O Machine Learning Workshop Galicia lévanos da man á era da intelixencia artificial
O Machine Learning Workshop Galicia será unha oportunidade inmellorábel para ver claramente os múltiples beneficios que atesoura o ML para a sociedade e a industria

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O Machine Learning Workshop Galicia será unha oportunidade inmellorábel para ver claramente os múltiples beneficios que atesoura o ML para a sociedade e a industria
O mes que vén a cidade de Vigo vai acoller un evento que é unha xanela ao futuro e, máis polo miúdo, á nosa relación coas máquinas, cada vez máis pensantes, intelixentes e con meirande capacidade para aprender (o que se coñece como Machine Learning). A cita, que vén da man dos centros tecnolóxicos galegos, non é outra que unha nova edición do Machine Learning Workshop Galicia 2018. Segundo puidemos saber esta semana, será unha oportunidade inmellorábel para ver claramente os múltiples beneficios que atesoura o ML para a sociedade e a industria, un potencial aínda por explotar pero que nos sitúa, en palabras da organización, “ante un futuro ateigado de novos retos e oportunidades”.
Asemade, as entidades impulsoras da xornada de traballo informaron que este ano a conferenciante convidada será Ana Peleteiro Ramallo, directora de Ciencia de Datos en Tendam (previamente, o grupo Cortefiel), coa súa charla titulada Vivindo a era da Intelixencia Artificial: contos do Machine Learning e datos.
O workshop, previsto para o vindeiro 18 de outubro, virá da man de AtlantTIC (Universidade de Vigo), que coordina o evento coa colaboración do CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), o CiTIUS (USC) o CITIC (Centro de Investigación TIC da UDC) e a empresa Imatia. As entidades organizadoras acompañaron o subministro de novos datos sobre a cita nun novo chamamento a participar: “Convidamos aos autores a compartir a súa experiencia arredor do ML durante o evento, tanto se proceden do ámbito académico como empresarial, e tamén se convida ás empresas a compartiren as súas necesidades e participaren no evento co obxectivo de establecer sinerxías”.
Para a organización do workshop, o espallamento do ML xa está a xerar importantes achados en ámbitos como os seguintes: sistemas de procura, análise de textos e redes sociais, recoñecemento de obxectos e caras, procesado do ADN, recoñecemento da fala, analítica de datos médicos, mellora e optimización dos sistemas de produción na industria ou aplicacións de analítica para a intelixencia do negocio.
Segundo engaden os centros organizadores do evento, nesta edición darase prioridade aos traballos que mostren a aplicabilidade dos algoritmos Machine Learning en casos reais, co fin de mostrar á industria o potencial destas tecnoloxías. Tamén se valorarán traballos que, aínda sen contar con algún caso de uso de transferencia real por atoparse nunha fase inicial de desenvolvemento, conten cun potencial importante de aplicabilidade no tecido socioeconómico ou industrial.
O comité científico da xornada está formado por Ricardo Cao (CITIC - UDC, ITMATI), Milagros Fernández Gavilanes (AtlantTIC – UVigo), David Mera Pérez (CiTIUS – USC), Andrés Gómez Tato (CESGA) e Fernando Vázquez Núñez (Imatia).
Lugar de celebración
Tralo éxito colleitado en 2016 e 2017, cunha manchea de relatorios e máis de 100 participantes (entre investigadores e empresas en cada edición, AtlantTIC asume a organización da III edición do Machine Learning Workshop Galicia, que será o 18 de outubro de 2018 en Vigo a partir das 09:00 na Sede Afundación, Rúa Policarpo Sanz, 24-26.
Na provincia xa se benefician desta actuación 11 polígonos industriais e no que falta de ano chegarase a outros 3 máis acadando un total de 14 polígonos lucenses
O desenvolvemento do Plan de Banda Larga da Xunta permitirá que, ao remate deste ano, o 85% da superficie empresarial ocupada da provincia de Lugo teña acceso ás redes de internet ultrarrápida, isto é de máis de 100Mbps.
Así o destacou esta mañá o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, durante a xuntanza que mantivo coa asociación que agrupa aos empresarios dos polígonos industriais de Sarria (O Morelle e San Xulián de Veiga) que veñen de beneficiarse recentemente desta ampliación de cobertura.
A modo de balance o delegado explicou que, na provincia de Lugo xa se benefician desta actuación 11 polígonos industriais e no que falta de ano chegarase a outros 3 máis, acadando un total de 14 superficies empresariais conectadas a redes ultrarrápidas.
Será así grazas ao compromiso da Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración co operador R. As empresas dos polígonos beneficiados desta medida do Plan poden contratar servizos de Internet a través de fibra óptica cunhas velocidades de ata 350 Mbps de baixada e 35 de subida, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), subvenciona estes despregamentos cunha axuda de 3,4 millóns de euros, que xerarán un investimento total de de 5,2 millóns de euros. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).
A continuación amósase o listado de polígonos da provincia de Lugo obxectivo do Plan Banda Larga 2020.
CONCELLO
POLÍGONO
DATA COBERTURA
BEGONTE
ÁREA INDUSTRIAL DE CARRAL
maio 2017
CHANTADA
POLÍGONO INDUSTRIAL DE OS ACIVROS
marzo 2018
LOURENZA
PARQUE EMPRESARIAL DE LOURENZÁ
decembro 2016
LUGO
POLÍGONO INDUSTRIAL A LOUZANETA
abril 2018
MONDOÑEDO
PARQUE EMPRESARIAL DE MONDOÑEDO
marzo 2017
MONFORTE DE LEMOS
PORTO SECO DE MONFORTE
maio 2018
MONFORTE DE LEMOS
POLÍGONO INDUSTRIAL DE REBOREDO
agosto 2018
OUTEIRO DE REI
PARQUE EMPRESARIAL DE OUTEIRO DE REI
decembro 2017
RIBADEO
POLÍGONO INDUSTRIAL DE RIBADEO
xuño 2017
SARRIA
POLÍGONO INDUSTRIAL DE O MORELLE
agosto 2018
SARRIA
PARQUE EMPRESARIAL SAN XULIÁN DE VEIGA
agosto 2018
GUITIRIZ
PARQUE EMPRESARIAL DE GUITIRIZ
previsto para setembro - outubro 2018
MONTERROSO
PARQUE EMPRESARIAL DE MONTERROSO
previsto para setembro - outubro 2018
PALAS DE REI
PARQUE EMPRESARIAL DE PALAS DE REI
previsto para setembro - outubro 2018
O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou a convocatoria 2018 do Premio Reina Letizia de Tecnoloxías da Accesibilidade, que conta cunha dotación máxima de 20.000 euros.?
Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou a convocatoria 2018 do Premio Reina Letizia de Tecnoloxías da Accesibilidade, que conta cunha dotación máxima de 20.000 euros.
O seu obxectivo é recompensar o labor continuado dunha persoa física ou xurídica dedicada durante un período de tempo non inferior a cinco anos ao ámbito da accesibilidade tecnolóxica ou ben distinguir un proxecto con perspectiva de continuidade, en ambos os casos sempre no campo da accesibilidade das tecnoloxías da información e a comunicación para as persoas con discapacidade, apoiando a igualdade de oportunidades e a inclusión tecnolóxica.
Poderán concorrer a leste premio persoas físicas ou xurídicas, tanto de forma individual como con traballos de equipo, así como calquera entidade de xestión pública ou privada inscrita en territorio español. Quedan excluídas as entidades que forman parte do Padroado da Fundación Centro Nacional de Tecnoloxías da Accesibilidade (en diante Centac), as participadas economicamente por elas ou calquera outras cuxa actividade coincida con estas.
Trátase de dous cursos dirixidos a “sacar o máximo proveito das ferramentas que ofrece a Internet para emprendedores e novos empresarios”: un obradoiro sobre mercadotecnia inbound e outro sobre comercio electrónico.
A Fundación CEL - Iniciativas por Lugo estreou este mes setembro con formación TIC especializada e de gran interese e utilidade para os nosos profesionais, tanto para os que comezan a súa andaina no mercado como para os que xa contan con experiencia. Trátase de dous cursos dirixidos a “sacar o máximo proveito das ferramentas que ofrece a Internet para emprendedores e novos empresarios”: un obradoiro sobre mercadotecnia inbound e outro sobre comercio electrónico.
O primeiro desenvolverase ao longo desta semana e o curso sobre como vender en liña celebrarase ao longo da vindeira. Ambos foron postos en marcha con co-financiamento da Rede Eusumo da Xunta de Galicia e están a ser impartidos por Raúl Ordóñez de Sherpa Digital, profesional con máis dunha década de experiencia, especializado en mercadotecnia e comunicación online, formación e consultoría tecnolóxica, blogs, redes sociais, goberno aberto e estratexias dixitais no mundo empresarial e organizacional.
Segundo informa a Fundación CEL, as dúas actividades formativas tiveron “unha ampla demanda” e completaron aforamento. A formación impartida neles complementarase no primeiro cuadrimestre de 2019 con dúas novas accións de adestramento e capacitación, programadas de novo pola Fundación CEL co apoio da Rede Eusumo, e que profundarán neste caso nas estratexias de SEO e SEM.
O curso de mercadotecnia inbound inaugurouse este 10 de setembro onte coa presentación e unha primeira xornada de traballo que comezou cun achegamento práctico ás técnicas, ferramentas e estratexias para atraer e reter clientes en Internet, orientando sobre como incorporalas ás empresas e proxectos emprendedores con éxito.
Estes 22 e 23 de setembro celébrase na Facultade Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra (Universidade de Vigo) un acontecemento TIC sobre o sistema WordPress e as súas múltiples posibilidades como sistema de balde e sen cancelas
Estes 22 e 23 de setembro celébrase na Facultade Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra (Universidade de Vigo) un acontecemento TIC sobre metodoloxías accesíbeis e libres para mostrarnos en liña e construír a Rede e os seus diferentes elementos. Máis polo miúdo, sobre o sistema WordPress e as súas múltiples posibilidades como sistema de balde e sen cancelas: un sistema que abrangue a día de hoxe a xestión da terceira parte das páxinas web do mundo. Segundo lembrou hoxe a organización do evento WordCamp Pontevedra 2018, a previsión é xuntar 200 persoas. Tamén recordou que se trata do primeiro evento oficial de WordPress que se desenvolve na nosa terra e que o programa inclúe preto de 20 relatorios.
A cita, que vén da man dos voluntarios da comunidade WordPress Pontevedra co apoio da organización internacional WordPress Foundation, preséntase como unha oportunidade de tender novas pontes entre a comunidade universitaria e o tecido produtivo. “Que se organicen este tipo de eventos é interesante para a facultade non só pola proxección, senón tamén porque nos achegan a un sector profesional moi concreto que no ámbito da comunicación é fundamental”, sinalou o profesor da Facultade de CCSS e da Comunicación e experto en WordPress Xabier Martínez Rolán. Segundo engadiu, as xornadas contribuirán a “visualizar a facultade no eido dixital e das novas tecnoloxías”, circunstancia que se verá reforzada polo feito de coincidir coa posta en marcha no centro do mestrado en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais.
Martínez Rolán engadiu que “WordPress ten moitas vantaxes, en primeiro lugar, porque a curva de aprendizaxe é moito máis sinxela que noutras plataformas, e tamén por ter unha comunidade de desenvolvedores enorme, polo que con WordPress pode facerse absolutamente de todo, calquera cousa que se che ocorra para unha web, hai un complemento para poder facelo”.
Polo que respecta aos relatorios, contarán con preto de 20 conferencias que, en dúas quendas paralelas, desenvolveranse o sábado 22, centrándose non só en contidos sobre desenvolvemento e programación, senón en múltiples cuestións vencelladas a WordPress: blogs, negocios, accesibilidade, redes sociais, tendas en liña, etc.
Segundo explicaron os organizadores, o programa combina coloquios de iniciación con outros de nivel medio e avanzado, de tal xeito que “nas sesións atoparán cabida todo tipo de usuarios, desde os máis profesionais até os que se veñen de introducir no mundo deste xestor de contidos web”.
No panel de conferenciantes atópanse expertos como Fernando Tellado, autor do blog en castelán sobre este xestor de contidos con maior número de visitas.
Tralas conferencias do sábado, a WordCamp continúa o domingo co Día do Contribuídor, no que as persoas asistentes “aprenderán a colaborar co proxecto WordPress mediante traducións, soporte, desenvolvemento...”.
A WordCamp terá como adianto a quedada que, no marco da programación do encontro de emprendemento Pont-Up Store, terá lugar o venres 20 ás 18.30 horas na Facultade de Belas Artes. Emprende con WordPress é o título dun evento no que tres conferenciantes abordarán como empregar esta ferramenta “para medrar profesionalmente” a partires das súas propias experiencias.