
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
“A Intelixencia Artificial no día a día” é o título das xornadas formativas, impulsadas polo Nodo Galicia Intelixencia Artificial, para achegar as vantaxes da IA á cidadanía. Destinadas a persoas maiores de 55 anos estas sesións terán lugar de xeito presencial nas aulas CeMIT de Vigo e A Coruña os días 20 e 23 de setembro respectivamente, e o día 29 retransmitirase en streaming desde o Centro GaiásTech da Cidade da Cultura.
O obxectivo desta formación é analizar as nocións e características básicas da Intelixencia artificial, o seu impacto no día a día das persoas e visibilizar as súas vantaxes a través de casos de uso a un público que non ten coñecementos específicos na materia. As sesións estrutúranse en cinco bloques, un introdutorio para contextualizar a IA na evolución tecnolóxica dos últimos anos e como este cambio de paradigma afecta ao día a día das persoas. Ademais, abordarase un diálogo cos asistentes formulando preguntas sobre o emprego da IA na vida cotiá para rematar cunha explicación teórica sobre esta tecnoloxía.
No segundo bloque afondarase no día a día das tecnoloxías intelixentes, expoñendo a súa contribución á sociedade, casos prácticos de uso, identificación de barreiras e riscos e posible evolución desta tecnoloxía.
A parte máis práctica concéntrase no terceiro bloque no que os asistentes poderán adquirir as competencias necesarias para o uso de ferramentas que empregan IA como o móbil, os asistentes persoais, os tradutores instantáneos ou a xeración de imaxes a través de palabras.
O cuarto bloque está destinado á regulación da Intelixencia artificial que se centrará en porqué é necesaria a regulación e cal é o enfoque normativo e regulador da Unión Europea, o Goberno de España e a Comunidade Autónoma, que está a avanzar neste sentido. Finalmente, o peche da sesión servirá para resolver dúbidas e inquietudes dos asistentes a través dun formulario interactivo.
Inscricións
Os interesados en participar nestas actividades poden inscribirse a través das seguintes ligazóns:
Galicia rexión pioneira na discusión sobre un marco ético e normativo para a IA
O pasado mes de abril a Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, iniciaba cos grupos de investigación das tres universidades galegas a elaboración do “Estudo do marco ético-normativo e o potencial impacto do uso das tecnoloxías intelixentes”.
Esta iniciativa enmárcase no desenvolvemento da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial (EGIA), aprobada en xuño de 2021, que promove o despregamento en Galicia dunha IA de vangarda, ética e segura, que contribúa á soberanía dixital de Europa. Cómpre lembrar que esta Comunidade xunto con Valencia e Cataluña son as tres únicas comunidades do Estado que dispoñen dunha estratexia propia para a aplicación da Intelixencia Artificial.
Galicia é tamén a primeira Comunidade española en deseñar un sistema de indicadores propio para avaliar a evolución da implantación destas tecnoloxías nun marco estratéxico.
A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) únese á Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica (COCEMFE) na conmemoración da Semana Europea da Mobilidade para promover a recollida de incidencias de accesibilidade mediante o uso da aplicación móbil AccesibilidApp.
Durante a Semana Europea da Mobilidade, que se celebra do 16 ao 22 de setembro, a cidadanía poderá achegar e compartir incidencias a través desta ferramenta, coa finalidade de “que as nosas vilas e cidades sexan máis habitables, seguras e sustentables para a cidadanía”, sinalou COGAMI, engadindo que o obxectivo é “implicar a toda a sociedade”. A aplicación de participación cidadá, gratuíta e aberta, foi desenvolvida por COCEMFE e a Fundación Vodafone España, Nela pódense incluír imaxes da incidencia e a súa localización. COGAMI lembra que neste aplicativo, que se pode descargar e instalar en calquera dispositivo móbil (como xa fixeron as 2.717 persoas rexistradas), chegaron a recollerse un total de 750 incidencias dende a súa posta en marcha no ano 2019, das que 418 foron recollidas durante este ano. O abano de situacións e elementos dos que se pode informar na aplicación é moi variado: dende os vaos para cruzar a beirarrúa que moitas veces teñen chanzos que imposibilitan o paso a persoas usuarias de cadeiras de rodas até os problemas de pavimentos en mal estado, pasando por beirarrúas demasiado estreitas que impiden o acceso dunha persoa con mobilidade reducida ou deficiencias na sinalización táctil. Estes foron, de feito, os tipos de incidencias máis recorrentes dende a posta en marcha da app.
Todas estas incidencias recollidas a través do aplicativo, dende COGAMI son analizadas e trasladadas aos organismos competentes para poñelas no seu coñecemento, coa finalidade de solicitar a súa corrección na maior brevidade de tempo. Dende a confederación xa foron trasladadas, comunicadas e tratadas 481 destas incidencias a concellos como o de Lugo, Santiago, Cambados e Silleda.
O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG), grazas ao convenio de colaboración que mantén coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), desenvolverá unha nova edición do programa Scratch Day.
A VII edición desta iniciativa, enmarcada no Plan de Talento Dixital de Galicia —Plan DigiTalent—, está orientada a divulgar os valores da programación informática para espertar e fomentar as vocacións tecnolóxicas no ámbito da educación STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics; Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñeira e Matemáticas) desde idades temperás.
Esta nova xornada de aprendizaxe e diversión, que se celebrará o vindeiro 1 de outubro na Cidade da Cultura de Galicia (Edificio do Museo, Andar -1), está destinada a rapazada de entre 6 e 16 anos e os seus pais ou nais, así como o profesorado ou responsables dos centros interesados en introducir o Scratch na docencia.
Estes dous grandes grupos participarán, de forma simultánea, en programas deseñados especificamente para coñecer a linguaxe de programación Scratch —creada polo MIT para iniciarse dunha forma sinxela neste ámbito— dunha forma didáctica, práctica e interactiva.
Ademais de facerse unha introdución ao Scratch a través de diferentes accións levadas a cabo de forma práctica (movemento, lanzamento e interacción de obxectos) e co desenvolvemento dun videoxogo, nesta edición tamén se fará unha introdución ao Microbit —unha pequena tarxeta deseñada para aprender a programar de forma fácil e divertida— sendo a novidade desta VII edición do Scratch Day o uso das placas Microbit para música.
Para os alumnos, a xornada terminará cunha actividade práctica, en formato Scape Room, na que poderán poñer en práctica os coñecementos adquiridos sobre o Scratch, Microbit e o Cubo Merge, así como recoñecer o potencial destas ferramentas para interactuar e expresar ideas de forma colaborativa.
Pola súa banda o profesorado, ademais de coñecer os mesmos aspectos que os alumnos e alumnas, aprenderá a deseñar unidades didácticas para contido curricular e como traballar de forma transversal con Scratch. De igual forma, verán exemplos de proxectos desenvolvidos con Microbit como estacións meteorolóxicas e medidores de CO2; ideas que poderán aplicar nas aulas.
Grazas a este obradoiro, o profesorado poderá descubrir de primeira man as vantaxes e potencialidades que aporta traballar e ensinar a través deste tipo de tecnoloxía, ca que se incentivan a creatividade, o emprendemento e a capacidade de resolución de problemas, entre outros valores.
Rexistro
O período de inscrición para o VII Scratch Day xa está aberto —ata o 29 de setembro— a través da ligazón http://scratchday.cpetig.gal.
Nesa mesma ligazón poderase ampliar información sobre todos os detalles do curso.
A Xunta confirmou hoxe ante os integrantes do Nodo Galego de Intelixencia Artificial (galicIA) a candidatura para que a nosa comunidade acolla a sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA). Neste senso, o Executivo autonómico traballará para consensuar unha única candidatura que permita maximizar as posibilidades de contar con este organismo de nova creación.
Esta confirmación prodúcese tras a decisión do Consello de Ministros de onte martes de iniciar o procedemento para a designación da sede física da AESIA. Na reunión participaron o vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde; o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos; o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño; o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; e representantes das consellerías de Sanidade e de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade e da AECT Galicia Norte de Portugal.
Entre os requisitos xa coñecidos, está a existencia dun potente ecosistema dixital. Neste senso, Galicia xa destaca na xeración de coñecemento en torno á Intelixencia Artificial a través de centros singulares de investigación; ademais de estar desenvolvendo a súa propia Estratexia Galega de Intelixencia Artificial.
En concreto, Galicia é a primeira Comunidade española en afrontar o desafío de analizar o impacto ético da aplicación das tecnoloxías de IA no seu territorio e este traballo permitirá adaptar a lexislación galega a esta nova realidade. Así mesmo, Galicia conta con dous ‘hubs’ de innovación que suman as capacidades de máis de 4.200 empresas e entidades que empregan a 120.000 persoas. Ademais, o sector tecnolóxico suma 2.961 empresas con 20.740 empregados.
A aposta por Galicia como sede da AESIA conta xa co apoio de máis de 60 institucións e empresas, entre as que se atopan grandes tecnolóxicas como Amazon Web Services, Microsoft ou Google Cloud.
Tamén analizaron os prazos establecidos polo Consello de Ministros, que anunciou que a Comisión Consultiva para a determinación das sedes disporá dun mes para dar a coñecer os criterios que se terán en conta para seleccionar a sede da AESIA nun procedemento aberto e competitivo. A partir da publicación dos criterios no BOE, as Comunidades Autónomas e as entidades locais poderán presentar a súa candidatura. A elección deberá realizarse nun prazo máximo de seis meses.
A Xunta de Galicia está elaborando, xunto coas universidades e a Eurorrexión, un documento para a presentación da candidatura galega, que se completará cando se desvelen os criterios de selección por parte da Comisión consultiva.
O Executivo autonómico desenvolverá un traballo continuo de colaboración con todos os axentes implicados coa intención de sumar esforzos co obxectivo de que a candidatura elixida por Galicia sexa a mellor posible para que a comunidade poida ser designada como sede da AESIA.
Coñecidas as precandidaturas de A Coruña, Ourense e Santiago de Compostela, os membros do nodo galicIA comprometéronse a apoiar unha candidatura de unidade. A decisión final tomarase en base aos criterios establecidos polo goberno de España, valorándose especialmente o peso do ecosistema empresarial e investigador en materia tecnolóxica.
A consolidación dunha administración dixital máis eficaz e eficiente que permita resolver novos desafíos e ofrecer mellores servizos é o principal obxectivo do curso superior de administración electrónica que deu inicio esta mañá. Esta actividade, organizada en conxunto pola Escola Galega de Administración Pública e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, acadou unha demanda sete veces superior ao número de prazas ofertadas o cal pon de manifesto o interese da iniciativa por parte do persoal empregado público galego.
A actividade inaugurada hoxe vai dirixida a formar ao alumnado no emprego das ferramentas propias da administración electrónica, co obxectivo último de avanzar cara a unha Administración aberta, máis transparente e colaborativa que favoreza a participación da cidadanía e ofreza mellores servizos públicos.
Así o expresou a directora da Escola, Sonia Rodríguez-Campos, durante a inauguración da actividade, na que tamén incidiu na importancia da reciclaxe profesional e da adquisición de novas competencias por parte do persoal empregado público para adaptarse aos cambios tecnolóxicos e dos procesos de traballo.
Durante as sete semanas de docencia, este curso superior afondará en materias específicas como o réxime xurídico da administración dixital, o funcionamento da sede e o rexistro electrónicos, a seguridade da información, a cooperación interadministrativa, a automatización dos procesos ou a identidade dixital, entre outros. Todos estes contidos contribuirán a mellorar o servizo ofrecido polo persoal empregado público á cidadanía.
A formación en TIC, administración electrónica e protección de datos da Xunta
Ante a relevancia estratéxica desta materia, a EGAP, en colaboración coa Amtega, reforzou nos últimos anos a formación en tecnoloxías da información e da comunicación, administración electrónica e protección de datos. Grazas a esta medida, o persoal empregado público ten acceso a un completo programa neste eido, o cal en 2022 supuxo a convocatoria de máis de 3800 prazas distribuídas en 88 cursos.
Este programa anual, compleméntase coa iniciativa Universo EGAP Innova, a cal, a través dos e-martes ofrece xornadas de formación práctica presencial ao persoal empregado público da Administración autonómica galega e á cidadanía sobre as transformacións tecnolóxicas, organizativas e lexislativas derivadas da administración electrónica.