
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Galicia pon en marcha o teléfono específico de atención administrativa xeral e preferente para as persoas maiores de 65 anos. Trátase dunha iniciativa pioneira orientada a proporcionar unha atención máis personalizada, ademais de apoiar a independencia dos maiores, cuxo contacto cos computadores está moi por baixo da media da poboación.
Mañá luns 3 de outubro empeza a funcionar a liña da Canle +65, que no número 900 333 666 evitará a escoita de mensaxes automatizadas e a marcación de opcións, facilitándolles ás persoas maiores o contacto cun operador humano.
A Canle+65
O teléfono é unha das ferramentas da Canle +65, que ten como obxectivo romper coa fenda dixital e facilitar o contacto directo coa Administración galega e que inclúe servizos como a cita en Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde, ou a atención nas Oficinas de Información e Rexistro da Xunta de Galicia, así como nas oficinas da Axencia Tributaria de Galicia.
Nos centros de atención primaria do Sergas a atención telefónica para maiores de 65 anos priorizarase mediante un sistema automatizado. Este sistema permite que quen chama, en caso de que non poida ser atendido no momento, teña a opción de deixar algúns datos persoais co fin de que o operador sanitario, no momento en que quede libre, devolva a chamada con carácter prioritario.
Por outra banda, as Oficinas de Información e Rexistro da Xunta de Galicia e as oficinas da Axencia Tributaria de Galicia contarán cunha atención telefónica reforzada, na que se priorizará a chamada, sempre que o usuario manifeste que é maior de 65, sen necesidade de escoitar mensaxes nin facer marcación. E, no caso de que unha persoa maior acuda sen cita, será atendida cunha cita ad hoc preferente con respecto aos restantes usuarios que, igualmente, acudan sen cita.
O nivel de competencias dixitais entre a cidadanía galega continúa a súa evolución positiva. En 2021 aumentou nun 18,2% a poboación galega que dispón de como mínimo habilidades dixitais básicas, acadando o 61,6%. Entre os internautas, Galicia ocupa o sexto lugar entre as Comunidades Autónomas en competencias dixitais básicas ou avanzadas.
Son parte dos resultados da análise de Competencias Dixitais elaborada polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, en base aos datos da Enquisa TIC nos fogares do ano 2021, realizada polo INE e que permite obter unha foto da situación actual das competencias dixitais en Galicia, un perfil sociodemográfico detallado aplicando metodoloxías propostas polo INE e EUROSTAT.
Os datos presentados analizan as competencias dixitais da poboación galega a partir da metodoloxía Digital Competence Framework deseñado pola Comisión Europea que se aplica para toda Europa e que establece cinco dimensións: Información e datos, Comunicación e colaboración, Creación de contido dixital, Solución dos problemas e contorna dixital e, como novidade, Seguridade e privacidade.
Análise das competencias dixitais por dimensións
A desagregación de habilidades dixitais por dimensións amósanos unha Galicia moi preto da media estatal, a pesares de presentar unha poboación máis avellentada, mentres conserva unha notable vantaxe sobre os promedios para Europa en todos os indicadores.
En 2021, o 84,7% dos galegos de 16 a 74 anos posúen competencias dixitais básicas ou avanzadas en materia de información, cunha vantaxe de 4,7 puntos porcentuais coa media europea (80%); e o 88,6% dos galegos de 16 a 74 anos teñen habilidades básicas ou avanzadas en materia de comunicación e colaboración, situándose 2,6 puntos por enriba da media europea (86%).
A creación de contidos dixitais é a área competencial menos estendida en Galicia e no conxunto do territorio estatal. Aínda así, a porcentaxe de galegos/as de 16 a 74 anos con habilidades básicas ou avanzadas en creación de contidos dixitais (69,7%), supera a media europea (66%) en 3,7 puntos porcentuais.
As habilidades dixitais en Seguridade da poboación galega son as que superan con maior diferenza a media europea. En 2021, o 76,2% dos galegos/as de 16 a 74 anos dispoñen de habilidades básicas ou avanzadas en materia de seguridade, moi preto da media estatal (77,1%) e 8 puntos por riba da media europea.
En 2021, o 81,7% dos galegos/as de 16 a 74 anos teñen habilidades básicas ou avanzadas en materia de resolución de problemas, que a sitúa a 3,2 puntos porcentuais da media estatal (84,9%) e mellora a europea (80%).
Perfil sociodemográfico
As competencias avanzadas están máis estendidas entre as persoas de 25 a 34 anos (58,7%) e tamén entre aqueles galegos que, actualmente, están a estudar (69%). Este tipo de habilidades na contorna dixital é máis frecuente entre as persoas as que teñen formación universitaria (60%) e contan con rendas superiores aos 3.000 euros ao mes (59,6%).
O nivel de competencias dixitais básicas ou avanzadas superan xa o 80% entre as persoas menores de 45 anos, estudantes e persoas ocupadas por conta allea, con formación en FP ou superior.
As competencias dixitais baixas destacan entre a poboación a partir dos 55 anos, os dedicados a labores do fogar ou pensionistas, quen conta cun nivel de estudios inferior á segunda etapa de secundaria, e entre aqueles que contan con renda inferior aos 900 euros.
Cabe salientar que nas dimensións de Comunicación e Colaboración e Seguridade as mulleres superan aos homes no nivel avanzado.
Marco Galego de Competencias Dixitais para “non deixar a ninguén atrás”
Para facilitar a capacitación dixital da cidadanía, Galicia ten en marcha o Marco Galego de Competencias Dixitais, en vigor dende o 1 de xaneiro de 2022, aliñado co marco europeo e enmarcado na Estratexia Galicia Dixital 2030.
No último trimestre deste ano prevese realizar a primeira convocatoria para certificar -no Marco Galego das Competencias Dixitais- ao persoal das primeiras entidades colaboradoras (Rede CeMIT e titores EGAP); e, no 1º trimestre do ano 2023, abriranse as primeiras convocatorias para o conxunto da cidadanía e dos empregados.
Poden consultar os resultados detallados na web www.osimga.gal.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia conmemora hoxe, 1 de outubro o Día Internacional das persoas maiores, reforzando o seu compromiso coa capacitación dixital deste colectivo. O departamento autonómico vén de asinar un novo convenio de colaboración coa Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (FEGAUS), que dará continuidade ao obxectivo de seguir impulsando a inclusión das persoas maiores no mundo dixital e a favorecer un envellecemento máis activo e saudable.
Este convenio enmárcase dentro das accións definidas na Estratexia Galicia Dixital 2030 e contribuirá a acadar que ata 2025 máis de 45.000 persoas adquiran competencias dixitais.
O novo acordo permitirá ás persoas maiores acceder a formación para un uso seguro da banca electrónica, a través de diferentes xornadas nas aulas CeMIT, nas que se afondará no uso de tarxetas prepago, caixeiros automáticos, banca online etc..
Afiánzase así unha longa colaboración co aliado dixital FEGAUS que colabora activamente coa Rede CeMIT, achegando esta oferta formativa á cidadanía, que contribuíu a que en cinco anos, entre 2015 e 2020 o uso de internet entre as persoas de 65 e 74 anos se incrementara un 152% na Comunidade.
O papel da Rede CeMiT é chave para facilitar a accesibilidade das persoas maiores á tecnoloxía, facendo foco especialmente naquelas que residen en zonas rurais. Actualmente o 28,81% de usuarios ten 55 ou máis anos. Ademais, presta especial atención ás persoas maiores con deterioro cognitivo, dependentes e en situación de especial vulnerabilidade.
Os cursos máis demandados
A través de seminarios, tanto presenciais como online, as aulas da Rede poñen a disposición da cidadanía o acceso á formación en diversos aspectos do uso da tecnoloxía para incrementar o seu uso e confianza no mundo dixital e mellorar a súa calidade de vida, aproveitando as vantaxes da tecnoloxía. Algúns dos seminarios e xornadas con máis demanda por parte das persoas maiores son:
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega, que conta coa colaboración de 91 concellos e está integrada por 97 centros en 52 comarcas. Ten entre os seus obxectivos o de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar a pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
Actualmente a Rede está inmersa nun Plan de Reforma e Ampliación para incrementar nun 30% o número de aulas ata 2025, modernizar os centros, renovar o equipamento tecnolóxico e poñer en marcha un aula móbil para incrementar a área de influencia da Rede. A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en: https://cemit.xunta.es/centros.
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia inauguran o vindeiro martes, 4 de outubro, unha formación sobre Blockchain cunha xornada titulada “Mobilizando o mundo con Blockchain”, que se celebrará de 10:30 a 13:30 horas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC (Avenida do Burgo das Nacións s/n. Santiago). A formación organízase en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Universidade de Vigo (UVigo), a Escola Superior de Enxeñaría Informática da UVigo e Alastria – asociación que fomenta a economía dixital a través do desenvolvemento de tecnoloxías de rexistro descentralizadas/Blockchain–.
Esta actividade formativa forma parte das iniciativas ao abeiro do convenio asinado entre o CPEIG e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. En modalidade mixta presencial e teleformación, abordaranse as tecnoloxías BlockChain con esta xornada inaugural e sesións de formación online que se celebrarán durante o mes de outubro para un máximo de 60 participantes.
Blockchain é unha tecnoloxía disruptiva que abre as portas a novos modelos de negocio, aporta confianza e automatiza procesos empresariais de todos os sectores, como acurtar os pagos internacionais de días a horas, dar trazabilidade ás cadeas de subministro, chegando mesmo en algúns procesos a aforrar ata o 90% de custes de xestión de transporte e loxística.
A tecnoloxía BlockChain (cadea de bloques) e resto das tecnoloxías DLTs son como un xigantesco libro de rexistros que recolle todos os datos dun intercambio con valor. Este gran libro está gardado de forma descentralizada nos nodos (ordenadores) da rede utilizada polo sistema, coa peculiaridade de que a información se replica por igual en todos os nodos.
A xornada será inaugurada ás 10:30 horas polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo. A continuación, celebrarase o relatorio “Necesidades de formación en tecnoloxía DLT” que impartirá o profesor titular da USC, Manuel Fernández Grela. Ás 11:15 horas será a quenda de Wladimiro Navarro Köhler, director de Blockchain en Addalia, que falará da “Aplicación de Blockchain ao mundo real”. Xa ás 12:15 horas terá lugar unha mesa redonda, titulada “España descentralizada: O Blockchain como oportunidade nun mundo en constante cambio”, na que intervirán o director do Máster en Riscos Financeiros do ICADE, Luis Garvía Vega; o presidente de Alastria e CEO de Add4u, Miguel Ángel Domínguez; e de novo Wladimiro Navarro.
O Centro de Resposta a Incidentes da Seguridade da Información de Galicia (CSIRT.gal), dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, entrou a formar parte da Rede Nacional de Centros de Operacións de Ciberseguridade (RNS) impulsada polo Centro Criptolóxico Nacional (CCN).
A rede nacional encárgase da colaboración e o intercambio de información entre todos os Centros de Operacións de Ciberseguridade (SOC) das distintas Administracións Públicas. O obxectivo é o de mellorar as capacidades nacionais de defensa, detección e resposta a posibles ciberincidentes. Tamén actuará como enlace cos diferentes SOC europeos.
Galicia é a sexta comunidade autónoma que se integra na rede, da que tamén forman parte organismos dependentes dos gobernos de Madrid, Comunidade Valenciana, Aragón, Rexión de Murcia e Canarias. Tamén forman parte desta iniciativa concellos como o da Coruña, deputacións provinciais, empresas e a Secretaría Xeral de Administración Dixital dependente da Vicepresidencia Primeira do Goberno.
A entrada do CSIRT.gal na rede nacional complementa as medidas que puxo en marcha a Xunta para facer fronte aos novos retos de ciberseguridade, con investimentos que se achegan aos 18 millóns de euros e que inclúen a creación do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia.
Ademais, en marzo de 2020, a Xunta puxo en marcha o Nodo de Ciberseguridade Ciber.gal, que converteu a Galicia na primeira Comunidade en dispoñer dunha estrutura de cooperación público-privada nesta materia.
Na súa constitución, ademais do Goberno autonómico, participaron o Instituto Nacional de Ciberseguridade e o Centro Criptolóxico Nacional, as catro Deputacións galegas e a Federación Galega de Municipios e Provincias. Desde entón, ademais, estanse a sumar ao nodo unhas 40 entidades privadas e as tres universidades galegas.
Entre as actividades promovidas polo Nodo Ciber.gal atópase a organización do II Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, que se celebrará os vindeiros 9 e 10 de novembro no Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Galicia. A esta cita poderán acudir, de xeito gratuíto, estudantes, pais, titores, avós, profesionais do tecido empresarial galego e tamén das Administracións Públicas.