main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

03/10/201814:06
Persoa traballando nun portátil.
Santiago de Compostela

O 60% das empresas TIC galegas sinala que é difícil ou moi difícil contratar profesionais con perfís dixitais especializados

  • A Amtega publica hoxe a “Enquisa ás empresas TIC sobre a Sociedade da Información en Galicia. Edición 2018, elaborada polo Osimga”
  • O sector TIC galego segue crecendo e no último ano acadou as 2.579 empresas e os 16.866 traballadores, as cifras máis altas dos últimos cinco anos
  • O volume de negocio das empresas TIC galegas supera os 2.600 millóns de euros no ano 2017, un 4,8% máis que no ano 2016
  • O 34% das empresas tecnolóxicas de Galicia realizaron actividades de I+D+i nos últimos tres anos e o 65% obtiveron resultados comercializables
  • Máis do 24% das empresas TIC teñen previsto contratar novo persoal relacionado co ámbito tecnolóxico nos vindeiros anos, un 4,3% máis que o ano anterior

O 60% das empresas TIC galegas sinala que é difícil ou moi difícil contratar persoal con formación específica en TIC, especialmente pola carencia de candidatos coa formación precisa. A pesar destas dificultades, o 24,4% das empresas TIC galegas ten previsto contratar novo persoal relacionado co ámbito tecnolóxico nos vindeiros anos, un 4,3% máis que o ano anterior.

O informe sinala que preto do 34% do persoal do sector ten titulación de grao superior ou media e o 27,2% dos empregados posúe ciclos formativos relacionados coas TIC.

Así se recolle no “Diagnóstico ás Empresas TIC sobre a Sociedade da Información en Galicia. Edición 2018” que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
 

Cifras macroeconómicas do sector TIC positivas

O número de empresas do sector TIC de Galicia acadou a cifra de 2.579, o que supón a creación de 142 novas entidades (un 5,8% máis) e mantén a Galicia como a quinta Comunidade Autónoma con maior número de empresas tecnolóxicas.

O sector TIC galego deu emprego a 16.866 traballadores no ano 2017, un 4,8% máis que o ano anterior. O volume de negocio das empresas TIC galegas acadou os 2.643 millóns de euros no ano 2017, cun aumento do 4,8% con respecto ao ano 2016.
 

Actividades de I+D+i

O estudo sinala que unha de cada tres empresas TIC galegas (o 34%) realizaron actividades de I+D+i durante os 3 últimos anos, medrando en 3 puntos porcentuais respecto ao ano anterior. Entre as empresas TIC que realizaron actividades I+D+i, un 65,2% obtivo resultados comercializables. Cabe salientar que se incrementa, tamén, a cooperación entre empresas para realizar actividades de innovación, superando o 20%.
 

Cara unha Internet móbil e ultrarrápida

Un ano máis increméntase a velocidade de conexión a Internet que teñen contratadas as empresas TIC galegas, de xeito que o 56% posúe xa velocidades superiores a 100 Mbps, un 9,8% que ao ano anterior.

A tecnoloxía de acceso a Internet máis contratada polas TIC galegas é a banda larga móbil, presente en máis da metade das empresas do sector (54,2%) cun aumento do 26,6% no último ano.

En conexión directa co incremento da contratación de banda larga móbil, obsérvase que crece a porcentaxe de empresas TIC galegas que encargaron un desenvolvemento específico de software para plataformas móbiles (do 12,1% ao 15,5%) e as que ofrecen este servizo (do 28,9% crece ata o 31,1%).
 

Madurez tecnolóxica

Continúa o incremento dos envíos de facturas electrónicas, acadando o 44% no último ano, un 14,3% máis que o ano anterior. Neste ano tamén aumentaron tanto a dispoñibilidade de ferramentas ERP nas TIC galegas (do 29,8% ao 32,2%), como as ferramentas CRM (do 29,3% ao 31,4%).

A presenza en redes sociais crece ata o 42,4%. Respecto ao comercio electrónico, o 26,1% das empresas do sector vendeu a través de Internet, un 6,1% máis que o ano anterior.

Tres de cada catro empresas TIC galegas (76%) realiza trámites coas administracións de xeito electrónico, 5,5 puntos porcentuais máis que o ano anterior. Ademais, o 63,4% das empresas TIC galegas empregan a sinatura dixital, cun crecemento de 9,9 puntos porcentuais no último ano.

Nesta edición da enquisa ás empresas TIC de Galicia é especialmente significativo o auxe das tecnoloxías Cloud, que facilitan as empresas o uso de recursos compartidos e configurables a través da rede. O 56,3%, emprega servizos Cloud, 12,4 puntos máis respecto ao ano anterior.
 

Perspectivas futuras

Un 45,6% das tecnolóxicas galegas consideran que a súa situación é de consolidación e un 16,7% de expansión. En relación á situación do sector TIC para os vindeiros tres anos, unha de cada tres empresas TIC galegas percibe que a evolución do sector será expansiva nos próximos tres anos (36,4%), e preto da metade considera que a evolución continuará estable (49%).

No apartado de formación, aumenta lixeiramente ata o 32,5% a porcentaxe de empresas do sector TIC que formaron aos seus traballadores en tecnoloxías da información e da comunicación.

Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.gal.

03/10/201811:37
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

As persoas con parálise cerebral toman o Twitter coa campaña #MiraDeFrente

Este 6 de outubro celébrase a nivel mundial o Día da Parálise Cerebral, e as entidades e organizacións que levan anos traballando polas mellores condicións posíbeis de vida para as persoas afectadas por esta doenza, están a pechar fileiras na Rede para conmemoralo e mostrar as grandes necesidades sociais do colectivo. Asemade, búscase poñer o foco na súa sexualidade e na súa intimidade. Con este motivo o movemento ASPACE puxo en marcha unha campaña, Non mires a outro lado, que se desenvolve no Twitter baixo o cancelo #MiraDeFrente, sendo o día de hoxe o punto álxido da campaña. O obxectivo dos colectivos estatais e tamén galegos é que o fío chegue este mércores a ser trending topic a nivel nacional entre as 12:00 e as 12:30 horas. 

Amais, a Federación ASPACE Galicia e as entidades que a integran sairán á rúa en Oleiros (A Coruña), Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, Vigo e Lugo. A isto cómpre engadir o compromiso de ducias de usuarios referenciais nas redes (influencers) que xa confirmaron a súa adhesión e a súa participación na campaña. Baixo a mobilización subxace a seguinte proclama: reivindicar a sexualidade, a intimidade e afectividade destes colectivos “coma un dereito máis para vivir unha vida plena”. 

A campaña acompase da canción Non mires a outro lado do grupo Ravioli Makers, un anuncio (que está a ter difusión entre as principais televisións nacionais e autonómicas) e máis un videoclip nas redes (que inclúe mensaxes reivindicativas para “eliminar ideas preconcibidas” e “concienciar á poboación sobre a importancia de normalizar a sexualidade e afectividade en parálise cerebral”).

Este mércores 3 de outubro o Movemento ASPACE fará un chamamento á cidadanía a través de redes sociais para facer viral a campaña. Amais disto, hoxe celebraranse en diferentes puntos do eido estatal varias actividades e iniciativas das 85 entidades que forman parte do Movemento. No caso galego, as asociacións membro de ASPACE-Galicia, teñen organizados os seguintes actos (sendo en todos eles un flashmob e a lectura dun manifesto as accións principais):

  • Amencer - ASPACE: 12:00 horas na Praza da Peregrina (Pontevedra) e 12:00 horas na Praza de Galicia (Vilagarcía de Arousa).
  • APAMP Vigo: 12:00 horas no Museo Marco, rúa do Príncipe (Vigo).
  • ASPACE - A Coruña: 12:00 horas na Lagoa de Mera, Concello de Oleiros (A Coruña).
  • ASPACE Lugo: 18:30 horas na Praza do Castiñeiro (Lugo). 

Ademais, o acto organizado por ASPACE-A Coruña no Concello de Oleiros contará coa presenza da nova Conselleira de Política Social da Xunta de Galicia Fabiola García Martínez.

03/10/201810:31
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

O CCG mostrará nunha xornada as oportunidades que nos abren as tecnoloxías da fala

En comunicación, poden facer os novos recursos dixitais o que nós, coas nosas limitacións, non estamos en capacidade de ofrecer? E, aínda máis, pode a nosa comunidade investigadora, as nosas empresas e entidades aproveitar ese ámbito tecnolóxico que expande a fala, rompendo barreiras idiomáticas e de formatos? Responder a estas e outras preguntas está entre os obxectivos da xornada As tecnoloxías da lingua, unha oportunidade para a sociedade galega, que terá lugar o vindeiro 16 de outubro de 2018 en Santiago de Compostela e que virá da man da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega.

Segundo informa o CCG, as sesións centraranse no papel que poden xogar as tecnoloxías lingüísticas como ferramentas facilitadoras para a comunicación entre persoas, con especial interese en dous eidos concretos: o da transcrición automática de voz a texto e o da tecnoloxía do procesado de linguaxe natural. A inscrición é gratuíta e as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.

Respecto do programa de relatorios, darán comezo sobre as 9.45 horas coa intervención de Lourdes Lorenzo, do Departamento de Tradución e Lingüística da UVigo, quen falará sobre A accesibilidade aos contidos audiovisuais en Galicia (o estado da cuestión). Máis tarde, ás 10.30 horas, será a quenda de Francisco Armero Real, director da Área de Accesibilidade de TVE, quen mostrará os traballos actuais da RTVE en materia de accesibilidade. Os relatorios proseguirán logo con Belén Ruiz Mezcúa (directora do Centro Español do Subtitulado e a Audiodescrición), quen falará sobre a evolución do subtitulado nas canles de TV estatais dende 2011. Sobre as 12.30 horas será a quenda de Pablo Romero-Fresco, director de GALMA (Observatorio Galego de Accesibilidade Aos Medios), quen fará unha análise sobre o subtitulado en directo a nivel nacional e internacional. As sesións de mañá rematan con Arantza del Pozo, directora do Departamento de Tecnoloxías da Fala e da Linguaxe Natural de Vicomtech, que fará un percorrido por casos de éxito no ámbito da subtitulación automática. 

Pola tarde, José Ramón Pichel, de Imaxin Software, abrirá a sesión de intervencións cun relatorio sobre As tecnoloxías da linguaxe como facilitadoras de medios en galego. Máis tarde, ás 17.30 horas, será a quenda de Pedro J. Moreno, investigador de Google, quen achegará unha reflexión (vía videoconferencia) sobre Desenvolvemento de sistemas de recoñecemento de fala multilingües (o porqué de que Google desenvolva tecnoloxía en galego).

Ás 18.30 horas falará Carmen García Mateo, directora do Grupo de Tecnoloxías Multimedia da UVigo, achegando unha panorámica sobre as ferramentas de tecnoloxías da fala en galego.

03/10/201810:26
Facultade de Informática da UDC.
A Coruña

A FIC acolle esta semana a cuarta edición de Big Data Coruña

A información da que hoxe dispoñemos non é nada comparada coa que teremos nun prazo de cinco anos. Isto guinda unha serie de desafíos relevantes, sobre todo porque o chamado Big Data (o coñecemento a gran escala) achega oportunidades de valor para resolver calquera problema social, económico ou científico que se nos propoña. A cuestión está no seguinte: cales están a ser e cales serán as mellores metodoloxías para tratar, xestionar e analizar a información? Responder a este tipo de preguntas é un dos grandes obxectivos de Big Data Coruña 2018, que se celebra esta semana, os días 4 e 5 de outubro, na Facultade de Informática (FIC). 

O evento, que vai pola súa cuarta edición, xuntará expertos en tecnoloxía e analítica de datos en dúas xornadas que abordarán os novos retos aos que se enfronta esta disciplina.

Este encontro está organizado pola investigadora do CITIC Amparo Alonso-Betanzos, que é tamén presidenta da Asociación Española para a Intelixencia Artificial e Catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da UDC; e David Martínez, investigador da área Big Data da University College London (UCL) e director da área de investigación de Spartan Data. 

As xornadas contan coa colaboración do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC, a Xunta de Galicia, a Rede Española de Big Data e Análise de Datos Escalables e a Rede Galega de Tecnoloxías Cloud e Big Data para HPC.

Segundo lembra o CITIC, Big Data Coruña 2018 servirá de punto de encontro entre a comunidade académica, pero tamén para empresas e organizacións interesadas na información a gran escala, un ámbito de investigación que é tendencia tanto pola súa aplicación como pola súa posta en valor nunha ampla variedade de ámbitos.

03/10/201810:22
Cartel da iniciativa.
Madrid

Disney e Vodafone únense para ensinar programación aos máis novos

Trátase dunha iniciativa S.T.R.E.A.M. (Science, Technology, Robotics, Engineering, Arts & Maths), que ensinará aos máis novos a deseñar Apps, programar robots ou crear os seus propios xogos e trátase dunha colaboración inspirada na nova serie da canle Disney XD 'Big Hero 6, a serie'.

Big Hero 6 Challenge é unha iniciativa inspirada na serie da canle Disney XD 'Big Hero 6, a serie'. Esta serie continúa a historia que comezou coa película de Disney 'Big Hero 6', gañadora dun Óscar a Mellor Película de Animación, cuxos protagonistas son uns fans da tecnoloxía e a robótica.

 

Vodafone España, cuxo servizo de televisión -Vodafone TV- é un dos principais operadores de televisión nos que se pode gozar de Disney XD, quixo unirse a esta iniciativa que permitirá aos nenos desenvolver a súa imaxinación mentres aprenden a programar. A través dunha plataforma web tematizada coa contorna e os personaxes máis representativos da serie, os nenos poden aprender a programar a través de actividades e tutoriais que se van actualizando periodicamente. Crear unha App ou un robot que se mova en certa dirección e se ilumine ao chegar ao seu destino son algúns dos retos que van poder levar a cabo. A plataforma está aberta a calquera usuario que teña acceso a internet desde un computador, tableta ou dispositivo móbil.

 

A serie comezou a emitirse en marzo na canle DXD dial 75 de Vodafone e tamén baixo demanda. A Web de Big Hero 6 Challenge estará dispoñible a partir do 28 de setembro.

 

Para apoiar Big Hero 6 Challenge, Disney desenvolveu unha serie de contidos de televisión que se emitirán en Disney XD e Disney Channel. Son contidos curtos que presentan á audiencia de forma divertida algunhas das creacións que poderán gozar na plataforma.

 

Ademais, e coa idea de espertar nos nenos o interese polas profesións STREAM, Disney emitirá na súa canle Disney XD 'Ja Ja Lab' un total de 32 programas de 11 minutos de duración no que os presentadores Paula e Chim, presentarán fronte a un xurado composto por 3 xuíces (nenos da nosa audiencia) a súa idea, invento, ou construción e o xurado terá que decidir. Todas as ideas que presenten teñen detrás unha explicación vinculada con algunha das categorías STREAMSerán inventos, tolemias de ciencia, programación ou robótica.

 

A importancia de que os nenos aprendan a programar é un tema recorrente na actualidade. A través do estudo que fixo a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía xunto con Google, sabemos que un 72% dos alumnos entre 12 e 16 anos non saben o que son as Ciencias da Computación, mentres que o 90% dos pais e estudantes consideran que o estudo de programación é importante.

 

Máis información na Web de Big Hero 6 Challenge.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS