main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

03/10/201809:09
Cartel do programa.
Santiago de Compostela

O CPEIG organiza un Curso Superior de Administración Electrónica en colaboración coa Amtega na EGAP

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), convoca o Curso Superior de Administración Electrónica. 

O curso, que se inaugurará o 16 de outubro, ten por obxecto afondar, desde unha perspectiva técnico-xurídica, na concepción da Administración electrónica, incidindo na importancia que ten a súa implantación nas distintas administracións da nosa comunidade. Os contidos do programa enfocarán desde distintas perspectivas a Administración electrónica para que as persoas a que se dirixe adquiran ou perfeccionen os coñecementos teóricos e prácticos da informática e do dereito, completando a súa formación no dereito da informática. 

A formación celebrarse ata o 27 de novembro en horario de mañá e tarde (das 11.00 ás 14.00 horas e das 16.00 ás 19.00 horas).

03/10/201808:55
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

IV Scratch Day, o 20 de outubro na Cidade da Cultura

O vindeiro 20 de outubro terá lugar na Cidade da Cultura o IV Scratch Day, organizado polo CPETIG coa colaboración da Amtega, dirixido a escolares de entre 7 e 15 anos que deben asistir acompañados polos seus pais ou nais. Nesta edición, a rapazada aprenderá a programación dun videoxogo no ordenador.

O IV Scratch Day ten como obxectivo difundir os valores da programación informática entre os nenos e os seus pais, de xeito que os participantes poden acceder ao mundo da programación de forma lúdica e divertida, tomando conciencia da potencia desta ferramenta como medio de expresión de ideas e vehículo para o emprendemento. Asemade, o CPETIG pretende que esta iniciativa contribúa a eliminar mitos en relación á programación informática e a superar desde a infancia os estereotipos de xénero sobre este área do coñecemento, difundindo as posibilidades que ofrecen as TIC e reducindo a fenda dixital.

O CPETIG concibe esta formación no contexto da familia por considerar decisiva a implicación dos pais e as nais neste ámbito, como apoio e motivación para que os seus fillos se sintan atraídos cara á programación informática, de xeito que esta actividade non sexa unha excepción, senón o principio dun labor a seguir no fogar.

A sesión estará dedicada á programación de videoxogos, sendo preciso que os asistentes leven o seu portátil, xa que non serven tablets ou smartphones.

A formación do  Scratch Day será impartida pola Asociación Programamos, dedicada a promover o desenvolvemento do pensamento computacional en todas as etapas escolares, a través da programación de videoxogos e aplicacións para móbiles.

03/10/201808:46
eIDAS.
Santiago de Compostela

O DNIe poderá empregarse en toda a Unión Europea

Dende o pasado sábado está en vigor o regulamento eIDAS, norma que recoñece o uso transfronteirizo de sistemas de identificación electrónica (eID) para que os cidadáns e negocios europeos poidan acceder a servizos en liña incluso dende outros países da Unión Europea. Deste xeito, poderiamos facer uso do DNIe para crear unha conta bancaria de xeito remoto, matricularnos nunha escola ou acceder aos nosos rexistros médicos sen ter que persoarnos para a nosa identificación, valéndonos de sistemas de identificación electrónicos.

Os países da Unión deberán aceptar como identificador os documentos electrónicos (DNIe ou pasaporte electrónico) dos diferentes países, procedemento que terían completado en Alemaña e Italia, e que estaría a piques de completarse en Luxemburgo, España, Croacia e Letonia, mentres que países como Bélxica, Portugal ou Reino Unido aínda están nunha fase máis temperá deste proxecto. Dende a Comisión Europea aseguran que esta medida podería chegar a aforrar a empresas e administracións europeas máis de 11.000 millóns de euros ao ano.

02/10/201818:38
Premiados en The Hop.
Santiago de Compostela

Feijóo anima a seguir impulsando un ecosistema de emprendemento baseado na innovación e na diferenciación

  • Refírese, a modo de exemplo, ao ecosistema de innovación que conforman as startups ou as aceleradoras de empresas, e destaca a inauguración da terceira convocatoria da Business Factory Auto

 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, animou hoxe a seguir impulsando un ecosistema de emprendemento baseado na innovación e na diferenciación.

Durante a entrega dos Premios TheHop: Programa de emprendemento colaborativo Estrella Galicia S.A., Feijóo referiuse, a modo de exemplo, ao ecosistema de innovación que conforman as startups ou as aceleradoras de empresas, e destacou a inauguración onte da terceira convocatoria da Business Factory Auto; unha aceleradora específica para o sector da automoción na que colabora ademais da Xunta, PSA, CEAGA ou a Zona Franca de Vigo.

Sobre este punto, o responsable do Executivo autonómico precisou que, desde que se puxo en marcha fai máis de dous anos, deu lugar á creación de 22 novas empresas, moitas das cales están xa cubrindo ocos na cadea de valor desta industria estratéxica en Galicia, cunha facturación de 10 millóns de euros e máis de 150 empregos creados.

“E o mesmo ocorre en toda a nosa rede de aceleradoras”, dixo, subliñando que, nestes últimos cinco anos, apoiáronse a máis de 900 proxectos como os que hoxe foron premiados neste acto.

Ademais da Business Factory Auto, Feijóo recordou que a Xunta, desde a Axencia Galega de Innovación, colabora con outras impulsadas por entidades ou empresas como Telefónica, Vodafone, o Consorcio Zona Franca, Tecnópole ou a Fundación Kaertor y Janssen.

Feijóo concluíu destacando a traxectoria de Estrella Galicia, “unha empresa que representa –dixo- a esencia da gran empresa galega: familiar, coa súa cuarta xeración no Consello de Administración; centenaria; exportadora, presente en máis de 50 países; en continuo crecemento e innovadora”.

02/10/201811:56
Presentación da iniciativa.
Ourense

Ourense presenta un proxecto pioneiro: o campamento tecnolóxico e interxeneracional 'Yes I Camp'

O Concello de Ourense ofrece, este mes de outubro un novo e pioneiro campamento tecnolóxico e interxeneracional, 'Yes I Camp'. 'Despois de propostas como o Centro Interxeneracional, ou o parque inclusivo da Alameda do Cruceiro, volvemos ofrecer un recurso que ten a interxeracionalidade como concepto básico, algo fundamental no noso modelo de goberno', sinalou o alcalde da cidade, Jesús Vázquez Abad, durante a presentación desta iniciativa 'un acto que coincidiu co Día Internacional das Persoas Maiores'.

 

Este proxecto foi seleccionado pola Fundación COTEC 'organización nacional sen ánimo de lucro que ten como obxectivo promover a innovación como motor de desenvolvemento económico e social' entre máis de 2.000 propostas, sendo a única seleccionada dunha administración pública, tal e como destacou o concelleiro de Promoción Económica, Jorge Pumar. Trátase, como explicaron na presentación, dunha aposta por aproveitar a creatividade e a enerxía da mocidade e conxugala coa experiencia e as habilidades das persoas maiores.

 

'Yes I Camp' abrirá as súas portas a 30 participantes maiores de 55 anos e a outros 18 con idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos, pero que contan con coñecementos tecnolóxicos. Así, a través do programa 'Maker Seniors' poñeranse en contacto dúas xeracións diferentes, separadas por 30 anos de diferenza. 

 

O proxecto que acaba de presentar o Concello de Ourense baséase nunha idea sinxela, pero tamén revolucionaria, desenvolvida polo persoal funcionario que traballa a diario no edificio da Molinera, e que contou co visto e prace da Fundación COTEC, nun momento no que a chegada ao mercado laboral da mocidade atópase, a miúdo, cunha barreira debido a falta de experiencia e os maiores, á súa vez, coas dificultades de adaptarse ás novas tecnoloxías.

 

Con este traballo en común, ambas as xeracións establecerán un diálogo que lles axudará a reforzar as súas habilidades, mellorar a organización e planificación dos labores en equipo e a achegarse sen complexos ás tecnoloxías máis actuais.

 

Durante o campamento, os alumnos enfrontaranse a catro retos principais: un reto de mobilidade; un social; a construción dun robot; e a misión de que os participantes poidan contar a súa experiencia no curso utilizando todas as posibilidades tecnolóxicas e dixitais existentes.

 

O campamento arrinca o 15 deste mes e finaliza o 16 de novembro. Os alumnos terán clases catro horas diarias, tres días á semana. A inscrición para os interesados pode realizarse de forma presencial no edificio de La Molinera ou na súa páxina web.

 

La Molinera

O edificio La Molinera é un laboratorio de innovación social dixital centrado na persoas, que permite conectar persoas con empresas, startups, pemes, administración, universidade, poñendo á súa disposición espazos, mentorización, ferramentas dixitais e tecnolóxicas para dar o salto á sociedade do coñecemento e converter a Ourense nunha cidade innovadora. Un dos seus puntos fortes é que se trata dun centro interxeneracional, con usuarios de de 8 a 99 anos, onde converxen as canles de comunicación e aprovéitanse as capacidades das distintas xeracións, independentemente da súa idade.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS