da tecnoloxía ás necesidades de cada persoa e na divulgación das opcións que as persoas maiores, e tamén as persoas con discapacidade, teñen para poder mellorar a súa calidade de vida.
A asociación galega de software libre Galpon vainos brindar unha oportunidade para formarnos en mapas libres, traballar neles e tirarlles o máximo rendemento no noso quefacer diario (de feito, a actividade está dirixida a impulsar os nosos recursos en materia de desenvolvemento web). O obradoiro, que se organiza en colaboración coa axencia AMTEGA (ao abeiro do convenio que a axencia ten coas nosas entidades e asociacións de free software), artellarase en dúas edicións, co fin de abranguer a máxima cantidade de destinatarias e destinatarios.
O obxectivo concreto de Galpon é difundir ferramentas web libres como Leaflet e OpenLayers e achegarnos conceptos e metodoloxías de utilidade para integrarmos un mapa libre nunha páxina web partindo de cero. A actividade será impartida por Micho García e Francisco Puga. Cada un dos obradoiros terá un aforo máximo de 20 persoas. A primeira edición celebrarase o sábado 22 de setembro e a segunda será o 13 de outubro, ambas no local de A Industriosa en Vigo de 10:00 a 18:30, o acceso será de balde e con inscrición, que se pode realizar dende a páxina específica habilitada por Galpon.