
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, salientou hoxe en Pontedeume na inauguración do curso Aplicación das TIC á xestión dos aproveitamentos forestais e ás relacións coas administracións, que, a través da Lei de implantación empresarial a Xunta favoreceu a creación da xanela única e a eliminación, con carácter xeral, da autorización das cortas e a súa substitución por unha comunicación previa (declaración responsable) para reducir os prazos administrativos.
Esta medida veu acompañada da posta en marcha dunha plataforma de comunicacións e autorizacións de aproveitamentos forestais que facilita a tramitación, un aspecto clave segundo Lema, tendo en conta que a maior parte dos vendedores son propietarios individuais e persoas físicas. Así, no distrito forestal de Ferrol cortáronse o ano pasado 996.000 m3, dos cales o 97% eran de particulares.
Segundo os datos da Consellería do Medio Rural, en menos de catro meses, esta plataforma en liña recibiu 17.130 solicitudes, o que se traduce nuns 155 trámites diarios. Deles, a maioría son declaracións responsables, o trámite máis rápido xa que o solicitante non ten que esperar unha resposta da administración.
O curso que hoxe bota a andar está impulsada pola Federación Empresarial de Aserradores y Rematantes de Madera de Galicia (Fearmaga) co impulso da Xunta, no marco da Estratexia de formación da industria forestal de Galicia, elaborada coa participación das principais asociacións representativas deste ámbito, e que permitirá impulsar a especialización de máis de 5000 profesionais cunha oferta formativa á medida. búscase dar resposta ás necesidades das empresas e facilitar a adaptación dos traballadores á incorporación da última tecnoloxía.
Dentro desta Estratexia, hoxe publícanse no DOG as axudas para o desenvolvemento de 24 actividades formativas e 23 de divulgación, con axudas por máis de 180.000 euros e das que se benefician sete entidades, entre as que se atopa Fearmaga. Ademais, Xera incorporará dous simuladores portátiles de procesadora e autocargador forestal para a formación dos profesionais do sector forestal de Galicia.
O adestramento para mellorar a discriminación auditiva é unha parte moi importante para mellorar a calidade de vida de persoas cunha discapacidade auditiva, xa que lles axuda na súa comunicación.
Ese labor, que normalmente requiría de terapias con especialistas, agora pódese realizar dunha forma divertida, gratuíta e en calquera lugar grazas á aplicación Mínimo, desenvolvida por Fundación Vodafone España, Entha, a Fundación Dálles a Palabra e Aptent.
A app está deseñada tanto para nenos como para adultos e persoas maiores, de feito, está pensada para o seu uso como unha ferramenta para logopedas, audioprotesistas e outros profesionais da audición e a fala.
O funcionamento da aplicación é sinxelo. Ao usuario apareceranlle imaxes de palabras que son parellas mínimas, é dicir, que só difiren nun fonema, como 'folla' e 'hora', 'man' e 'mono', ou 'misa' e mesa'.
O usuario escoitará as dúas palabras e, a continuación, só una delas de forma aleatoria. Nese momento, deberá pulsar sobre a imaxe da palabra que escoitou.
Con este sinxelo exercicio, os usuarios, moitos deles nenos, lograrán mellorar a súa capacidade de discriminación auditiva, mellorando a súa habilidade comunicativa e supoñendo, ao fin e ao cabo, unha clara mellora na súa calidade de vida.
A aplicación Mínimo está dispoñible de forma gratuíta tanto en Google Play para dispositivos Android, como na App Store para terminais de Apple.
SmartPEME, o programa de capacitación tecnolóxica para PEME, profesionais e autónomos da Deputación de Pontevedra, regresa este mes de novembro con novas actividades dirixidas a facilitar a dixitalización e a competitividade. En total, estamos a falar de 38 accións formativas a desenvolver nas oficinas de SmartPEME en Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e Barro. As inscricións nos devanditos obradoiros pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es.
Todas estas citas teñen o nexo común de facilitar “a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade”.
As oficinas de Vigo, Ponteareas e Porriño acollerán en conxunto 21 cursos; a sede da Deputación en Pontevedra outras sete; o Centro ExpoSalnés de Cambados tamén sete; e o viveiro de empresas Lalín 2000 tres máis.
Vigo
As quendas para o mes de novembro na oficina de Vigo comezaron este martes con Mellora a túa presenza online promocionando o teu blog. A seguinte acción será Desenvolve a túa propia estratexia de email marketing, o xoves 8. O curso Mellora o impacto da túa web grazas a Google Analyticschegará a Vigo o martes 13 ás 18:00 horas. O xoves desa mesma semana, ás 19:00 horas, impartirase Como utilizar Instagram para promover a túa empresa. O 20 de novembro, ás 17 horas, será a quenda de Facebook para promocionar o teu negocio turístico. O 22, ás 19 horas, celebrarase a acción Crea as túas fotografías para a campaña de Nadal. E, para rematar, Vende os teus produtos en Facebook e Instagram celebrarase o 27 de novembro, tamén ás 19 horas. A oficina SmartPEME de Vigo, na sede da Deputación da cidade, atópase na Rúa Oporto, nº 3.
Pontevedra
As quendas son as seguintes: Facebook para promocionar o teu negocio turístico. O xoves, 8 de novembro ás 18 horas, será a quenda de Crea e explota un CRM para a túa empresa desde cero. O curso Consideracións á hora de crear o teu modelo de negocio impartirase o xoves 15. O martes 20, á mesma hora, terá lugar Vende os teus produtos en Facebook en Instagram. Esa mesma semana, o 22 tamén á mesma hora, vaise impartir o obradoiro Desenvolve a túa propia estratexia de email marketing. O curso Aprende a usar correctamente Facebook para empresas chega o 27 de novembro, tamén ás 19:00 horas. Por último, o xoves 29, impartirase Crea as túas fotografías para a campaña de Nadal, á mesma hora. A oficina SmartPEME de Pontevedra, no edificio administrativo da Deputación, atópase na Gran Vía de Montero Ríos.
Ponteareas
A oficina de Ponteareas acollerá os seguintes obradoiros: Aprende a usar correctamente Facebook para empresas, este martes ás 19:00 horas. O 8 de novembro, ás 19 horas, desenvolverase Vende os teus produtos en Facebook e Instagram. O martes da seguinte semana, ás 17 horas, esta vez na sede da Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS), impartirase Linkedin: a túa rede de networking. A seguinte será Mellora a túa páxina web e posicionaa en buscadores, o martes 20 ás 18 horas. A quenda de Plan de marketing en liña para empresas turísticas será o xoves 22 de novembro, ás 17 horas. Por outra banda, o martes 27 ás 19 horas, terá lugar o obradoiro Crea as túas fotografías para a campaña de Nadal. E, xa por último, o xoves 29 ás 19:00 horas, Consideracións á hora de crear o teu modelo de negocio será a acción que impartirá o persoal do programa. A oficina SmartPEME de Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local, atópase en Lomba do Cruceiro, nº 5.
O Porriño
A oficina do Porriño acollerá os seguintes obradoiros: Desenvolve a túa propia estratexia de email marketing. Plan de marketing en liña para empresas turísticas o xoves, 8 de novembro, ás 17 horas. O martes 13, ás 18 horas, impartirase Crea e explota un CRM para a túa empresa desde cero. A acción Crea as túas fotografías para a campaña de Nadal será o xoves desa mesma semana, ás 19:00 horas. O 20 de novembro, á mesma hora, será a quenda de Aprende a promocionar a túa empresa con Pinterest. O 27, tamén ás 19:00 horas, impartirase o curso Escolle o hosting máis adecuado para as túas necesidades. E, por último, o 29 de novembro á mesma hora terá lugar Aprende a usar correctamente Facebook para empresas. A oficina SmartPEME do Porriño, no Multicentro, atópase na rúa Ribeira, s/n.
Cambados
As quendas para o mes de novembro son as seguintes: Escolle o hosting máis adecuado para as túas necesidades. O día 8, ás 19 horas, Desenvolve a túa propia estratexia de email marketing. Por outra banda, Crea e explota un CRM para a túa empresa desde cero terá lugar o martes 13, ás 18 horas. O 20 de novembro, ás 19 horas, levarase a cabo Fotografía gastronómica: trucos para conseguir unhas fotografías deliciosas. Esa mesma semana, o día 22 á mesma hora, será a quenda de Xestión da túa empresa: Facturación e ferramentas integradas. A semana seguinte, o 27 ás 17 horas, chega Estratexias de marketing para a túa empresa turística. Por último, Aprende a usar correctamente Facebook para empresas chegará o día 29, ás 19:00 horas. A oficina SmartPEME de Cambados, no Centro ExpoSalnés, atópase no Paseo da Calzada, s/n.
Lalín
A primeira cita do mes na oficina SmatPEME de Lalín ten lugar o xoves, 8 de novembro, ás 19:00 horas co curso Fotografía gastronómica: trucos para conseguir unhas fotografías deliciosas. Tras este primeiro obradoiro, o 13 de novembro ás 17 horas, impartirase Estratexias de marketing para a túa empresa turística. E, por último, o mércores 28 de novembro ás 19 horas, esta vez no viveiro de empresas de A Estrada, celebrarase o curso Unifica a xestión das túas redes con Hootsuite. A oficina SmartPEME de Lalín, no Viveiro de Empresas situado no Polígono Lalín 2000, atópase na parcela E deste espazo.
Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e Barro, abrangue as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
Polygon.e Studios estrea hoxe na Nintendo eShop o primeiro xogo galego para a Nintendo Switch, CricktoGame, título que pode adquirirse a 4,99 euros, aínda que durante a xornada de hoxe mantén un desconto de lanzamento do 20%.
CricktoGame: Nintendo Switch Edition é un xogo de quebracabezas cada vez máis desafiantes, que consisten basicamente en emparellar cores nun taboleiro formado por camiños, casiñas e fichas de cores. Todas as casiñas, agás unha, teñen unha ficha enriba, e o xogo consiste en mover as fichas dunha en unha até conseguir que cada ficha dunha cor estea sobre unha casiña da súa mesma cor.
Para enfrontarse aos retos de CricktoGame podemos optar polo seu modo historia (no que iremos percorrendo lugares históricos resolvendo quebracabezas), polo seu modo arcade (no que podemos abordar unha ampla variedade de quebracabezas para desbloquear máis e poder xogar sen a presión do tempo), o modo batalla (no que nos enfrontaremos a outros xogadores) e incluso contaremos cunha selección de retos diarios, semanais e mensuais para gañar recompensas.
Pode xogarse na Nintendo Switch nos seus distintos modos (coa consola conectada ao televisor, en modo tableta ou en modo handheld).
O 82,6% dos fogares galegos teñen contratado Internet, cun incremento do 4,8% con respecto ao ano anterior, superior ao crecemento do conxunto do Estado (3,6%), sendo nos concellos de 10.000 a 20.000 habitantes onde se rexistra o crecemento máis significativo (10,3% de aumento no último ano). Este aumento na contratación de Internet nos fogares galegos permitiu ascender 4 postos na comparativa autonómica en tan só un ano.
Son parte dos datos publicados hoxe polo INE sobre o equipamento e uso das TIC nos fogares en 2018, que recolle tamén que o 95,3% dos nenos/as galegos de 10 a 15 anos empregan Internet, superando a media estatal (92,8%) e ocupando a cuarta posición no ranking por Comunidades Autónomas.
Segundo a análise realizada polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), as cifras confirman que os galegos/as de 16 a 34 anos superan a media estatal no uso habitual de Internet e as compras on line pero, ao mesmo tempo, tamén se están a producir incrementos significativos do uso das TIC entre os maiores galegos de 65 anos.
Uso das TIC
Outro dos indicadores que experimenta un dos incrementos máis relevantes son as compras a través da Rede. Un 40,4% da poboación galega adquiriu algún produto ou servizo a través de Internet nos últimos tres meses, experimentando un crecemento do 25,9% respecto ao ano anterior fronte ao crecemento do 8,8% que experimenta a media estatal, Cabe salientar que un 62,7% dos mozos galegos de 16 a 24 anos compran a través de Internet, superando en 8 puntos a media estatal (54,7%)
O 80,4% dos galegos e galegas de 16 a 74 anos utilizaron Internet nos tres últimos meses, cun incremento do 1,3%, con respecto ao ano anterior. Se ben, o uso de Internet é practicamente universal entre os menores de 34 anos, destaca o crecemento no tramo de idade dos 65 aos 74 anos, onde o uso da Rede sobe un 8,6% respecto ao ano anterior.
Unha das conclusións positivas desta última enquisa do INE é a posición destacada da administración electrónica na Comunidade galega. Un 68,2% dos internautas galegos comunicáronse coas Administracións a través de Internet, experimentando un crecemento do 16,6% no último ano e superando a media estatal en 2,8 puntos. Isto sitúa a Galicia na terceira posición no ranking por Comunidades Autónomas.
Tipo de conexión e hábitat
Segundo os datos que ofrece o INE, o 82,6% dos fogares galegos ten contratado Internet. Respecto ao tipo de conexión, cabe salientar que entre as vivendas que dispoñen de acceso a Internet en Galicia, un 84,8% emprega unha conexión móbil de banda larga a través dun dispositivo de man, superando a media estatal (83,6%).
Respecto aos datos relativos ao tamaño do hábitat, é salientable que nos concellos con poboación de entre 20.000 e 100.000 habitantes, a media galega iguala ou supera á estatal na contratación de Internet e de banda larga.
Por outra banda, nos concellos galegos de 10.000 a 20.000 habitantes, rexístrase un forte ritmo de crecemento dos indicadores relacionados coa contratación de Internet e de banda larga. Así, por exemplo, neste tipo de concellos a conexión de banda larga contratada en Galicia medrou un 10,3% e sitúase no 79,5%, acurtando a distancia coa media estatal en 4,6 puntos porcentuais.
Uso das TIC no traballo
Nesta edición, a enquisa do INE incorpora un módulo específico sobre o uso das TIC no traballo. Do total de internautas galegos que declararon traballar a semana pasada, o 65,6% utilizou ordenadores ou dispositivos móbiles, superando lixeiramente a media estatal (64,4%)
As actividades máis realizadas polo menos unha vez á semana foron o intercambio de correos electrónicos ou introdución de datos en bases de datos (o 80,1%), a creación ou edición de documentos electrónicos (o 62,1%).
Pola súa banda, o 15,8% dos traballadores utilizaron outros equipos ou maquinarias automatizados como os utilizados en liñas de produción, de montaxe, distribución ou outros servizos (incluídos os dispositivos portátiles para o control de stock).