As posibilidades do micromecenado, ao detalle nun obradoiro da Cámara de Santiago
A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela vainos formar en metodoloxías para acadar financiamento a través das canles dixitais,

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela vainos formar en metodoloxías para acadar financiamento a través das canles dixitais,
A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela vainos formar en metodoloxías para acadar financiamento a través das canles dixitais, tanto a través dos servizos máis referenciais de micromecenado (o que se chama crowdfunding) como entrando en contacto directo cos business angels que desenvolven o seu labor de captación e investimento ao abeiro do ámbito online.
Nesta liña insírese o obradoiro de balde (a desenvolver entre o 17 e o 21 de setembro) Como atraer financiamento para a creación dun proxecto empresarial, que se celebra no viveiro de empresas de Costa Vella, en horario de 10:00 a 14:00 horas. Esta actividade, inserida no programa de actuación 2018 da Rede Eusumo (a rede de colaboración da Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social), está dirixida a socios e persoas vencelladas a proxectos cooperativos ou de economía social, emprendedores ou persoas interesadas en xeral. Un dos obxectivos do taller é que os participantes coñezan os distintos sistemas de financiamento de proxectos, tanto públicos como privados, con especial referencia aos máis innovadores, como son o crowdfundig ou os business angel.
Ademais, os alumnos aprenderán a resolver supostos prácticos sobre o financiamento dunha empresa, coñecerán modelos de presentación para solicitar financiamento para un proxecto de empresa e analizarán como realizar presentacións eficaces de proxectos.
O programa de obradoiros da Fundación TIC para a recta final de ano vén con 1.165 prazas e un total de 87 cursos e obradoiros a impartir na sede do InLugo na cidade da Muralla e máis nas vilas e aldeas do rural.
Suma e segue a formación tecnolóxico-dixital da Deputación de Lugo. Hoxe mesmo, a entidade que preside Darío Campos deu a coñecer o programa de obradoiros da Fundación TIC para a recta final de ano, un programa concibido para abranguer a meirande cantidade de xente e para avanzar novos pasos en materia de alfabetización dixital. De feito, vén con 1.165 prazas e un total de 87 cursos e obradoiros a impartir na sede do InLugo na cidade da Muralla e máis nas vilas e aldeas do rural.
Estes e outros datos viñeron da man do propio presidente Darío Campos, quen tamén fixo balance dos importantes froitos acadados ao longo de 2018 a través desta actividade dinamizadora e capacitadora, moi envorcada na xente maior. Segundo anunciou, este último trimestre de 2018 a Fundación TIC desprazarase novamente ao rural logo “do éxito rotundo dos cursos que se impartiron en diversos concellos da provincia na anterior edición do programa”.
Campos tamén lembrou que xa está aberto o prazo de inscrición nas actividades formativas en www.fundaciontic.org, www.deputacionlugo.gal ou no teléfono 982 225 186.
Campos Conde, que estivo acompañado pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, e o patrón da TIC e deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, dixo que “desde o Goberno da Deputación apostamos un trimestre máis polo fomento do uso das novas tecnoloxías entre os lucenses de máis de 55 anos porque cremos firmemente na súa utilidade como unha ferramenta que axuda a mellorar a calidade de vida das persoas maiores”. O máximo responsable provincial anunciou tamén que, desta volta, as accións formativas levaranse a cabo nas últimas semanas de setembro e outubro.
Por outra banda, o titular da Deputación mostrou a súa satisfacción por ter comprobado “como os maiores do rural se animan cada vez máis a manexar o móbil e o ordenador”. Na súa opinión, tanto a Internet como diversas aplicacións son “especialmente útiles para as persoas que viven soas ou en localidades dispersas”, unha situación na que están moitos lucenses maiores, lembrou, engadindo a vontade da Deputación de renovar esforzos achegando as TIC á veciñanza, e non ao revés, co fin de que a xente non teña que desprazarse do seu lugar de residencia.
Novidades
Amais de todo o devandito, o presidente da TIC fixo saber que “este trimestre haberá varias novidades”, todas co nexo común de atender as demandas dos usuarios e actualizar coñecementos xa que, “no caso da novas tecnoloxías, os contidos cambian con moita rapidez”, sinalou. Entre estas novidades figuran a posta en marcha dun segundo nivel de Internet para buscas máis avanzadas e obradoiros de pedidos por Internet, cambio de contrasinais e copias de arquivos. Asemade, incluirase por vez primeira un curso de retoque e composición de fotografía por computador, que se suma ao que xa hai no móbil.
Por outra banda, e respondendo ás solicitudes das usuarias e usuarios, incrementarase o número de talleres de memoria, entre os que haberá unha actividade a desenvolver coa consola Xbox, e, ao abeiro da programación habitual, terán especial presenza os cursos de móbil e de aplicacións como Facebook, Instagram ou Whatsapp, que segundo lembrou o presidente contan con gran número de seareiros.
Inscricións
O presidente provincial aconsellou ás persoas interesadas en participar nestas accións formativas a “que se apunten canto antes”, xa que as prazas “quedan cubertas habitualmente ás poucas horas da apertura de prazo de inscrición”.
A Asociación de Empresarios Ferrolterra e a Galicia Business School van achegar recursos ás empresas de Ferrolterra para explorar novos mercados e tirar proveito das ferramentas dixitais para conseguilo.
A Asociación de Empresarios Ferrolterra e a Galicia Business School van achegar recursos ás empresas de Ferrolterra para explorar novos mercados e tirar proveito das ferramentas dixitais para conseguilo. Este é o obxectivo principal do acordo acabado de formalizar entre as dúas entidades, que conta con financiamento da Xunta de Galicia, o Fondo Social Europeo e o IGAPE.
Trátase, en detalle, dun programa formativo para capacitar ao tecido produtivo local perante un desafío que atinxe a todas as empresas, sexan do sector que sexan: para medrar cómpre internacionalizárense. E empregar a fondo e eficazmente as novas tecnoloxías é a fórmula que se impón.
Con este proxecto de formación-acción desenvolveranse conceptos e aplicaranse na práctica, de xeito que, ademais dos coñecementos adquiridos, as empresas participantes poderán levar á súa realidade un plan de seu que marque as pautas para a internacionalización da súa compañía a través de canles dixitais. “Isto”, sinalan a AEF e GBS, “permitirá potenciar a posición exterior aproveitando a redución de custos e a velocidade de execución que as canles dixitais permiten”.
O programa formativo Diploma Profesional en Internacionalización a través de canles dixitais terá unha duración de 32 horas, e será impartido por expertos docentes nas diferentes temáticas devanditas: Manuel Alonso Coto, Rubén Bastón Meira e Laura María Vázquez Viaño.
O programa completo está dispoñible na web da AEF www.empresarios-ferrolterra.org e o prazo de inscrición finaliza o luns, 10 de setembro. As persoas interesadas en obter maior información poden contactar coa AEF no 981 33 33 05 ou través do correo info@empresarios-ferrolterra.org
Concello de Boqueixón vén de poñer en marcha a sexta edición do seu certame dixital destinado a mostrar, colectivamente, as mellores imaxes dos moitos atractivos turísticos do termo municipal.
O Concello de Boqueixón vén de poñer en marcha a sexta edición do seu certame dixital destinado a mostrar, colectivamente, as mellores imaxes dos moitos atractivos turísticos do termo municipal. En palabras do Goberno local, o Concurso de Fotografía Paisaxes de Boqueixón ten “o obxectivo de fomentar a creatividade e dar a coñecer ao público en xeral a diversidade e riqueza histórica, cultural e etnográfica do municipio”.
O certame está aberto ao público en xeral e cada participante poderá presentar ata un máximo de 3 fotografías. A temática das imaxes deberanse tomar no municipio de Boqueixón e centraranse en aspectos como a riqueza histórica, cultural, etnográfica e paisaxística. O prazo de envío das propostas finalizará o próximo 2 de novembro.
O Concello tamén informou que o xurado seleccionará un total de 12 imaxes e que estas empregaranse, unha por mes, para elaborar o calendario do 2019 que edita o Consistorio.
Ademais, desta escolma inicial sairán as tres instantáneas vencedoras. Os premios entregaranse en forma de vales de compra que se poderán trocar en calquera estabelecemento do municipio. O primeiro premio estará dotado cun vale de 200 €; o segundo, cun vale de 100 €, e o terceiro, cun vale de 50 euros. O fallo do xurado darase a coñecer o 21 de novembro.
Segundo se especifica nas bases do certame, a inscrición deberase realizar a través da páxina web municipal www.boqueixon.com. Cada participante deberá cumprimentar e asinar a folla de inscrición e enviar as fotografías en formato .jpg nun arquivo que leve o nome do título da fotografía, que terá unha resolución mínima de 2000x1500 px.
O vindeiro 10 de novembro celebrarase na Coruña, novamente no Domus, a feira OSHWDem (Open Source Hardware Demonstration), unha quedada argalleira para xente de todas as idades e que quere servir para facer comunidade arredor das tecnoloxías abertas mediante a exhibición interactiva e participativa de enxeños, inventos e propostas innovadoras.
O vindeiro 10 de novembro celebrarase na Coruña, novamente no Domus, a feira OSHWDem (Open Source Hardware Demonstration), unha quedada argalleira para xente de todas as idades e que quere servir (entre outras cousas) para facer comunidade arredor das tecnoloxías abertas mediante a exhibición interactiva e participativa de enxeños, inventos e propostas innovadoras. Unha vez máis o programa contará con demostracións de aparellos e programas open source, competicións de robots de todos os niveis de sofisticación e máis obradoiros e charlas sobre estas tecnoloxías.
O encontro vén da man da asociación Bricolabs, que leva desenvolvéndoo desde 2012. Segundo explican dende Bricolabs, a OSHWDem é unha feira de tecnoloxía onde se expoñen inventos cun nexo común: todos eles son proxectos libres, é dicir, que as súas especificacións, esquemas e código foron publicados, de maneira que calquera poida estudalos, entender o seu funcionamento, replicalos e mesmo melloralos. A idea de Bricolabs é que os enxeños en exposición non deixen a ninguén indiferente ao tempo que cobren (no plano temático) calquera ámbito de actuación que se nos ocorra: novas tecnoloxías, robótica, arte, Internet das Cousas, electrónica, hardware, software, etc.
Amais do devandito, Bricolabs engade que “durante a feira celébranse competicións de robótica onde poderemos ver máquinas pelexando de forma autónoma, resolvendo complexos labirintos de tamaño real á velocidade da luz e competindo entre eles en carreiras incríbeis”.
En termos máis concretos, o programa de actividades inclúe cousas tan interesantes como un reto Clonewars ou (previamente) un obradoiro de construción do robot velocista Cyclops, que se celebra o 6 de outubro, tamén no Domus, e que xira arredor de Cyclops, o proxecto open source de Rubén Espino.
Cifras e fitos
Dende a súa posta en marcha, a feira deu acollida a máis de 8.000 asistentes e viñeron a expor os seus proxectos libres (ou colaborado) máis de 1.230 argalleiras e argalleiros da comunidade de hardware e software libre. A entrada é libre e de balde, para todos o públicos.