main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

12/09/201808:50
 XGN R Encounter
Silleda

Ábrese o prazo de preinscricións para a vindeira edición de XGN R Encounter

A Feira Internacional Galicia ABANCA acollerá un ano máis o encontro informático antes coñecido como Xuventude Galicia Net, e que agora responde ao nome de XGN R Encounter

A Feira Internacional Galicia ABANCA acollerá un ano máis o encontro informático antes coñecido como Xuventude Galicia Net, e que agora responde ao nome de XGN R Encounter, respondendo ao feito de que o operador de telecomunicacións R é patrocinador oficial do evento, que tamén conta co apoio da Consellería de Política Social.
As preinscricións ao XGN R Encounter abriranse o mañá ás 10:00 horas, comezando o proceso de reservas o 18 de setembro ás 10:00 horas, cando os inscritos poderán tamén seleccionar os seus postos, facilitando así aos participantes que acudan en grupo situarse na mesma zona.
O prezo desta actividade que terá lugar en Silleda entre os días 12 e 14 de outubro será de 35 euros con reserva a través da Internet, sendo posible tamén a adquisición de entradas no despacho de billetes do encontro a un prezo de 40 euros.
O encontro contará cunha zona de intranet para os inscritos, que poderán gozar dun posto, con dereito a acampar no interior do pavillón e a participar en torneos exclusivos; así como unha extanet, un completo programa de actividades abertas tamén a visitantes que acudan ao recinto. Tamén haberá un espazo expositivo no que estarán presentes empresas relacionadas co material informático, as TIC e o lecer electrónico.

12/09/201808:41
Presentación da iniciativa
Ribeira

Os nosos parques naturais e as nosas aulas da natureza empoléiranse no dixital

A iniciativa tecnolóxica, impulsada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), consiste na dixitalización dos sete parques naturais galegos, o Parque Nacional das IIlas Atlánticas e catro aulas da natureza

Ribeira, máis en detalle o Parque Natural de Corrubedo, acolleu hoxe a presentación dunha iniciativa tecnolóxica que ten moito que ver (precisamente) coa conservación do noso medio natural. Mellor dito: coa conservación do medio a través da súa promoción e divulgación no dixital. A iniciativa foi dada a coñecer pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), impulsoras da mesma. Consiste na dixitalización, este ano, dos sete parques naturais galegos, o Parque Nacional das IIlas Atlánticas e catro aulas da natureza. A isto cómpre engadir importantes melloras na web de Galicia Natural e Única e na aplicación dos parques.
En total, o proceso abranguerá 11 espazos de incalculábel valor medio ambiental para equipalos con solucións tecnolóxicas innovadoras e facilitar aos visitantes o acceso información sobre rutas, servizos, patrimonio, flora e fauna de cada parque ou aula dun xeito lúdico e atractivo.
O programa foi presentado no complexo dunar de Corrubedo (nun acto no que participaron a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, e a directora da AMTEGA, Mar Pereira), por ser este enclave costeiro o primeiro dos once espazos previstos por intervir. Segundo fixeron saber, os traballos de dotación TIC fornecidos no complexo de Ribeira inclúen entre outras cousas recursos como un videowall con contidos dixitais e unha mesa interactiva con 30 fichas que describen a fauna e flora proxectando a información gráfica e textual de cada ficha nun videowall.
A listaxe de espazos dixitalizados complétase coas Fragas do Eume, O Invernadoiro, A Serra da Enciña da Lastra, A Baixa Limia-Serra do Xurés e O Monte Aloia, amais do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia e as catro aulas da natureza da nosa terra.
Durante a presentación desta iniciativa, Mar Pereira lembrou que os traballos insírense nas actuacións da Axenda Dixital de Galicia 2020, a folla de ruta do Goberno galego para consolidar a dixitalización de servizos públicos, e sectores estratéxicos para Galicia. A directora de AMTEGA engadiu que a iniciativa abordouse “dun xeito integral e cun enfoque global”, que permitise facela evolucionar nun futuro, de aí que incluíuse para a súa elaboración e desenvolvemento unha análise previa das necesidades e das posibilidades de cada un dos 11 espazos. Este estudo, dixo, determinou a dotación do equipamento máis axeitado a cada caso cun mesmo obxectivo: ofrecer información sobre os servizos, rutas, flora e fauna de cada parque e aula da natureza dun xeito más atractivo, lúdico e en soportes audiovisuais e interactivos.
O equipamento tecnolóxico
Entre os traballos a desenvolver salienta unha plataforma de contidos que permite que cada parque xestione a súa información que se proxecta ben a través de videowalls, pantallas informativas ou mesas interactivas. Segundo fixeron saber Medio Ambiente e AMTEGA, o proxecto incorpora tamén solucións de realidade aumentada ou gafas de realidade virtual, amais dun especial coidado nos elementos que garanten a accesibilidade dos contidos dende outras canles, como o portal Galicia Natural e Única (http://galicianaturaleunica.xunta.gal) e a aplicación dos parques.
Por certo que no marco deste proxecto, tanto a web Galicia Natural e Única como a dita ferramenta móbil ofrecen xa novas versións. Así, o novo portal amplía os seus contidos incluíndo información de todos os parques, reservas da biosfera e espazos naturais de Galicia baixo a etiqueta “espazos imán”. Pola súa banda, a app dos parques naturais de Galicia, dispoñíbel en iOS e Android, posibilita o selado dixital do Pasaporte Natural ao activar a localización do dispositivo móbil cando se visitan os parques.
Tal e como destacou a conselleira, coa nova app de Galicia Natural e Única lévase a cada dispositivo móbil unha nova experiencia para gozar plenamente en primeira persoa a experiencia de visitar os "espazos imán", identificados no Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural de Galicia. Estes espazos son os parques galegos así como o monumento natural da Praia das Catedrais, as zonas de especial protección dos valores de Carnota- Monte Pindo, Canóns do Sil; as Reservas da Biosfera de Terras do Miño, Área de Allariz, Os Ancares lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá, o Río Eo, Oscos e Terras de Burón; a Reserva Transfronteiriza Gerés- Xurés, as Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, e a Serra do Courel.
Premios para os visitantes
Co gallo de afondar aínda máis na defensa do patrimonio natural que atesouran os parques da nosa terra e máis na súa visualización, o Goberno galego premiará os esforzos dos visitantes que se achegan a estes espazos medio ambientais; polo que se concederán tres premios ás tres primeiras persoas que completen o pasaporte dixital. Dito galardón consistirá nunha experiencia natural a elixir entre as distintas actividades ecoturísticas e aloxamento nos parques naturais de Galicia, unha oferta extensa e variada que ofrece, aloxamentos de turismo rural, experiencias de restauración, visitas guiadas, rutas fotográficas ou ornitolóxicas, actividades que combinan o deporte e o turismo, a través do senderismo, ciclismo, equitación ou ben saídas en barco, kaiak, paddle surf ou paddleboard; ademais de visitas a covas, aldeas ou adegas. Para ampliar a información destas experiencias ecoturísticas pódese consultar a web: http://galicianaturaleunica.xunta.gal/es/experiencias-naturais.

11/09/201811:01
Tech Kids
Rede CeMIT

Tech Kids afronta a recta final do verán cunha ducia de actividades argalleiras máis

Prosegue a actividade formativa, divulgativa e argalleira do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e máis a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) ao abeiro de Tech Kids, programa itinerante de obradoiros dirixido a mostrar á rapazada as vantaxes das novas tecnoloxías dun xeito cen por cen participativo.

Metidos xa de cheo no mes de setembro, prosegue a actividade formativa, divulgativa e argalleira do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e máis a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) ao abeiro de Tech Kids, programa itinerante de obradoiros dirixido a mostrar á rapazada as vantaxes das novas tecnoloxías dun xeito cen por cen participativo. Ou sexa, facendo todo o posíbel para que as nenas e nenos sexan tamén creadoras de tecnoloxías. Tech Kids, que xira arredor da robótica, a creación de personaxes para videoxogos ou a pilotaxe de drons, ten deparadas aínda unha ducia de accións antes do seu remate.
Hoxe mesmo celébrase unha xeira de pilotaxe de drons en Valga (na aula CeMIT de 9 a 14 horas) e outra sobre robótica en Fisterra (na Aula de Deportes do Concello, de 9 a 14 horas).
Mañá, 12 de setembro, Tech Kids e os seus obradoiros activos sobre vehículos aéreos non tripulados recalan en Celanova (aula CeMIT, de 9 a 14 horas). Na mesma xornada, celébrase unha acción creativa sobre robótica en Pontedeume, tamén na aula CeMIT local, en horario de 9 a 14 horas.
Como lembraremos, o obxectivo do programa Tech Kids é “fomentar o talento dixital das nenas e nenos de toda Galicia” ao tempo que “se mellora a conciencia entre a xente nova de que a aplicación de computación e codificación para os problemas sociais reais pode axudar a cambiar o mundo”.
Ao abeiro do programa, como dixemos, estanse a organizar (dende o mes de xuño) sesións de iniciación na pilotaxe de drons coma as que se desenvolven esta semana. Estas xornadas están destinadas a rapaces e rapazas de entre 8 e 16 anos, que coñecerán as súas partes, como se montan e como son capaces de voar. Tamén farán unha práctica empregando dous tipos de aeronaves: un overcraft (para entender os controis e movementos) e un dron co que percorrerán un circuíto e mesmo competirán entre eles.
As iniciacións aos vehículos aéreos non tripulados proseguirán estes días en Ribadeo (día 13, na Sala de Cultura) e máis en Vimianzo (día 14, na aula CeMIT da Casa da Cultura, de 10 a 15 horas). O día 14 de setembro celébrase en Narón unha xornada sobre deseño de personaxes para videoxogos (aula CeMIT da Antiga Casa do Concello). Esta actividade sobre creación de persoeiros dixitais recalará o día 15 en Leiro (na aula CeMIT, en horario de 15 a 21 horas), en Guitiriz (o 21 de setembro, na aula CeMIT, de 15 a 21 horas) e máis en Pontedeume (o 22 de setembro, na aula CeMIT do centro FOREMDES, en horario de 9 a 15 horas).

11/09/201810:56
Arduino
Barro

SmartPEME introduce en Arduino ás empresas de Barro

O programa SmartPEME da Deputación de Pontevedra vai ofrecer este mes catro accións formativas no viveiro de empresas de Barro.

O programa de adestramento tecnolóxico para PEME, profesionais e autónomos da Deputación de Pontevedra, o programa SmartPEME, vai ofrecer este mes catro accións formativas no viveiro de empresas de Barro. A temática dos obradoiros será variada, tocando cuestións sobre hardware e software libre e ferramentas de xestión para as empresas, pero todos co nexo común de mostrar as posibilidades e beneficios das novas tecnoloxías para o quefacer diario dos autónomos e as nosas pequenas e medianas empresas.
A primeira cita do mes terá lugar o vindeiro 13 de setembro, ás 16:30 h, coa acción Fundamentos e Iniciación ao Arduino - Arduino I. A segunda parte deste obradoiro, Fundamentos e Iniciación ao Arduino - Arduino II impartirase o xoves da seguinte semana, 20 de setembro, á mesma hora. Por outra banda, o martes 25 de setembro, ás 18 h, terá lugar Aprende que aplicación ten o Blockchain para a túa empresa. E xa por último, Fundamentos e Iniciación ao Arduino – Arduino III impartirase o 27 de setembro ás 16:30 h. A oficina SmartPEME de Barro atópase no viveiro de empresas do polígono local. As inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, no correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou na páxina web www.smartpeme.depo.gal.
Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e (agora tamén) Barro, abrangue seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

11/09/201810:51
Cartel do evento
Vigo

Fabricantes e profesionais do sector dixital reúnense en Vigo para compartir novidades

Entre o 12 e o 14 de setembro, vaise celebrar en Vigo e Nigrán un congreso sobre novidades e tendencias do sector das novas tecnoloxías e a electrónica de consumo.

Esta semana, entre o 12 e o 14 de setembro, vaise celebrar en Vigo e Nigrán un congreso sobre novidades e tendencias do sector das novas tecnoloxías e a electrónica de consumo. O que é o mesmo: un evento sobre as principais metodoloxías futuras para achegarnos ao coñecemento e aos contidos dixitais. O evento, que vén da man do almacenista galego Telenets, con sede en Mos (Pontevedra), xuntará nun único escenario a boa parte representantes do sector: fabricantes de tecnoloxía e electrónica de consumo, grandes cadeas e tendas de electrónica e telefonía.
O programa inclúe xeiras de networking e reunións profesionais onde os asistentes poderán compartir e avaliar as novidades previstas para os vindeiros meses así como as tendencias do sector, mesmo “chegando a acordos estratéxicos”, sinala a organización, que engade que esta primeira edición do evento celebrarase dacabalo entre as localidades de Vigo e Nigrán, xuntado compañías de primeira orde, “os grandes actores do mercado das tecnoloxías”, como por exemplo Alcatel, Toshiba, Hisense, TP-Link, Panasonic, Wiko, Schneider, Facitel, Ulefone, Chuwi, BlackView ou Energy Sistem. A estes uniranse grandes cadeas do sector como PhoneHouse Portugal, Bymovil, Leclerc, ProLab Andorra ou Supermercados Froiz, entre outras.
En palabras dos organizadores, “a celebración deste congreso supón un punto e seguido na traxectoria ascendente de Telenets, que nos últimos seis meses ampliou de maneira notábel a súa carteira de marcas e referencias converténdose en importador exclusivo para España e Portugal de marcas como Ulefone, Chuwi, ou Blackview, ademais de contar coa súa propia marca de telefonía sénior, Facitel, referente do seu sector”. Así mesmo, Telenets lembra que no seu catálogo atópanse algunhas das marcas máis potentes do escenario comercial presente, como Samsung, Huawei ou Gigaset.
En palabras de Álex Cabo, director de operacións de Telenets: “Expomos a celebración deste primeiro congreso como a ocasión ideal para demostrar a nosa confianza a provedores e clientes forxando, ao mesmo tempo, unhas relacións comerciais e estratéxicas fortes de face a enfrontar os retos do futuro”.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS