main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

06/09/201808:43
Festival Curtocircuíto de Santiago
Santiago de Compostela

A edición 2018 do Curtocircuíto de Santiago comeza a facer ruído nas redes

A nova edición do festival Curtocircuíto de Santiago, organizado polo Concello e subvencionado pola Deputación da Coruña, conta coa colaboración da axencia autonómica AGADIC e acubillará un apartado de innovación na que se acollerán obras que procuran “novas caligrafías cinematográficas”.

A nova edición do festival Curtocircuíto de Santiago, organizado polo Concello e subvencionado pola Deputación da Coruña, comezou a facer ruído nas redes, tanto a través da súa rechamante e innovadora web oficial, www.curtocircuito.org, onde hoxe informouse polo miúdo das seccións da nova entrega do certame (Terra, Supernova e Planeta GZ), como a través das redes sociais: Facebook, Twitter, Instragram, Tumblr e máis Playmoss.
O festival, que conta coa colaboración da axencia autonómica AGADIC, acubillará tamén un apartado de innovación, a sección Explora, na que se acollerán obras que procuran “novas caligrafías cinematográficas”.
O obxectivo da organización é que Curtocircuíto, que chega á súa 15 edición, sexa este ano un evento referente a nivel internacional ao tempo que se fai máis fincapé ca nunca na súa galeguidade. De feito, máis dunha trintena de pezas a exhibir xirarán arredor do noso audiovisual.
Este ano, para amplificar aínda máis a repercusión e os horizontes do certame, estréanse dúas novas seccións: Terra e Supernova. A primeira delas proporá unha programación arredor de cineastas de Galicia cunha traxectoria de prestixio e dá inicio este ano poñendo o foco en Xacio Baño e Jaione Camborda.
Supernova, pola súa banda, nace para salvar a brecha existente entre os centros de formación e os circuítos profesionais, “servindo de escaparate para os traballos de directores e directoras no comezo das súas carreiras”, en palabras da organización.
A maiores, a sección Planeta GZ, de carácter competitivo, recolle dez filmes que se atopan entre o máis destacado da produción galega no último ano, e o carballiñés Alberte Pagán participará con Uluru na sección Explora.
A maiores, do devandito, o audiovisual galego non só estará presente nas proxeccións, senón tamén nas actividades. Así, nesta edición o festival levará a cabo (en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual) as Mesas interxeracionais do audiovisual galego, un conxunto de relatorios e debates cun programa que o festival dará a coñecer nas próximas semanas.
Ademais, o Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela, que se desenvolverá entre o 29 de setembro e o 7 de outubro, seguirá a virar dende a curtametraxe cara contidos interdisciplinarios, “afondando na fusión entre diferentes artes” e ofertando unha gran variedade de propostas. Con estas quérese prolongar Arredor do son, no que tamén haberá espazo para a música e o pensamento con proxeccións, actividades formativas e diversas performances que terán lugar en diferentes emprazamentos da cidade.

04/09/201812:41
Centro de Desenvolvemento Local de Vilanova
Vilanova de Arousa

O CDL de Vilanova formará á veciñanza en impresión 3D e pilotaxe de drons

O Centro de Desenvolvemento Local emprazado en Vilanova, no pazo de Vista Real, vai afrontar a recta final do verán cun importante programa formativo que inclúe dous obradoiros tecnolóxicos sobre outras tantas temáticas de relevancia profesional. Trátase dun obradoiro sobre pilotaxe de drons e outro sobre iniciación á impresión 3D. En total, serán nove cursos sobre diferentes áreas destinados a fortalecer a capacitación profesional da veciñanza e a súa empregabilidade.
As actividades desenvolveranse este mes de setembro. O taller de capacitación en pilotaxe oficial de drons, convocado como resposta ao alto interese que existe sobre esta temática, celebrarase o 8 de setembro e o de iniciación á impresión en 3D, outro ámbito profesional en proxección, o día 14 do mesmo mes. As persoas interesadas poden inscribirse enviando os seus datos persoais (nome e apelidos, enderezo e teléfono de contacto) ao correo electrónico javier.pineiro@vilanovadearousa.com, indicando o curso que desexen realizar.

04/09/201809:11
Dron
Rede CeMIT

O obradoiro de pilotaxe de drons do CPEIG chega estes días a media ducia de concellos

Os concellos de San Sadurniño, Cerceda, Valga, Celanova, Ribadeo e Vimianzo van acoller este mes de setembro actividades formativas para encarar con creatividade e innovación o inicio do curso académico

Os concellos de San Sadurniño, Cerceda, Valga, Celanova, Ribadeo e Vimianzo van acoller este mes de setembro actividades formativas para encarar con creatividade e innovación o inicio do curso académico. Trátase dun obradoiro para capacitarnos no desenvolvemento de vehículos aéreos non tripulados. A xornada Pilotaxe de drons, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (ao abeiro do seu programa Tech Kids), a axencia AMTEGA (rede CeMIT) e mailos devanditos Concellos, está especialmente dirixida a nenas e nenos de 12 a 16 anos.
A actividade insírese no programa Tech Kids, que impulsan o CPEIG e AMTEGA nos nosos municipios até setembro (dende xullo) e que xiran arredor de robótica, creación de personaxes para videoxogos ou pilotaxe de drons.
Como lembraremos, o obxectivo do programa Tech Kids é “fomentar o talento dixital das nenas e nenos de toda Galicia” ao tempo que “se mellora a conciencia entre a xente nova de que a aplicación de computación e codificación para os problemas sociais reais pode axudar a cambiar o mundo”.
Ao abeiro do programa, como dixemos, estanse a organizar sesións de iniciación na pilotaxe de drons. Estas xornadas están destinadas a rapaces e rapazas de entre 8 e 16 anos, que coñecerán as súas partes, como se montan e como son capaces de voar. Tamén farán unha práctica empregando dous tipos de aeronaves: un overcraft (para entender os controis e movementos) e un dron co que percorrerán un circuíto e mesmo competirán entre eles.
As iniciacións aos vehículos aéreos non tripulados celébranse este mes de San Sadurniño (día 8), Cerceda (día 10), Valga (día 11) e Celanova (día 12) . Tamén haberá cita cos drons en Ribadeo o 13 de setembro e en Vimianzo o día 14.

04/09/201809:08
Tecnoloxía
Pontevedra

A provincia de Pontevedra acolle este mes 42 novos obradoiros de SmartPEME

O programa de adestramento tecnolóxico para PEME, profesionais e autónomos da Deputación de Pontevedra, o programa SmartPEME, volve este mes de setembro e faino con forza. Máis en detalle, con 42 novas accións a impartir ao longo da provincia, nas sedes de Cambados (Centro Exposalnés), nos viveiros de empresas de Barro, Lalín e A Estrada e nas oficinas de Vigo, Ponteareas, Pontevedra e O Porriño.

O programa de adestramento tecnolóxico para PEME, profesionais e autónomos da Deputación de Pontevedra, o programa SmartPEME, volve este mes de setembro e faino con forza. Máis en detalle, con 42 novas accións a impartir ao longo da provincia, nas sedes de Cambados (Centro Exposalnés), nos viveiros de empresas de Barro, Lalín e A Estrada e nas oficinas de Vigo, Ponteareas, Pontevedra e O Porriño. As inscricións nas devanditas 42 novas accións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es.
A oficina de SmartPEME na cidade de Pontevedra, situada no edificio administrativo da Deputación, acolle durante o mes de setembro un total de sete accións formativas para a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital. As quendas comezan este martes 4 de setembro, Xestión da túa empresa: Facturación e ferramentas integradas, ás 19:00 horas. Nesta mesma semana, o xoves 6 á mesma hora, será a quenda de Plan de marketing online para empresas turísticas. O curso, Woocommerce: A solución que buscabas para vender por internet, impartirase o martes 11 de setembro ás 18:00 horas. A seguinte semana haberá dúas accións, a primeira o martes 18 ás 19:00 horas baixo o nome Como utilizar Instagram para promover a túa empresa e, a seguinte, Escolle o hosting máis adecuado para as túas necesidades o xoves 20 de setembro á mesma hora. O martes 25, tamén ás 19:00 horas, será a quenda de Linkedin: a túa rede de networking. Por último, o xoves 27 de setembro, impartirase Fotografía básica I: Técnica e cámara, ás 19:00 horas.
O viveiro de empresas do Polígono Lalín 2000 acollerá, durante o mes de setembro sete novos obradoiros ao abeiro da rede TIC impulsada pola Deputación de Pontevedra. A primeira cita do mes en Lalín ten lugar este martes, 4 de setembro, ás 19:00 horas (todas as actividades serán a esta mesma hora) co curso Crea un plan de marketing para a campaña de Nadal. Tras este primeiro obradoiro, o xoves 6 de setembro, impartirase Deseña sinxelamente imaxes abraiantes e profesionais. O martes, 11 de setembro, terá lugar Crea unha páxina profesional con WordPress. O xoves desa mesma semana, celebrarase o curso Facebook para promover o teu negocio turístico. Seguindo cos cursos do mes de setembro, o martes 18 terá lugar Mellora a túa presencia online promovendo o teu blog. O xoves 20 de setembro celebrarase o curso Consideracións á hora de crear o teu modelo de negocio e, por último, o mércores 26 de setembro, esta vez no viveiro de empresas de A Estrada, impartirase o obradoiro Google Analytics: Interpretación dos datos e toma de decisións.
Pola súa banda, o Centro ExpoSalnés de Cambados acollerá durante todo o mes de setembro sete novos obradoiros. As quendas comezan este martes 4 de setembro ás 19:00 horas, Consideracións á hora de crear o teu modelo de negocio. O xoves 6, á mesma hora, Como utilizar Instagram para promover a túa empresa. O martes 11 de setembro, ás 18:00 horas, levarase a cabo Mellora a túa páxina web e emprazala en buscadores. O martes 18, ás 19:00 horas, será a quenda de Fotografía básica I: Técnica e cámara. O xoves desa mesma semana, á mesma hora, chega Mellora a túa presenza online promocionando o teu blog. A quenda do obradoiro Facebook para promover o teu negocio turístico chega o martes 25 de setembro, tamén ás 19:00 horas. Por último, Crea un plan de marketing para a campaña de Nadal chegará o xoves 27, á hora habitual, as 19:00 horas.
Polo que atinxe ás oficinas do programa SmartPEME da Deputación de Pontevedra en Vigo, Ponteareas e O Porriño acollerán durante o mes de setembro un total de 21 accións formativas (sete en cada unha delas) para a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia de Pontevedra ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade. Na oficina de Vigo os cursos comezan este martes, 4 de setembro, ás 19:00 horas con Linkedin: a túa rede de networking. A seguinte acción será Deseña sinxelamente imaxes abraiantes e profesionais, o xoves 6 á mesma hora. O curso Crea unha páxina profesional con WordPress chegará a Vigo o martes 11 ás 18:00 horas. O seguinte martes 18 de setembro, ás 19:00 horas, impartirase Plan de marketing online para empresas turísticas. O xoves 20 de setembro será a quenda de Consideracións á hora de crear o teu modelo de negocio, ás 19 h. O seguinte martes, 25 de setembro, á mesma hora celebrarase a acción Crea un plan de marketing para a túa campaña de Nadal. Para rematar, o xoves 27 á mesma hora, terá lugar o curso Xestión da túa empresa: Facturación e ferramentas integradas.
A oficina de Ponteareas acollerá os seguintes obradoiros: Xestión da túa empresa: Facturación e ferramentas integradas, este martes 4 ás 19:00 horas. A seguinte será Mellora a túa presenza online promocionando o teu blog, o xoves 6 á mesma hora. A ela seguiralle Linkedin: a túa rede de networking, este curso será impartido na sede da Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS), o mércores 12 ás 19:00 horas. O martes 18, ás 18:00 horas, impartirase o curso Woocommerce: A solución que buscabas para vender por internet. A formación Estratexias de marketing para a túa empresa chegará o xoves 20 de setembro ás 19:00 horas. O martes da seguinte semana, 25 de setembro, ás 19:00 horas terá lugar o curso Fotografía básica I: Técnica e cámara. Xa por último, o xoves 27, ás 19:00 horas, Crea un plan de marketing para a campaña de Nadal será a acción que impartirá o persoal do programa.
Finalmente, a oficina do Porriño acollerá os seguintes obradoiros: martes 4 de setembro, ás 19:00 horas, co curso Estratexias de marketing para a túa empresa turística. A actividade Mellora a túa páxina web e posicionala en buscadores chegará o martes, 11 de setembro. A acción A importancia da presenza online para as empresas terá lugar o xoves 13 de setembro, ás 19:00 horas na sede da ACUBAM en Tomiño. O martes 18, á mesma hora, será a quenda de Crea un plan de marketing para a campaña de Nadal. O xoves desa mesma semana, tamén ás 19:00 horas, impartirase o curso Fotografía básica I: Técnica e cámara. A acción Xestión da túa empresa: Facturación e ferramentas integradas será o martes 25 de setembro, tamén ás 19:horas. E, por último, o xoves 27 de setembro á mesma hora terá lugar Vende os teus produtos en Facebook e Instagram.
Novidades deste ano ao abeiro de SmartPEME
A Deputación de Pontevedra lembra que o proxecto SmartPEME comezou en 2018 afrontando unha nova etapa na súa andaina, un novo treito no que o programa verá aumentados os servizos a fornecer, abrindo tres novas grandes liñas como son o Centro Provincial de Economía Dixital (CPED), que estará situado no viveiro de empresas de Barro, SmartPEME Impulsa e TurisTIC, que se irán facendo dispoñíbeis para as persoas autónomas e empresas a partir dos vindeiros meses.
A través do Centro Provincial de Economía Dixital vaise mostrar ás empresas as ferramentas, aplicacións e solucións innovadoras máis relevantes que a economía dixital ofrece. Para iso, o CPED apoiarase nas instalacións do FabLab que a Deputación de Pontevedra ten instalado no viveiro de Barro.
Doutra banda, SmartPEME Impulsa abrirá novas vías de asesoramento en materia de innovación, competitividade e internacionalización, “unindo deste xeito os obxectivos das empresas coas máis novas tecnoloxías, procesos e servizos”, explica a Deputación, engadindo que TurisTIC, como indica o seu nome, presentarase como “un punto de apoio tecnolóxico para o o sector turístico”. Trátase dun servizo enmarcado no Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas e que pretende potenciar o sector a través de axudas ás empresas para adaptarse á contorna dixital.
Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e (agora tamén) Barro, abrangue seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

04/09/201809:04
Imjoying
Mos

Imjoying, un exemplo de desenvolvemento TIC dende o rural

O director do IGAPE, Juan Cividanes, visitou esta mañá ás instalacións de Imjoying Leisure International Group en Mos, onde salientou a aposta desta empresa polo desenvolvemento de iniciativas innovadoras no ámbito rural, mediante a posta en marcha dunha plataforma web e unha aplicación móbil que facilita a oferta festiva e cultural de todas as localidades españolas.
Cividanes resaltou a relevancia das iniciativas emprendedoras asentadas en poboacións rurais que favorecen a creación de emprego no territorio mediante a posta en marcha de iniciativas non vencelladas á produción agrícola. Así, o proxecto da empresa pontevedresa busca consolidar 9 postos de traballo cubrindo a demanda de información de usuarios de actividades de ocio mediante o acceso á información dos eventos programados por entidades públicas e privadas de toda España.
Lembrou tamén o compromiso da Xunta co impulso económico e social ao mundo rural mediante a posta en marcha do Galicia Rural Emprende, cuxa última convocatoria está en fase de resolución e do que foi beneficiaria a empresa pontevedresa na edición anterior, e que está deseñado para fomentar o desenvolvemento equilibrado do territorio galego a través de pequenas e medianas empresas que non se dedican a actividades agrícolas, formadas por novos emprendedores ou autónomos.
Co mesmo obxectivo, pero sen focalizar a súa incidencia no ámbito rural, desenvólvese o Galicia Emprende. A través das edicións dos programas Galicia Emprende e Galicia Rural Emprende do pasado ano, a Xunta concedeu axudas por importe de 6,8 millóns de euros a 162 proxectos empresariais de emprendedores, que mobilizaron máis de 18 millóns de euros en novos investimentos e que levan asociados a creación e o mantemento de 385 postos de traballo.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS