
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, entregou hoxe os diplomas aos alumnos traballadores que participaron no obradoiro de emprego promovido polo Concello de Lugo. No acto tamén participou, entre outros, a alcaldesa de Lugo Lara Méndez.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu 224.000 euros no proxecto, no que traballaron 19 persoas, 16 delas alumnos que recibiron formación teórica e práctica en dúas especialidades: oito deles na de Produción fotográfica e a outra metade na de Dinamización, programación e desenvolvemento de accións culturais.
O obxectivo do obradoiro foi a promoción e posta en valor dos recursos patrimoniais e culturais do Concello de Lugo a través do emprego das tecnoloxías da información e da comunicación.
Nova convocatoria
Balseiro avanzou que a Xunta iniciará a partir do mes de setembro unha nova edición do programa de obradoiros de emprego, que presenta como novidade os obradoiros duais, cos que prevé incrementar as oportunidades laborais de máis de 2.350 persoas desempregadas en Galicia. A Administración autonómica destinará en total a esta iniciativa 29,6 millóns de euros.
O obxectivo é poñer en marcha en global 100 programas, que combinarán un contrato de formación e aprendizaxe durante 9 meses e a contratación en prácticas durante tres meses máis -como mínimo- nunha empresa emprazada no ámbito territorial onde teña lugar o obradoiro, e sempre que o traballo estea vinculado coas materias que se impartan no programa. Terán prioridade os obradoiros vinculados ao eido forestal e ao Camiño de Santiago.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) está a desenvolver o Plan de Acción en Software Libre 2018, que recolle un total de 110 actuacións co obxectivo de fomentar e promover o uso e reutilización de software libre na administración pública, o impulso dunha oferta de solucións libres e de calidade para as nosas empresas, e incrementar o uso e coñecemento do software libre por parte da sociedade.
Como xa vén sendo habitual, unha parte moi importante destas actuacións desenvolveranse en colaboración dos principais axentes do ecosistema de software libre galego. Así asináronse convenios coa Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL); con sete Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre (AGUSL), Bricolabs, GALPon, Ghandalf, GPUL, Makers Lugo, Melisa e XeoPesca; e co Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións Informáticas de Xestión Universitaria de Galicia (CIXUG), integrado polas tres universidades galegas. Así mesmo, o acordo de colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica Informática (CPETIG) inclúe tamén unha actuación específica para o fomento do Software Libre como a celebración.
Os acordos asinados permitirán a realización dun total de 46 actuacións que inclúen dende a tradución de Software Libre, a organización de xornadas, cursos, obradoiros, o fomento do software libre en proxectos de cooperación ou solidariedade social ou a formación en Software Libre nas Universidades.
Cómpre destacar este ano a inclusión do Programa Girl STEM para a creación de referentes, visibilizar roles e motivar as vocacións tecnolóxicas entre as nenas sempre dende o software e cultura libres. AGASOL organizará unha serie de actividades de mentorado próximo desde idades temperás dirixidas ás nenas de entre 14 e 18 anos para espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades cara estudos STEM.
Software Libre na Administración
No ámbito da administración a Amtega continúa promovendo o emprego de tecnoloxías libres en proxectos de calado para a Administración reforzando a súa posición como referencia e exemplo de políticas de eficiencia e bo uso de tecnoloxías libres grazas á implantación de solucións de software libre na súa infraestrutura tecnolóxica coa consecución de aforro e mellora de produtividade. Así mesmo, mantén o seu compromiso de liberación de dúas novas solucións TIC desenvolvidas pola administración pública galega a fin de facilitar a súa reutilización por outras administracións.
Software Libre na empresa
No ámbito empresarial, as actuacións están dirixidas a promover o uso de solucións libres de calidade que permitan ás nosas empresas mellorar en eficacia e competitividade. Un ano máis é o Centro Demostrador TIC o elemento vertebrador das mesmas. Para reforzar a presencia das solucións libres no CDTIC, a Amtega colabora con AGASOL para ofrecer unha serie de xornadas de difusión de solucións TIC libres. Así mesmo, o CDTIC Virtual incorporará unha nova solución de facturación web, FacturaScripts e continuarase coa difusión de solucións empresariais libres a través do portal mancomun.gal, con artigos tecnolóxicos, novas, entrevistas así como o boletín mensual de Software Libre empresarial.
Software Libre para a cidadanía
Finalmente entre as actuacións dirixidas á cidadanía en xeral, destacar que se seguen potenciando as tecnoloxías libres dentro dos programas de alfabetización e capacitación dixitais da rede CeMIT así como no resto de iniciativas recollidas no Plan de Inclusión Dixital de Galicia.
Vén de convocarse o XI edición do Premio ao mellor traballo universitario de fin de grado con Software Libre en colaboración co CIXUG, que integra as tres universidades, e tamén coa participación da Asociación GPUL.
Por suposto é neste eido onde se desenvolverán a maior parte das 27 actuacións que se executarán ao abeiro dos convenios de colaboración asinados cos axentes do ecosistema de software libre de Galicia.
Balance do Plan de Software Libre 2017
Xunto co plan 2018 publícase tamén o balance das actuacións de fomento do software libre desenvolvidas pola Amtega e en colaboración cos distintos axentes durante o ano 2017.
No ámbito das administracións públicas, destaca o proceso de migración progresivo dos postos de traballo cara ao paquete ofimático corporativo LibreOffice, quedando consolidado este como o software a empregar dentro dos criterios corporativos para a homoxeneización dos postos instalados. Así mesmo liberáronse dous novos proxectos como software libre por parte da Xunta de Galicia, no que destaca ademais a colaboración directa coa comunidade de Ansible contribuíndo directamente upstream.
No relativo ao sector empresarial, no ano 2017, o 75% das actividades do CDTIC foron relativas a tecnoloxías libres ou de carácter tecnolóxico neutro, como metodoloxías, mercadotecnia, etc. O software libre segue a medrar en presencia dentro do tecido empresarial, como se demostra a través dos estudos do Observatorio da Sociedade da Información e da Modernización de Galicia (OSIMGA). Nos datos correspondentes ao ano 2017 amósase una tendencia crecente no emprego de software libre, chegando xa ata case un 55% nas empresas de menos de 9 empregados, e ata máis do 88% nas de máis de 10 empregados.
No tocante á cidadanía cómpre resaltar as actuacións desenvolvidas en colaboración cos axentes do software libre en Galicia, con máis de 100 actividades en diferentes puntos de Galicia, relacionadas con diferentes temáticas tanto no ámbito do software como do hardware libre, e totalmente abertas para todo o mundo.
Respecto á formación a empresas e cidadáns, a través dos diferentes recursos cos que conta a Xunta de Galicia (Rede CeMIT, CNTG, EGAP, CDTIC, etc...) e os distintos axentes implicados impartíronse máis de 55.000 horas de formación en software libre a máis de 50.000 persoas.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presentou onte unha nova aplicación móbil que ten como obxectivo loitar contra as agresións sexuais. A ferramenta, a primeira destas características dunha comunidade autónoma, elaborouse en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia.
Durante o acto, no que tamén participaron a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o presidente do Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia, Fernando Suárez, informouse de que a aplicación xa se pode descargar para os sistemas operativos Android e nos próximos días para iOS.
Na mesma incluirase un decálogo contra a violencia sexual, consellos prácticos de como actuar ante posibles situacións de riscos e un directorio de lugares onde acudir a pedir axuda, así como teléfonos de información.
Nas seguintes versións da aplicación incorporaranse novas funcionalidades como a posibilidade de compartir a xeolocalización con calquera dos contactos que teña o usuario para que estes poidan saber o percorrido que se está realizando.
Con esta nova ferramenta, a Xunta dá un paso máis na súa loita contra as agresións sexuais. Neste sentido, cómpre recordar que a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero xa incluía a violencia sexual, os abusos e o acoso como formas de violencia de xénero.
Ademais, Galicia tamén foi pioneira en poñer en marcha unha campaña para loitar contra o acoso sexual no ámbito laboral, á que se suman outras iniciativas como as xornadas sobre violencia sexual organizadas nos campus universitarios galegos ou as accións que se están levando a cabo nos festivais englobados baixo a marca Fest Galicia para loitar contra o acoso neste tipo de eventos. Ademais, en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), tamén se están levando a cabo accións similares nas festas populares.
Malia a baixada de actividade de agosto, unha baixada inevitable, setembro e outubro prometen compensarnos con grandes acontecementos TIC. Por exemplo a segunda edición do Congreso de Xestión de Proxectos, #SilverBullet18, organizado novamente polo CPETIG (o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia). A cita será en setembro na Cidade da Cultura, nunha data da segunda quincena aínda por determinar, da que se informará en datas vindeiras.
O congreso, organizado coa colaboración da axencia autonómica AMTEGA, ten o obxectivo de tender pontes e derrubar barreiras entre a oferta e a demanda do sector da xestión de proxectos, achegando “un espazo de encontro para propiciar un intercambio de información e opinión entre as persoas asistentes”. En base a isto, búscase fomentar a adquisición de habilidades de comunicación, xestión de recursos humanos e liderado, amais de contribuír a amosar as tendencias metodolóxicas no eido da xestión de proxectos software. Segundo avanza o CPETIG, contarase coa presenza activa de relatores de referencia profesional e especial relevancia no sector. A idea é que as súas intervencións e as conseguintes intervencións dos asistentes favorezan a reciclaxe profesional e a actualización de coñecementos, accedendo ás últimas novidades e tendencias neste ámbito.
Como lembraremos, a edición do ano pasado, celebrada en maio, foi un éxito de público (contou coa presenza dun cento de profesionais, entre representantes das nosas empresas, investigadores, expertos e docentes), de repercusión mediática e de coñecemento xerado. Entre os relatores da edición anterior figuraban José Luis Iparraguirre, director de IAL Software Engineering; Carlos González Jardón, consultor de Xestión de Proxectos e promotor do Capítulo PMI en Galicia; Javier Garzás, mentor áxil e experto en xestión de proxectos e equipos; Susana Gómez Carnero, directora executiva en Origami Soluciones e directora executiva de BNI Galicia; Javier Cebreiros, socio do espazo de innovación social Impact Hub Vigo e da empresa InfoJC; ou Jaume Gurt, director de Organización e Desenvolvemento de Persoas en Schibsted Spain, compañía que xestiona os portais Infojobs, Fotocasa, Vibbo, Coches.net e MilAnuncios.
Respecto do nome do congreso, #SilverBullet, lembrar que está inspirado nun “coñecido antipatrón” da xestión de proxectos, ou sexa, un concepto que serve de “anti-referente” para darmos da maneira máis doada posible co camiño de desenvolvemento empresarial polo que nunca, baixo ningún concepto, debéramos introducirnos: o camiño de algo que xa foi probado e que deu sinais claros de non ser de utilidade ou requirido ou demandado. Silver Bullet sería polo tanto “a bala de prata”, un concepto acuñado polo enxeñeiro de software Frederick P. Brooks en 1987 en alusión á inexistencia de metodoloxías, ferramentas ou solucións milagreiras que permitan que un proxecto que xa se converteu nun monstro polos adiamentos, os custos, a calidade, etc, volva ser un proxecto ben xestionado, “algo que unicamente se podería facer cunha bala de prata”. Quen precise máis información sobre o evento ou ben formalizar a inscrición poderá facelo na web específica do congreso, silverbullet.cpetig.org, que volverá coller impulso en datas vindeiras.
O Concello de Vigo presentou este venres a súa nova oferta de obradoiros de alfabetización dixital para o remate do verán, todos eles co nexo común de iren dirixidos a mostrar as vantaxes das novas tecnoloxías para a formación, para a mellora do currículo, para a comunicación e para o desenvolvemento persoal de cada quen. Trátase dos cursos Informática e Internet básicos, Redes sociais e uso do correo electrónico e Trámites electrónicos coa Administración. As actividades celebraranse o vindeiro mes de setembro na oficina municipal do casco vello e máis na aula de formación da rúa Oporto.
No que atinxe á dita oficina municipal do número 12 da rúa Oliva, o horario das actividades será de 17.30 a 20.00 horas. O curso Informática e Internet básicos desenvolverase os días 10, 11, 12, 13, 14, 17, 18 e 19 de setembro. O curso Redes sociais e uso do correo electrónico levarase a cabo os días 20, 21, 24 e 25 de setembro. O de Trámites electrónicosserá nas xornadas do 26, 27 e 28.
Respecto da aula de formación CeMIT, situada no número 1 da rúa Oporto, as actividades celebraranse en horario de 10.00 a 12.00 horas. O curso de informática básica será os días 3, 6, 10, 11, 12, 13, 14, 17, 18, 19 e 20 de setembro. O de trámites coa eAdministración terá lugar no centro de formación os días 24, 25, 26, 27 e 28 de setembro. Respecto dos requirimentos para podermos participar nestas accións formativas, pídese que esteamos empadroados en Vigo. Terán preferencia aquelas persoas que non tiveran feito o mesmo curso con anterioridade.