main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

14/09/201808:29
Alberto Núñez Feijóo
Santiago de Compostela

O Goberno galego pon en marcha a sexta edición de ViaGalicia para impulsar 15 novos proxectos innovadores

Esta sexta edición estruturarase en seis fases e tras a convocatoria seleccionaranse 80 candidaturas: 40 para Lugo e 40 para Vigo

  • Lembra que desde a súa posta en marcha en 2013, ViaGalicia investiu 9,5 millóns para apoiar 160 iniciativas que permitiron xerar 339 postos de traballo
  • Di que se estruturará en seis fases e que tras a convocatoria seleccionaranse 80 candidaturas: 40 para Lugo e 40 para Vigo

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a posta en marcha da sexta edición de ViaGalicia, a máis veterana das aceleradoras de empresas da Comunidade, que se desenvolve en Lugo e Vigo en colaboración coa Zona Franca e que, cun investimento total de 2,4 millóns de euros (dos que a Xunta achega máis do 60%), apoiará 15 novos proxectos innovadores.

Logo de precisar que esta sexta edición estruturarase en seis fases, Feijóo aseverou que tras a convocatoria seleccionaranse 80 candidaturas: 40 para Lugo e 40 para Vigo. Na segunda fase, chamada Startup Day, seleccionaranse a metade das iniciativas que pasarán á Academia, onde os participantes recibirán formación teórico-práctica sobre como definir os modelos de negocio. Logo desta terceira fase, elixiranse os proxectos que participarán no Demo Day, unha presentación pública na que se seleccionarán un máximo de 15 proxectos aos que se lles ofertará financiamento e a incorporación á aceleradora.

Sobre este punto, cómpre subliñar que as iniciativas obterán unha axuda da Axencia Galega de Innovación (25.000 euros) e préstamos participativos de XesGalicia e de Vigo Activo, o fondo de capital risco da Zona Franca, de 50.000 euros cada un.

A quinta fase, denominada aceleradora, desenvolverase en Vigo e brindará o acceso a un espazo de coworking e a posibilidade de realizar parte da titorización nas propias instalacións da empresa, algo especialmente interesante para os proxectos do sector industrial. A última fase denomínase, Investors Day, consistirá nunha presentación dos proxectos a un panel de investidores privados e institucionais.

Ademais das axudas e préstamos, o proxecto elixido como Mellor proxecto empresarial de VíaGalicia poderá acceder a un préstamo adicional de 150.000 euros: 75.000 euros por parte de XesGalicia e 75.000 euros por parte de Vigo Activo.

Desde a súa posta en marcha en 2013, ViaGalicia investiu 9,5 millóns para apoiar 160 iniciativas -das que 68 se constituíron como empresa- que permitiron xerar 339 postos de traballo.

14/09/201808:20
Red.es
Santiago de Compostela

Red.es selecciona catro proxectos galegos na súa convocatoria de turismo smart

Os proxectos beneficiarios impulsarán a aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) ao funcionamento de 24 entidades locais “eminentemente turísticas”

Red.es vén de seleccionar dúas ducias de proxectos estatais para a súa convocatoria de axudas Destinos Turísticos Intelixentes, pertencentes a nove comunidades autónomas. Destas 24 iniciativas, catro son galegas: as achegadas pola Mancomunidade do Salnés (1.489.996,42 euros), a da Deputación de Pontevedra (1.900.000,00 euros), a do Concello de Ourense (2.908.410,93 euros) e a da Deputación de Ourense (2.989.022,34) euros. En total, estamos a falar de 9.287.429,69 euros para incentivar proxectos de turismo smart na nosa terra.
A resolución, publicada hoxe, prevé mobilizar un investimento total de 68.301.624 euros, dos que Red.es, entidade do Ministerio de Economía e Empresa, achegará 42.487.769 euros (o 62%), grazas ao co-financiamento do FEDER. As entidades locais faranse cargo, pola súa banda, de entre un 20% e un 40% do custo total estimado de cada iniciativa.
Segundo informou a entidade do Goberno, os proxectos beneficiarios impulsarán a aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) ao funcionamento de 24 entidades locais “eminentemente turísticas”, de xeito que se configuren en territorios intelixentes, “con servizos diferenciais e competitivos que garantan cousas como un desenvolvemento sustentábel e accesíbel para todos e que melloren a experiencia do visitante e a calidade de vida do residente”, informou Red.es.
Esta convocatoria estaba dirixida ás entidades locais (concellos, mancomunidades, cabidos, consells e deputacións), así como ás comunidades autónomas uniprovinciais incluídas na Enquisa de Ocupación Hostaleira, elaborada polo Instituto Nacional de Estatística (INE), cunha poboación non inferior a 20.000 habitantes. Os proxectos podían ter un orzamento máximo de 6 millóns de euros, que Red.es financiaría até nun 80%.

14/09/201808:14
Sinatura do convenio
A Coruña

A Coruña prepara un evento para alentar o emprendemento TIC

O evento, que se celebrará este ano, reunirá a empresas e persoas emprendedoras para compartir a súa experiencia en mesas de debate, charlas maxistrais e encontros co público.

Quen queira traballar en novas tecnoloxías e intercambiar coñecemento innovador e emprendedor vai poder facelo na Coruña. Así nolo fixo saber esta semana o alcalde Xulio Ferreiro, durante a sinatura dun acordo de colaboración coa Asociación Galega de Innovadores en TIC do que abrollarán, en datas vindeiras, actividades para impulsar a creación de iniciativas de mercado no sector. Por exemplo un encontro específico de emprendedores e de expertos en emprendemento. O seu obxectivo será “facilitar espazos de traballo e intercambio no sector”. Na formalización do acordo tamén participou Frankie Gómez, da dita asociación.
O convenio supón unha achega de 5.000 euros por parte do Concello. Este acordo forma parte da estratexia de impulso da Concellería de Emprego e Economía Social ao desenvolvemento de proxectos no ámbito das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC) e da aposta municipal polo estímulo da actividade empresarial na cidade.
O edil Alberto Lema salientou no acto de sinatura que o Goberno local busca, por medio das súas políticas no ámbito laboral e empresarial, “xerar emprego en sectores que resulten estratéxicos para A Coruña e o seu medre, como é o da innovación”. Asemade, lembrou outras actuacións neste ámbito como a sinatura, a pasada semana, coa Universidade da Coruña dun convenio para analizar as potencialidades da área metropolitana no eido da innovación e a definición dunha proposta para definir a súa estratexia de futuro ao respecto.
O evento obxecto do convenio, que se celebrará este ano, reunirá a empresas e persoas emprendedoras para compartir a súa experiencia en mesas de debate, charlas maxistrais e encontros co público. “Trátase de facilitar espazos de intercambio para fomentar tanto o aproveitamento do coñecemento como o traballo en conxunto de empresas”, indicou Lema.

14/09/201808:08
Alberto Núñez Feijóo
Santiago de Compostela

Galicia avanza na implantación da administración dixital e, por primeira vez, as xestións online superan ás presenciais

O presidente do Goberno galego constatou o avance de Galicia no eido da implantación da administración dixital onde, por primeira vez, as xestión online superan as presenciais.

  • Subliña o compromiso de seguir avanzando neste eido co obxectivo de transformar as oficinas do Rexistro nunha Rede de oficinas de atención á cidadanía e crear a figura do funcionario habilitado

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, constatou hoxe o avance de Galicia no eido da implantación da administración dixital onde, por primeira vez, as xestión online superan as presenciais.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo precisou que, segundo os datos do primeiro semestre, o 53% dos trámites realizáronse en liña, a través da sede electrónica ou dalgunha das oficinas virtuais, o que supón un crecemento de nove puntos con respecto ao mesmo período de 2017, onde a porcentaxe de documentos presentados a través de internet foi do 44%.

Así mesmo, confírmase tamén un importante incremento no uso que fan os funcionarios da Plataforma de interoperabilidade Pasaxe!, que evita que aos cidadáns volver presentar documentos que xa están en poder da Administración.

Sobre este punto cómpre salientar que, entre xaneiro e xuño deste ano, realizáronse 3,3 millóns de consultas, o que supón un incremento de máis do dobre, en concreto, un 113% máis que o ano pasado.

En relación ás notificacións electrónicas, Feijóo aseverou que cada vez son máis os usuarios que as reciben, triplicándose neste último ano o seu uso: 137.000 en xuño deste ano, fronte a 43.000 en xuño de 2017.

Pola súa banda, o número de documentos con sinatura dixital pasou de 691.000 no primeiro semestre de 2017 a máis de 1,1 millóns no mesmo período deste ano.

Durante a súa intervención, o presidente da Xunta lembrou que para lograr estes avances, foi necesario acometer outras melloras a nivel interno, como por exemplo: o Arquivo Electrónico Único e a dixitalización das principais Oficinas de Rexistro, oito sedes que concentran o 53% da documentación (Rexistro Xeral, Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vigo, Lugo, Ourense e Rexistro da Amtega).

Feijóo concluíu garantindo o compromiso de se seguir avanzando neste eido, co obxectivo de transformar as oficinas do Rexistro nunha Rede de oficinas de atención á cidadanía, na que se apoie aos galegos para presentar documentación online; e crear a figura do funcionario habilitado, que poderá realizar trámites dixitais en nome doutra persoa.

13/09/201810:17
Grupo Fundación MAPFRE
Madrid

As startups españolas MJN-SERAS e SCOOBIC, e a austriaca BLITAB, clasificadas para a final dos Premios Fundación MAPFRE á Innovación Social

As innovacións españolas MJN-SERAS e SCOOBIC, e a austriaca BLITAB, clasificadas para a final dos Premios Fundación MAPFRE á Innovación Social

Dous proxectos españois, MJN-SERAS, o primeiro dispositivo médico capaz de predicir unha crise epiléptica, Scoobic, o vehículo de repartición sustentable que mellora a calidade do aire e axuda a salvar vidas, e o proxecto austriaco BLITAB, a única tableta táctil do mundo para persoas con discapacidade visual, foron seleccionados para participar na final dos Premios Fundación MAPFRE á Innovación Social que se celebrará o próximo 17 de outubro en Madrid, e que acollerá a emprendedores europeos e latinoamericanos que destacaron polo valor social dos seus proxectos.

O xurado, composto por directivos, actores representantes do ecosistema innovador e investidores sociais, avaliou, en cada un os proxectos o seu potencial innovador e impacto social, a súa escalabilidade e viabilidade, así como a capacidade e experiencia do equipo.

Deseñado como un certame, ao redor de tres rexións xeográficas, Brasil, resto de LATAM e Europa, o obxectivo dos Premios Fundación MAPFRE á Innovación Social é facer posible o crecemento de propostas que, polas súas características, contribúan a resolver e mellorar aspectos concretos do mundo no que vivimos nas áreas de saúde, mobilidade e cultura aseguradora.

A partir deste momento, os clasificados entran nunha nova fase da competición onde recibirán, da man de expertos do IE University, axuda e orientación para presentar as súas iniciativas. Todos volverán defender as súas innovacións na final que se celebrará o 17 de outubro en Madrid para alzarse co premio e obter 30.000 euros. En total, a Fundación MAPFRE, repartirá 90.000 euros, un por cada categoría.

462 candidaturas, 27 semifinalistas, 9 finalistas e 3 galardoados

A convocatoria, lanzada a finais de 2017, recibiu un total de 462 proxectos creados por científicos, investigadores, emprendedores e estudantes de universidades e escolas de negocio de países como Austria, Brasil, Colombia, Chile, Ecuador, Italia, México, Perú, Reino Unido e España, entre outros. Só 27 deles, os máis innovadores, optaron a un posto nas semifinais, a última celebrada o pasado 12 de setembro en Madrid. Nove deles loitarán agora por gañar a primeira edición dos Premios Fundación MAPFRE á Innovación Social.

Accede aquí á noticia completa

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS