main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

09/10/201808:13
Deborah García durante a súa charla.
Lugo

Deborah García e Girl STEM animan ás rapazas de Lugo a ser innovadoras

Onte subiu un novo chanzo o programa Girl STEM, impulsado pola Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL) e a axencia AMTEGA para derrubar estereotipos, ideas preconcibidas e falsas crenzas en materia de ciencia, novas tecnoloxías e mocidade: unha morea de prexuízos que levan anos tentando convencernos de que a ciencia e as novas tecnoloxías son cousa de homes (cando resulta que as empresas innovadoras son máis innovadoras e competitivas cantas máis mulleres haxa nas súas fileiras). O programa, que se compón de relatorios con referentes femininos en ámbitos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), achegou onte unha cita coa influencer científica Deborah García, natural da Coruña. Foi unha xuntanza coa mocidade do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo. 

Ante máis de 100 rapazas e rapaces do centro, a relatora falou da súa experiencia divulgando nas redes (onde ten máis de 30.000 seareiros) e fixo un percorrido detallado polas dificultades que teñen as mulleres para abrirse camiño nas contornas científico-tecnolóxicas: “Antes, cando ía a un acto de divulgación, moitas veces sentía que se forzaba a paridade e sempre me preguntaba se me chamaban por ser muller ou porque realmente lles gustaba o meu traballo”, reflexionou. Sobre a situación das mulleres científicas na actualidade, Deborah García considera que é necesario “equiparar as baixas de maternidade e paternidade para que ambos proxenitores repartan as cargas”. Ademais, dixo que “o ámbito da investigación científica é moi duro, porque esixe moitas horas e desprazarse continuamente de cidade en cidade, algo que moitas mulleres que deciden ser nais non se poden permitir”, explicou. Por outra banda, mostrou o seu convencemento na escasa recompensa económica que reporta a investigación a quen traballa nela e para ela: “Ten que cambiar o sistema público de contratación para as persoas investigadoras. En ciencia nunca temos estabilidade. De feito, só se pode conseguir unha cátedra despois de moitos anos e raramente antes dos 50, o cal trunca a vida persoal e familiar de moitas mulleres”. Coa súa participación no programa Girl STEM, Deborah García súmase a outras referentes que queren contribuír a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino apenas se sitúa en torno ao 30%.

De Inditex ao Guggenheim: quen é Deborah García
Segundo fai saber AGASOL, a traxectoria de Deborah García Bello (A Coruña, 1984) é “tan impresionante como a súa capacidade de transmitir a ciencia a todo tipo de públicos”. Deborah, que é química e divulgadora científica, traballa tamén como colaboradora na Televisión Española e na Televisión de Galicia. Conta coa súa propia sección de ciencias todos os mércores na Radio Galega e, ademais, escribe para diferentes medios como El País, La Voz de Galicia, o cultural O observador da beleza de L''ORÉAL, o Caderno de Cultura Científica da UPV/ EHU ou Naukas, e dá conferencias en todo o mundo. Ademais, é formadora en hábitos saudables para o xigante téxtil galego Inditex.

Desde 2016 é a directora científica das xornadas Ciencia e Arte da Universidade do País Vasco e o Museo Guggenheim de Bilbao. Está a facer o doutoramento na Universidade da Coruña sobre divulgación científica a través da relación entre a ciencia e a arte contemporánea. É membro da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica e da Asociación Española de Comunicación Científica.

É autora do aclamado blogue dimetilsulfuro.es, polo que recibiu o Premio Bitácoras 2014 ao mellor blogue de ciencia nacional. A súa canle de Youtube Deborahciencia conta con máis de 18.000 subscritores, que se suman aos máis de 13.000 en Twitter. É autora do libro Todo é cuestión de química (Ed. Paidós, 2016), galardoado co Premio Prismas ao mellor libro editado sobre divulgación científica en 2017. Pola súa actividade divulgadora recibiu un premio Jot Down Ciencia en 2017 e o Premio Tesla á divulgación en 2016. En febreiro deste ano saíu á venda o seu último libro Que se lle van as vitaminas! (Ed. Paidós, 2018), que xa vai pola súa cuarta edición.

09/10/201808:09
Cartel da iniciativa.
Barro

O viveiro de Barro acolle este mes catro obradoiros de SmartPEME

SmartPEME, a rede de formación e asesoramento TIC impulsada pola Deputación de Pontevedra, vai ofrecer este mes de outubro catro relevantes actividades de capacitación tecnolóxica para os profesionais, os traballadores, as PEME e os emprendedores de Barro. Os catro obradoiros sobre as máis diversas temáticas TIC celebraranse no Viveiro de Empresas do Polígono de Barro. Como lembraremos, SmartPEME oferta ás persoas emprendedoras e empresas da provincia (a través das súas oficinas de Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e Barro) servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración e acompañamento no ámbito das TIC.

A primeira cita do mes terá lugar o sábado, 6 de outubro ás 10 h, coa acción Jam Session de Deseño e Desenvolvemento de Prototipos. A segunda acción, Iniciación á impresión 3D. Que podo facer e como impartirase o xoves da seguinte semana, 11 de outubro, ás 17 h. Por outra banda, o martes 16 de outubro, ás 17 h terá lugar Introdución ao deseño 3D: FreeCAD I. E xa por último, Introdución ao deseño 3D: FreeCAD II impartirase o xoves 18 de outubro á mesma hora. Como dixemos, a oficina SmartPEME de Barro atópase no viveiro empresarial do polígono e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.gal.

O programa da Deputación de Pontevedra desenvolve este ano novas carteiras de servizos co obxectivo de “continuar axudando ás empresas da provincia a ser máis competitivas na contorna económica actual”. O programa abre tres novas grandes liñas: o Centro Provincial de Economía Dixital (CPED), no viveiro de empresas de Barro, SmartPEME Impulsa e TurisTIC.

09/10/201808:05
O reitor Antonio López con carmen Álvarez, unha das promotoras de HGBeyond/ Imaxe de Alberto Carrasco.
Madrid

A USC enxalza as mulleres tecnólogas e emprendedoras nos premios Innovatia 8.3

Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades e maila Universidade de Santiago entregaron onte en Madrid os premios da primeira edición do Concurso Innovatia 8.3, que se dirixe a visualizar e recoñecer as mellores iniciativas de alicerce tecnolóxico impulsadas por investigadoras e/ou emprendededoras. Pois ben, os galardóns foron dar a HGBeyond e Frame, as dúas iniciativas lideradas por mulleres e creadas co apoio das súas universidades, as de Santiago de Compostela e Carlos III de Madrid. As distincións entregáronas a secretaria de Estado de Igualdade, Soledad Murillo de la Vega, e o reitor da USC, Antonio López Díaz.

A santiaguesa HGBeyond, gañadora na modalidade de iniciativa empresarial de base tecnolóxica, xurdiu en 2015 como unha spin-off da USC para “explotar e comercializar resultados relevantes do grupo de Investigación I+D Farma e desenvolver solucións biosanitarias, con aplicación directa na industria oftálmica”. Máis polo miúdo, desenvolve lentes de contacto con capacidade para tratar doenzas oculares, como procesos inflamatorios e de alerxia, ademais de glaucoma ou enfermidades relacionadas coa diabetes. Este premio está dotado con 10.000 euros e asesoramento personalizado durante seis meses por unha profesional referente no sector.

Pola súa banda, na categoría de startup e cun premio de 7.000 euros e asesoramento de tres meses, a galardoada foi Frame, nada no seno da Universidade Carlos III de Madrid. A súa tecnoloxía é un sistema de drons equipados con intelixencia artificial, prontos para despegarse tras calquera catástrofe, que se coordina de maneira autónoma durante o voo para rastrear unha zona afectada. O resultado, segundo informa a USC, é un mapa pos-desastre no que se indican as vías de evacuación, os cambios nas infraestruturas e os núcleos de poboación afectadas.

As dúas iniciativas foron elixidas de entre un grupo de finalistas no que ademais figuraban Applynano Solutions S.L. (Universidade de Alacante) e Tastelab S.L. (USC), na modalidade de base tecnolóxica, e Minervas Voice, S.L. (USC) e Mundoarti Global SL: Competicións de arte (Politécnica de Valencia), na de startups.

No acto de onte, celebrado na sede da Secretaría de Estado de Igualdade, o reitor compostelán lembrou que a USC foi “pioneira en España na súa aposta polo apoio ao emprendemento das mulleres”, sabendo que son maioría nas aulas e que son xeradoras dos mellores expedientes académicos formando un capital intelectual que a sociedade non debe desaproveitar”. A este respecto, subliñou que a USC lidera Innovatia 8.3, un movemento de ámbito estatal para integrar a perspectiva de xénero nos procesos de transferencia de coñecemento e de creación de empresas de alicerce tecnolóxico.

09/10/201807:46
CreaR.
Silleda

R achega en XGN obradoiros para todas as idades

Esta finde, a partir do venres 12, quen queira mergullarse de cheo nas principais tendencias da informática creativa, vaino poder facer na xuntanza para a mocidade XGN R Encounter, que se celebra no recinto da Feira Internacional de Galicia de Silleda, tal e como detallamos hoxe (facendo fincapé no programa de actividades, nos obxectivos e nos aspectos técnicos do evento). Pois ben, a operadora R vai ter novamente un papel destacado na xuntanza. 

Tanto no que se refire á organización (co-organiza a party xunto coa Feira Internacional ABANCA e a Xunta), como no que atinxe ao fornecemento de tecnoloxía (con velocidades de 10 Gbps grazas á fibra achegada pola compañía) como no que respecta ao programa de actividades.

Sobre este último punto, R estará no recinto desenvolvendo obradoiros de balde de interese para a nosa mocidade. En primeiro lugar, haberá un taller de robótica no que poderemos participar en familia e que está concibido para cativos de 7 a 15 anos, que poderán contar cos recursos precisos para construír un robot “mentres se divirten e aprenden”, segundo explica R. O obradoiro, inserido nas actividades de CreaR da operadora, vén con tres modalidades: para nenas e nenos de 7 a 8 anos (de 10:30 a 12:30h), para nenas e nenos de 9 a 11 anos (de 12:30 a 14:30h) e para nenas e nenos de 12 a 15 anos (de 17:00 a 19:00h). R tamén informa que as entradas para podermos desfrutar desta actividade estarán estes días á nosa disposición no distribuidor R en Silleda, na Avenida do Parque, 37 (tel. 986580621). En caso de que non nos poidamos achegar, temos a posibilidade de reservar en liña as entradas. 

Amais do devandito, a operadora organiza no encontro unha actividade encamiñada a acurtar as distancias entre as persoas que naceron e medraron no ambiente dixital, enchoupándose nel, e quen non tivo ocasión de saber para que consisten as novas tecnoloxías. Trátase da iniciativa Nativos R, unha actividade pensada para pais, titores, avós ou docentes, prevista para o 13 de outubro ás 17.00 horas. En palabras de R, Nativos R diríxese á cidadanía que se ben non naceu na era dixital, convive con persoas (nenas, nenos, adolescentes, mocidade) que si que o fixo, abrindo interesantes camiños de comunicación entre uns e outros.

09/10/201807:36
Participantes na pasada XGN R Encounter.
Silleda

Chega este venres a edición máis potente da XGN R Encounter

Esta semana temos unha cita de primeira liña coa informática que se comparte e se crea, e que, por se fóra pouco, é fonte de lecer, diversión e aprendizaxe persoal. Estamos a falar da party galega XGN R Encounter, que comeza este venres 12 a súa décimo oitava edición, segundo informan as entidades impulsoras do encontro (o recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, a firma R e a Consellería de Política Social), unha convocatoria que sobe novos chanzos en materia de acollida, de temas a tratar, de repercusión e de actividades. Isto déixase notar no interese da nosa mocidade por participar nela: xa se superou o rexistro de inscritos do pasado ano, cando 800 persoas tomaran parte co seu computador. 

Ademais, agárdase que outras 1.500 persoas acudan ao recinto de Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda) para gozar das actividades que se desenvolverán durante os tres días, até o domingo 14. Os asistentes, nun nivel técnico, poderán navegar a unha velocidade de 10 Gbps (grazas á rede de cable de fibra óptica despregada por R o ano pasado: un equipamento de 120 metros de lonxitude dende Vigo até o pavillón), así como aprender, intercambiar coñecementos e divertirse coas ducias de actividades previstas. Nesta edición celebraranse máis de dez torneos de videoxogos, así como nove competicións de arte dixital, robótica, realidade virtual ou drons. Ademais, haberá máis conferencias, obradoiros formativos e alternativas de lecer. Por outra banda, a organización lembra que a nova entrega do encontro XGN R Encounter tamén artellará a súa actividade en dous ámbitos complementarios: por unha banda a zona denominada “Intranet”, orientada aos inscritos (onde gozarán dun posto con dereito a acampar no interior do pavillón e tamén a participar en numerosas actividades e torneos exclusivos) e, pola outra, a área “Extranet”, a contorna aberta ao público en xeral, que acubillará un completo programa ao que poderán acceder de balde tanto os inscritos como os visitantes que se acheguen a Silleda.

Conexións (en todo o senso do termo) con Euskadi e Galicia
Como lembraremos, a XGN R Encounter vinculouse o pasado ano á rede de Encounters de Euskaltel, que vén desenvolvéndose desde hai 25 anos, e da que forman parte a Euskal Encounter, a Gipuzkoa Encounter, a Araba Encounter e a Technium R Encounter de Ourense. De feito, a incorporación como patrocinadora e colaboradora da empresa de telecomunicacións R, integrada no Grupo Euskaltel, permitiu este irmandamento entre os seareiros á informática de ambas as comunidades, e permitiu un enriquecemento mutuo de coñecementos e experiencias.
 

Actividades para inscritos e visitantes
Durante o evento desenvolveranse distintas actividades dirixidas exclusivamente aos inscritos, como concursos de arte dixital, nas súas tres vertentes: creación de imaxes dixitais, música dixital e a programación. Haberá competicións (para que abrolle o talento creativo dos participantes), obradoiros, conferencias e unha ampla listaxe de accións para os seareiros do hardware. Entre elas, a modificación, cambio e personalización dos equipos de cada quen, “para mellorar a súa estética ou as súas prestacións”, sinalan os organizadores, que engaden que tamén se dará acubillo a granxas de impresoras en 3D e a un espazo adicado á robótica (os talleres Crea R), onde a rapazada poderá introducirse de cheo na montaxe destes enxeños electrónicos. O programa tamén inclúe unha charla (Nativos R) dirixida a educadores, pais e avós que non naceron na era dixital pero conviven co xente que si que o fixo. Ambas as iniciativas enmárcanse no programa Digitalent da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), do que R forma parte.

Inscricións
O prezo de inscrición á XGN R Encounter é de 40 euros durante a party e de 35 euros levándose a cabo mediante reserva previa, a cal aínda se pode realizar xa que quedan algunhas prazas libres, explican as entidades impulsores da xuntanza informática, que tamén engaden que será posible participar no evento mediante as entradas de día, que teñen un custo de 10 euros, e que poderán ser adquiridas no mostrador de acreditación, aínda que non dan dereito a conectar un ordenador na party (en todo caso, quen desexe achegarse a Silleda como espectador terá acceso libre e de balde).

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS