main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

02/10/201811:49
Cartel do programa.
A Coruña

Os CoruñaHacks anímannos a ser impulsores e creadores de tecnoloxías libres

Este sábado 6 de outubro comeza na nosa terra un programa de obradoiros que son, en si mesmos, tres grandes oportunidades para converternos en expertos facedores de ferramentas libres e máis en en membros da comunidade galega e mundial de usuarios e desenvolvedores de free software e cousas maker. Estamos a falar dos CoruñaHacks, que de partida compóñense de tres hackathons (6 de outubro, 17 de novembro e 1 de decembro) para “dar forma e impulsar proxectos open source en equipo”, en palabras da organización, o colectivo galego GPUL.

Segundo nos contan, na primeira xeira de traballo presentaranse as ideas e formaranse os equipos. Estes equipos encargaranse de desenvolver un proxecto open source nos hackatons físicos ou de maneira remota até o 1 de decembro, xornada na que se presentarán ao remate da tarde e farase unha entrega de premios. Despois da entrega de recoñecementos, todas e todos os participantes que así o desexen poderanse unir á cea-networking da noite.

Sobre as posibilidades que se abren con estes obradoiros, a organización lembra que CoruñaHacks é un espazo de gran interese para desenvolvermos ferramentas útiles para as nosas empresas, entidades e organizacións, e, tamén, “para estar de xeito conxunto con outras persoas, ver como traballan e mesmo atopar fichaxes para as empresas participantes”. 

O GPUL mantén neste intre operativa unha ligazón para o envío colectivo de proxectos, onde podemos ter parte activa en caso de que haxa algunha ferramenta (na nosa empresa ou asociación ou entidade) coa que nos gustaría contar e que “non presenta alternativas decentes que nos convenzan”. Tamén podemos participar como side projects.

02/10/201810:34
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

#IURISTICGAL18: ‘Privacidade, blockchain e ciberseguridade’

Xa está aberto o prazo de inscricións para #IURISTICGAL18, a VIII Xornada de Informática Xudicial que organiza o CPETIG coa colaboración da Amtega, este ano co título Privacidade, blockchain e ciberseguridade. Toda a información e formalización de inscricións na web http://iuristicgal.cpetig.gal.

A xornada celébrase o día 10 de outubro Cidade da Cultura e ten por obxecto profundizar na nova realidade tecnolóxica derivada do blockchain e nos conceptos de privacidade e ciberseguridade, analizando as súas implicacións xurídicas.

A edición deste ano abordará, entre outros temas de actualidade, as consecuencias da irrupción das criptomonedas, con centos de monedas virtuais no mercado baseadas nesta tecnoloxía que mobilizan millóns de euros diariamente, no que representa unha das maiores revolucións tecnolóxicas recentes. O máis innovador radica na súa tecnoloxía base, a rede blockchain, que permite dotar da máxima seguridade a entornos públicos e descentralizados e todo apunta a que vai extenderse a outros moitos servizos e ao propio funcionamento da rede.

Para presentar unha visión integral do entorno, #IURISTICGAL18 reunirá un panel de expertos nas distintas materias. Santiago Márquez Solís, CTO en Clluc e autor del libro “Bitcoin: guía completa de la moneda del futuro”, ofrecerá o relatorio “Blockchain e a lei”. Luis de Salvador Carrasco, subdirector xeral adxunto da Inspección de Datos da AEPD, falará de “Privacidade e dereitos fundamentais na Sociedade da Información”. Silvia Barrera, inspectora da UIT da Policía Nacional, intervirá sobre “Investigación de ciberdelitos nun mundo dixital”, completándose o panel de relatores con Eloy Velasco, maxistrado da Audiencia Nacional, e a súa intervención “Efectividade na persecución dixital de delitos e a súa validez probatoria. ¿É suficiente? ¿Como podemos mellorar?”

A xornada rematará coa mesa redonda: “Quo vadisseguridade TIC-xurídica?”, moderada por Víctor Salgado, avogado TIC e director técnico de IURISTICGAL18. Finalmente, unha comida networking, á que asistirán os relatores e o público participante, poñerá fin á xornada.

02/10/201808:08
Cartel do programa.
O Milladoiro

A Aula de Informática do Milladoiro ofrece á cidadanía tres obradoiros tecnolóxicos

Aula de Informática do Milladoiro (Ames) vén de abrir o prazo de inscrición para tres cursos TIC programados para esta recta final de 2018. A oferta está formada por un obradoiro sobre a creación, configuración e o uso do correo electrónico, que se desenvolverá no mes de outubro; unhas xornadas sobre os primeiros pasos na informática, previstas para novembro; e, por último, un curso para a elaboración de presentacións con Impress, que se impartirá en decembro. 

Respecto do curso de iniciación ao correo electrónico, abordaranse cuestións como a creación, a configuración e o uso dunha conta. Dirixido a persoas maiores de 18 anos, este obradoiro de catro horas e media de duración, desenvolverase os días 29, 30 e 31 de outubro. Existen 10 prazas por quenda (de 10:00h a 11:30h ou de 18:00h a 19:30 horas). Por outra banda, no mes de novembro está prevista a realización dun curso para achegarse a Internet dende un nivel básico, pensado para persoas maiores de 18 anos que queiran iniciarse na informática. Este obradoiro de seis horas de duración terá lugar do 19 ao 22 de novembro, en horario de 10:00h a 11:30h ou de 18:00h a 19:30 horas. O número de prazas por quenda é de 10. Finalmente, a programación complétase coa realización dun curso de elaboración de presentacións con Impress, co obxectivo de elaborar un conto de Nadal. Os destinatarios do mesmo, que se desenvolverá os días 26, 27 e 28 de decembro, en horario de 11:00h a 12:30 horas, serán dez nenas e nenos entre os 9 e os 12 anos.

Segundo informa o Concello, o prazo de inscrición para estes obradoiros de balde ficará aberto até se cubran todas as prazas (dende este primeiro de outubro), o que se fará por orde de inscrición. O Goberno local lembra que terán preferencia as persoas que non teñan participado anteriormente nestes mesmos obradoiros. Para inscribirse é preciso estar empadroado no concello de Ames e para que se formen os grupos é preciso un mínimo de sete persoas inscritas. As inscrición poderanse facer en horario de Aula Aberta, de luns a xoves de 16:00h a 20:00 horas, e os venres de 9:30h a 13:30 horas; ou a través dun correo a informatica.milladoiro@concellodeames.gal, no que deberá enviarse cuberta e asinada a solicitude de inscrición no curso que se desexe.

02/10/201807:58
Presentación das actividades.
Vigo

Os centros de investigación da UVigo bótanse á rúa para mostrar os seus achados

Os centros de investigación da Universidade de Vigo están a organizar actividades de divulgación gratuítas para visualizar o seu traballo entre a cidadanía e captar futuro talento. O programa de accións Divulgando ciencia singular comezará o 6 de outubro, mostrando como se traballa e os principais fitos pasados, presentes e vindeiros do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (AtlantTIC), o Centro de Investigación Mariña (CIM) e no Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO). As actividades desenvolveranse ao longo dos meses de outubro e novembro. 

O obxectivo é facer descubrir “a investigación que se fai na Universidade de Vigo e que o coñecemento que obtemos é útil para o benestar da sociedade”, explicou Belén Rubio, vicerreitora de Investigación na presentación das xornadas de divulgación científica e tecnolóxica, celebrada a semana pasada. De balde e previa inscrición, calquera persoa, tanto adultos como nenas e nenos, poderán participar neste programa, sinalou Rubio na cita cos medios, acompañada polas directoras e directores dos centros de investigación e pola vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama. Rubio, amais do devandito, tamén lembrou que a Universidade de Vigo atópase, segundo a clasificación elaborado por Times Higher Education, entre as mellores 500 institucións nos eidos da enxeñaría, as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e mailas ciencias do mar.

O programa de divulgación científica comezará o sábado 6 de outubro no peirao de A Laxe onde o Centro de Investigación Mariña porá un barco, en varias quendas de mañá e tarde, a disposición das persoas, que previamente se inscribisen. A bordo do buque, os participantes poderán presenciar “exemplos de exploración mariña con drons e robots”, amais de ver como se recollen mostras do fondo para logo desembarcalas no peirao da ECIMAT, onde agardará un grupo de traballo de AtlantTIC que fará demostracións sobre toma de medidas e uso de drons en investigación mariña”. Pola súa banda, baixo o lema CINBIO ConCiencia: Investiga con nós, o Centro de Investigacións Biomédicas colocará unha carpa, o 19 de outubro na rúa do Príncipe en Vigo e ao día seguinte no Paseo de Ourense, onde se desenvolverán obradoiros sobre xenética, nanopartículas bioinformática ou apnea do sono, así como un almorzo saudable. As actividades continuarán no propio centro o 26 de outubro e no Politécnico de Ourense o 27 de outubro, con xornadas de portas abertas.

No caso de AtlantTIC, as actividades desenvolveranse nas instalacións do centro, na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, o día 9 de novembro, a través de obradoiros “para achegar cousas que á sociedade lle soa que facemos as e os enxeñeiros de Telecomunicación e que nalgúns casos non son difíciles de entender como as comunicacións por satélite, a manipulación de imaxes, a nova xeración de telefonía móbil 5G”, detallou Carlos Mosquera, director do centro de novas tecnoloxías.

01/10/201809:55
Cartel do programa.
Madrid

"Aprendemos xuntos" supera os 200 millóns de visualizacións en só nove meses

O programa educativo de BBVA "Aprendemos xuntos" continúa sumando éxitos. As cifras apoian este proxecto co que se busca levar aos fogares e as aulas a visión de numerosos profesionais en diferentes materias para axudar a pais, profesores e nenos en cuestións que afectan ao día a día. Ademais, ofrece ferramentas para que poidan ensinar a fillos e alumnos competencias fundamentais para desenvolver o seu potencial. En nove meses superou a cifra dos 200 millóns de visualizacións.

A neurociencia no proceso de aprendizaxe, o uso das novas tecnoloxías, como fomentar a creatividade nos nenos ou a educación en igualdade son algunhas das temáticas tratadas desde o lanzamento de "Aprendemos xuntos". Os case 200 vídeos publicados que recollen o testemuño de psicólogos, científicos, pedagogos ou mestres xeraron máis de 200 millóns de visualizacións en tan só nove meses. Mostra da magnífica acollida do programa.

Este proxecto, que BBVA realiza en colaboración con  El País e Santillana, converteuse nun referente á hora de compartir coñecemento dixitalmente. O feito de visualizar o contido dos 56 profesionais que ata o momento pasaron por "Aprendemos xuntos" vía ordenador ou dispositivo móbil, facilita a todos os seguidores deste programa poder nutrirse dunha información clave á hora de educar e xestionar aos nenos e novos. Sinalar, que BBVA tamén ofrece a posibilidade de escoitar o contido a través dos podcast aloxados en bbva.com.

A comunidade social crece tamén a un ritmo excelente e rolda os 550.000 os seguidores do programa en FacebookTwitter e Youtube.

Ata agora, os vídeos máis vistos foron "Sobreprotexer aos nenos é desprotexelos" da xornalista e escritora Eva Millet, "O valor da actitude" do profesor e escritor Victor Küppers, "Sede os adestradores emocionais dos vosos fillos", da escritora e divulgadora Elsa Punset, "Antes dos dous anos, cero pantallas" da investigadora e divulgadora educativa Catherine L'Ecuyer e "Intelixencia e desenvolvemento persoal" do cirurxián e escritor Mario Alonso.

 

Os retos, outro gran éxito de "Aprendemos Xuntos"

Só pasaron 6 meses desde que dentro deste programa, tamén se lanzase o primeiro reto de aprendizaxe "Moito máis que falar". Unha metodoloxía eficaz, gratuíta e divertida para axudar a nenos e adolescentes a expresar as súas ideas en público. Desde entón, 11.238 persoas sumáronse a el, dos cales 4.199 son profesores e 7.039 pais.

Máis de 2.400 colexios ata o momento interesáronse no primeiro reto de "Aprendemos xuntos" co obxectivo de trasladar aos alumnos as claves necesarias para mellorar a comunicación interpersoal. Por comunidades autónomas, Andalucía, Madrid, Valencia, Castela e León, Galicia e Cataluña encabezan a lista.

 

Programa galardoado en varias ocasións

Ao longo destes meses, este proxecto de BBVA foi galardoado en dez ocasiones cos Youtube Ads Leaderboard, logrando situarse sempre entre os Top 5.

Ademais, obtivo na II edición do Festival Internacional de Publicidade Educativa, EducaFestival, o ouro á Campaña Integral e outros tres galardóns no apartado de estratexia de márketing relacional, estratexia de "branded content" e webs ou "microsite".

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS