
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Internet e as novas tecnoloxías convertéronse nun medio fundamental para buscar información, algo clave para moitas persoas con discapacidade, en especial novas, que queren poñerse en contacto con entidades e institucións que lles poidan axudar.
Por esta razón, a Comisión da Mocidade Xorda da Confederación Estatal de Persoas Xordas (CNSE) decidiu renovar a súa páxina web cun deseño e unha imaxe máis moderna e accesible.
O obxectivo é que este portal sexa unha vía de difusión que permita dar visibilidade ao movemento asociativo xuvenil.
Así, a través desta páxina centralizarase a información que xeren as seccións xuvenís das organizacións que forman parte da confederación, sendo visible en todo tipo de dispositivos independentemente da tecnoloxía utilizada.
Ademais, o portal servirá como un impulso para a utilización e a comunicación da entidade a través doutras canles como as redes sociais.
A sede xudicial electrónica permite xa a presentación online dos procedementos monitorios, unha fórmula xudicial para reclamar impagos, que non precisa da intervención dun avogado ou dun procurador. É unha das últimas funcionalidades incorporada á sede xudicial electrónica galega, que desde outubro de 2016 está accesible no enlace https://sede.xustiza.gal e a través do portal xustiza.gal,
A presentación telemática de procedementos monitorios comezou a implantarse este ano nos órganos xudiciais de Vigo e A Coruña e, actualmente, xa está habilitada en todos os partidos xudiciais para os procedementos monitorios das xurisdicións civil ou social. A sede xudicial electrónica ofrece aos cidadáns outros servizos como a posibilidade de consultar os expedientes xudiciais dos que son parte e comprobar a autenticidade e integridade de documentos electrónicos emitidos pola Administración de Xustiza en Galicia.
Tamén están accesibles na sede xudicial electrónica a axenda de sinalamentos de vistas, o calendario de gardas, a calculadora de taxas xudiciais ou o censo de letrados. O obxectivo é que a sede se consolide como canle única para todas as actuacións, procedementos e servizos do ámbito xudicial.
Plan Senda
A posta en marcha da sede xudicial electrónica foi un dos fitos previstos no Plan Senda 2020, que está a desenvolver a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración coa Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e os profesionais do eido xudicial.
Cun orzamento de máis 26,6 millóns de euros o Plan Senda 2020 é a estratexia para consolidar o traballo previo realizado no Plan Senda 2014 e que sentou as bases do Expediente Xudicial Electrónico en Galicia, onde están en marcha todas as pezas que permitirán unha xustiza integramente dixital.
Unha das pezas angulares desa xustiza sen papeis é o repositorio unificado xudicial que centraliza, nun punto único, toda a información xudicial, datos e documentos, xerada diariamente na tramitación procesual de calquera procedemento en calquera órgano xudicial. Este repositorio permite a consulta de case nove millóns de procedementos e 16 millóns de documentos online
Nos últimos anos puxéronse a disposición dos profesionais da xustiza diferentes solucións para facilitar a dixitalización das súas funcións e cuxo uso estase a intensificar. Así, no primeiro semestre do ano asináronse dixitalmente máis de 283.000 documentos, catro veces máis que os asinados durante o mesmo período do ano pasado. As consultas ao Visor do Expediente Electrónico Xudicial entre xaneiro e xuño ascenderon a preto de 22.000, o dobre que no mesmo período do ano pasado.
En canto ao equipamento que facilita á implantación das salas de vistas dixitais, cómpre lembrar que preto do 90% das salas de vistas de Galicia dispoñen de sistema de gravación de vistas con sinatura dixital eFidelius e todos os órganos xudiciais contan con sistema de videoconferencia.
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, visitou hoxe na Cidade da Cultura a empresa Emérita Legal, que se empraza no Centro de Emprendemento do Gaiás, onde coñeceu a actividade que desenvolve a compañía baseada nun comparador cualitativo de avogados con datos obxectivos de casos reais a través dunha plataforma tecnolóxica.
Toca destacou a importancia de apoiar en Galicia o talento e, deste xeito, recordou que a Xunta ten en marcha neste ámbito diversos mecanismos como o programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cuxo prazo de solicitude acaba o 1 de outubro. De feito, a empresa Emérita Legal foi beneficiaria este ano destes apoios cos que se pretende dinamizar a vocación emprendedora da comunidade universitaria e aproveitar o potencial empresarial das persoas dedicadas á investigación e con amplos coñecementos das novas tecnoloxías.
Os beneficiarios destas axudas son as empresas e autónomos que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como IEBT. Concédense axudas á creación directa de emprego estable (entre 6000 e 10.000 euros en función da idade e da titulación); para a contratación de persoal técnico de alta cualificación (cun límite máximo de 18.000 euros); e para a posta en marcha do proxecto empresarial, onde os apoios oscilan entre os 10.000 e 24.000 euros, en función dos empregos estables e financiados durante o primeiro ano de actividade.
No caso das axudas á creación directa de emprego estable, os apoios poden aumentar nun 25% no caso de ser muller, pertencer a un concello emprazado no rural, ser maior de 45 anos ou ser emigrante retornado.
Esta actuación, segundo explicou Toca, está enmarcada na liña que segue o Goberno galego para impulsar en Galicia o emprendemento a través da innovación e as novas tecnoloxías. Trátase, en definitiva, con estas axudas de consolidar a recuperación económica en Galicia.
O Goberno central aprobou a semana pasada unha partida de 394 millóns de euros para impulsar con axudas proxectos de Investigación e Desenvolvemento ao abeiro das dúas principais convocatorias da materia: por unha banda I+D Xeración de Coñecemento, dotada con 125,5 millóns de euros, e pola outra I+D+i Retos Investigación, que terá un financiamento de máis de 268 millóns de euros. As convocatorias serán publicadas no BOE nos vindeiros días e o prazo de presentación de solicitudes comezará en setembro. Apoiaranse proxectos de economía dixital, transporte intelixente ou eSaúde.
A Axencia Estatal de Investigación, dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, xestiona ambas as convocatorias, que representan, nas súas palabras, “as máis importantes axudas en España para proxectos de I+D e das que poden ser beneficiarios as universidades, os centros públicos e os centros privados sen ánimo de lucro”. Respecto da segunda convocatoria, vén cunha contía de 268,2 millóns de euros para axudas a proxectos cuxo obxectivo sexa contribuír a resolver aspectos de oito grandes retos sociais recollidos na estratexia estatal do Goberno en materia de innovación, ciencia e tecnoloxía. Nestes desafíos están incluídas iniciativas de eSaúde e envellecemento activo, enerxía segura e sustentable, transporte smart e sustentable, accións contra o cambio climático ou economía e sociedade dixital. No que atinxe á outra convocatoria, I+D Xeración de Coñecemento, pon en xogo unha contía de 125,5 millóns para axudas a proxectos de investigación sen orientación temática previamente definida e motivados, explícase, “pola curiosidade científica que teñan como obxectivo principal a xeración de coñecemento e o seu avance, con independencia do horizonte temporal”.
O CCN-CERT fixo público o seu Informe de Boas Prácticas en Redes Sociais na que recolle algúns dos principais riscos aparellados ao uso deste tipo de ferramentas de comunicación utilizados polo 42% da poboación mundial (3.196 millóns de persoas). Entre estes riscos, o documento sinala os casos de Enxeñería social, roubo ou suplantación de identidade, ciberacoso ou cyberbullyng, prexuízo reputacional, publicidade daniña ou enganosa, criminalidade no mundo físico ou distribución de malware (phishing e pharming).
Para facer fronte a estes riscos, o Informe avoga por un uso intelixente das redes sociais que non dista demasiado do uso responsable que calquera persoa adoptaría no espazo físico. Así, reúne unha serie de boas prácticas que comezan no preciso momento no que se define a identidade no ciberespazo, e tendo en conta que esta definición quedará arquivada nos hipervínculos de internet para sempre. Por este motivo, o documento recalca que a cantidade de detalles persoais dispoñibles no ciberespazo incrementa o risco de que sexan utilizados maliciosamente: a maior dispoñibilidade de datos, maior probabilidade de utilización ilícita con intencións daniñas.
O seguinte paso no que se centra o Informe sería a protección e o acceso ao perfil a través de contrasinais robustos e con dobre factor de autenticación; a revisión coidadosa das normas de privacidade de cada rede social, tanto no que se refire ao perfil, como ao contido compartido (sendo conscientes de que, unha vez transmitido un contido, o usuario perde o control sobre o mesmo), a xestión das relacións, contactos e amigos e a adopción dunha cultura persoal de ciberprotección.
Decálogo de recomendacións
Do mesmo xeito que os outros nove informes de boas prácticas elaborados polo CCN-CERT e destinados a todo tipo de público, o documento recolle un decálogo de recomendacións moi útiles para adoptar un uso seguro de redes sociais.