
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Xunta de Galicia, as tres universidades públicas galegas e a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal acordaron hoxe por unanimidade informar de que A Coruña é a opción galega con máis posibilidades para acoller a Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial.
A decisión sobre a localización da Axencia, incluída no procedemento de descentralización de organismos públicos, correspóndelle ao Goberno do Estado, que convocou un proceso de selección aberto y competitivo.
O nodo galicIA analizou esta mañá o informe que elaborou para valorar tres posibles localizacións para a presentación de candidaturas. A proposta de consenso, que analizou ao redor de 200 indicadores, será trasladada á Xunta de Galicia.
Segundo manifestou ao termino da reunión o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, o que se propón, de xeito unánime, é unha candidatura con “carácter de país” e avanzou que a localización da sede da Aesia en Galicia deberá favorecer ao conxunto da sociedade galega e propiciar investimentos en tecnoloxías relativas a intelixencia artificial en todo o sistema universitario.
Na reunión do nodo galicIA participaron o vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde; o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos; o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; representantes das consellerías de Sanidade e Educación, Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
O nodo realizou un traballo de busca de indicadores concretos e obxectivos para os criterios xenéricos establecidos polo Estado na Orde TER/948/2022, de 4 de outubro relativos aos elementos xerais, á adecuación ás necesidades da Axencia e ás características da localidade.
Criterios territoriais
A decisión do Goberno de España sobre a localización da Aesia ten unha marcada compoñente territorial, tendo en conta o papel sumamente beneficioso que esta Axencia desempeñará no espazo no que se sitúe. No caso de Galicia, o reto demográfico é un dos eixos prioritarios do Plan Estratéxico 2022-2030 -recentemente aprobado- no que se prevé crear as condicións para eliminar tecnicamente o paro na rexión.
Para a valoración dos criterios xerais tivéronse en conta indicadores de cohesión social e territorial, como a poboación total ou a renda bruta media; indicadores de paro como taxas de paro e actividade, respectivamente; e indicadores de despoboamento como a densidade de poboación ou o índice de envellecemento, entre outros.
Así mesmo, para a valoración da adecuación do edificio ás necesidades da Aesia, avaliáronse os requisitos de espazo físico e equipamento dos inmobles, atendendo ás principais funcións da Axencia anunciadas polo Goberno.
Comunicacións con Europa
Por outra banda, o carácter europeo da Axencia fai que se prevea que o coñecemento e o diálogo coas institucións comunitarias sexan frecuentes e intensos. Sen dúbida, a proximidade de Galicia con Portugal -formalizada historicamente a través da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal- é un dos elementos máis atractivos na liña da recentemente aprobada alianza ibérica para reforzar a cooperación en materia tecnolóxica. Ademais, en Galicia conviven tres linguas europeas: o castelán, o galego e, pola proximidade xeográfica, o portugués.
Para a avaliación dos criterios de conexións internacionais, analizáronse, por unha banda, indicadores de conexións con cidades europeas relevantes -especialmente con Bruxelas- e, por outra banda, indicadores de conexión dos ecosistemas europeos de investigación en materia de intelixencia artificial.
Ecosistema de IA
Por outra banda, Galicia conta cunha longa traxectoria na implantación e desenvolvemento de tecnoloxías dixitais, así como na formación e investigación en tecnoloxías intelixentes.
Para a avaliación das capacidades dos ecosistemas de formación e investigación en IA, tivéronse en conta indicadores de prazas ofertadas polas universidades públicas do SUG, profesores vinculados directamente á IA nas universidades públicas do SUG, grupos de investigación en temas relacionados, as teses lidas en cada unha das universidades, así como as capacidades da Rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (CIGUS).
Por último, Galicia é tamén a sede de grandes empresas multinacionais que son líderes mundiais nos seus sectores de actividade. Nos últimos dez anos produciuse un importante crecemento no sector tecnolóxico, que na nosa Comunidade conta con 2.961 empresas con 20.740 empregados e xera unha facturación de 2.908 millóns de euros.
Para avaliar as capacidades dos ecosistemas económicos e empresariais en IA, tivéronse en conta indicadores do número total de empresas, traballadores e volume de facturación.
O Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia, publicado polo Centro GaiásTech da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia superou en outubro as 300 entidades rexistradas no directorio. Suma así máis de 60 novas altas desde a súa publicación o pasado mes de xullo.
O Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia é un directorio de axentes tecnolóxicos de Galicia con experiencia, coñecemento e competencias dixitais, especialmente nas tecnoloxías disruptivas. O obxectivo desta iniciativa é o de potenciar o mercado TIC galego, potenciar ás empresas do ecosistema, favorecer as relacións no sector e constituír un escaparate cara ao exterior.
A aplicación permite localizar empresas cun completo buscador, no que se poden aplicar múltiples filtros, que devolve as entidades tanto en forma de lista coma xeorreferenciadas no mapa. Pódese acceder ao mapa desde calquera dispositivo, a través da web do GaiásTech.
Calquera empresa, centro tecnolóxico, universidade, colexio profesional ou asociación interesada pode darse de alta neste directorio, que ten o obxectivo de recoller toda a oferta tecnolóxica da comunidade. Actualmente conta con 312 entidades, 444 produtos, 884 servizos e 74 tecnoloxías.
O Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia é un dos servizos que o GaiásTech ten xa en marcha para as empresas e a cidadanía co obxectivo de fomentar a transformación dixital e amosar as tecnoloxías disruptivas.
Esta ferramenta comezou a súa andadura con 250 entidades do ecosistema TIC galego das que recolleu datos o Clúster TIC Galicia como froito dun convenio coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
GaiásTech
O GaiásTech é unha iniciativa da Xunta de Galicia para lograr a transformación dixital do tecido produtivo e xerar produtos, solucións e servizos cunha pegada tecnolóxica, que proporcionen maior valor, innovación e competitividade nun ámbito global. Así, a través de distintos servizos e actividades, o GaiásTech amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.
A Xunta aposta polo fomento da ciberseguridade nas institucións, as empresas e no conxunto da sociedade a través dun decálogo de medidas de colaboración entre administracións e cos sectores privados nas que investirá 18 millóns de euros. Un exemplo desta cooperación é o Nodo CIBER.gal, a primeira estrutura de colaboración público-privada na materia en España que une súas forzas e recursos para identificar, deseñar e executar accións para facerlle fronte ás ameazas cibernéticas.
Así o afirmaron o director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) Julián Cerviño, na apertura da XI Xornada de Informática Xudicial e Delitos Informáticos IuristicGal2022, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia co apoio do Goberno galego.
Na súa intervención, o director xeral de Xustiza destacou o labor desenvolvido pola Xunta “nunha transición dixital rápida e axeitada ás necesidades da cidadanía que permita mellorar as medidas preventivas e a capacidade de resposta ante ciberataques”. O obxectivo é ser, no horizonte de 2030, “referente internacional na materia tanto a nivel académico e investigador como empresarial e comercial”. Nesta liña referiuse á importancia do Centro de Excelencia de Ciberseguridade de Galicia que implicará un investimento para a súa posta en marcha duns 3,5 millóns de euros.
O director xeral incidiu na preocupación crecente tanto entre as autoridades xudiciais e policiais como entre a cidadanía pola ciberdelincuencia. Para Tronchoni, trátase de “novas formas de criminalidade difíciles de perseguir e que requiren dun esforzo constante para dotar as forzas e corpos de seguridade e á Administración de Xustiza dos recursos precisos e de profesionais cualificados”.
Dixitalización da xustiza
Pola súa banda, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia lembrou que “hai máis de dez anos puxemos en marcha unha ambiciosa iniciativa para a dixitalización da xustiza, que se materializou a través dos plans Senda 2014 e Senda 2020.” Unha década na que Galicia reforzou as infraestruturas tecnolóxicas no eido xudicial; implantou os sistemas de xestión procesual para xuíces, letrados, empregados públicos e fiscais así como a sinatura dixital en todos os órganos xudiciais; puxo en marcha todas as pezas do expediente xudicial electrónico; desenvolveu unha rede de videoconferencias que dá servizo a todos os órganos xudiciais e foi a primeira comunidade en poñer en marcha a sede electrónica xudicial.
O máximo responsable da Axencia autonómica destacou agora “queremos lograr a consolidación dixital da xustiza, para facela máis próxima á cidadanía con capacidade para ofrecer uns servizos máis personalizados e adaptados ás súas necesidades”. E con estes obxectivos está en marcha o III Plan Senda 2025 cun investimento de máis de 43 millóns de euros, un 68% máis que os plans anteriores que, entre outras medidas, permitirá completar a dixitalización do 100% de salas de vistas planta xudicial galega e potenciar os actos procesuais en remoto; evolucionar a Sede Xudicial Electrónica e incrementar o número de servizos dispoñibles ou impulsar a estratexia do dato e automatización para que a xestión da información facilite a mellora e a calidade do servizo.
O desenvolvemento do eixo transversal da Estratexia Galicia Dixital 2030, para avanzar na especialización dixital, permitirá á nosa comunidade afrontar o reto ante o que se atopan as rexións para reducir a dependencia tecnolóxica do exterior, segundo destacou hoxe o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño.
Cerviño participou está mañá na mesa redonda inaugural de Galicia TIC, o foro que organiza dende hai 20 anos a Asociación de Empresas Tecnolóxicas de Galicia (INEO). O debate, sobre “Crecemento, Dixitalización e Eficiencia” foi moderado polo presidente da INEO, Luis Álvarez Sestelo, e contou tamén coa participación do CEO de Imatia, Fernando Vázquez; e o director de Edisa, Carlos Suárez.
Na súa intervención, o director da Axencia describiu un escenario caracterizado pola escaseza de materias primas, a inflación e a aceleración no uso das tecnoloxías provocado pola pandemia da Covid-19. Como consecuencia desta situación, destacou a necesidade de que as rexións aumenten as súas capacidades e infraestruturas propias para limitar a dependencia do exterior. Tamén salientou a oportunidade que representa para o sector tecnolóxico a necesaria transformación dixital das empresas e a extensión das xestións telemáticas e o teletraballo.
Neste sentido, resaltou que Galicia avanza nese proceso de especialización como demostran os datos sobre a evolución do denominado hipersector TIC. Segundo o último informe elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), en 2020 había na nosa Comunidade un total de 2.961 empresas tecnolóxicas, o que representou un crecemento dun 2,2% con respecto ao ano anterior. Dende 2016, o número de empresas creceu un 15%.
Un dos sectores con maior potencial de crecemento
Julián Cerviño lembrou que o OSIMGA destaca que se trata dun dos sectores con maior potencial de crecemento nos vindeiros anos e que, ademais, xera cadeas de valor co resto de axentes, empresas tratoras e sectores económicos. O hipersector TIC representa xa o 3% do PIB de Galicia, cun crecemento sostido nos últimos anos superior ao PIB xeral. Esa evolución reflíctese no emprego, que crece a un ritmo do 4,5 anual.
O director da Axencia destacou finalmente a importancia do desenvolvemento das tecnoloxías disruptivas como a Intelixencia Artificial, o 5G, a Intelixencia do Dato ou a Ciberseguridade. Neste sentido, referiuse a actuacións da Xunta como o Plan de posto dixital avanzado para persoal de emprego público, o Plan de Administración e Goberno Dixital, a implantación da estratexia Cloud no sector público, a creación do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia, a Estratexia Galega de Intelixencia Artificial, os proxectos piloto de 5G e a creación dos nodos de colaboración 5G, GalicIA (de Intelixencia artificial), ou o CIBER.gal (de ciberseguridade).
As novas tecnoloxías disruptivas están cada vez máis presentes nas empresas galegas. O 10,9% das empresas galegas de 10 ou máis traballadores emprega algunha tecnoloxía de Intelixencia artificial, o que sitúa a Galicia no quinto posto do ranking por CC.AA, por diante de comunidades como Andalucía ou País Vasco. Isto supón un ascenso no posicionamento de Galicia no contexto estatal, avanzando do noveno posto do ano anterior ao quinto, tras experimentar un crecemento do 50% no último ano.
Entre as empresas galegas que empregan Intelixencia artificial, cabe salientar o seu uso para a xeración de linguaxe natural (3º posto no ranking estatal) ou tecnoloxías que permiten o movemento físico das máquinas a través de decisións autónomas baseadas na observación do entorno -robots autónomos, vehículos autónomos, drons autónomos- (4º posto no ranking por CC.AA.)
A incorporación dos especialistas TIC ás empresas galegas de 10 ou máis traballadores é outro dos indicadores que mostra o grao de dixitalización do tecido empresarial galego: o 14,1% conta con especialistas TIC e, neste tramo empresarial, é a cuarta Comunidade Autónoma con máis especialistas TIC en Intelixencia artificial.
O 11,4% das empresas galegas de 10 ou máis traballadores analizou big data, experimentando un crecemento do 21,8% no último ano. Ademais, o 7,72% emprega a robótica, en valor practicamente idéntico á media estatal.
Esta son algunhas das conclusións que se extraen da enquisa sobre “O uso das TIC e do Comercio electrónico nas empresas 2021/2022” publicada hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e que vén de analizar o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)
Dixitalización das empresas galegas de 10 e máis empregados
As empresas galegas de 10 e máis empregados son líderes no uso do Software libre co 86,7%, superando en 4,5 puntos a media estatal.
As empresas galegas tamén incorporan á súa xestión as vantaxes do teletraballo e o traballo remoto. O 48,7% das pemes e grandes empresas galegas leva a cabo reunións remotas, ocupando o sexto lugar no ranking estatal.
En Galicia, o 95,7% das empresas de 10 ou máis traballadores dispoñen de conexión a Internet fixa e o 88,7% ten contratada banda longa móbil. No último ano aumentou un 6% a porcentaxe de empresas de 10 ou máis empregados con conexión a internet de banda ancha de máis de 100 Mbps, acadando xa o 71%.
Dispoñibilidade de web e redes sociais
As empresas de menos de 10 empregados de Galicia seguen a superar a media estatal no uso de medios sociais, no que acadan a sexta posición a nivel estatal. O 30,7% destas empresas xa dispoñen de páxina web, ocupando así o cuarto lugar entre todas as Comunidades Autónomas.
A contratación de Internet entre as microempresas galegas sitúase no 80,3%. Entre as empresas con conexión a Internet, un 87% opta pola banda larga móbil, superando a media estatal en 4,22 puntos porcentuais e experimentando un crecemento do 10,3%.