
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e do director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán, participou hoxe na inauguración do encontro informático Xuventude Galicia Net (XGN) R Encounter, impulsado pola Xunta co apoio da empresa R como patrocinadora oficial. O evento, que chega xa á súa vixésimo segunda edición, reunirá ata o domingo case 800 participantes na Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda.
Haberá máis de 50 actividades, entre competicións, conferencias, talleres e zonas de xogos, entre as que o vicepresidente segundo sinalou como novidades un taller de hidroimpresión, outro de programación dun sensor para medir a calidade do aire, concursos virtuais de simulación de voo, novas experiencias de realidade virtual inmersivas ou unha conferencia centrada na creación dunha páxina web.
Ademais, Diego Calvo destacou a recuperación este ano do formato completo do event ao retomar a presencialidade da zona de acceso libre Extranet, que o pasado ano se levou a cabo en liña debido ás restricións da covid-19. Nesta área, tanto as persoas inscritas como o público xeral poderán asistir de balde a conferencias e mostras sobre temas de actualidade informática e obradoiros para achegarse á tecnoloxía. O horario de apertura é de 10,00 a 20,00 horas, hoxe e mañá sábado. A programación pode consultarse na web do encontro.
20.000 metros cadrados e 20 xigas de velocidade
XGN R Encounter é un dos 16 grandes eventos da programación deste ano da Feira Internacional de Galicia Abanca, cos que este espazo “ofrece un calendario diversificado e capaz de darlles resposta ás necesidades loxísticas de encontros multitudinarios”, segundo destacou Diego Calvo. Neste caso habilitáronse 20.000 metros cadrados en dous pavillóns para “garantir as mellores condicións de confort e seguridade”, ademais de “coas mellores prestacións tecnolóxicas ao contar con 20 xigas de velocidade, grazas a R”, engadiu.
O vicepresidente segundo enmarcou a iniciativa nas políticas da Xunta de apoio á xuventude, nas que se aposta por iniciativas como esta, que combina convivencia, intercambio de coñecementos e experiencias, lecer e formación. Para Diego Calvo, o obxectivo é “proporcionarlles ás novas xeracións ferramentas e recursos para o seu desenvolvemento persoal, social e laboral”.
O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño e o presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG), Julio Sánchez presentaron hoxe no GaiásTech a conferencia “Computación cuántica na industria”, impartida polo Director Xerente do Centro de Supercomputación de Galicia, Lois Orosa.
A charla, que forma parte do programa de transferencia de coñecemento sobre novas tendencias tecnolóxicas no que colaboran a Amtega e a AETG, súmase ás 120 actividades que leva realizadas o Centro GaiásTech desde a súa posta en marcha hai menos de ano e medio. Así o destacou durante a presentación o director da Axencia autonómica, que destacou que o centro está a cumprir co obxectivo de ser un lugar para a experimentación e demostración de tecnoloxías e un centro de asesoramento para favorecer a transformación dixital das empresas.
Desde xuño de 2021 máis de 4.000 persoas e arredor de 660 empresas participaron nas actividades do GaiásTech, impulsadas pola Axencia en colaboración con diferentes entidades, colexios profesionais e empresas. Julián Cerviño lembrou que o centro é un dos instrumentos fundamentais da Estratexia Galicia Dixital 2030 para impulsar a especialización tecnolóxica, promover o talento dixital, fortalecer o hipersector TIC, impulsar as novas tecnoloxías disruptivas como a intelixencia artificial, a ciberseguridade, a intelixencia do dato ou o 5G e favorecer a súa adopción polos distintos sectores produtivos.
Computación Cuántica
O director xerente do Centro de Supercomputación de Galicia que lidera o Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia, Lois Orosa Nogueira, centrou a súa intervención nos principios da computación e as comunicacións cuánticas, o estado da arte e as súas aplicacións principalmente na industria e noutros sectores como o sanitario, o financeiro ou das TIC.
A xornada estaba dirixida tanto ao sector TIC como ao resto de sectores e, por suposto, á cidadanía en xeral e ás administracións públicas.
A Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo colaboran no desenvolvemento da aplicación web CIMA, unha ferramenta gratuíta destinada a transformar información sobre eventos culturais para facela máis accesible a todos os colectivos creando folletos baseados en textos sinxelos e pictogramas.
Deste xeito, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidade, en colaboración co atlanTTic do grupo GTI da Universidade de Vigo, poñen a disposición dos programadores culturais unha nova ferramenta que permite xerar de modo rápido e en diversos idiomas folletos que poidan ser lidos por lectores de PDF para ser accesibles a persoas con problemas de visión.
Os profesionais do sector contarán así cun recurso doado e gratuíto para ofrecer información relevante e de maneira accesible sobre os seus eventos: localización, horarios, información sobre como chegar, guías, prezos especiais, dispoñibilidade de escaleiras mecánicas ou ascensores, espazos de descanso, carreiros accesibles para cadeiras de rodas, información sobre as pezas do museo, etc.
CIMA está dispoñible para uso libre e gratuíto por calquera persoa ou institucións a través da web do proxecto en castelán, galego, portugués, inglés, polaco, islandés e ucraíno, este último co obxectivo de facilitar o acceso da poboación desprazada polo conflito aos diferentes eventos e recursos culturais. Ademais, para a súa elaboración tívose en conta a tipografía e o tamaño de letra e o contraste de cores que facilitan a lectura.
Esta nova ferramenta foi presentada esta semana nunha xornada de traballo con profesionais do sector cultural por parte de Fátima García Doval, xefa do Servizo de Coordinación Estratéxica e Innovación da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, e Enrique Costa Montenegro, profesor da EE Telecomunicación da Universidade de Vigo e investigador de atlanTTic no grupo GTI.
Lei de Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia
O desenvolvemento desta aplicación enmárcase no compromiso da Administración autonómica por traballar por unha cultura sen barreiras e cada vez máis inclusiva e accesible a todos os colectivos, tal e como se propón na futura Lei de Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia, para a que xa está aberto o proceso de consulta pública.
Neste senso, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, reunirase esta tarde con representantes de distintas entidades e asociacións para abordar o deseño e estudar o borrador no que se está a traballar e recibir achegas.
No encontro, o responsable de Cultura da Xunta afondará na importancia de elaborar unha lei participativa que recolla o maior parte das achegas e sensibilidades de todos os colectivos e recollerá ideas para enriquecer a normativa que se atopa actualmente nas primeiras fases de tramitación.
Esta é a primeira ferramenta xurdida no marco do proxecto europea Erasmus+ ALLURE no que os países socios son Islandia (Centro Textil de Blönduósi), Portugal (Asociación Empresarial de Portugal), Polonia (Talleres culturais de Lublin) e España (Grupo de Tecnoloxías da Información da Universidade de Vigo e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade).
Todos eles son coordinados pola Xunta de Galicia como socio líder e co obxectivo de elaborar diferentes ferramentas que ofrezan unha experiencia inclusiva nos recursos e eventos culturais de maneira sinxela, rápida e personalizada para garantir unha cultura inclusiva e accesible desde a educación non formal.
O encontro XGN R Encounter ten xa practicamente definido o programa da súa 22ª edición, a cal terá lugar do 7 ao 9 de outubro na Feira Internacional de Galicia ABANCA. Serán máis de 50 actividades lúdicas e formativas relacionadas coa informática, as TIC e o lecer electrónico as que se desenvolvan nesta cita, que xa será no seu formato completo. Así, tras celebrase en liña en 2020 e volver facelo de forma presencial para inscritos en 2021, este ano recupera tamén a súa área de acceso libre no recinto, cuxas actividades se realizaron na pasada edición a través da Internet debido a que a pandemia aínda o esixía.
En canto ás propostas dirixidas exclusivamente aos inscritos, a Intranet da XGN R Encounter incluirá competicións de arte dixital, centradas en curtametraxe, gráficos 3D, ilustración e música dixital, concurso de dobraxes e fotografía, retoque fotográfico, fast compos e anime music video. Ademais, en hardware contará con diversas actividades, entre elas modificación e personalización de equipos, talleres de hidroimpresión (consiste na transferencia dun deseño impreso nunha lámina a calquera obxecto que entre nunha cubeta) ou experiencias de realidade virtual.
Así mesmo, os participantes poderán tomar parte, no apartado de software libre, no AI Contest, unha proba centrada en programar un robot para que compita con outros nun sinxelo xogo. Ademais, organízanse torneos de numerosos videoxogos, entre eles League of Legends, Valorant, Rocket League, FIFA 22, Mario Kart 8 ou StreetFighter V. E, como sempre, haberá tamén divertidos xogos como o Trivial de cinema e de xogos, a competición de avións de papel papers flight simulator ou o Game of encounter: A casa da org, un torneo con gran número de probas.
Extranet
A volta da Extranet á presencialidade permitirá retomar actividades de gran atractivo tanto para inscritos como para visitantes ocasionais ao recinto. Así, esta zona de acceso libre incluirá durante os dous primeiros días da LAN party interesantes conferencias con títulos como
Monta a túa web dende cero, Ivao, simulando o ceo ou Materiais baratos para iniciarse no cosplay (actividade consistente en usar disfraces e accesorios para representar un personaxe de videoxogo, cinema, manga ou cómic), e tamén obradoiros a través dos que se poderá programar un sensor para medir a calidade do aire, deseñar un reloxo con 60 LED que fan de segundeiro ou xogar ao fútbol cos Robots Dash. Así mesmo, Ivao (International Virtual Aviation Organisation) organizará eventos de simulación de voo e tamén concursos virtuais de tomas suaves e voo nivelado.
Todo isto dotará de gran atractivo a esta 22ª edición, a cal conta con R como colaboradora e patrocinadora oficial por sexto ano consecutivo e tamén co apoio da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia, impulsora da LAN party.
O conselleiro de Sanidade avanzou hoxe na súa comparecencia ante o pleno do Parlamento de Galicia varias medidas de impacto para simplificar os trámites entre a cidadanía e o persoal sanitario e alixeirar así a carga burocrática en atención primaria.
En primeiro lugar, García Comesaña avanzou a intención da Xunta de desenvolver a aplicación SergasMóbil para que xere alertas para o paciente no momento no que se aproxime a caducidade da súa receita e lle permita solicitar a través da propia aplicación, ou desde a oficina de farmacia, esa renovación.
Pola súa banda, o persoal médico e farmacéutico recibirá esa notificación de solicitude no seu sistema de historia clínica electrónica e, no caso de valorar que a renovación procede sen necesidade de revisión física, poderá autorizala de xeito telemático.
Este sistema permitirá aforrar desprazamentos, trámites e complicacións tanto á cidadanía como ao persoal sanitario sen descoidar en ningún momento o coidado da saúde da cidadanía.
En segundo termo, o conselleiro anunciou a constitución inmediata dun grupo de traballo para deseñar un sistema que automatice a xestión das baixas derivadas dunha atención hospitalaria, co obxectivo de evitar ao paciente e ao persoal de primaria innecesarias citas para tramitar unha baixa que vén xa indicada polo propio persoal hospitalario tras unha intervención ou unha atención urxente.
Durante a súa comparecencia, Comesaña enumerou o conxunto de avances e melloras postas en marcha pola Xunta de Galicia co obxectivo de acadar unha xestión máis eficiente nos servizos de atención primaria do Sergas. Lembrou que, a peche de setembro, a atención primaria galega leva atendidas máis de 22 millóns de consultas, das cales máis de 11 millóns e medio corresponden ao persoal de medicina de familia.
Nun contexto de falta de profesionais médicos a nivel nacional, e co ánimo de alixeirar a carga de traballo dos facultativos, lembrou a ampliación das prazas e das capacidades do persoal de enfermería e farmacia de atención primaria; co obxectivo de que podan asumir funcións ata agora reservadas só ao persoal médico.
No que se refire á potenciación das capacidades do persoal de enfermería, puxo en valor a instrución que permite agora a este persoal realizar o seguimento dos pacientes con tratamento anticoagulante oral e que supuxo que no que vai de ano foran asumidas pola enfermaría máis de 100.000 consultas por este motivo que antes se dirixían ao médico.
Para avanzar nesta liña, o conselleiro anunciou que, desde o presente mes de outubro e ata finalizar o ano, se aprobarán preto de 40 novos protocolos de enfermaría de práctica avanzada, para que os profesionais desta especialidade poidan resolver dun xeito autónomo consultas vencelladas con patoloxías que non requiran de presenza médica.
No caso do persoal farmacéutico, salientou a habilitación destes profesionais para renovar as receitas de pacientes crónicos. A este respecto, destacou que, entre os que traballan nos centros de saúde (cuxo número chega aos 100 tras a incorporación de 28 novos profesionais este ano) e os destinados á central de apoio que apoiou de xeito telefónico a aqueles centros de saúde máis tensionados, foron quen resolver máis de 109.000 consultas de renovación de receitas no que vai de ano.
Entre as melloras relacionadas coas novas tecnoloxías, o responsable da sanidade galega salientou as cifras do sistema CRM100 de atención ao usuario, que actualmente rexistra, organiza e devolve as chamadas de 162 centros de saúde galegos, resolvendo o 93% delas no mesmo día, e cun tempo medio de resposta próximo aos 40 minutos.
Pola súa banda, no caso do Sistema de Atención da Demanda en Equipo (XIDE), que permite derivar aos pacientes de xeito directo ao profesional sanitario máis axeitado, destacou que os resultados nos centros nos que está implantado posibilitan que ao persoal médico lle cheguen só o 52% das citas, repartindo o resto entre as demais categorías profesionais. XIDE está xa implantado en 125 centros de saúde, que atenden a máis do 40% da poboación galega.
O conselleiro de sanidade enmarcou esta reforma organizativa nunha liña de traballo iniciada coa aprobación de novas carteiras de servizos, e a elaboración de axendas de calidade para todas as categorías da atención primaria. Ademais, puxo en valor a posta en marcha dos Plans Locais de Saúde, que dotarán de maior autonomía aos centros de saúde e que arestora xa están en funcionamento en 14 centros e chegarán a outros 28 antes de rematar o vixente ano.
Maximización da actividade asistencial
Como resultado desta reorganización e dentro do programa de maximización asistencial anunciado a pasada semana polo presidente da Xunta, o goberno galego destinará unha partida nos orzamentos do ano 2023 para financiar un programa de actividade extraordinaria. A través del, o Servizo Galego de Saúde citará en 2023, de xeito proactivo, a todos aqueles pacientes crónicos e pluripatolóxicos que durante os últimos seis meses non acudiran a unha revisión médica.
O obxectivo é convocar a preto de 75.000 pacientes galegos que posúen este tipo de doenzas, co obxectivo de avaliar o seu estado de saúde e de realizar todas aquelas probas diagnósticas que sexan precisas.
Incumprimento de acordos por parte do Ministerio
O conselleiro de Sanidade lamentou, unha vez máis, a “inacción do Goberno de España”, maila ser coñecedor do problema de falta de médicos que é xeneralizado ao conxunto do Sistema Nacional de Saúde. Un problema, para o que soamente o Ministerio ostenta as competencias necesarias para arranxar a situación.
Así, criticou que o Goberno central manteña paralizados os acordos unánimes acadados, xa no ano 2018, para reformar o sistema de formación sanitaria e permitir formar a máis médicos de familia.
“O goberno está desoíndo un mandato do Congreso dos Deputados e, desde hai unhas semanas, tamén deste Parlamento” apostilou García Comesaña, ao tempo que reiterou a necesidade de flexibilizar os criterios establecidos para as unidades docentes, dado que, o actual sistema formativo, imposibilita que o 70% dos centros de saúde galegos poidan formar novos profesionais.
Malia todo, no eido das competencias autonómicas, a Xunta de Galicia segue a traballar na procura de conseguir un maior número de profesionais médicos para o Servizo Galego de Saúde e, tal e como lembrou o conselleiro, vén de incrementar en 65 as prazas formativas para medicina de familia en Galicia, o maior incremento de todas as comunidades autónomas neste ano.
Na mesma liña de mellorar a formación e estimular a vocación da especialidade de medicina familiar e comunitaria a Xunta, vén de impulsar, xunto coa Universidade de Santiago de Compostela, a creación de novas prazas de profesor asociado para a formación práctica dos alumnos de medicina e enfermaría en centros de saúde. Así, á praza de formación médica en centros de primaria que xa existía en Compostela, engadiranse outras tres. Nomeadamente, dous de Medicina para os centros de saúde de Vigo e A Coruña; e outra de Enfermería, no centro de saúde de Oroso.
Por último, avanzou a vindeira publicación no DOG, da convocatoria dunha nova praza de profesor contratado doutor para dar clase teórica de medicina de familia na Facultade de Santiago de Compostela. Mediante esta, a partir de 2023 por primeira vez os alumnos do Grao de Medicina recibirán clase dun profesor que será médico de familia e estará vinculado a un centro de saúde de atención primaria.