
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Quizais xa coñecías freeCodeCamp ou quizais non, en calquera caso xa contaramos antes que se trata dunha excelente plataforma na que podes aprender a programar gratis e ademais gañar experiencia escribindo código para organizacións sen fins de lucro.
Sempre ofreceron tres tipos de certificados para os que debes investir unha boa cantidade de horas (1200 aproximadamente), pero se os obtés estarías sumamente preto de obter un bo posto de traballo como desenvolvedror, pois é a historia de máis de 8.000 estudantes da plataforma. E agora, ampliaron o currículo con 1400 leccións e seis novas certificacións.
E por suposto, todo continúa sendo totalmente gratuíto. Ás xa existentes certificacións en desenvolvemento front end, back end e visualización de datos engadíronse seis máis:
Para obter calquera das certificacións deberás completar cinco proxectos. Tamén se inclúen unha ampla cantidade de retos de código que son opcionais, pero serven xusto para prepararte para os cinco proxectos.
Outra novidade que incluíron na plataforma son as probas. Tamén engadiron unha nova sección con retos para prepararse para entrevistas de traballo, e ademais agora teñen un buscador intelixente que che deixa atopar máis facilmente o que buscas de entre as máis de 8.000 leccións dispoñibles no sitio.
Se queres ver o currículo completo de freeCodeCamp, podes visitar esta ligazón. É en definitiva unha das mellores plataformas dispoñibles para aprender a programar ao teu propio ritmo e totalmente gratis.
Lego segue ampliando o seu catálogo de sistemas de xogo e aprendizaxe baseadas nas súas clásicas pezas e co obxectivo de que a programación e habilidades STEM sexan algo habitual a idades moi temperás.
Lego Coding Express é a súa última proposta e está baseada na aprendizaxe da programación a partir de só 2 anos usando as súas pezas da serie para os máis pequenos, Duplo.
Coding Express: pezas de cores e unha cámara bastan para iniciarse na programación
Na nosa guía de xoguetes, xogos e recursos gratuítos para aprender programación sen PCs nin robots xa temos un invitado inesperado. Coding Express, a pesar de introducir aos máis pequenos da casa en conceptos básicos da programación tales como bucles ou programas, non require para o seu uso de computadores nin robots sofisticados. O novo xoguete STEM, que se pode usar só coa serie de pezas Duplo, require tan só dun elemento que actúa a modo de cámara.
Esa cámara, incluída no kit básico, é capaz de identificar as cores das pezas que Lego asociou a determinadas accións, como deterse, acender luces, cambiar de dirección ou emitir sons. A colocación das devanditas pezas nas vías do tren constitúe pois unha primeira aproximación dos menores para crear os seus propios programas segundo o que queiran que o tren faga.
A idade recomendada de uso é a partir de 2 anos, e como é habitual nos sets deste tipo de Lego, van asociados a aplicacións para tablet coas que seguir unha serie de leccións e plans de estudo para sacarlle o maior proveito educativo.
O novo xoguete educativo de Lego ten previsto que estea dispoñible a partir do próximo mes de outubro en EEUU e China, cun prezo de 190 dólares, incluíndo a "peza-cerebro" con cámara, os elementos de cores para programar e pezas para construír libremente. Para o resto de mercados haberá que esperar a 2019.
O Clúster Audiovisual de Galicia vai formar aos profesionais do sector en metodoloxías e ferramentas que lles permitan modernizar os seus procesos e facelos máis eficientes, rendibles e de calidade. Estamos a falar do curso Dixitalización en contornas broadcast e de produción que se celebra o vindeiro mes de outubro en Teo (A Coruña) co obxectivo de achegar aos participantes ás novas tecnoloxías que se poñen en marcha nos procesos de dixitalización da contorna broadcast, ou sexa, na difusión masiva de contidos audiovisuais a través das redes informáticas.
Esta acción formativa, de 30 horas de duración, celebrarase os luns 8, 15, 22 e 29 de outubro na sede da produtora CTV, en Teo, en horario de mañá e tarde. O curso será impartido por Ricardo Cuenca e Jose Barambio, enxeñeiros ambos da empresa Crosspoint. Co apoio do IGAPE, o Cluster Audiovisual oferta un total de 18 prazas, que serán cubertas por orde de inscrición. Os participantes neste curso poderán beneficiarse dos descontos do crédito á formación continua da Fundación FUNDAE.
Amais dos devanditos obxectivos, o curso busca achegar aos participantes ás principais novidades tecnolóxicas do sector, a fin de que “teñan claro cales son as aplicacións que veñen utilizando nos últimos anos e cales están a se introducir actualmente no mercado no proceso de dixitalización”. Tamén se busca fornecer coñecementos máis específicos sobre este tipo de tecnoloxías, novos estándares e formatos a fin de “que o traballador consiga unha formación máis profunda sobre a utilización e desenvolvemento destas ferramentas incluídas na dixitalización”.
A vindeira edición de Pont-Up Store, a quinta, xa quece motores e xa é unha fonte inesgotable de novidades. Este martes, sen ir máis lonxe, a organización lémbranos que xa está aberto o prazo de inscrición dos obradoiros inéditos que Google impartirá na feira innovadora e emprendendora de Pontevedra, que se celebra (coa praza de España como epicentro) entre o 20 e 22 de setembro, ofrecendo máis de 40 actividades en diferentes recantos da cidade, boa parte das cales terán o nexo común de ser actividades para alentar e facilitar o noso camiño cara ao emprendemento. Un dos puntos fortes do programa é, precisamente, o paquete de obradoiros impartido polo xigante Google, convidada especial do evento.
Alén diso, o punto central volverá ser a carpa situada na praza de España o venres 21 e sábado 22 de setembro, onde será posible coñecer as mellores iniciativas de emprendemento do país e participar nas actividades de dinamización que se desenvolverán no espazo central. Este ano, a organización seleccionou 45 emprendementos entre un total de 144 candidaturas procedentes de toda Galicia, o que supón un 10% máis que na anterior edición. Amais, duplicouse o número de empendementos do ámbito tecnolóxico e incrementouse de maneira notable “a calidade das iniciativas, o seu potencial de desenvolvemento, o seu carácter social e mailo enfoque sustentable de moitas delas”, engade o equipo impulsor da feira de innovación, explicando tamén que as TIC volven ser en boa medida protagonistas da mesma, por temáticas abordadas, seguidas polas ideas innovadoras procedentes dos sectores da saúde e o benestar, o turismo, o téxtil, a gastronomía, a cosmética e a xestión cultural. Destas 45 empresas, 37 contarán cun standde balde para mostrar os seus produtos, ideas e servizos, e 6 terán tamén a oportunidade de participar no programa de actividades demostrativas, desenvolvendo propostas como un obradoiro de preparación de alimentos con impresión 3D, unha xincana canina en alianza con Cans Terapia, un obradoiro de robótica para aprender a montar un Stick Arcade baseado en Raspberry PI, torneos de videoxogos, unha demostración de técnicas de pigmentación prehistórica, un showcooking de receitas saudables ou a presentación da nova cooperativa Músicas ao Vivo.
A maiores de todo isto, nas instalacións da Facultade de Belas Artes, o Fab Lab Laboratorio Creativo achegará (a partir do xoves 20), un total de 7 obradoiros dirixidos a diferentes públicos, que terán a oportunidade de vivir a experiencia da fabricación dixital e introducirse tamén no eido da robótica. Tamén se vai estrear o Espazo Gaming, para achegar o emprendemento da man dos videoxogos, a través de torneos e varios talleres prácticos que se desenvolverán na Escola de Restauración.
Actividades de Google
No marco da Pont-Up Store, a multinacional Google impartirá por primeira vez no ámbito estatal o Workshop I am Remarkable, unha iniciativa para empoderar mulleres e convidalas a que celebren os seus logros no ámbito profesional. Esta actividade abéirase aos obxectivos de visualización do papel da muller na empresa, marcados para este ano pola organización. Unha facilitadora dirixirá esta actividade que ten como público obxectivo a mulleres que queiran emprender ou que estean na procura de emprego. Celebrarase na aula do segundo andar da Casa das Campás (Rúa Don Filiberto 9-11) o xoves 20 en horario de 11:00 a 12:30 (inscrición: https://goo.gl/forms/ml2gT65qncmU8bSz) e o venres 21 en horario de 12:30 a 14:00 (inscrición: https://goo.gl/forms/3kt5DJSjt2Gcm1ng2). Os dous obradoiros teñen un aforo máximo de 15 mulleres.
Ademais, a compañía impartirá tamén “unha charla inspiracional” baixo o título Tips para a túa marca persoal + Mentorías Exprés impartida pola experta Loreto Gómez que enfocará a sesión a mostrar as claves da xestión da marca persoal e orientar na creación dunha estratexia para conseguir os nosos obxectivos profesionais. Ao remate da sesión informativa poderemos consultar dúbidas con ela en sesións individuais. Terá lugar o xoves de 17:00 a 18:45, tamén na Casa das Campás. O público obxectivo son homes e mulleres que queiran emprender ou redirixir a súa carreira, pero está aberto a calquera persoa. O aforo é de 50 persoas. A inscrición en https://goo.gl/forms/PEzeTLUBNkAbtQOu2.
Puntazo Exprés 2018
A Pont-Up Store, organizada polo Campus CREA (Universidade de Vigo, Campus de Pontevedra) xunto co Concello, tamén dará acubillo á iniciativa Puntazo Exprés, na que participarán 10 emprendementos explicando en cinco minutos cadansúas propostas a cinco destacadas executivas de empresas e entidades galegas: África González, directora do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) da UVigo, presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía e promotora da empresa NanoInmunoTech (NIT) con sedes en Vigo, Zaragoza e Madrid; Nuria Varela-Portas, xerente e fundadora da empresa de agroalimentación ecolóxica, Pazo de Vilane; María Caldeiro, xerente de FUNDAMAR; Lucía Gregorio, adxunta á dirección de REDEGAL, empresa punteira en comercio electrónico e aplicacións para iOS, Android e Windows Phone; e Teresa Fernández-Valdés, executiva de Bambú Producciones, considerada unha das mulleres máis influentes da televisión.
Este ano, como novidade, as presentacións de Puntazo Exprés serán abertas ao público e haberá tempo para a réplica. Todos os proxectos escollidos nesta edición son novos emprendementos con menos de tres anos e medio dende a creación da empresa. Entre os escollidos hai empresas como Exga3D, que deseña alimentos personalizados usando a impresión 3D e revalorizando o descarte de alimentos, destacando (tamén no negocio relacionado cos animais) Yaracan, que facilita terapias con animais; AliaDogs, unha plataforma en liña colaborativa de servizos caninos; ou Bichoh! que fabrica complementos artesáns para cans. O sector dos videoxogos concentra catro propostas: Gaming Troop, unha asociación de xogadores con local propio; The Cloud Gaming, que xurde para impulsar e profesionalizar os deportes en liña en España; SPA-CC, que traballa xerando contornas virtuais e Alobre 3D, experta en xerar modelos 3D orientados á impresión. Dentro do ámbito tecnolóxico destacan tamén Xtonebox, que desenvolve equipos de audio de alta calidade baseándose na antiga tecnoloxía a válvulas; e Taller 7 Maker, onde fabrican prototipos con tecnoloxía 3D.
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e máis a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) seguen estes días achegando a tecnoloxía argalleira, a que se estuda e se fai coas nosas propias mans, ás nenas e nenos de toda a nosa xeografía. Estamos a falar do programa Tech Kids, que se desenvolve nos concellos até setembro (dende xullo) e que xiran arredor de robótica, creación de personaxes para videoxogos ou pilotaxe de drons. Esta semana, sen ir máis lonxe, as actividades construtivas e ilustrativas sobre vehículos aéreos non tripulados chegan a Ribeira (este mércores) e Santa Comba (o xoves 30). Ademais, este 29 tamén se celebra no Barco unha xornada sobre robótica, que chegará a Coruña o día 31.
Como lembraremos, o obxectivo do programa Tech Kids é “fomentar o talento dixital das nenas e nenos de toda Galicia” ao tempo que “se mellora a conciencia entre a xente nova de que a aplicación de computación e codificación para os problemas sociais reais pode axudar a cambiar o mundo”. Ao abeiro do programa, como dixemos, estanse a organizar sesións de iniciación na pilotaxe de drons coma as que se desenvolven esta semana en Ribeira e Santa Combra. Estas xornadas están destinadas a rapaces e rapazas de entre 8 e 16 anos, que coñecerán as súas partes, como se montan e como son capaces de voar. Tamén farán unha práctica empregando dous tipos de aeronaves: un overcraft (para entender os controis e movementos) e un dron co que percorrerán un circuíto e mesmo competirán entre eles.
As iniciacións aos vehículos aéreos non tripulados proseguirán a semana que vén en Cuntis (día 1), San Sadurniño (día 8), Cerceda (día 10), Valga (día 11) e Celanova (día 12) . O día 10 de setembro, a robótica recala en Abegondo, o 12 en Pontedeume e o 13 en Pontevedra. Tamén haberá cita cos drons en Ribadeo o 13 de setembro.