main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

29/09/202213:51
Ciberseguridade.
Santiago de Compostela

A Xunta adxudica a redacción do proxecto do Centro de Ciberseguridade de Galicia, en San Cibrao das Viñas, que suporá un investimento de 4,2 M€

  • O contrato para a redacción deste proxecto estratéxico foi adxudicado por un importe de máis de 196.000 euros
  • A Xunta prevé dispoñer na próxima primavera do proxecto e iniciar, a continuación, a contratación e inicio das obras, co obxectivo de poñelo en marcha a mediados do 2025
  • O centro é froito da colaboración entre a Consellería de Facenda, impulsora do proxecto, e a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que acometerá as obras de edificación
  • O edificio, na Tecnópole e con 2.000 m², incluirá espazos de monitorización e xestión de ciberseguridade, áreas de traballo ou locais de emprendemento e de alugamento

A Xunta adxudicou por máis de 196.000 euros a redacción do proxecto do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia, en San Cibrao das Viñas, cuxa execución suporá un investimento de 4,2 M€.

Este contrato, adxudicado á UTE Andrés Perea- Elena Suárez-Aguilera, ten como fin redactar o proxecto construtivo coa previsión de telo rematado na próxima primavera para iniciar, a continuación, a contratación e o inicio das obras e poñelo en marcha a mediados do 2025.

Este novo centro será froito da colaboración entre a Consellería de Facenda, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, impulsora deste proxecto, e a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que acometerá as obras de edificación.

Esta intervención será financiada con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, do programa Next Generation UE.

Características

O Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia construirase na parcela 3E da Tecnópole, en San Cibrao das Viñas, que conta con algo máis de 3.000 m².

O edificio, con máis de 2.000 m² de superficie construída, albergará os espazos de monitorización e xestión de ciberseguridade, áreas de traballo e concienciación, zonas de uso externo e locais de emprendemento e de alugamento para empresas privadas.

Os traballos completaranse cunha área para o estacionamento, prevendo habilitar arredor de 40 prazas de aparcadoiro.

O Centro converterase nun punto de encontro entre a innovación en ciberseguridade e as necesidades e retos da sociedade. Coa posta en marcha deste edificio, a Comunidade dá un paso importante no camiño dunha Galicia intelixente que aposta polo crecemento da economía galega baseado nas tecnoloxías, cara a unha Galicia mellor.

Este ente traballará en colaboración coas deputacións provinciais, coas entidades locais, a través da Fegamp, coas universidades galegas e centros tecnolóxicos e de innovación e co tecido empresarial do sector.

Cómpre lembrar que a Consellería de Facenda está a traballar xa no deseño da nova Estratexia Galega de Ciberseguridade, de cara á adaptación ao novo Esquema Nacional de Seguridade. De feito, reforzar a ciberseguridade das infraestruturas e servizos da administración electrónica é unha liña de actuación incluída no Plan estratéxico de Galicia 2022-2030.

20/09/202212:38
Cartel da iniciativa.
As Pontes

Amigus comeza outubro cun hackathon de deseño e produción de circuítos

A Asociación Amigus, a través dos seus Amigus Labs, dá a benvida ao outono cunha nova actividade creativa, participativa, libre e de espírito maker. Trátase dun Hackathon de deseño e produción de circuítos electrónicos. Celebrarase o vindeiro 1 de outubro no local de Amigus Labs, no 14 da praza do Hospital en As Pontes, en horario de 10:00 a 13:00h.

Na xornada aprenderase a deseñar PCB (placas de circuíto impreso) co software libre KiCad, a crear PCB cunha miniCNC, soldar compoñentes SMD e programar o microcontrolador dunha placa. “Trátase dun punto de partida para facer prototipos funcionais a baixo custo”, explican dende Amigus, engadindo que se trata dunha actividade formativa de balde e que as inscricións deberán formalizarse por orde de rexistro a través da web dos Amigus Labs.

O obradoiro está patrocinado pola Xunta de Galicia a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

20/09/202208:05
Nenos usando portátiles.
Santiago de Compostela

CIBER.gal acolle a segunda edición do concurso Ciberseguridade no cole

A segunda edición do Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, prevista para os días 9 e 10 de novembro en Santiago (Edificio Fontán, Cidade da Cultura), volverá acoller entre as súas actividades un concurso escolar dirixido a centros educativos de Galicia de Primaria e da ESO.

No certame, patrocinado por Telefónica, poderá participar o alumnado de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º da ESO, e os concursantes realizarán unha rolda clasificatoria en liña o día 20 de outubro, na que haberá que responder a unha seria de preguntas sobre a importancia da protección dixital e de poñer en práctica medidas que garantan a salvagarda da información e as comunicacións. Durante esta fase seleccionaranse tres equipos de cada unha das categorías (Primaria e ESO), que participarán nunha final presencial o día 10 de novembro no marco das actividades do Encontro. Os centros que queiran participar poderán inscribirse neste enlace ata o vindeiro 10 de outubro antes das 14:00 horas.

Os organizadores agardan superar os resultados da edición anterior, na que participaron máis de 1.600 escolares en 67 equipos procedentes de toda Galicia. A segunda edición do Encontro Galego de Ciberseguridade, promovida e organizada polo Nodo CIBER.gal, reunirá no Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela aos principais expertos de España en seguridade informática. Entre eles, teñen confirmada a súa participación o recoñecido especialista en riscos e gobernanza dixital de empresa Ramsés Gallego, ou o investigador de hacking e integrante do equipo de seguridade de IBM Enrique Serrano Aparicio. No Encontro estarán representantes das entidades públicas e privadas que conforman o Nodo CIBER.Gal, entre elas os principais organismos de referencia de ciberseguridade en España: o Centro Criptolóxico Nacional (CCN) e o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE).

A primeira xornada do encontro, o 9 de novembro, estará dedicada á ciberseguridade nas administracións públicas e as empresas. A segunda xornada estará dirixida á cidadanía, e contará, ademais do concurso escolar, con actividades como unha representación teatral sobre a detección dos riscos tecnolóxicos, unha sesión de hacking en directo, obradoiros prácticos ou un concurso para perfiles técnicos Capture the flag.

O Nodo CIBER.gal é un espazo de colaboración público-privado fundado pola Xunta de Galicia a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

19/09/202208:24
Editor de código fonte.
Santiago de Compostela

A Amtega presenta a súa guía de boas prácticas para a liberación de contidos e software

  • O vindeiro día 20 de setembro terá lugar o acto de presentación do documento que actualiza as guías xa existentes, con novos contidos e un enfoque máis didáctico cara ao público xeral
  • Esta publicación está enmarcada no Plan de Software Libre da Amtega, como un fito máis dentro da aposta pola difusión e fomento do software libre en Galicia

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) presentará a nova Guía de boas prácticas para liberación de contidos e software o vindeiro 20 de setembro, nun acto público e aberto que terá lugar no GaiásTech (https://gaiastech.xunta.gal/gl/actividades/presentacion-da-guia-de-boas-practicas-para-liberacion-de-contidos-e-software).

Guía de boas prácticas para liberación de contidos e software

En 2014 a Xunta de Galicia presentou dúas guías de boas prácticas para a liberación de contidos e para a liberación de proxectos software como software libre. Esta iniciativa foi pioneira no seu momento, como aposta pola difusión e fomento do software libre por parte dunha administración pública.

Esta nova guía que se presenta, foi creada dende un principio pensando non tanto como guía de uso interno, senón para o público xeral. É por isto que se lle deu un estilo máis didáctico, tratando de achegar os contidos dun xeito e cunha linguaxe máis cotián. É por isto que tamén se xuntou nunha única publicación as dúas guías anteriores, para ter un único documento de referencia e porque ao final, os procesos de liberación de contidos e software, aínda que con particularidades propias, están baseados nos mesmos principios.

A creación deste tipo de guías atendía a unha necesidade detectada: a de poder contar con documentación en galego sobre os aspectos a ter en conta para publicar contidos baixo licenzas libres, e tamén sobre o proceso de publicar un proxecto software como software libre. Aspectos sobre os cales, non existían tampouco demasiadas publicacións deste tipo en calquera outro ámbito. Esas publicacións naceron tamén como unha necesidade interna, derivada do compromiso da Xunta de Galicia de publicar como software libre aqueles desenvolvementos internos que, pola súa natureza, puidesen ser candidatos a ser reutilizados.

A guía comeza cunha introdución á propiedade intelectual e normativas que a regulan, nunha linguaxe simple que poida ser entendida por todo o mundo. Explícase o concepto de licenza de uso, que tipos de licenzas hai no eido do software libre, que implicacións ten apostar por un tipo ou por outras ou as compatibilidades e incompatibilidades que hai entre elas. Segundo se vai adentrando máis nela, o lector ou lectora, atopará cales son os pasos a seguir e os aspectos que ter en conta para publicar contidos con licenzas libres e tamén como publicar un proxecto software baixo unha licenza destas características.

Plan Anual de Software Libre

Anualmente, o Plan de acción en materia de Software Libre define a senda das políticas e das actuacións a desenvolver para o incremento do uso do Software Libre en Galicia, nos ámbitos empresarial, da administración pública e da cidadanía, sempre dentro do marco da Estratexia Galicia Dixital 2030.

Dende que no ano 2010 a Xunta de Galicia puxera en marcha, por primeira vez en Galicia, un plan específico orientado ao fomento do Software libre, na Comunidade téñense conseguido grandes avances na súa adopción e uso nos diversos ámbitos da nosa sociedade.

Os eixos principais de actuación para o fomento de solucións tecnolóxicas baseadas en software libre teñen como obxectivos o fortalecemento do sector empresarial galego, o achegamento de software libre ao conxunto da sociedade e o fomento da reutilización do software na administración pública.

19/09/202208:17
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

A Xunta ten en marcha máis do 82% dos proxectos para a trasformación dixital financiados co mecanismo de recuperación e resiliencia

  • Dos 147,7 millóns de euros xestionados pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia están activados expedientes por un importe de case 122 millóns
  • Case o 73% do importe desas actuacións en marcha corresponden a proxectos que xa están licitados, en fase de execución ou executados, o que representa case 89 millóns de euros
  • Os fondos do MRR permiten a posta en marcha de 26 liñas de acción enmarcadas na Estratexia Galicia Dixital 2030
  • Entre as iniciativas en fase de execución destacan o proxecto do novo Centro de Procesamento de Datos da Xunta ou o que permitirá completar a dotación a todo o sistema educativo público non universitario de aulas dixitais actualizadas
  • Na fase de licitación atópanse actuacións como as que completarán a dixitalización da Xustiza en Galicia ou o proxecto para a construción do Centro de Excelencia en Ciberseguridade

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia activou xa expedientes por importe de 121,9 millóns de euros correspondentes a actuacións financiadas co Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR). En total, a Axencia xestiona 147,7 millóns procedentes do MRR, polo que na actualidade están xa en marcha os proxectos correspondentes ao 82,54% desa cantidade.

Case o 73 cento do importe desas actuacións en marcha corresponden a proxectos que están licitados, en fase de execución ou executados, o que representa case 89 millóns de euros. Esta cifra inclúe os acordos marco xa formalizados ou en tramitación. Ademais, outros 10 millóns corresponden a axudas ou subvencións.  Os case 23 millóns restantes corresponden a expedientes que están nas primeiras fases da tramitación.

A Xunta deseñou e lanzou 26 liñas de acción cos fondos MRR que permitirán avanzar na transformación tecnolóxica no marco da Estratexia Galicia Dixital 2030. Estas liñas de acción agrúpanse en 6 ámbitos: Administración dixital (48 M€), Educación dixital (54 M€), Mobilidade intelixente (6,2 M€), Dixitalización como apoio ao novo modelo de servizos sociais (11 M€) , Conectividade (19 M€) e Capacitación dixital (9,6 M€).

Administración e Xustiza dixital

Entre as actuacións sobre Administración dixital destaca o contrato para a redacción do proxecto e dirección da obra do novo Centro de Procesamento de Datos (PDR) Redundante da Xunta, que están en fase de execución. A obra completa implica un investimento de 16 millóns de euros e permitirá dotar de maior escalabilidade e estabilidade aos servizos prestados pola Administración pública electrónica.

Tamén no ámbito da Administración dixital está licitado e pendente de adxudicación o acordo marco para a posta en marcha da plataforma de automatización da Xunta de Galicia, por un importe de algo máis de 6 millóns de euros.

En fase de adxudicación está o contrato para a redacción do proxecto e execución do novo Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia, que implicará uns investimentos que suman uns 4,5 millóns de euros.

Os proxectos financiados cos MRR permitirán tamén completar o proceso de dixitalización da Xustiza, que en 2023 contará con todas as salas de vista dixitais. Neste sentido, no marco do MRR está en fase de presentación de ofertas a dotación de equipamento multimedia para 120 salas polivalentes e a dotación de equipamento de oficinas con servizo de atención á cidadanía, cunha dotación de algo máis de 1 millón de euros.

Educación dixital

Os fondos MRR permiten financiar dúas liñas de acción no ámbito da Educación: o Programa para a dixitalización do sistema educativo e a Dotación de dispositivos portátiles para reducir a fenda dixital do alumnado.

Está xa formalizado o acordo marco que permitirá a renovación e dotación das aulas dixitais no sistema de educación público de Galicia por un importe de 12,5 millóns de euros e está tramitación outro acordo marco para o mesmo fin por importe de 23,8 millóns de euros. Ambas actuacións permitirán que todas as aulas do sistema educativo público non universitario de Galicia sexan dixitais e conten con equipamentos renovados.

En fase de execución atópase o contrato de subministración de ordenadores ultraportátiles para alumnado no marco do proxecto Abalar-Edixgal, destinados a reducir a fenda dixital, por un importe de 9,55 millóns de euros.

Capacitación, conectividade, mobilidade e política social

En fase de presentación de ofertas atópase o servizo de apoio á formación e capacitación dixital á cidadanía por un importe de 8,72 millóns de euros, adaptado ao novo Marco Galego de Competencias Dixitais que entrou en vigor a principios deste ano.

Os fondos MRR permitirán tamén complementar as actuacións que leva a cabo o Estado para lograr os obxectivos de conectividade establecidos por Europa, como é o de dotar de internet de altas prestacións á toda a poboación e aos sectores produtivos. Neste sentido, están pendentes de adxudicación as subvencións para o reforzo da conectividade en polígonos industriais, por un importe de 4,3 millóns de euros.

Están xa publicadas as axudas mediante bonos dixitais para que os colectivos vulnerables teñan acceso a internet de calidade e pendente de publicación as axudas para a adecuación de infraestruturas de telecomunicación en edificios. Ambas suman 5,6 millóns de euros

Outras actuacións destacadas financiadas co MRR son a Plataforma Galega de Mobilidade, que supón 5,73 millóns de euros e que está en prazo de presentación de ofertas ou a adaptación do sistema de xestión integral de centros de Política Social ao novo modelo de coidados de longa duración (1,79 millóns de euros), que está en fase de execución.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS