main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

04/10/201810:03
Logo recred.
Santiago de Compostela

Acabáronse as leas cos contrasinais

  • Seguridade na rede baseada en datos, non en contrasinais. Así é o proxecto ReCRED
     

Quen non ten contas na rede e enfróntase a diario ao reto de ter que gardar e lembrar unha plétora de nomes de usuario e contrasinais? Un equipo internacional de investigadores deu a coñecer unha nova plataforma segura de autenticación para dispositivos móbiles que vincula todas as contas en liña coa identidade do usuario, deixando que o teléfono móbil se encargue da súa xestión.

A maioría dos dispositivos móbiles están vinculados con centos de contas e aplicacións, que presentan todo tipo de configuracións de seguridade, identidades e contrasinais. O proxecto ReCRED, financiado pola Unión Europea, desenvolveu solucións avanzadas de software para abordar o problema da sobrecarga de contrasinais a fin de que poidamos acceder de forma segura ás nosas contas sen ter que lembrar múltiples contrasinais.

Un único contrasinal que memorizar

ReCRED deixa atrás a era dos contrasinais ao desenvolver un sistema de acceso avanzado, seguro e flexible. «A adopción da arquitectura de autenticación baseada no dispositivo é clave para eliminar os contrasinais como o método principal de autenticación na web», sinala o coordinador do proxecto, Christos Xenakis da Universidade do Pireo (Grecia).

Este método mellora a seguridade do usuario final en internet ao empregar o móbil como un intermediario ou «proxy» de autorización. «A autenticación e a autorización simplifícanse ao realizarse por medio do uso combinado dun pin curto, información biométrica (por exemplo a voz, impresións dixitais ou a firma) e credenciais anónimas (por exemplo, un pseudónimo)», afirma Rubén Cuevas, investigador da Universidade Carlos III de Madrid (UC3M), unha das entidades que contribuíron ao proxecto.

Identidade do usuario e administración da conta

A maioría dos usuarios de internet están rexistrados en moitos servizos en liña, como provedores de correo electrónico, redes sociais, banca electrónica ou aplicacións corporativas. Isto dificulta a tarefa de identificar que existe unha propiedade conxunta de servizos asociada a un só usuario.

ReCRED proporciona un acceso seguro a estes servizos ademais de facer posible a administración de contas desde un único dispositivo, independentemente do método de autenticación empregado en cada servizo. O módulo de adquisición de identidade en liña desenvolvido encárgase de vincular horizontalmente as identidades do usuario que están fragmentadas na rede. O servizo permite ao usuario outorgar autorización explícita a ReCRED para acceder á información de cada conta en liña que posúe.

Os investigadores crearon, ademais, un módulo de adquisición de identidade física para aqueles servizos que requiren un maior nivel de garantía de atributos. Este servizo verifica todos os atributos de identidade incluídos na identidade física do usuario, por exemplo o seu número de pasaporte ou documento de identidade, número de conta bancaria, a súa foto, etc.

Con todos estes servizos ReCRED mellora a garantía de identidade e reforza o vínculo entre identidades físicas e virtuais. «Os usuarios finais poden agora corroborar que son propietarios de diferentes contas partindo de distintos provedores de identidade, vinculalas entre si e consolidar os seus atributos de identidade», afirma Christos Xenakis.

Seguridade baseada en datos, non en contrasinais

Un suposto típico que ejemplifica todo o relacionado coa xestión da identidade dos usuarios na rede asóciase coa diversidade de servizos que requiren que os usuarios finais inicien sesión para ter acceso.

Ante este suposto habitual, ReCRED aposta pola seguridade baseada en datos. Os investigadores lograron que características únicas do usuario como a idade, a nacionalidade ou a ocupación poidan servir para acceder a datos, recursos ou servizos. «Priorizamos unha autenticación que requira utilizar só datos esenciais que actúan como credenciais anónimas. Non é necesario verificar o correo electrónico, por exemplo, xa que este revelaría a identidade do usuario», explica Antonio Fernández Anta, investigador de IMDEA Networks Institute, colaborador da UC3M en ReCRED.

Duplicar a seguridade reforzando o dispositivo móbil

O dispositivo que se converte na principal porta de ligazón de autenticación presenta os seus propios problemas de seguridade. Este pode converterse nun punto único de fallo en caso de perda ou dano, ou ser vulnerable a ser pirateado tras a autenticación do usuario.

ReCRED (From Real-world Identities to Privacy-preserving and Attribute-based CREDentials for Device-centric Access Control, H2020 Grant Agreement 653417) evitou estes problemas creando medidas de seguridade adicionais con capacidades de bloqueo e recuperación. En particular, os investigadores aproveitaron unha entidade chamada Consolidador de Identidade (IDC, polas súas siglas en inglés) así como firmas comportamentais e fisiolóxicas do usuario e protocolos de seguridade baseados en cartóns SIM para verificar a identidade do usuario. O IDC permite a consolidación e a xestión de identidades, á vez que favorece a recuperación eficiente ante fallos. «No caso de que un usuario perda o seu dispositivo, pode recuperar o acceso aos servizos ao proporcionar unha autenticación de dous factores, como atributos persoais escaneados a partir de características físicas ou datos biométricos conductuais», sinala Xenakis.

A eliminación da necesidade de empregar contrasinais diferentes fará que os servizos baseados en internet sexan máis seguros e fáciles de usar. Ademais dos usuarios finais, outros beneficiarios desta nova plataforma aberta serán os operadores de telecomunicacións, as empresas de aloxamento web e os fabricantes de dispositivos móbiles.

04/10/201809:52
Cartel presentación da app.
Madrid

Grupo Eulen lanza Achégate, a súa primeira app de asistencia a familiares

  • A aplicación, de descarga gratuíta, dispón de localizador GPS que permite delimitar áreas de seguridade e recibir avisos en tempo real sobre a localización dos familiares

 

O Grupo Eulen lanza a aplicación móbil Achégate para que familiares, titores ou persoas próximas poidan estar preto dos seus e coidar de forma moi sinxela dos seus maiores, pais, nais, fillos/as ou quen o poida necesitar. Cabe destacar que Achégate deseñouse pensando en que calquera persoa poida ser unha potencial usuaria da aplicación: desde unha persoa nova ou maior que vive soa, alguén que sae a facer deporte con frecuencia, unha persoa que lle gusta viaxar ou un adolescente.

 

A aplicación, de descarga gratuíta e desenvolvida para iOS e Android, dispón de localizador GPS que permite delimitar áreas de seguridade e recibir avisos en tempo real sobre a localización dos familiares e sobre a chegada ou saída da zona delimitada. Achégate permite activar e desactivar o compartir a túa localización tanto de maneira xeral como con persoas determinadas, asegurando a privacidade da persoa en todo momento. Así mesmo, dispón dun botón SOS de emerxencias e servizo de recordatorio de citas ou eventos compartido coa persoa que o usuario elixa.

 

Ofrécense tamén servizos Premium atendidos polos profesionais de Eulen Sociosanitarios, 24 horas, 365 días ao ano, poñendo ao servizo dos usuarios/as da app a súa experiencia de máis de 25 anos en servizos como a teleasistencia. Cos servizos Premium, Eulen presta o servizo de teleasistencia móbil -a través do teléfono da persoa- e é quen recibe os avisos de emerxencias, quen chama para lembrar unha cita ou para interesarse pola persoa.  

 

Achégate non se atopa vinculada a ningún provedor de telefonía, polo que está libre de permanencias e descárgase desde o market correspondente en calquera teléfono smartphone. Ademais, é compatible cos principais smartwatch do mercado con sistema Android e proximamente con Apple Watch. 

 

Servizos dispoñibles

Esta nova app ofrece tres servizos gratuítos: T-Asisto, con botón SOS para emitir unha chamada de emerxencia rápida ao familiar ou coñecido que elixas; T-Sigo, que mantén aos familiares/contactos localizados sempre que sexa necesario; T-Recuerdo, crea alarmas e evita esquecementos con notificacións aos usuarios que se desexe. Estes tres servizos poden ser tamén Premium (pago), prestados por profesionais de Eulen Sociosanitarios. A estes servizos súmase un novo, T-Llamo Premium, co que se recibirá seguimento telefónico por profesionais especializados para dar apoio e acompañamento, no día e a hora que mellor se adapte á persoa.

 

Descargas

04/10/201809:41
Premiados en The Hop.
A Coruña

Estrella Galicia impulsará media ducia de proxectos IoT e de intelixencia artificial

A palestra de emprendemento innovador de Estrella Galicia, The Hop, xa ten gañadores. Os responsables da iniciativa, unha plataforma de lanzamento de proxectos altamente innovadores (proxectos de Intelixencia Artificial, de Big Data, de Internet das Cousas, de robótica, de aplicacións ou de bots) na que participaron un total de 130 propostas achegadas por 420 emprendedoras e emprendedores dunha manchea de países, decidiron recoñecer os esforzos das novas firmas Trucksters, Talentoo, Flexsas, Estrella-Day, Data Monitoring e Barley. 

Todas elas darán o seu chimpo empresarial da man da compañía cervexeira galega, que apoiará a estes equipos de mozas e mozos emprendedores nos seus proxectos dixitais.

Trucksters
A tecnoloxía desta startup facilita ás empresas de transporte acceder a unha rede de condutores para que estes fagan relevos na estrada e conduzan un mesmo camión ao longo dun traxecto de media e longa distancia. A solución axuda a optimizar o traslado do produto por estrada e chegar a novos mercados de forma máis eficiente e económica. 

Talentoo
Trátase dunha plataforma de selección de persoal, cun modelo B2B, que conecta a empresas contratadoras con seleccionadoras de forma sinxela e baixo un rexistro de balde. Segundo informaron os seus impulsores, o sistema mellora os custosos procesos de emprego, “actuando como único intermediario e provedor”. 

Flexsas
É un mercado en liña para solucións de almacenamento baixo demanda. Conecta a distribuidores e outros axentes do sector con operarios de almacéns. A iniciativa conta con centos de socios e apoios en Brasil, desde onde xestionan a distribución nas distintas canles de retail co obxectivo de reducir custos e aumentar as vendas en zonas máis remotas. 

Estrella-Day
A tecnoloxía de Estrella-Day pretende prover cervexa fría a clientes nunha hora, grazas á migración cara ao que se coñece como Same-Day-Delivery (entrega inmediata nun mesmo día). O obxectivo é optimizar as operacións a tempo real e conseguir novos consumidores, ao crear novas liñas de negocio e potenciar as existentes.

Data Monitoring
Esta solución consiste en deseñar, fabricar e programar un dispositivo de seguimento e monitoraxe con IoT (Internet of Things, Internet das Cousas), de baixo custo e adaptado aos barrís de cervexa de adega. Doutra banda, inclúe unha app móbil desde a que controlar distintos parámetros cos que poder facer estudos sobre o estado e o consumo do produto, así como a loxística para reposicións. 

Barley
Trátase dunha plataforma de xestión e intelixencia orientada a bares, distribuidoras e produtoras de cervexa. Grazas aos caudalímetros IoT que pon en xogo, xérase a información a gran escala (Big Data) precisa para crear solucións de analítica, optimizar a toma de decisións, ofrecer un mellor servizo e aumentar vendas.

Seguintes pasos
A compañía cervexeira incorporará os diferentes proxectos e iniciativas dixitais aos seus procesos e actividade empresarial. As startups colaboradoras no programa recibirán, pola súa banda, a formación, o seguimento, o asesoramento e o impulso necesarios para desenvolver e acelerar os seus proxectos desde esta contorna de creación aberta.

18 proxectos finalistas de entre máis de 130 inscritos
O obxectivo con The Hop pasa por identificar talento, desenvolver emprendemento tecnolóxico e fomentar a colaboración de Estrella Galicia con startups e mozos emprendedores. 

Desde a presentación do programa, o 31 de maio, a comunidade de hoppers rexistrou máis de 130 propostas, das cales só 18 proxectos resultaron preseleccionados.

Durante a mañá do martes, día da entrega de premios, os equipos finalistas tiveron a ocasión de defender as súas solucións perante os membros do xurado, cuxa resolución final produciuse pola tarde. 

A partir de agora, as firmas innovadoras finalmente seleccionadas por The Hop poderán achegar valor engadido coas súas solucións tecnolóxicas ás diferentes áreas estratéxicas da cadea de valor da cervexeira galega, como son as de comercialización, fabricación e calidade, xestión, loxística e aprovisionamento, e mercadotecnia, entre outras.

Cada un dos equipos gañadores recibirá un premio en metálico de 10.000 euros, non sen antes pasar pola Experiencia The Hop, un período de inmersión corporativa e cultural no que aprenderán desde A Coruña como facer medrar de maneira exponencial os seus proxectos e desenvolver as súas metas.

Ao acto acudiu tamén o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que salientou na entrega dos Premios The Hop que “os galegos somos innovadores, vivir na esquina de Europa non é fácil, e interésanos moito o talento e as iniciativas emprendedoras. Aos premiados dígolles que son afortunados por poder traballar xunto a unha empresa como Estrella Galicia e tamén considero que a compañía é moi afortunada por poder traballar con tanto talento”.

04/10/201808:52
Posto da Fundación ONCE.
Madrid

A Fundación ONCE apoia a emprendedores sociais para a mellora de vida das persoas con discapacidade

  • Estará presente no South Summit 2018 coa presenza dos proxectos de emprendemento social ABLE Human Motion, Geko Navsat e Showleap
     

A Fundación ONCE apoia o emprendimiento social como unha das vías para a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade. Neste sentido, contará cun posto propio, dentro do South Summit 2018, no que estarán presentes tres proxectos de emprendemento social como son ABLE Human Motion, Geko Navsat e Showleap.

 

ABLE Human Motion está a desenvolver a fabricación dun exoesqueleto de baixo custo e baixo peso que se atopa en fase de ensaio e certificación. A tecnoloxía actual consta de dous compoñentes: un sistema que actúa no xeonllo como músculo e únese ao soporte ortopédico, así como un sensor na perna que detecta a intención do usuario. O público ao que está dirixido son as persoas con certa lesión medular baixa, e aquelas que posúen algunha mobilidade na cadeira. Actualmente atópase colaborando co Instituto Guttman. 

 

Pola súa banda, Geko Navsat desenvolveu un sistema de guiado baseado en sons e tecnoloxías avanzadas de navegación por satélite. Converten espazos abertos en accesibles a través do guiado sensorial proporcionando información sobre puntos de interese.  Esta solución de navegación facilita a deambulación, en especial, de persoas con discapacidade visual. 

 

O terceiro proxecto de emprendemento é o de Showleap, que é un tradutor de lingua de signos a texto mediante o uso de dous discretos brazaletes e un software de recoñecemento xestual que posibilita a comunicación entre persoas xordas signantes con persoas oíntes. 

 

Para Jesús Hernández, director de Accesibilidade Universal e Innovación da Fundación ONCE, 'trátase de tres exemplos de proxectos  de innovación social grazas aos cales se mellora a calidade de vida das persoas con discapacidade. Cada un deles aborda algunha das barreiras ás que deben de facer fronte as persoas con discapacidade, xa sexan persoas cegas, xordas ou con mobilidade reducida'.

 

'Eventos como o South Summit permítennos visualizar e apoiar este tipo de proxectos. Para nós supoñen pancas de cambio que permiten a construción dunha sociedade en que non se discrimina e na que todas as persoas poden desenvolver os seus potenciais', recalca Hernández.

04/10/201808:47
Participantes en clausúraa do proxecto en Madrid.
Madrid

A Academia Dixital da Fundación ONCE forma a 150 mozos con discapacidade en novas tecnoloxías

  • O proxecto, desenvolvido en Madrid, Barcelona e Sevilla, iniciouse en xuño e clausurouse este mércores 

 

A Fundación ONCE clausurou este mércores a súa Academia Dixital, un proxecto polo que un total de 150 mozos con discapacidade formáronse en novas tecnoloxías, o que lles permitiu aumentar a súa empregabilidade mediante a adquisición de competencias dixitais e laborais altamente demandadas polas empresas. 

 

A academia, unha iniciativa financiada polo Programa Operativo de Emprego Xuvenil do Fondo Social Europeo, inaugurouse o pasado mes de xuño e este mércores clausurouse simultaneamente en Madrid, Barcelona e Sevilla, as tres cidades onde se impartiu a formación, dirixida a mozos con discapacidade inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil (SNGX).

 

O acto de clausura oficial tivo lugar na sede da Fundación ONCE en Madrid, desde onde se conectou con Sevilla e Barcelona. Contou coa presenza de Jesús Celada, director xeral de Políticas de Apoio á Discapacidade; Alberto Durán, vicepresidente executivo da Fundación ONCE; José Luís Martínez Donoso, director xeral da Fundación ONCE; Sabina Lobato, directora de Formación, Emprego, Proxectos e Convenios da Fundación ONCE; Carmen Montes, directora de Inserta Madrid, e Lourdes Hernández, CEO de Datahack, a empresa adxudicataria da formación. Eduard Guiu, coordinador da Academia Dixital en Barcelona, e Gregorio Romero, coordinador da Academia Dixital en Sevilla, presidiron os actos en cada unha das cidades. 

 

Na súa intervención, Celada deu o parabén aos estudantes por superar unha formación 'complexa' pola súa temática, pero que é, á vez, 'o presente e o futuro' no mundo laboral. 'Sentídevos afortunados', díxolles, 'porque vos formastes nunha materia que é o presente e o futuro e que vos fai estar máis preparados para entrar no mundo do traballo'. 

 

Igualmente, o director xeral de Políticas de Apoio á Discapacidade valorou o feito de que os alumnos formados na Academia Dixital sexan 'uns embaixadores das tecnoloxías' que, ademais, saberán ocuparse sempre de que lonxe de supoñer unha barreira, sexan unha ferramenta de inclusión e normalización ao servizo de todos.

 

Pola súa banda, Alberto Durán destacou tamén a importancia da formación dixital e asegurou que a Fundación ONCE seguirá apostando por ela, xa que entende que é unha ferramenta necesaria na procura de emprego para calquera persoa.  Porque, lembrou, esta fundación 'non dá emprego, senón que ofrece ferramentas formativas para atopalo con maior facilidade'.

 

O programa de formación

O programa, que se desenvolveu en grupos de entre 15 e 20 persoas e en quendas de mañá e tarde, tivo dúas fases. A primeira, que acabou en xuño, tiña unha duración de 100 horas lectivas e nela participaron 220 alumnos, entre as tres sedes. 

 

Os contidos desta fase tiveron un carácter máis xeral e incluíron ofimática, fundamentos de programación, iniciación ao márketing dixital, deseño, xestión de redes sociais, conceptos básicos de accesibilidade, habilidades sociais e de comunicación.

 

A segunda fase, que finalizou o pasado 21 de setembro, formou a 150 alumnos, que son os que este mércores obtiveron o seu diploma. Nese período recibiron 250 horas de formación con contidos estruturados en tres itinerarios formativos a elixir: Márketing e deseño (que incluía deseño e edición de imaxe, audio e vídeo, Redes Sociais, Wordpress, UX); Programación (Aplicacións Móbiles, .Net, Drupal, Frontend, Angular, Java), e Novas profesións tecnolóxicas (Robótica, IoT, Intelixencia Artificial, Realidade Aumentada, impresión 3D, Big Data e Ciberseguridade).

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS