main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

07/11/201809:02
Cartel da iniciativa.
Madrid

Arrinca "Me @dministro 2.0", incluíndo como novidade a I Edición do "Concurso de videotutoriais de produtos de apoio tecnolóxicos de baixo custo"

  • Este proxecto ten como obxectivo a promoción da autonomía persoal e a diminución da fenda dixital a través do apoio e a formación en novas tecnoloxías
  • A principal novidade do proxecto será a realización do "I Concurso de videotutoriais de produtos de apoio tecnolóxicos de baixo custo"

 

Federación Nacional ASPAYM (Asociación de persoas con lesión medular e outras discapacidades físicas) e a Fundación Vodafone España implantarán o plan de formación denominado "Me @dministro 2.0: a e-Administración para a inserción laboral", tras os bos resultados obtidos co proxecto "Me @dminístro" desenvolvido nos anos 2016-2017.

Esta iniciativa consiste nun proxecto de capacitación e formación para dinamizar o uso dos servizos telemáticos ou electrónicos e as tecnoloxías de apoio nas persoas con discapacidade, persoas maiores, así como a outros grupos de interese que poidan beneficiarse destas accións formativas.

Igual que sucedeu en "Me @dministro", preténdese crear a través da colaboración cos distintos ASPAYM ou outras entidades interesadas, unha rede de formadores, chamados "Delegados Me @dministro 2.0", que expandan os coñecementos adquiridos aos "usuarios finais" mediante a realización de cursos presenciais.

Ademais, actualizaranse e traballaranse de forma práctica sobre as guías "Identidade dixital" e "Servizos electrónicos e tecnoloxía de apoio", e abordarase tamén a adaptación do posto de traballo. Nesta ocasión, incorporaranse os contidos tanto para a súa obtención, instalación, uso, renovación e revogación do certificado dixital de personalidade xurídica.

A novidade do proxecto será a implantación do "I Concurso de videotutoriais de produtos de apoio tecnolóxicos de baixo custo" que ten a finalidade de promover o coñecemento mutuo, impulsar o traballo en rede, e a creación de produtos de apoio de baixo custo e a súa libre distribución.

O concurso consiste na creación de videotutoriais accesibles con propostas de produtos de apoio tecnolóxico de baixo custo ou adaptación de videotutoriais accesibles de produtos de apoio tecnolóxicos de baixo custo xa realizados.

A participación poderá realizarse mediante dúas vías: unha convocatoria para persoas con discapacidade e familiares, e outra para persoas expertas en tecnoloxías de apoio (profesionais de ASPAYM e outros profesionais interesados de entidades colaboradoras). Os gañadores recibirán premios en metálico, segundo se estipula nas bases do concurso.

Este proxecto encádrase no convenio marco asinado entre a Plataforma Representativa Estatal de Discapacitados Físicos (PREDIF) e a Fundación Vodafone España, para a realización de actividades conxuntas en materia de accesibilidade e inserción socio-laboral, que teñan como obxectivo mellorar as condicións de vida das persoas con discapacidade física e orgánica.

07/11/201808:49
Logo 5G.
Santiago de Compostela

A Xunta pon en marcha o nodo 5G co compromiso de Orange, Telefónica e Vodafone de realizar en Galicia seis prototipos baseados nesta tecnoloxía

  • É a primeira Comunidade en conseguir un acordo cos tres principais operadores de telecomunicación no desenvolvemento do 5G
  • A sanidade, a loita contra incendios, a industria, o vehículo conectado, o turismo ou educación son algúns dos ámbitos nos que se analizarán probas de concepto das novas redes
  • A creación deste Nodo de Cooperación é unha das medidas do Plan 5G da Xunta para situar a Galicia como territorio preferente no desenvolvemento destas redes
  • A Unión Europea estableceu a realización de experiencias piloto e posibles aplicacións do 5G como paso previo a súa extensión

A Xunta pon en marcha o Nodo de Cooperación 5G para facilitar o desenvolvemento de solucións baseadas nesta tecnoloxía que dean resposta á necesidades concretas en ámbitos prioritarios para a Comunidade. A Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Orange, Telefónica, Vodafone e o operador público Retegal asinaron un convenio de colaboración que plasma o compromiso dos tres operadores de telecomunicación de desenvolver un mínimo de 6 probas de concepto con tecnoloxía 5G entre 2019 e 2020.

A posta en marcha do Nodo é a primeira das medidas do Plan Galicia 5G para posicionar á Comunidade como territorio preferente na pilotaxe de solucións innovadoras baseadas nesta tecnoloxía. O despregamento destas redes está vinculado a casos de uso e posibles aplicacións, segundo as directrices da Unión Europea.

 

Investimento e ámbitos de actuación

Cada un dos operadores realizará un mínimo de 2 prototipos, baseados en 5G, para abordar problemas actuais en ámbitos de interese para Galicia. O operador público Retegal será o coordinador na execución destes prototipos, poñendo a disposición dos operadores as súas infraestruturas.

Os tres operadores desenvolverán solucións en polo menos seis dos doce ámbitos identificados como prioritarios para Galicia no Plan 5G como a sanidade, a loita contra incendios, a industria, o vehículo conectado, o turismo ou a educación. O Nodo conta cun orzamento mínimo de 2 millóns de euros ata o 2020. Nos vindeiros meses concretaranse as primeiras propostas, que deberán ser validadas pola Comisión de Seguimento, polo que a previsión é que ao longo do vindeiro ano se vaian poñendo en marcha os primeiros prototipos

O Nodo de Cooperación 5G constitúese como punto de encontro entre desenvolvedores e demandantes de solucións desta tecnoloxía para actuar como concentrador dos retos derivados das demandas do mercado e as capacidades das empresas do ecosistema 5G de Galicia.

 

Plan 5G

A Xunta puxo en macha o pasado mes de xullo o Plan Galicia 5G, complementario ás medidas europeas e estatais, cun dobre obxectivo: por unha banda, que Galicia sexa das primeiras rexións europeas en dispoñer de servizos 5G e, por outra, que o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica en equipamento e software necesario para desenvolver posibles casos de uso desta tecnoloxía se localice na Comunidade.

Xunto coa creación do Nodo 5G o Plan prevé a elaboración dun modelo de ordenanza municipal tipo, promovido pola Xunta e a FEGAMP que facilite os despregamentos e a creación dun Plan de Formación Especializada 5G en colaboración coas Universidades e os axentes do ecosistema 5G.

 

Fortalezas do ecosistema 5G de Galicia

Galicia conta con diferentes capacidades para posicionarse no desenvolvemento de casos de uso que faciliten o despregamento destas redes nunha fase posterior. Unha destas fortalezas é o hipersector TIC galego, formado por preto de 3.400 empresas e máis de 21.000 profesionais cun valor engadido bruto duns 1.200 millóns de euros, un 2,1% do PIB galego.

Ademais, a Comunidade conta con universidades e centros tecnolóxicos galegos de primeira orde en ámbitos coma as telecomunicacións, supercomputación ou a automoción internacional.

Tamén existen proxectos innovadores directamente relacionados coas tecnoloxías 5G. É o caso do corredoiro entre Vigo e Oporto para realizar ensaios transfonterizos en torno ao vehículo conectado ou o existencia dun Consorcio Aeronáutico de Galicia e a Civil UAVs Initiative no polo das Rozas.

Ademais, Galicia é a terceira comunidade autónoma con máis cobertura de redes 4G, só por detrás de Madrid e o País Vasco, o que pode facilitar a penetración futura de servizos 5G. A existencia dun operador público neutro, Retegal, con capacidade para facilitar e racionalizar os despregamentos de rede, é outro dos factores a favor da Comunidade.

07/11/201808:40
Robots programables enriba dunha mesa.
O Porriño

Os obradoiros divertidos de R chegan este sábado ao Porriño

R prosegue este novembro con máis formación divertida (e enriquecedora) para nenas e nenos. Falamos dos obradoiros itinerantes de Crea R pola nosa xeografía, unha xira que hai pouco recalou na feira de emprendemento Pont Up Store de Pontevedra e máis en Baiona, para logo proseguir en Xuventude Galicia Net (en Silleda), Ribadeo, Tui e (a pasada finde) Caldas. Agora o percorrido (que o ano pasado chegou a unha vintena de localidades das nosas catro provincias) fai unha parada no Porriño, este 10 de novembro. As seguintes citas serán en Santa Comba e no marco da Mobile Week da Coruña. Novamente, o obxectivo é “dar azos á creatividade da rapazada e espertar o seu espírito emprendedor”. 

No Porriño a cita será na Escola Municipal de Música Centro Cívico de Louro (no 13 da rúa Domingo Bueno), onde se desenvolverán tres obradoiros de robótica para 60 rapazas e rapaces. 

Como de costume, desenvolverase unha primeira quenda para nenas e nenos de 7 e 8 anos, de 10:00 a 12:00 h. Deseguido, os cativos de 9 e 10 anos serán quen desfruten desta iniciativa, de 12:00 a 14:00 h. E xa pola tarde, de 16:30 a 18:30 h, rapaces de 11 a 13 anos rematarán a xornada, unha actividade que busca que a rapazada aprenda conceptos útiles de tecnoloxías mentres se divirte, creando enxeños e programas e non limitándose só a seren simples consumidores de contidos e hardware. 

Cada un dos talleres de robótica está limitado a 20 persoas e as familias que desexen inscribir os seus fillos nesta actividade, “completamente gratuíta,” só teñen que solicitar unha entrada na tenda R do Porriño (rúa Antonio Palacios, 46) onde se entregan, dende o pasado 30 de outubro e até este venres, 9 de novembro. Ademais, non se trata dun taller exclusivo para clientes de R; calquera veciño pode solicitar unha entrada para o obradoiro.

En termos máis concretos, no transcurso do obradoiro os cativos van ter oportunidade de dar forma a un prototipo tecnolóxico utilizando placas e materiais reciclados (cartón, plástico, plastilina, cordas...) para construír as estruturas. “Grazas a CreaR”, sinala a operadora, “achegaranse dun xeito natural a conceptos básicos de programación, mentres xogan co prototipo que eles mesmos artellan paso a paso. Construirán coches para que aceleren, robots para que camiñen ou mesmo marcadores para levar a conta dos puntos dun equipo nun partido”.

Tanto na cita do Porriño coma nas seguintes, a operadora contará coa colaboración da escola Líbolis Pequenos Emprendedores o eu método educativo.

Os obradoiros crea R enmárcanse no programa Digitalent 2020 da Xunta (a través da axencia AMTEGA) para estimular o talento precoz no ámbito das TIC e fomentar vocacións nas profesións científico-tecnolóxicas especialmente entre mozos e mozas dende idades temperás.

07/11/201808:35
Kits de robótica nun colexio de Vigo.
Santiago de Compostela

Xa son 159 os colexios públicos galegos que contan con kits de introdución á robótica

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar a resolución definitiva dos centros que se incorporan neste curso 2018/19 ao programa de innovación Introdución á robótica educativa en primaria, un total de 50, o que supón que en Galicia dispoñen xa destes kits de robótica subministrados pola Xunta un total de 159 colexios públicos. Deles, 77 renovan ou continúan o proxecto do curso anterior e 32 participarán cun ampliado do ano pasado (isto é, recibirán unha nova dotación de robots e complementos de construción), ao abeiro desta última resolución.

En concreto a dotación que recibirán os centros (tanto os de nova incorporación como os que amplían recursos) consiste en 6 robots Mbot (modelo básico) e kit de construción compatible de Lego, ademais dos manuais de uso e guía didáctica. Os destinatarios destes materiais son alumnos de 4º, 5º e 6 de Primaria.

Introdución á robótica educativa en primaria ten como obxectivo facilitar que o alumnado adquira, a maiores de coñecementos curriculares, competencias clave para o seu pleno desenvolvemento persoal e social, a través dunha metodoloxía activa que contribúe ademais a fortalecer o avance dos escolares nas áreas de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas (STEM). O programa enmárcase na Estratexia Galega de Educación Dixital, Edudixital 2020, impulsada pola Consellería, a través da cal se busca lograr que todo o alumnado de ensino obrigatorio teña formación en robótica e programación no curso 2020/21 co fin de que, ao finalizar os estudos, acade un nivel adecuado de competencia dixital e científico-tecnolóxica.

Cómpre lembrar neste sentido que, a maiores desta acción para os centros de primaria, a Consellería dotou a todos os centros que imparten ESO dun kit de robótica educativa (formada por 6 robots MBot modelo Ranger), un de microcontrol e programación (4 arduinos UNO con de sensores e actuadores e 2 Raspberry PI 3) e outro de impresión 3D (impresora Leon3D con set de consumibles). Ademais, para tirar un mellor aproveitamento destes recursos a Consellería de Educación oferta dúas materias de libre configuración autonómica que son específicas deste eido, Programación (en ESO) e Robótica (en Bacharelato).

07/11/201808:31
Cartel do evento.
Cee

Cee acolle unha nova actividade de Nativos R

Este venres 9 imos ter en Cee unha boa oportunidade de dixitalizarnos da man de R. Estamos a falar dunha nova actividade do programa Nativos R, dirixido a acurtar as distancias entre as persoas que naceron e medraron no ambiente dixital, enchoupándose nel, e quen non tivo ocasión de saber para que consisten as novas tecnoloxías. A idea é mobilizar os diferentes integrantes do núcleo familiar ou do tecido docente. 

En palabras de R, Nativos R diríxese á cidadanía que se ben non naceu na era dixital, convive con persoas (nenas, nenos, adolescentes, mocidade) que si que o fixeron, abrindo interesantes camiños de comunicación e interacción entre uns e outros.
As charlas, cen por cen de balde, visitarán deseguido O Carballiño, Verín, a Mobile Week Coruña, Sarria e A Guarda.

A cita de Cee celébrase en horario de 18:00 a 20:00 h, na Casa da Cultura da localidade coruñesa (rúa Alcalde Pepe Sánchez, 9).

Segundo explica a operadora galega, con Nativos R quérese desmitificar ideas asentadas “como que as novas xeracións son competentes no uso das novas tecnoloxías polo mero feito de ter nacido con elas ou que Internet, as redes sociais e os móbiles son prexudiciais en si mesmos”. Tamén se falará da nova terminoloxía neste eido (cyberbulling, sexting, grooming...), de como nos afecta a todas e todos o cambio dixital e dos principais riscos de Internet e de que maneira previlos, entre outros temas.

Para asistir á charla de nativos R en Cee cómpre contar con algún dos convites do operador galego, que se poden recoller dende o pasado 31 de outubro e até o mesmo 9 de novembro na tenda R da avenida Lina Rodríguez Madero, no número 9 da localidade. Tralo seu paso por Cee, as charlas nativos R visitarán O Carballiño, Verín, a Mobile Week Coruña, Sarria e A Guarda.

As charlas nativos R enmárcanse no programa Digitalent 2020 da Xunta (a través da axencia AMTEGA), cuxo obxectivo primeiro é estimular o talento precoz no ámbito das TIC e fomentar vocacións nas profesións científico- tecnolóxicas dende idades temperás, especialmente entre mozos e mozas, ademais de educar no uso das novas tecnoloxías a persoas de todas as idades.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS