
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Xunta de Galicia dá un paso máis no seu compromiso co impulso á modernización e a innovación tecnolóxica do tecido empresarial galego, poñendo en marcha unha nova edición de Reacciona TIC dentro Programa Reacciona. A iniciativa, froito da colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o IGAPE ofrecerá ás pemes galegas un catálogo unificado de servizos a prezos reducidos orientados a mellorar a súa competitividade a través do aspecto operativo, estratéxico ou de incorporación de tecnoloxía.
Esta nova edición do programa Reacciona, que conta cun orzamento conxunto de máis de 4,6 millóns de euros ata o ano 2020, introduce como principais novidades a incorporación de servizos vinculados a actividades de innovación e aos relacionados coas novas tendencias dixitais como as solucións baseadas nos contidos dixitais, a ciberseguridade ou as solucións en mobilidade.
Servizos de Dixitalización
Nesta edición o Reacciona TIC ofrece servizos orientados a promover a dixitalización empresarial, comezando pola análise do grao de modernización tecnolóxica e identificación de oportunidades de mellora, resultando na definición da estratexia dixital cara á incorporación de novas solucións dixitais e tendencias tecnolóxicas (cloud, Big Data, social media, etc.).
Ademais as pemes tamén terán acceso a servizos de soporte para a definición e implantación dunha estratexia corporativa para xestionar a ciberseguridade de maneira eficiente e a posta en marcha de medidas de protección; ou para implantar de solucións dixitais innovadoras en mobilidade capaces de agregar valor ás actividades operacionais e de xestión empresarial.
Doutra banda, converxendo cos obxectivos do DICO Mindset (Plan de acción para o impulso aos contidos dixitais en Galicia), ofertaranse servizos para a posta en marcha de proxectos ás novas tendencias tecnolóxicas ligadas ao sector dos contidos dixitais.
En concreto, prestarase un servizo de apoio á adopción de solucións innovadoras con base nos contidos dixitais (realidade virtual, realidade aumentadas, a gamificación ou os serious games) que permitan ás empresas transformar os modelos de xeración de produtos e/ou servizos, así como agregar valor aos procesos de deseño e/ou produción, aos produtos ou aos servizos resultantes. É un servizo para o deseño dunha estratexia de marketing de contidos orientada á mellora da relación empresa-consumidor con respostas personalizadas (vídeo-marketing, mail-marketing, infografías, realidade virtual, xogos dixitais, etc.).
Marco de referencia estratéxico
A Axenda Dixital de Galicia 2020, liderada pola Amtega, que establece como unha das súas liñas estratéxicas a ‘Aceleración da Economía Dixital’ co fin de promover o liderado de empresas que a través da incorporación das TIC, tanto nos procesos internos como de negocio, garantan a creación e absorción de talento e innovación para xerar novas oportunidades e promover así a atracción e o crecemento económico na Comunidade
Ademais esta actuación tamén se aliña coa Axenda da Competitividade Galicia – Industria 4.0, liderada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, que aspira a modernizar a industria galega a través da innovación, establecendo novas fórmulas de produción que melloren a súa competitividade impulsando a fabricación de produtos diferenciados e de calidade.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a posta en marcha da 1ª edición do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia co obxectivo de reducir a fenda entre a dispoñibilidade de traballadores con competencias dixitais e a crecente demanda destes perfís no mercado laboral.
Segundo sinalou o presidente, o dito plan engloba 30 iniciativas con máis de 2.500 prazas en tres eixos de actuación: o impulso das vocacións STEM, a promoción da adaptación aos novos perfís dixitais e a formación de E-líders para a transformación dixital.
Con respecto ao primeiro eixo, Feijóo explicou que é necesario fomentar o atractivo vocacional das profesións científico-tecnolóxicas entre os máis mozos e mozas dado que, aínda que a metade do alumnado cursa no bacharelato a rama de ciencia e tecnoloxía, a meirande parte deles non se matricula posteriormente en carreiras STEM. Será a través do impulso de doce iniciativas, entre as que figura, por exemplo, a oportunidade de que os rapaces experimenten en primeira persoa a xornada laboral dun destes profesionais.
No caso do segundo eixo, DigiTalent, dixo, contemplará ata 9 actuacións diferentes para ofertar capacitación continua aos profesionais e adaptación ás demandas do mercado laboral. Levaranse a cabo, destacou, accións formativas e de asesoramento como o programa de becas Áncora, sesións divulgativas ou un Observatorio Tecnolóxico.
Finalmente, o terceiro eixo responderá a necesidade de facilitar aos perfís directivos a formación e sensibilización que precisan para liderar a transformación dixital das súas empresas a través da xeración de ideas innovadoras.
En definitiva, un plan para promover talentos dixitais en Galicia e para promover que a cidadanía conte coas capacidades necesarias para desenvolverse plenamente no ámbito dixital. Para tal fin, concluíu, contaremos con estas iniciativas e tamén co apoio dos axentes económicos, 12 empresas que xa se adheriron en 2013 ao Pacto Dixital da Xunta, engadiu.
SmartPEME, a rede de formación e asesoramento TIC impulsada pola Deputación de Pontevedra, vai ofrecer este mes de outubro media ducia de actividades de capacitación tecnolóxica para os profesionais, os traballadores, as PEME e os emprendedores de Lalín. Os seis obradoiros sobre as máis diversas temáticas TIC celebraranse no Viveiro de Empresas do Polígono Lalín 2000. Como lembraremos, SmartPEME oferta ás persoas emprendedoras e empresas da provincia (a través das súas oficinas de Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e Barro) servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración e acompañamento no ámbito das TIC.
O martes 9 de outubro ás 18 h, impartirase Mellora a túa páxina web e posiciónaa en buscadores. O xoves, 11 de outubro ás 17 h, terá lugar Plan de marketing online para empresas turísticas. O martes 16 ás 19 h, celebrarase o curso Vende os teus produtos en Facebook e Instagram. Seguindo cos cursos do mes de outubro, o martes 23, tamén as 19 h, terá lugar Como utilizar Instagram para promover a túa empresa. O xoves desa mesma semana será a quenda de Fotografía os teus produtos ou servizos para as redes socias, ás 17 h. E, por último, o mércores 31 de outubro ás 19 h, esta vez no viveiro de empresas da Estrada, celebrarase o curso Comercializa os teus servizos a través das redes sociais.
A oficina SmartPEME de Lalín, no Viveiro de Empresas situado no Polígono Lalín 2000, atópase na parcela E deste espazo e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es.
O programa da Deputación de Pontevedra desenvolve este ano novas carteiras de servizos co obxectivo de “continuar axudando ás empresas da provincia a ser máis competitivas na contorna económica actual”. O programa abre tres novas grandes liñas: o Centro Provincial de Economía Dixital (CPED), no viveiro de empresas de Barro, SmartPEME Impulsa e TurisTIC.
Entre os días 5 e 8 de outubro a asociación estudantil de desenvolvemento de videoxogos nacida ao abeiro da Universidade da Coruña, Monkey Laboratory (MOLAB), celebrará unha gamejamen liña, ou sexa, unha competición de creación de videoxogos que desenvolverase de xeito non presencial a través da plataforma Itch.io.
Ao inicio da II MOLAB Gamejamdesvelarase a temática da competición, de xeito que os concursantes poderán realizar as súas creacións entre as 12:00 horas do venres até as 12:00 horas do luns, para que logo un xurado composto por profesionais galegos do sector tecnolóxico e dos videoxogos, de empresas como Polygon-e, Imaxin Software ou Gato Salvaje, xunto a persoal docente das facultades de Informática e Ciencias da Comunicacións, poidan avaliar os xogos completados que poderán verse na Aula de Graos da Facultade de Informática da Coruña (FIC) o vindeiro 10 de outubro a partires das 18:00 horas, para que ás 19:30 horas, no mesmo lugar, se anuncien os gañadores nas categorías de Mellor Xogo, Game Design, Deseño Artístico e Deseño Sonoro. Os trofeos entregaranse en persoa, aínda que tamén poderá seguirse en vivo a través de Twitter e Twitch.
O Concello de Lugo presentou esta semana o seu programa de obradoiros de dixitalización para a recta final de 2018. Estamos a falar de 11 cursos de balde a desenvolver ao longo destes meses nas aulas CeMIT do Castiñeiro e de María Balteira e máis no Edificio de Novas Tecnoloxías emprazado en pleno casco vello da cidade. As accións formativas achegan 145 prazas e titorías tecnolóxicas. Por temas, abordaranse de cheo cuestións de especial relevancia para a empregabilidade das veciñas e veciños de Lugo (e tamén para mellorar a súa formación e mesmo a súa calidade de vida). Achéganse introducións á informática, á robótica ou á creación de páxinas web.
O programa, que se desenvolve baixo a programación de Tecnoloxíza-T!, desenvolverase nun emprazamento ou noutro dependendo das idades ás que se dirixe. Así, no caso da aula do Castiñeiro, as actividades están encamiñadas a rapaces e rapazas de 8 a 14 anos, e no resto, para persoas maiores de 14 anos.
Na aula do Castiñeiro e no Edificio de Novas Tecnoloxías as actividades desenvolveranse en xornada de tarde, e na de María Balteira todas serán en quenda de mañá.
O número máximo de alumnos e alumnas é de 10 ou 15, dependendo da actividade formativa, sendo o mínimo de persoas inscritas de 8 no caso de que as prazas ofertadas sexan 15, ou de 6 no caso de 10 prazas.
Inclúense os seguintes cursos na aula do Castiñeiro: Informática de nivel intermedio para nenas e nenos (30 horas, 15 prazas, luns e mércores de 18.00h a 19.30 horas, do 15 de outubro ó 19 de decembro) e Creación de páxinas web (24 horas, 15 prazas, martes e xoves de 18.00h a 19.30h, do 16 de outubro ó 13 de decembro).
No caso da aula de María Balteira, os obradoiros son: Iniciación á informática nivel II (15 prazas, 30 horas de formación, de luns a venres de 10.00h a 12.00h, a partir de 14 anos), Informática nivel intermedio (15 prazas, 30 horas, de luns a venres de 11.00h a 13.00h, do 19 de novembro ó 11 de decembro, para maiores de 14 anos) e Titorías tecnolóxicas (de 12.00h a 14.00h, o primeiro luns de cada mes a partir de novembro, non é precisa inscrición previa).
No Edificio de Novas Tecnoloxías celébrase o seguinte programa de obradoiros: Iniciación ao Autocad (40 horas, 15 prazas, de luns a xoves de 17.00h a 19.00h, do 1 ó 31 de outubro, a partir de 14 anos), Monta unha impresora 3D (oito horas, 10 prazas, sábados de 17.00h a 21.00h, do 20 e 27 de outubro, a partir de 14 anos), Creación de videoxogos (30 horas, 10 prazas, para maiores de 14 anos, de luns a xoves de 17.00h a 19.00h, do 5 ó 28 de novembro), Iniciación á robótica (12 horas, 10 prazas, os sábados de 17.00h a 21.00h, do 3 e 17 de novembro, para maiores de 14 anos), Trámites electrónicos coa Administración (4 horas, 15 prazas, o sábado 24 de novembro de 17.00h a 21.00h, para maiores de 14 anos), Negocios online (20 horas, 15 prazas, de luns a xoves de 19.00h a 21.00h, do 3 e 18 de decembro, para maiores de 14 anos), Introdución á robótica (12 horas, 10 prazas, de mércores a venres de 17.00 a 21.00 horas, a partir de 14 anos) e Titorías tecnolóxicas (de 17.00h a 19.00h, o último sábado de cada mes a partir de outubro e sen que sexa precisa inscrición previa).