main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

05/10/201808:43
Un portátil, un bolígrafo en un smartphone enriba dun escritorio.
Vigo

A comarca de Vigo acolle en outubro 21 accións formativas de SmartPEME

O programa de adestramento tecnolóxico para PEME, profesionais e autónomos da Deputación de Pontevedra, o programa SmartPEME, volve este mes de outubro co seu achegamento pormenorizado á realidade da dixitalización. A comarca de Vigo acolle este mes de outubro 21 accións formativas do programa, ou sexa, nas sedes de Vigo, Ponteareas e O Porriño. As inscricións nos devanditos obradoiros (sete en cada sede) pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es

Todas estas citas teñen o nexo común de facilitar “a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade”. As quendas para o mes de outubro na oficina de Vigo comezan este xoves, 4 de outubro, ás 19 h con Aprende a usar correctamente Facebook para empresas. A seguinte acción será Mellora a túa páxina web e posiciónaa en buscadores, o martes 9 ás 18 h. O curso Estratexias de marketing para a túa empresa turística chegará a Vigo o martes 16 ás 19 h. O seguinte xoves 18 de outubro, ás 19 h, impartirase Escolle o hosting máis axeitado para as túas necesidades. O xoves 25 de outubro, á mesma hora, será a quenda de Como vender os teus produtos nun marketplace. O martes, 30 de outubro á mesma hora, celebrarase a acción Guía de boas prácticas para redes sociais. E, para rematar, Fotografía os teus produtos ou servizos para as redes sociais terá lugar o mércores 31 de outubro, ás 17 h. A oficina SmartPEME de Vigo, na sede da Deputación da cidade, atópase na rúa Oporto, nº 3.

A oficina de Ponteareas acollerá os seguintes obradoiros: Escolle o hosting máis axeitado para as túas necesidades, este xoves 4 ás 19 h. O martes 9 de outubro, ás 18 h, terá lugarCrea e explota un CRM para a túa empresa desde cero. O xoves desa mesma semana, ás 19 h, impartirase 10 puntos clave SEO para a túa web. A seguinte será Facebook para promover o teu negocio turístico, o xoves 18 á mesma hora. A quenda de Fotografía de produto, especial sector téxtil será o martes 23 de outubro, tamén as 19 h. Por outra banda, o xoves desa mesma semana á mesma hora, terá lugar o obradoiro Como vender os teus produtos no marketplace. E, xa por último, o martes 30, ás 17 h, Comercializa os teus servizos a través das redes sociais será a acción que impartirá o persoal do programa, esta vez na sede da Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS). A oficina SmartPEME de Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local, atópase en Lomba do Cruceiro, nº 5.

Por último, a oficina do Porriño acollerá os seguintes obradoiros: o martes, 9 de outubro, ás 18 h. O xoves 11, ás 17 h, impartirase Fotografía os teus produtos ou servizos para as redes sociais. A acción Mellora a túa presenza online promovendo o teu blog terá lugar o martes 16 de outubro, ás 19:00 horas. O martes 23, á mesma hora, será a quenda de Como vender os teus produtos nun market places. O xoves desa mesma semana, tamén ás 19 h, impartirase o curso Linkedin: a túa rede de networking. E, por último, o martes 30 de outubro á mesma hora terá lugar Como utilizar Instagram para promover a túa empresa. A oficina SmartPEME do Porriño, no Multicentro do concello, atópase na rúa Ribeira, s/n.

Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos. O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e (agora tamén) Barro, abrangue seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

05/10/201808:35
Cartel da iniciativa.
Ourense

A Tecnópole lanza accións para evitar que as tecnoloxías fiquen sen talento feminino

Tecnópole quere tirar muros en materia de estereotipos e prexuízos de cara ás carreiras STEM. En base a isto, vén de preparar un máis que completo programa de divulgación, acción e difusión. En concreto, máis dun cento de escolares de Ourense participarán a mediados deste mes de outubro en dúas xornadas organizadas por Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole co obxectivo de “impulsar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre as rapazas”. Tecnópole únese así a outros 13 parques de toda España no marco da iniciativa Ciencia e Tecnoloxía en Feminino, promovida pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE).

As xornadas seranlle presentadas esta tarde ao alumnado das Aulas Tecnópole coincidindo co primeiro día de curso do programa de formación en habilidades científicas e innovadoras que o Parque Tecnolóxico organiza co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os días 18 e 19 de outubro serán senllos grupos do IES O Couto e do IES As Lagoas os que se trasladen ao Parque Tecnolóxico de Galicia para participar nesta iniciativa deseñada para aumentar o número de alumnas que se matriculan na especialidade de ciencias ou tecnoloxía na educación secundaria, contribuíndo así a romper a fenda de xénero nos devanditos estudos STEM (siglas en inglés siglas de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas). 

Segundo informa a dirección do Parque, o programa de actividades deseñado por Tecnópole está “protagonizado pola oferta de referentes ás rapazas”. Deste xeito, inclúese unha visita a unha exposición que fai un percorrido por mulleres científicas e tecnólogas de todos os tempos, ao que cómpre engadir unha actividade para compartir en primeira persoa a experiencia de varias galegas con perfís destacados nestas áreas. Ademais, participarán en dous obradoiros nos que se lles proporán retos que deberán resolver en grupo mediante solucións innovadoras. As gañadoras competirán con equipos de toda España por un premio final. Todas as participantes nas xornadas recibirán a guía Que quero ser de maior?, na que se explican as saídas profesionais dos estudos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía.

A intención da APTE e dos parques participantes nesta iniciativa é “darlles máis visibilidade e aumentar a capacidade de atracción dos estudos da rama científico-tecnolóxica entre o público feminino máis novo”. O obxectivo final é “contribuír a un Sistema de Innovación máis igualitario en España no que se poida desenvolver todo o talento á marxe do xénero”. En total, as actividades chegarán a máis de 2000 escolares de todo o país entre outubro e novembro.

05/10/201808:30
Participantes no proxecto europeo BRAIN-IOT.
A Coruña

Xulio Ferreiro visita aos representantes do proxecto europeo BRAIN-IOT

O proxecto europeo BRAIN-IOT chegou onte a un dos seus puntos álxidos de actividade e de repercusión. Estamos a falar da visita do alcalde Xulio Ferreiro á xuntanza de traballo do proxecto que se está a desenvolver estes días na Coruña, na sede de EMALCSA. Nas sesións concorren representantes das universidades, empresas e asociacións que participan en BRAIN-IOT, unha iniciativa dirixida a crear un alicerce tecnolóxico común, unha linguaxe doada e segura, para os dispositivos autónomos. O rexedor da Coruña, que veu a acompañado da concelleira de Medio Ambiente, María García, tivo ocasión de coñecer os detalles do proxecto da man de Jesús Echarri, director executivo de Improving Metrics. 

A cita veu da man das firmas locais EMALCSA e Improving Metrics, da que falamos recentemente en Código Cero para informar dos interesantes resultados dunha xeira colectiva de traballo na que se mediu o nivel de implicación dos participantes (o público) e mailo custo do evento polos seus sorrisos

En BRAIN-IoT toman parte activa compañías internacionais como Siemens (Alemaña), Airbus (Francia), o Instituto Superior Mario Boella (Italia), Paremus (Inglaterra), STMicroelectronics (Suíza), IDATE Digiworld (Francia), a Universidade de Grenoble (Francia), Robotnik (España), o Comisariado para a Enerxía Atómica e as Enerxías Alternativas CEA Tech (Francia) e a Fundación Eclipse Europa. Para levar a cabo este proxecto, os socios contan con 5 millóns de euros do Programa Marco de Investigación e Innovación da Unión Europea, Horizonte 2020, un programa que financia proxectos en áreas estratéxicas a nivel europeo. A intención do encontro é profundar nas actividades do proxecto BRAIN-IOT, siglas en inglés de Modelo Baseado en Framework para Detección Confiable e Actuación en Sistemas da Internet das Cousas (IoT) Descentralizados Intelixentes

Segundo informa EMALCSA e Improving Metrics, representantes galegas de BRAIN-IOT, “trátase dunha ambiciosa iniciativa que busca desenvolver unha metodoloxía para que distintas plataformas conectadas a Internet poidan traballar xuntas dun modo descentralizado, compatible e dinámico: unha solución para facer que varios dispositivos autónomos, dende drons a sensores pasando por diversos sistemas de monitoraxe, colaboren entre si e compartan información dun modo sinxelo e seguro, a través de estándares abertos”. A empresa galega Improving Metrics participa na investigación e desenvolvemento dos elementos de Intelixencia Artificial e analítica de datos, ademais de encargarse da dirección de calidade do proxecto. Pola súa banda, a participación de EMALCSA baséase no estudo de escenarios, as probas de concepto en colaboración co CITEEC da UDC, e a aplicación destas tecnoloxías ás infraestruturas críticas.

Que é exactamente BRAIN-IOT?
Os obxectivos técnicos de BRAIN-IOT son lograr que dispositivos IoT heteroxéneos sexan quen de cooperar en tarefas complexas, cun “comportamento autónomo e dinámico”, a través de “federacións altamente dinámicas con capacidade de evolucionar, adaptarse a diferentes contornas e soportar operacións seguras”. Ademais, aspira a establecer métodos seguros de Autenticación, Autorización e Contabilidade (AAA) en escenarios IoT (Internet of Things), e fornecer a empresas e entidades solucións para o control da privacidade. Deste xeito, aspírase a desenvolver un sistema “de integración rápida”, que apoie o comportamento cooperativo intelixente e que permita a posta en marcha de aplicacións descentralizadas baseadas en IoT. A intención é ”ofrecer ferramentas que permitan a toma de decisións baseada en datos de forma autónoma e segura”. Ademais dos aspectos habituais de repaso dos paquetes de traballo incluídos no proxecto, o encontro da Coruña serviu para que os técnicos e investigadores coñecesen de primeira man a dimensión e alcance das infraestruturas que compoñen un sistema de auga urbana, cunha visita ao encoro de Cecebre.

04/10/201810:12
Unha nena con parálise cerebral utiliza un andador.
Santiago de Compostela

Tecnoloxía do cinema para axudar a nenos con parálise cerebral

Moitas veces a tecnoloxía nace cun propósito e evoluciona a outras posibilidades que tamén son moi útiles. É o caso da tecnoloxía de captación de movemento que moitos estudos cinematográficos de animación utilizan e que unha cadea de hospitais de Norteamérica usa para axudar a nenos con parálise cerebral.

O primeiro hospital que a utilizou é o Shriners de Montreal (Canadá), onde os profesionais da saúde poden analizar con todo detalle o movemento dos nenos e novos para decidir cal será o tratamento ou a cirurxía máis indicada para mellorar a súa calidade de vida.

Así mesmo, esta tecnoloxía serve para poder detectar dunha forma obxectiva a evolución e a mellora no movemento dos nenos. Algo que, ata agora, baseábase na percepción do médico.

A tecnoloxía que utiliza este hospital infantil de Canadá, e que xa se está estendendo a outros hospitais da cadea por toda Norteamérica, tamén se utiliza en nenos con outro tipo de discapacidade, así como con pacientes con pé quino; distinta lonxitude de ósos; desordes ortopédicos, neurolóxicos ou xenéticos; osteoxénese imperfecta e espiña bífida.

04/10/201810:09
Participantes na reunión.
Ankara

FEDACE presenta en Turquía os avances do programa europeo #Tools4Brain

  • O segundo encontro do proxecto tivo lugar en Ankara (Turquía) e contou cos representantes dos países participantes: Portugal, Turquía e España.

 

Na reunión mantida esta semana na cidade de Ankara, Turquía, a Federación Española de Dano Cerebral (FEDACE) presentou os avances do programa europeo #Tools4Brain, xunto ao Servizo de NeuroRehabilitación de Hospitais Vithas Nisa, a asociación portuguesa NOVAMENTE (Associacao de Apoio aos Traumatizados Cranio Encefalicos e Suas Familias) e a organización turca Buyuk Ortadugu Saglik Ve Egitim Vakfi (BOSEV).

A aplicación, que estará activa en breve para móbiles e tablets nas diferentes plataformas, será unha nova ferramenta que axudará a mellorar a calidade de vida das persoas con Dano Cerebral Adquirido (DCA) e as súas familias. Na actualidade, preto de 10 millóns de persoas sufriu DCA, é dicir, o 9 % da poboación mundial. Só en España, 420.000 familias viven con Dano Cerebral Adquirido e, cada ano, prodúcense máis de 100.000 casos novos.

Xeralmente, os coidadores das persoas afectadas por un DCA non dispoñen de formación previa na materia e atópanse ante un duro reto, xa que 'a aprendizaxe do coidado do seu familiar adoita coincidir co proceso de duelo e de integración desta nova e dura situación ás súas vidas', sinala o Dr. Joan Ferri, responsable do Servizo de NeuroRehabilitación de Hospitais Vithas Nisa.

Por este motivo, durante 36 meses e enmarcado no programa europeo Erasmus+. Cooperation for Innovation and the Exchange for Good practices | Estrategic partnership for adult Education, vén desenvolvendo unha app e un manual de boas prácticas para o coidado das persoas con Dano Cerebral Adquirido, en diferentes idiomas.

Tras a primeira reunión en Valencia, que tivo lugar o ano pasado e onde se detallou o organigrama dos fitos de desenvolvemento desta útil aplicación, programáronse os eventos para realizar en Madrid, Lisboa, Ankara e Valencia, cuxa finalidade é axudar a concienciar e difundir a situación destas familias.

As elevadas cifras de persoas con DCA e a experiencia do Servizo de NeuroRehabilitación e dos seus socios europeos con pacientes e familiares foi a base deste proxecto, que foi presentado no marco de programas europeos ERASMUS+, e que, polos beneficios que presenta á sociedade e polo seu carácter internacional, conseguiu a subvención para o seu desenvolvemento como asociación estratéxica.

FEDACE, representa ao movemento asociativo do DCA e agrupa a 40 entidades territoriais de familiares e persoas afectadas (9.000 socios). Entre os seus obxectivos figura concienciar á sociedade e á Administración sobre a importancia de crear unha rede de recursos e servizos socio-sanitarios, acorde co número de persoas que sofren unha lesión cerebral e a gravidade e variedade das súas secuelas.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS