main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

08/10/201809:47
Cartel da iniciativa.
Madrid

A ministra de Empresa anuncia as 27 entidades seleccionadas para ser Oficinas de Transformación Dixital

  • A convocatoria do programa 'Oficinas de Transformación Dixital' (OTD) de Red.es seleccionou 27 entidades repartidas por todas as comunidades autónomas nunha resolución anunciada este mércores pola ministra de Economía e Empresa, Nadia Calviño.

 

Estas oficinas créanse para desenvolver un ecosistema de apoio para as pemes no seu proceso de transformación dixital. As seleccionadas son principalmente asociacións ou colexios profesionais que prestan servizo dentro do ámbito de actividade ao que se van a dirixir, debendo enmarcar as actuacións de difusión nesta área.

 

Repartición de oficinas e de orzamento

As entidades colaboradoras abarcan sectores tan diversos como telecomunicacións, turismo, industria manufactureira, enerxía ou construción entre outros. Cada OTD recibirá unha axuda de entre 100.000 e 200.000 euros e cada organización terá que achegar, polo menos, o 20% do orzamento subvencionable. A convocatoría tiña un orzamento total de cinco millóns de euros confinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

As 27 OTDs integraranse nas instalacións das entidades beneficiarias e os servizos que ofrecerán van desde a difusión, accións de sensibilización e dinamización nos procesos de transformación dixital ata outros de apoio como a atención e a resolución de consultas sobre as solucións e metodoloxías para mellorar a xestión no uso das TIC.

Andalucía contará con sete oficinas, a Comunidade Valenciana con tres, Canarias e Galicia terán dúas cada unha, e o resto repártense entre Aragón, Asturias, Cantabria, Castela e León, Castela-A Mancha, Cataluña, Estremadura, Baleares, A Rioxa, Madrid, Murcia, Navarra e o País Vasco, onde se situará unha OTD en cada comunidade.

 

Emprendimiento Dixital

Segundo Red.es, esta iniciativa permitirá ás empresas mellorar e optimizar os seus procesos e, con iso, a súa produtividade e competitividade. Ademais, contribuirá á prestación de servizos de difusión para o impulso do emprendemento dixital.

Este proxecto está coordinado por Red.es e executarase en paralelo ao Programa de Axudas 'Asesores Dixitais', dotado con outros cinco millóns de euros en axudas a través do mesmo tipo de Fondos Europeos co obxectivo de realizar Plans de Dixitalización que axuden ás pemes para incorporar as TIC nos seus procesos (xestión do negocio, relación con terceiros, comercio electrónico e dixitalización de servizos e solucións) e estímase que poida beneficiar a máis dun milleiro de empresas de todos os sectores produtivos.

08/10/201809:32
Clausura da xornada sobre os hubs de innovación dixital.
Santiago de Compostela

Os hubs de innovación dixital da Xunta serán un instrumento estratéxico capaz de impulsar os principais sectores económicos de Galicia

  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, clausurou o venres en Santiago de Compostela unha xornada organizada pola Administración autonómica
  • O goberno galego recibiu oito manifestacións de interese e abrirá, nas próximas semanas, a convocatoria para desenvolver os primeiros hubs
  • Valorarase a súa contribución á Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS 3) e contarán cun recoñecemento da Administración que lles permitirá acceder tanto a apoios rexionais que se poñan en marcha como formación e acompañamento

 

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asegurou o venres en Santiago de Compostela, durante a clausura dunha xornada sobre os hubs de innovación dixital organizadas pola Xunta, que serán un instrumento estratéxico capaz de impulsar os principais sectores económicos de Galicia.

O obxectivo da xornada era presentar o modelo de hubs que Galicia vai apoiar e dar a oportunidade de expoñer os seus proxectos a todos os axentes do sistema galego de innovación que presentaron as súas manifestacións de interese. Neste sentido, as oito propostas estaban enfocadas cara a Industria 4.0 e o sector bio, dous eidos nos que Galicia conta cun gran potencial e unha importante oportunidade para competir nos mercados globais.

Conde avanzou que nas próximas semanas se publicará a convocatoria para desenvolver os primeiros hubs co obxectivo de resolvela antes de que finalice o ano e explicou que se valorará especialmente a súa contribución ao avance da Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS 3). Os proxectos seleccionados contarán cun recoñecemento da administración que lles permitirá acceder aos apoios rexionais que se poñan en marcha e a formación e acompañamento por unha consultora especializada.

O obxectivo deste novo instrumento é consolidar proxectos sostibles que sitúen Galicia no primeiro plano da innovación permitindo que as novas tecnoloxías innovadoras cheguen a todas as empresas e se sumen á 4ª revolución industrial. Neste sentido, incidiu en que en tan só dez anos, 3 de cada 5 pemes desaparecerán se non se incorporan ao proceso de dixitalización polo que é fundamental apostar pola innovación e a Fábrica Intelixente.

Así, lembrou a importancia de que Administración, coñecemento e industria traballen xuntos: “O hub será un instrumento clave para conseguir que o coñecemento dea resposta ás necesidades do tecido produtivo. Este marcará os retos e o sistema de innovación dará as respostas para incorporar as novas tecnoloxías nas estratexias das pemes”, afirmou.

08/10/201809:24
Alumnos nunha aula.
Santiago de Compostela

Educación pon en marcha a segunda semana STEM coa participación de 450 alumnos de 23 centros de toda Galicia

  • Mozos e mozas de quinto e sexto de primaria e de 1º e 2º de ESO ampliarán os seus coñecementos científico-tecnolóxicos a través de estadías en réxime de internado durante este outubro, novembro e decembro
  • Esta acción enmárcase na Estratexia galega para a educación dixital 2020, que busca incrementar as vocacións científicas e tecnolóxicas

 

Un total de 450 alumnos de 23 centros públicos de toda Galicia participarán durante este outono na segunda Semana STEM, un campamento de innovación educativa na que os rapaces de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de ESO ampliarán os seus coñecementos científico-tecnolóxicos a través de estadías en réxime de internado.

Esta iniciativa, enmarcada dentro da Estratexia galega para a educación dixital (Edudixital 2020), arrancou de xeito pioneiro por primeira vez o curso pasado (daquela con 300 alumnos e 15 centros) co obxectivo de fomentar o espírito científico e tecnolóxico entre o alumnado galego.

As estadías realízanse en períodos semanais dende domingo pola tarde ata o sábado seguinte; e a primeira delas arranca o próximo domingo día 14 con 50 rapaces de tres colexios.

Do total de centros seleccionados (que poden consultarse no portal educativo http://www.edu.xunta.gal/portal/node/25235), 11 corresponden á provincia da Coruña, 3 á de Lugo, 2 á de Ourense e 7 á de Pontevedra. No caso da Coruña trátase dos CEIP Plurilingüe San Marcos (Abegondo), CEIP de Prácticas López Ferreiro (Santiago), CPI Plurilingüe Virxe da Cela (Monfero), CPI San Sadurniño (San Sadurniño), CPI As Revoltas (Cabana de Bergantiños), IES Eduardo Pondal (Ponteceso), CPI de Atios (Valdoviño), IES Urbano Lugrís (Malpica), IES Campo de San Alberto (Noia), IES de Brión (Brión) e IES Plurilingüe A Cachada (Boiro).

Na provincia de Lugo foron seleccionados o CEIP Plurilingüe Santa Rita (Viveiro), o CEIP de Cervo (Cervo) e o CPI de Castroverde. En Ourense participará nestas estadías o alumnado do CEIP Ramón Otero Pedrayo (O Barco de Valdeorras) e o CEIP Plurilingüe Ben-Cho-Shey (Pereiro de Aguiar).

En Pontevedra resultaron seleccionados o CEIP A Carballeira (Pontevedra), CEIP Plurilingüe número 1 de Tui (Tui), CEP Carlos Casares (Salvaterra do Miño), CEIP Plurilingüe de Carballedo (Cerdedo-Cotobade), CEIP de Rubiáns (Vilagarcía de Arousa), CEIP da Sobrada (Tomiño) e o IES Laxeiro (Lalín).

 

Actividades con enfoque lúdico, colaborativo e motivador

A Semana STEM axudará a reforzar os coñecementos científico-tecnolóxicos no eido educativo, necesarios para dar resposta aos desafíos profesionais do futuro. Deste xeito, as estadías proporcionarán ao alumnado galego un escenario propicio para desenvolver capacidades, coñecementos e técnicas, a través dunha invitación ao descubrimento, que aumenten o seu interese por saber, cada vez máis, sobre diversos campos da ciencia e as súas posibilidades de aplicación na tecnoloxía.

As actividades non só serán académicas, senón tamén de carácter lúdico-recreativo, que servirán de reforzo ao programa ordinario do currículo do alumnado nas aulas. Os contidos dos cursos inclúen un programa de actividades académicas, de obradoiros, de tempo libre e deportivas. En calquera caso, a finalidade do programa é promover a convivencia entre o alumnado, o traballo en equipo, o aprender facendo mediante un enfoque “maker”, a creatividade e a motivación para mellorar a súas competencias STEM.

08/10/201809:07
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

A Amtega presenta un programa de formación para axudar ás pemes, micropemes e autónomos a liderar a súa transformación dixital

  • A xornada terá lugar o 10 de outubro, de 10.00 a 13.30 na Cidade da Cultura
  • O experto en transformación dixital, Juan Luís Polo, explicará como este proceso impacta na xestión de equipos e organizacións
  • Experiencias reais de pemes e micropemes completarán o contido do encontro
  • A xornada é gratuíta e o aforamento é limitado, para asistir é necesaria unha inscrición previa

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) lanza o programa “Destino: Peme Dixital”, un itinerario formativo deseñado para que pemes, micropemes e autónomos coñezan as ferramentas e recursos para liderar a súa transformación dixital  e mellorar a súa proxección de futuro. Un proxecto estratéxico que se presentará o mércores, 10 de outubro, nunha xornada  informativa e de networking que terá lugar no Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.

O experto en innovación e transformación dixital, Juan Luís Polo, será o encargado de ofrecer o relatorio principal. Profesor do Instituto de Empresa Business School, socio fundador da axencia Good Rebels, Polo impartirá unha conferencia titulada “Achegándonos ao Universo dixital”. Unha mensaxe inspiradora centrada nas características da nova sociedade conectada, coas claves necesarias para entender como a transformación dixital impacta na xestión de equipos e organizacións.

 

Casos de éxito de empresas locais

Así mesmo, catro empresas galegas que actualmente xa están inmersas neste proceso de dixitalización, expoñerán as súas experiencias neste proceso. Casos de éxito reais e próximos como exemplo para outros empresarios e unha boa oportunidade para compartir inquietudes, dúbidas, problemas e expor solucións nunha contorna creativa e colaborativa con empresas similares entre si.

Ao longo da mañá informarase  tamén aos asistentes das distintas accións que conforman o programa “Destino: PemeDixital”. Unhas novas e outras, como o Acelera-Tic na súa xa terceira edición, que volve, renovado, cun novo formato para adaptarse ás necesidades e inquietudes detectadas entre os profesionais galegos.

 

Aforamento limitado

O prazo de inscrición para a xornada formativa permanece aberto. Os interesados poden xestionar a súa solicitude a través da web do CDTIC https://cdtic.xunta.gal/es/pemedixital. A asistencia é gratuíta e o aforamento limitado. As solicitudes atenderanse por rigorosa  orde de chegada

08/10/201808:55
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

A VIII Xornada de Informática Xudicial trae a Galicia o último en blockchain, ciberseguridade e privacidade

  • Terá lugar o 10 de outubro na Cidade da Cultura, organizada polo CPETIG e a Amtega

O vindeiro 10 de outubro terá lugar na Cidade da Cultura #IURISTICGAL18, a VIII Xornada de Informática Xudicial que organiza o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, (Amtega).

Nesta VIII edición a xornada leva como título Privacidade, blockchain e ciberseguridade e os seus contidos, estruturados en catro relatorios e unha mesa redonda, están orientados a afondar na nova realidade tecnolóxica derivada do blockchain e nos conceptos de privacidade e ciberseguridade, analizando as súas implicacións xurídicas.

A sesión abordará, entre outros temas de actualidade, as consecuencias da irrupción das criptomoedas, con centos de moedas virtuais no mercado baseadas nesta tecnoloxía que mobilizan millóns de euros diariamente, no que representa unha das maiores revolucións tecnolóxicas recentes..

Para presentar unha visión integral do entorno, #IURISTICGAL18 reunirá un panel de expertos nas distintas materias. Santiago Márquez Solís, CTO en Clluc e autor do libro “Bitcoin: guía completa de la moneda del futuro”, ofrecerá o relatorio “Blockchain e a lei”. Luis de Salvador Carrasco, subdirector xeral adxunto da Inspección de Datos da AEPD, falará de “Privacidade e dereitos fundamentais na Sociedade da Información”. Silvia Barrera, inspectora da UIT da Policía Nacional, intervirá sobre “Investigación de ciberdelitos nun mundo dixital”, completándose o panel de relatores con Eloy Velasco, maxistrado da Audiencia Nacional, e a súa intervención “Efectividade na persecución dixital de delitos e a súa validez probatoria. ¿É suficiente? ¿Como podemos mellorar?”

A xornada rematará coa mesa redonda: “Quo vadis seguridade TIC-xurídica?”, moderada por Víctor Salgado, avogado TIC e director técnico de IURISTICGAL18. Finalmente, unha comida networking, á que asistirán os relatores e o público participante, poñerá fin á xornada.

 

Dotar de maior seguridade xurídica a realidade tecnolóxica

O obxectivo de #IURISTICGAL18 é contribuír a dotar de maior seguridade xurídica á nova realidade tecnolóxica e incrementar a efectividade e a eficiencia da administración xudicial e dos profesionais da xustiza, mediante o uso das ferramentas electrónicas e forenses avanzadas. Con esta perspectiva, a xornada está dirixida a xuíces, maxistrados, secretarios xudiciais, fiscais, avogados, peritos e xuristas en xeral.

Toda a información e formalización de inscricións en http://iuristicgal.cpetig.gal

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS