main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

08/10/201810:13
Aula CeMIT de Brión.
Brión

Brión achega as ferramentas Word e Excel ás persoas desempregadas

O Concello de Brión organizará un curso gratuíto de Word e Excel para persoas desempregadas, que se vai desenvolver ao longo de 40 horas lectivas a partir do vindeiro 6 de novembro. Segundo informan fontes do Goberno local, trátase dun obradoiro de formación que busca que o alumnado adquira coñecementos básicos de informática de cara a mellorar a súa empregabilidade. Para quen queira máis información, o Concello habilitou un PDF cos datos ao completo

As clases impartiranse na aula CEMIT de Brión os martes e xoves, en horario de 10:30 a 12:30 horas. A inscrición estará aberta ata o 19 de outubro na Casa da Cultura de Brión, no teléfono 981 50 99 08 ou en empregobrion@gmail.com.

Para quen non o saiba, Microsoft Word e Microsoft Excel son dous elementos integrantes (dous elementos clave) da suite de Office, e están presentes nunha manchea de contornas laborais de todos os sectores. O primeiro é o procesador de textos de Microsoft Office e o segundo é o programa de folla de cálculo de Microsoft Office (empregado para gardar todo tipo de datos, desde información financeira a listaxes).

08/10/201810:02
Cartel da iniciativa.
Lugo

A divulgadora galega Deborah García súmase ao Girl STEM

Segue adiante, a lume de carozo, o programa de actividades da Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL) destinado a derrubar os estereotipos e as falsas crenzas tecnolóxicas que impiden ás mozas o libre acceso ás carreiras TIC: o programa Girl STEM. A fórmula elixida para acadalo? Pois algo tan sinxelo e eficaz como deixar que mulleres referentes tecnólogas e científicas dean conta das posibilidades de enriquecemento da súa escolla ante a nosa mocidade, e contribúan a eliminar mitos. Desta volta tócalle á química e divulgadora científica Deborah García Bello (A Coruña 1984), unha das maiores referentes no seu ámbito en España e no mundo (con máis de 30.000 seareiras e seareiros nas redes sociais). 

En concreto, Deborah asistirá á sesión que terá lugar o luns, 8 de outubro, no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, entre as 16:10 h e 17:50 h. Tras unha breve presentación a conta de Nía Maneiro, educadora e socióloga experta en xénero, Deborah García contará a súa propia experiencia e falará sobre fenda de xénero, ademais de desmontar prexuízos sobre a relación entre as mulleres e as profesións científico-tecnolóxicas. Posteriormente, abrirase un espazo para preguntas e o debate coas rapazas e rapaces do instituto.

Con esta iniciativa, quérese contribuír a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino apenas se sitúa en torno ao 30%. Este programa forma parte do Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola axencia AMTEGA

 

De Inditex ao Guggenheim: quen é Deborah García

Segundo fai saber AGASOL, a traxectoria de Deborah García Bello (A Coruña, 1984) é tan impresionante como a súa capacidade de transmitir a ciencia a todo tipo de públicos. Esta química e divulgadora científica é colaboradora de Televisión Española e Televisión de Galicia. Ten a súa propia sección de ciencias todos os mércores na Radio Galega. Escribe para diferentes medios como El País, La Voz de Galicia, o cultural O observador da beleza de L’’ORÉAL, o Caderno de Cultura Científica da UPV/ EHU ou Naukas, e dá conferencias en todo o mundo. Ademais, é formadora en hábitos saudables para o xigante téxtil galego Inditex.

Desde 2016 é a directora científica das xornadas Ciencia e Arte da Universidade do País Vasco e o Museo Guggenheim de Bilbao. Está a facer o doutoramento na Universidade da Coruña sobre divulgación científica a través da relación entre a ciencia e a arte contemporánea. É membro da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica e da Asociación Española de Comunicación Científica.

É autora do aclamado blogue dimetilsulfuro.es, polo que recibiu o Premio Bitácoras 2014 ao mellor blogue de ciencia nacional. A súa canle de Youtube Deborahciencia conta con máis de 18.000 subscritores, que se suman aos máis de 13.000 en Twitter. É autora do libro Todo é cuestión de química (Ed. Paidós, 2016), galardoado co Premio Prismas ao mellor libro editado sobre divulgación científica en 2017. Pola súa actividade divulgadora recibiu un premio Jot Down Ciencia en 2017 e o Premio Tesla á divulgación en 2016. En febreiro deste ano saíu á venda o seu último libro Que se lle van as vitaminas! (Ed. Paidós, 2018), que xa vai pola súa cuarta edición.

08/10/201810:00
Imaxe do interior dun fogar con varios dispositivos tecnolóxicos.
Madrid

Axudas para lograr vivendas accesibles para persoas con discapacidade e maiores

A tecnoloxía é un gran aliado para lograr que persoas con discapacidade e maiores poidan ter un fogar adaptado ás súas necesidades. Con todo, en moitos casos ese proceso require un investimento que algunhas persoas non poden permitrse.

Por esta razón, o Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (Cermi) presentou unha serie de medidas que teñen como obxectivo axudar a que as persoas con discapacidade e as persoas maiores poidan acceder a unha vivenda adaptada ás súas necesidades.

Entre estas medidas inclúense axudas económicas para realizar as adaptacións nas vivendas que, a través da tecnoloxía, permitan facer máis accesibles os fogares.

Con todo, as demandas que o Cermi expuxo ao Goberno van máis aló, e inclúen obrigar ás comunidades de veciños a realizar as obras necesarias para facilitar a entrada e saída do fogar a persoas con discapacidade e maiores.

A entidade tamén propón a creación dunha bolsa de vivendas accesibles que poidan ocupar as persoas con discapacidade mentres se realizan as adaptacións no seu fogar; ou a creación de distintos incentivos fiscais para acometer estas obras.

No fondo, o obxectivo da proposta é facilitar que as persoas con discapacidade e as persoas maiores poidan acometer as modificacións necesarias no seu fogar que poidan favorecer a súa independencia e autonomía.

08/10/201809:57
Dous mozos ven a televisión no televisor e nun móbil.
Madrid

A importancia da tecnoloxía para a accesibilidade dos medios audiovisuais

Os medios de comunicación son moi importantes para a cohesión da sociedade e para que esta se manteña informada, por esta razón é fundamental que estas vías de comunicación sexan accesibles para todas as persoas, e para iso a tecnoloxía é clave.

Por esta razón, o Real Padroado sobre Discapacidade, a través do Centro Español de Subtitulado e a Audiodescripción (CESyA), organizarán esta semana a IX edición do Congreso Amadis sobre accesibilidade nos medios audiovisuais para persoas con discapacidade.

Nestas xornadas tamén participan a Universidade Carlos III e a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), e celébranse na sede da CNMC o luns 8 e o martes 9 de outubro.

Debido á súa importancia para lograr a accesibilidade dos medios audiovisuais, a tecnoloxía terá un papel moi relevante nestas xornadas. Non en balde, o CESyA é o responsable do desenvolvemento da tecnoloxía que permite a case perfecta sincronización dos subtítulos en emisións en directo, a audiodescrición de obras nos museos ou a accesibilidade de obras de teatro e do cinema.

O congreso desenvolverase en formatos de mesas redondas nas que se tratarán temas como as tecnoloxías de accesibilidade na televisión e outros ámbitos culturais.

Outro dos temas que se tratarán nestas xornadas será a formación en accesibilidade e a tecnoloxía que fai que os medios sexan accesibles para persoas con discapacidade sensorial.

08/10/201809:53
Lentes intelixentes para ver subtítulos.
Londres

Estas lentes intelixentes permiten a persoas con discapacidade auditiva ver subtítulos durante unha obra de teatro

Unha alianza entre o Teatro Nacional do Reino Unido e a firma Accenture, propiciou a creación dun servizo que podería mellorar a experiencia das persoas con discapacidade auditiva ao presenciar unha obra de teatro. Neste sentido, foi anunciado un dispositivo que ofrece unha maneira efectiva de mostrar subtítulos dos diálogos que se desenvolven no escenario para os membros da audiencia con esta condición.

Trátase dunhas lentes intelixentes que serán ofrecidas gratuitamente aos asistentes das producións de teatro War Horse ou Hadestown, e posteriormente despregaranse en todas as obras de teatro a estrearse en 2019.

Esta tecnoloxía xa foi probada durante un ano, e o Teatro Nacional ofreceu as súas primeiras presentacións coas 'lentes de subtítulos' durante as últimas semanas.

Desta forma, as persoas con discapacidade auditiva contarán cunha experiencia máis envolvente ao asistir ao teatro, xa que non deberán prestar tanta atención aos xestos e os movementos das beizos dos actores para determinar o que están a dicir.

Segundo o anuncio, basta con colocarse as lentes e mostraranse as palabras de cada diálogo. Isto ocorre grazas a que as lentes intelixentes contan con conectividade Wi-Fi, ademais dun software que está guiado polos cambios de iluminación e posición dos actores no escenario para garantir que os subtítulos aparezan no momento indicado.

O único aspecto desfavorable desta tecnoloxía é o seu custo de produción: US$ 1,000 por unidade. Isto evitou que o Teatro Nacional do Reino Unido poida desenvolver en maior medida este dispositivo. Por esta razón, apenas contan con 50 unidades, pero a organización confía en que proximamente establecerán novas alianzas a fin de levar estas lentes a máis persoas no teatro.

Pola súa banda, Jonathan Suffolk, director técnico da organización, asegurou a The New York Times que, ademais do seu uso para os subtítulos, as lentes poderían ser utilizadas para agregar efectos especiais con realidade aumentada, realizar traducións ou mesmo revisar a conta de Twitter en tempo real.

Ligazón á noticia na web: www.tekcrispy.com.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS