
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O Chanfaina Lab, un proxecto audiovisual impulsado desde a aula CeMIT de San Sadurniño, aspira ao premio do público de Culturgal, a feira das industrias culturais, «o principal escaparate da creación do noso país desde hai dez anos», como apuntan desde o Concello.
O Chafaina Lab é un dos candidatos, xunto á Casa de Rosalía e a Rede Cultural da Deputación da Coruña. O prazo de votación está aberto, a través da plataforma Easypromos, ata o día 23, ás 23.59 horas. Na páxina de Culturgal destacan a implicación de creadores e veciños nun festival «ao que non se vai ver películas, senón facelas».
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de publicar a listaxe definitiva das 401 persoas matriculadas para a realización das probas de avaliación para a obtención da certificación galega en competencias dixitais en ofimática (CODIX). Esta convocatoria, publicada no Diario Oficial de Galicia do pasado 13 de marzo, está orientada a aquelas persoas que xa posúen os coñecementos necesarios das aplicacións informáticas que compoñen o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» baixo o paquete de LibreOffice
As persoas admitidas poden consultar na web do CeMIT (http://cemit.xunta.gal) a súa data de exame asignada, centro e hora, así como as instrucións para a realización das probas. que se celebrarán o mércores, xoves e venres desta semana -días 14, 15 e 16 de novembro- nas aulas CeMIT dos seguintes 41 concellos: Abegondo, Ames, O Barco, Barreiros, Betanzos, Boiro, Brión, A Cañiza, Carballedo, Celanova, Cerceda, A Coruña, Cuntis, A Estrada, Fisterra, Guitiriz, Lalín, Leiro, Lugo, Marín, Moaña, Narón, Oroso, Ortigueira, Ourense, Padrón, Pontedeume, Pontevedra, O Porriño, Ribadeo, Sada, Santa Comba, Santiago de Compostela, Sarria, Tomiño, Valga, O Vicedo, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Vimianzo e Xunqueira de Ambía.
Perfil das persoas a examinar
En canto ao perfil das persoas convocadas, a media de idade é de 38 anos; a maioría son mulleres, (298 mulleres e 103 homes); o 55% ten estudos superiores e un 32% Bacharelato ou FP-II; e o 93% dispón de ordenador e acceso a internet no seu fogar. Do total das persoas matriculadas, un 27% son demandantes de emprego.
Avaliación
Para obter o CODIX é preciso superar un exame de 50 preguntas tipo test referidas aos contidos do Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:
Os materiais formativos que compoñen estes cursos foron elaborados seguindo as boas prácticas e poden ser seguidos libremente na súa modalidade de autoformación e abertos todo o ano dentro da plataforma de teleformación da rede CeMIT http://cemit.xunta.es/ema, na que se poden atopar tanto os contidos específicos dos diversos módulos que compeñen o CODIX como diversos casos prácticos e test de exemplo
Máis de 1.500 prazas convocadas neste ano 2018
Esta convocatoria forma parte do Plan de Formación da rede CeMIT para este ano 2018, que sumou un total de 1.531 prazas convocadas, e que terá a súa continuación no vindeiro ano con novas convocatorias de dous cursos de teleformación titorizada con exame final e dúas convocatorias de probas presenciais na modalidade autoformativa.
Dende a habilitación da rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos do CODIX en maio de 2014, foron máis de 6.800 as prazas convocadas nas súas diferentes modalidades (1.930 en cursos de teleformación titorizada e 4.923 en probas presenciais de acceso libre) e máis de 2.800 as persoas que obtiveron a certificación emitida por parte da Amtega despois de superar as probas presenciais realizadas nas aulas da rede CeMIT.
A estes datos hai que engadir as mais de 300 actividades e cursos en ofimática en software libre que veñen realizando as diferentes aulas de forma presencial durante o último ano como preparación orientada á presentación para estas probas libres, así como os 2.500 accesos aos contidos específicos do CODIX aloxados na plataforma de teleformación a través de internet (http://cemit.xunta.es/ema) e abertos para ser consultados en calquera momento.
O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e a Asociación Galega de Sistemas Intelixentes Non Tripulados (AGASINT) veñen de asinar un convenio de colaboración para impulsar a industria galega en materia de drons e outros aparellos aéreos smart. En termos máis concretos, o acordo estipula que o ITG preste asesoramento en Investigación e Desenvolvemento á dita asociación e aos seus integrantes. Na formalización da alianza participaron o director xeral do ITG, Carlos Calvo, o presidente de AGASINT, Luis Aceituno.
Máis polo miúdo, o instituto axudará á asociación en aspectos relacionados co regulamento ligado aos UAV, impulsará proxectos colaborativos de I+D entre membros da asociación e prestará apoio para a intervención de AGASINT en foros e redes de cooperación de transferencia tecnolóxica e apoio á innovación.
En palabras de Carlos Calvo, “esta alianza xorde grazas ao compromiso do Instituto Tecnolóxico de Galicia de impulsar a I+D en Galicia a todos os niveis, e, en particular, no que ten que ver co desenvolvemento da investigación no eido dos sistemas ou vehículos intelixentes non tripulados”. Segundo explicou, deste compromiso tamén abrollaron iniciativas de colaboración tan salientables como a Unidade Mixta de Investigación FASTFly (Full Autonomous Systems for UAS) que, impulsada pola Xunta de Galicia, desenvolve o ITG co seu socio SDLE e que “permitirá”, en palabras de Carlos Calvo, “desenvolver tecnoloxía de drons cunha meirande autonomía e con capacidade para operar en escenarios civís complexos”. Trátase, explicou, da única unidade mixta galega especializada neste tipo de vehículos intelixentes e ten a súa sede central na Coruña, nas propias oficinas de ITG.
Aceituno, pola súa banda, sinalou que “co apoio dunha institución como ITG, comprometida co desenvolvemento tecnolóxico de novos sistemas intelixentes non tripulados, e contando coas potencialidades das empresas asociadas a AGASINT, daremos un impulso exponencial nos avances funcionais dos produtos finais conseguindo despregar novos servizos e un aumento na seguridade e fiabilidade”.
O vindeiro 17 de novembro, sábado, vaise celebra en Compostela o GDG DevFest Galicia, en palabras dos organizadores “un dos maiores eventos tecnolóxicos da nosa terra”. A cita será na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC, onde teñen o seu centro operacións boa parte dos impulsores do evento (tamén estudantes da dita escola). Segundo nos contan, o GDG DevFest son eventos a grande escala dirixidos por e para a comunidade de usuarios e desenvolvedores de novas tecnoloxías. Celébranse cada ano en todo o mundo, polo que “non hai dous DevFest iguais”, aclaran. Porén, si que teñen en común o seguinte: “Están alimentados pola crenza de que cando os profesionais TIC se xuntan, cousas incribles poden ter lugar”.
Volvendo ao evento compostelán, está organizado polas diferentes comunidades GDG existentes na nosa xeografía, amais de contar co patrocinio de importantes empresas tecnolóxicas. Segundo nos contan, será “unha intensa xornada de actividades”, cunha duración total aproximada de oito horas e cun programa máis que completo de charlas e obradoiros. Haberá, tamén, xantar para os asistentes.
Igualmente, haberá sorteo dalgúns produtos tecnolóxicos, ao remate da xornada.
“As charlas serán de alto nivel, impartidas por destacados profesionais do sector”, comentan os impulsores da cita, engadindo que esta contará coa presenza dun desenvolvedor experto de Google en materia de tecnoloxías na nube.
Toda a información sobre o evento pode ser consultada na páxina web do mesmo, onde son explicados outros moitos datos de interese: https://devfest.gdggalicia.com/.
Facelo en solitario é difícil e caro; colectivamente sae moito máis rendible. Isto é o que fai Feedcoo, poñer a disposición dos pequenos produtores rurais servizos loxísticos, de compras, asesoramento legal e tamén visibilidade, conectándoos co consumidor final.
O primeiro que queren deixar claro é que non son meros intermediarios, que son máis que unha plataforma online na que produtores artesáns póñense en contacto con consumidores esixentes, encaprichados co natural, e viceversa. Feedcoo é unha canle que potencia o rural, que permite ao elaborador impulsar o seu produto, a súa propia marca, e que si, que funciona como escaparate e como mostrador -no portal pódense comprar directamente desde cestas de verduras da horta, mel de pequenos apicultores, sidra e zumes naturais ata vellas anadas de ribeiros ecolóxicos, leite e queixos de vacas que pastan libres, requeixos con personalidade, marmeladas, cervexas ou licores caseiros-, pero tamén e especialmente como nexo de unión, como ferramenta para o sector da alimentación artesanal.
O que en concreto ten de especial esta plataforma é que axuda ao produtor para producir máis e mellor, que a través dela pode acceder a servizos de mellor calidade e a mellor prezo que se os buscase e os contratáse pola súa conta: «Ademais de apoialos coas súas vendas, tamén actuamos sobre os custos que a día de hoxe son ineludibles para un negocio no campo», explica Daniel Sánchez, director executivo.
Feedcoo acaba de vir ao mundo e xa foi fichada por un dos observadores máis potentes do panorama galego: o programa Vodafone Connecting for Good Galicia, que apoia aqueles proxectos nos que intúe potencial suficiente para contribuír á innovación social na comunidade, avanza pola súa terceira edición cos da Ribeira Sacra ben amarrados. O seu emprego da tecnoloxía é a clave. «Os hábitos de consumo cambiaron -reflexiona Sánchez-. Xa non buscamos o máis barato ou o máis caro, buscamos o mellor, e hoxe en día hai moita información, o reto é poder xestionala de forma correcta para levala á persoa que máis a valora». É aquí onde as máquinas, a informática e as matemáticas entran en xogo. E eles saben como utilizalas. «Cando empezamos co tema, a moitos lles facía graza porque dicían que a xente do rural non ía estar preparada para a tecnoloxía -lembra-. Pero nós o que vemos é xustamente o contrario».
O portal tivo un longo período de xestación: Cristina e Daniel, ambos de 37 anos, coñecéronse compartindo momentos ao redor de copas de viño. Vinculados desde críos a este mundo de terra e de viñedos, foron espabilados para darse conta pronto de como comezaba a medrar o interese polos produtos ecolóxicos, polos procesos particulares, de como se incrementaba o valor do artesán. Levan anos proxectando esta canle, recurso para o rural 4.0, dándolle voltas e voltas ao modelo de negocio, contactando con provedores, ideando maneiras de sacarlle partido aquí aos seus coñecementos de big data, á intelixencia artificial, á súa experiencia no mundo do I+D tecnolóxico. Feedcoo é un recentemente nado, pero non está verde: máis de 60 produtores xa forman parte do «movemento».
«A tecnoloxía permite facer realidade cousas que antes non eran posibles cos recursos que xa existen -sinala Sánchez-. Sempre tratamos de ser creativos con todas as nosas solucións, desde crowdfundings para axudar nos investimentos dos produtores con proxectos de alimentación ata a distribución intelixente ou a asociación comercial para venda conxunta entre varios elaboradores». Exemplos máis concretos? «Queremos lanzar unha campaña de financiamento colectivo para subvencionar a reconstrución de obradoiros destruídos polo lume nas Neves a través da venda de produtos da zona e agora mesmo temos en marcha unha iniciativa para a redución de gasto enerxético nos diversos centros de transformación dos produtores -avanza-. Tamén estamos a analizar as necesidades de mobilidade do colectivo, a xestión que se fai dos vehículos de empresa é moi mellorable».
Así, o equipo de Feedcoo, que pretende consolidarse no 2019 cunha decena de colaboradores, ofrece servizos de agregación e xestiónaos para conseguir mellor calidade a un prezo axustado, servizos que van desde asistencia en compras, produción, visibilidade, promoción de marca individual, venda e loxística ata asesoramento legal ou fiscal. «O sector empeza a ser atractivo para moitos mozos que xa decidiron emprender no rural e Feedcoo é o apoio que necesitan para que poidan facer o seu negocio viable no lugar que desexan vivir».
Se, de paso, facilitan aos consumidores o acceso a unha selección de «produtos fantásticos», a un prezo «razoable», para «converter a comida en pracer sabendo o que come», mellor que mellor.