main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

10/11/201813:10
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

Esta fin de semana a Ribeira Sacra será o escenario onde comeza DixitalON, programa formativo impulsado por Amtega para a transformación dixital de autónomos e micropemes

  • O Parador de Santo Estevo acolle, desde o venres 9 ata o domingo 11, a autónomos e micropemes de diversos sectores como o pequeno comercio, a construción, servizos sociais, alimentación e bebidas ou enxeñería.
  • As Fragas do Eume acollerá a segunda edición de DixitalON que terá lugar do 23 ao 25 de novembro para a que aínda quedan prazas dispoñibles.
  • DixitalON abandona o formato tradicional de formación para ir a novas dinámicas como o Visual Thinking ou a metodoloxía Lego Serious Play.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) arranca este fin de semana na Ribeira Sacra as edicións de DixitalON, programa formativo sobre transformación dixital para autónomos e micropemes.

A transformación dixital é unha carreira de fondo, onde os tempos e obstáculos non son os mesmos para un autónomo, unha micropeme ou unha peme. Consciente desta realidade, a Amtega lanzou este novo formato, especialmente deseñado para autónomos e micropemes, que consiste en actividades de formación durante estadías de fin de semana en contornas privilexiadas de Galicia, como a Ribeira Sacra ou as Fragas do Eume.

O Parador de Santo Estevo acolle ao primeiro grupo de pequenos empresarios de diversos sectores (pequeno comercio, construción, servizos sociais, alimentación e bebidas ou enxeñería) que durante dous días compartirán as súas inquedanzas sobre a dixitalización dos seus negocios e recibirán as nocións clave para asumila do xeito más efectivo e adaptado as súas necesidades particulares.

DixitalON abandona o formato tradicional de formación para ir a novas dinámicas como o Visual Thinking ou a metodoloxía Lego Serious Play para explorar como transformar dixitalmente un negocio baseándose nos procesos clave de cada empresa. Para completar esta experiencia, os asistentes degustarán produtos típicos da zona e realizarán visitas a empresas da zona que están acometendo procesos de dixitalización e comprobar in-situ os resultados.

 

Prazas dispoñibles para DixitalON Fragas do Eume

Aqueles autónomos e micropemes que non puideron sumarse a DixitalON Ribeira Sacra, teñen a oportunidade de facelo na segunda edición de DixitalON, do 23 ao 25 de novembro, nas Fragas do Eume, o parque natural de Galicia considerado un dos máis importantes bosques atlánticos de toda Europa.

Para participar en DixitalON cómpre preinscribirse a través da páxina web do Centro Demostrador (https://cdtic.xunta.gal/dixitalOn-FragasDoEume) ou no correo electrónico cdtic@xunta.gal.

09/11/201814:55
Cables RJ45 enchufados nun switch.
Santiago de Compostela

A Xunta abre unha nova convocatoria de axudas para dotar de banda larga ultrarrápida a empresas e autónomos de zonas illadas

  • Desde mañá e ata o 31 de xaneiro de 2019 poden realizar a súa solicitude empresas e autónomos que non dispoñan de acceso a internet de cando menos 30 Mbps
  • A Xunta destinará 600.000 euros a axudas para subvencionar ata o 100% dos custos das tarefas para a dotación de banda larga ultrarrápida, cun máximo de 20.000 euros por beneficiario
  • É a segunda convocatoria desta liña de axudas enmarcada no Plan de Banda Larga da Xunta, que complementa á actuación lanzada en 2016 para dotar de conexión a internet de ata 350Mbps a 81 polígonos industriais

Dende mañá e ata o 31 de xaneiro empresas e autónomos das zonas illadas do rural poderán solicitar axudas para o acceso a banda larga ultrarrápida.  Esta nova convocatoria, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, é unha das actuacións do Plan de Banda Larga 2020, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para a estender de redes de banda larga ultrarrápida na Comunidade.

Nesta nova convocatoria os interesados poderán presentar solicitude de forma individual ou en agrupación de empresas, co obxecto neste segundo caso de facilitar a dotación dos servizos ultrarrápidos ás empresas e autónomos situados en localizacións próximas.

Tras unha primeira liña de subvencións a empresas e autónomos con 500.000 euros en axudas en 2017, a Amtega destina a esta segunda convocatoria outros 600.000 euros máis. As axudas subvencionarán ata o 100% dos custos das tarefas necesarias para dotar de banda larga ultrarrápida á empresa, ata un máximo de 20.000€ por proxecto. Non obstante, os proxectos deberán ter un custo mínimo de 2.000€.

Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).
 

Prazos e características da convocatoria

Os interesados poderán presentar as súas solicitudes ata o 31 de xaneiro dende o día seguinte á publicación da convocatoria no DOG.

Os principais requisitos e obrigas que deberán cumprir os solicitantes serán non dispoñer actualmente da posibilidade de acceso a redes ultrarrápidas de cando menos 30 megas e manter a alta no servizo contratado inicialmente durante cando menos 1 ano.

Para cada solicitude valorarase a mellora que supón o servizo de banda larga ultrarrápida incluído na proposta, o esforzo inversor previsto e valoraranse tamén as solicitudes recibidas das pequenas empresas.

Outras actuacións para a extensión de redes ultrarrápidas

O Plan de Banda Larga de Galicia 2020, puxo en marcha  en xullo de 2016 unha primeira actuación para conectar en dous anos un total de 81 polígonos industriais das catro provincias galegas a redes de ata 350 Mbps, que non contan con cobertura de redes ultrarrápidas nin previsión de dispoñer deste servizo.

Deste xeito, tralo remate do mes de outubro de 2018 hai un total de 130 polígonos, nos que se concentra case o 93% da superficie empresarial ocupada, que dispoñen de acceso a redes de máis de 100 Mbps.

Ademais, o Plan da Xunta conta con outra actuación que comezou neste ano 2018 para despregar fibra óptica en núcleos de 181 concellos de toda Galicia. Cun investimento público, que subvenciona o 90% dos custos do despregamento, facilitarase o acceso a redes de máis de 100Mbps a 74.400 galegos de núcleos de menos de 300 habitantes. Esta actuación súmase ás que está a desenvolver o Estado na Comunidade, que beneficiarán a máis de 258.000 persoas que viven en núcleos de maior tamaño.
 

Plan de Banda Larga 2020

O Plan de Banda Larga de Galicia 2020 foi aprobado o 1 de outubro de 2015 no Consello da Xunta, e asume os obxectivos establecidos na Axenda Dixital para Europa de garantir unha cobertura de banda larga de cando menos 30Mbps para a totalidade da poboación e impulsar a contratación nos fogares de servizos de banda larga por riba dos 100Mbps.

09/11/201810:24
Cartel da iniciativa.
Madrid

A convocatoria "Lánzate" está aberta ás propostas tecnolóxicas de emprendedores ata o 30 de novembro

Xa está en marcha a segunda convocatoria do programa "Lánzate" que promove a Escola de Organización Industrial (EOI) e Orange polo que novos emprendedores que estean a desenvolver proxectos sobre Internet das Cousas, smart cities, big data e ciberseguridade, entre outras liñas estratéxicas fundamentais para a sociedade dixital, recibirán mentorización de figuras clave no ámbito das TIC.

A convocatoria estará aberta ata o próximo 30 de novembro. O 17 de decembro comunicaranse os 20 proxectos máis prometedores nos ámbitos de negocio nos que se enmarca esta iniciativa. Durante o mes de xaneiro de 2019, seleccionarase aos 6 finalistas cun comité evaluador formado por profesionais do sector TIC, así como responsables e directivos de EOI e Orange, que escoitarán o seu plan de negocio e exporán preguntas sobre o mesmo.

Finalmente, durante febreiro e marzo, desenvolverase o programa de apoio aos proxectos seleccionados, cuxos responsables poderán interactuar cara a cara cos mentores do programa, que os guiarán e asesorarán sobre as oportunidades de crecemento dos seus proxectos, potenciais clientes e alianzas, provedores, investidores, etc.

 

Mentorización especializada

Segundo as entidades responsables deste programa, o valor diferencial de "Lánzate" respecto doutras iniciativas de apoio ao emprendimiento é precisamente o capital relacional que se achegará aos participantes no programa.

Mediante o contacto directo entre emprendedores e asesores, os 6 finalistas do programa poderán optimizar o desenvolvemento dos seus proxectos grazas á experiencia de líderes empresariais como Silvio González, CEO de AtresMedia; Irene Cano, Country Manager Iberia de Facebook; María Valenzuela, Senior Vice President de Sony Pictures Television; José Antonio López, CEO de Ericsson; Rodrigo del Prado, Director Xeral de BQ; Pilar López, CEO de Microsoft Ibérica; Marta Martínez, Presidenta de IBM España; Helena Ferreiro, Presidenta de Hewlett Packard; Almudena Román, Directora Xeral de ING DIRECT; e Laurent Paillassot, CEO de Orange España.

As persoas emprendedoras interesadas en presentar a súa candidatura á convocatoria "Lánzate" pode facelo a través da web do programa.

09/11/201810:18
Premiados de RTVE Emprende.
Madrid

'Mouse4All', premio RTVE Emprende na categoría de Discapacidade

  • A sede de TVE de Torrespaña acolleu a cerimonia de entrega da cuarta edición dos Premios RTVE Emprende.
  • Por primeira vez, e co apoio da Fundación ONCE, incorporouse unha categoría de Discapacidade, cuxo galardón recaeu no proxecto 'Mouse4All'.

 

Estes premios recoñecen ás persoas e empresas que destacaron no seu ámbito profesional pola súa excelencia, achegando valores inherentes ao emprendedor como o traballo, a constancia, o esforzo, a dedicación, a visión de futuro ou o éxito.

As cinco categorías ás que optaron decenas de empresas coas súas aplicacións e produtos foron Latinoamérica, Internacionalización, Comunicación e Redes sociais, Empresa emerxente e Discapacidade.

Nesta última categoria o xurado elixiu á empresa Familiados como finalista. Familiados é unha plataforma de coidados profesionais, onde as familias con dependentes ao seu cargo poden atopar axuda para coidalos en menos dunha hora e desde o móbil.

O proxecto gañador foi 'Mouse4All', un produto de apoio que permite utilizar unha tableta ou teléfono Android sen tocar a pantalla, especialmente indicado para persoas con discapacidade física.

Teresa Rodríguez, directora de Programas Informativos non diarios de TVE entregou o premio a José Ángel Jímenez Vadillo, cofundador do proxecto.

Por outra banda, na categoría de Lationamerica os gañadores foron Helpers Montevideo, unha ONG sen fins de lucro que busca crear unha rede social de voluntarios capacitados para salvar vidas en caso de emerxencia.

María Escario, directora de Comunicación de RTVE entregou o premio a Keren Cohen Maman, directora de Relacións Institucionais de Helpers.

No apartado de Internacionalización, a idea gañadora foi 'MusicList', o maior agregador musical en español, que permite escoitar neste momento máis de 600.000 cancións de forma legal, gratuíta e sen interrupcións publicitarias.

Cristina Ónega, directora da canle 24 Horas entregou o premio a Jordi Pallarés, Fundador de 'MusicList'.

Pola súa banda, na categoría de Comunicación e redes sociais o gañador foi IPAK, unha empresa que se dedica ao desenvolvemento de apps coas ferramentas de desenvolvemento das plataformas máis importantes, iPhone e Android.

Lola Baños, directora de comunicación de Facebook, fixo entrega do premio a Alberto Manuel López Martínez, CEO de IPAK Software. Por último, Zeleros obtivo o galardón na categoría Empresa Emerxente, cun sistema de transporte hyperloop escalable que permite conectar cidades a 1.000 km/h con reducidos custos de infraestrutura e de forma sustentable.

O director de EFE Dixital, Andrés Dulando, foi o encargado de entregar o premio a Juan Vicén Balaguer, cofundador e director de Comunicación de Zeleros.

09/11/201810:14
App NeuroNation.
Santiago de Compostela

Doro enumera as cinco app imprescindibles para os senior

  • Desde a compañía ofrecen unha listaxe daquelas aplicacións que as persoas maiores deberían instalar nos seus smartphone

 

O universo dixital brindounos nos últimos anos inmensas posibilidades: o acceso á información a tempo real, a comunicación instantánea por voz e mesmo por vídeo, a xeolocalización, a posibilidade de realizar compras e pagos desde casa, etcétera. Todo, ou case todo, pódese realizar cun simple clic desde un computador ou un teléfono intelixente.  

 

Maiores e mozos forman parte desta revolución tecnolóxica que cada vez fai o día a día máis sinxelo, aforrando tempo e enerxía e achegando seguridade. Saber usar un smartphone abre ao usuario un amplísimo abanico de posibilidades, pero ás veces non calla nas persoas maiores por algo tan básico como a falta de adaptación dos dispositivos á idade e ás características dos usuarios. 

 

Os teléfonos intelixentes son para todos, e máis agora que o mercado de aplicacións ofrece múltiples ferramentas con diversas estéticas e funcionalidades. Con todo, todas ofrecen ao usuario un contido útil que, no caso dos senior, pode favorecer en gran medida a autonomía, a socialización e a actividade mental e física. Doro, empresa de telefonía senior, recomenda estas cinco app para usuarios maiores:

 

  1. VolumeUp é unha aplicación que potencia o son das notificacións do teléfono, aumenta o volume do altofalante ou dos auriculares durante as chamadas e funciona como un amplificador para escoitar música ou películas. Está pensado para aquelas persoas con dificultades auditivas, aínda que debe medirse o seu emprego porque un volume excesivamente alto pode danar o oído. 
  2. Neuro Nation: Pon en forma o teu cerebro! Esta aplicación ofrece actividades de estimulación mental co fin de mellorar a velocidade de procesamiento cerebral, a memoria e as funcións executivas. Ademais, o usuario pode crear un plan de adestramento personalizado para realizar a diario.
  3. My therapy: "Os medicamentos non axudan se non os toma" e ten razón. Con esta aplicación pode programar recordatorios que lle avisen de cando debe tomar unha medicación e ofrece, ademais, unha visualización doutros parámetros, como a presión arterial para ver o estado xeral de saúde do usuario.
  4. Recordatorio de aniversarios: Esta aplicación para teléfonos permite gardar as datas de aniversarios e aniversarios de amigos e familiares. Por que tirar sempre de memoria? Con esta app nunca se esquecerá unha data importante. É compatible con todos os dispositivos e permite importar contactos da axenda para poder felicitalos no seu día cun sinxelo clic.
  5. Podómetro: A actividade física é esencial para manter un estilo de vida saudable, sobre todo nas persoas maiores. Esa aplicación conta os pasos dados durante o día e os quilómetros percorridos polo usuario. É unha forma sinxela e entretida de incorporar ao día a día hábitos saudables e exercicio físico.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS