main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

14/11/201816:19
Logo Proxecto Abalar.
Madrid

Galicia expón no salón SIMO a súa iniciativa para consolidar unha educación integramente dixital, da que xa se benefician 18.000 alumnos

  • A Xunta puxo en marcha en 2010 o Proxecto Abalar, que dixitalizou todas as aulas de centros públicos de 5º e 6º de primaria e todos os cursos de educación secundaria obrigatoria
  • Nos últimos dous anos Abalar avanzou un paso máis coa posta en marcha da iniciativa E-Dixgal, na que están integrados este curso 267 centros que empregan o libro dixital
  • Este curso os alumnos que estudan nun contexto integramente dixital dispoñen de novos provedores de contidos, dun Servizo de Soporte Premium presencial e remoto e os seus docentes contarán cun centro de creación de contidos educativos dixitais
  • Ademais, todos os centros educativos públicos de primaria e secundaria dispoñen de acceso a Internet de 100 Mbps
  • Estase a licitar un acordo marco que permitirá adquirir un máximo de 30.000 portátiles nos vindeiros 2 anos para alumnos e profesores dos centros Abalar que empregan o libro dixital

 

A Xunta de Galicia iniciou en 2010 unha aposta pola dixitalización da educación coa posta en marcha do Proxecto Abalar, una iniciativa que implicaba a toda a comunidade educativa: pais, nais, titores legais, docentes, e alumnado. Oito anos despois, 6.000 aulas de 5º e 6º de educación primaria, Educación Secundaria e Bacharelato son dixitais e 18.000 alumnos desenvolven a súa actividade educativa a través dunha plataforma de contidos.

Así o expuxo hoxe o director de Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Amtega, Carlos Vázquez, durante a súa participación no Salón de Tecnoloxía para o Ensino, SIMO. Este encontro anual reúne desde onte e ata mañá a 225 empresas de 22 países, líderes en tecnoloxía e contidos dixitais para o ensino así como a experiencia de profesionais do ensino nun amplo programa de actividades mesas de debate, conferencias, talleres e presentacións de experiencias de vangarda que se están a desenvolver en distintos centros educativos.

Vazquez explicou que Abalar iniciou a súa andaina en 2010 cun enfoque integral, proporcionando aos centros educativos: o equipamento e a conectividade; contidos dixitais; accións de formación e difusión para docentes e familias; canles de participación a través de espazos web e aplicacións para docentes e familias.

No curso 2015-16 Abalar avanzou na súa evolución coa implantación nos primeiros centros da iniciativa de E-Dixgal para estender o libro dixital no ámbito educativo galego e avanzar na consolidación dunha educación integramente dixital.

 

Máis contidos, servizo premium e redes ultrarrápidas

Neste curso 2018-19, un total de 267 centros, un 73% máis que o curso pasado, e preto de 18.000 alumnos empregan o libro dixital e se benefician do paquete de melloras que se comezou a implantar de xeito progresivo o pasado curso: a incorporación dun terceiro provedor de contidos e dun novo provedor da materia de Inglés; a posta en marcha do servizo de creación de contidos educativos dixitais, a entrada en funcionamento do Servizo de Atención, Soporte e Acompañamento Premium para familias, alumnado e profesorado, así como da mellora da conectividade en todos os centros públicos de primaria e secundaria.

Ademais, a Administración autonómica está a licitar un acordo marco que permitirá a adquisición de ata 30.000 equipos portátiles durante os vindeiros 2 anos. Esta fórmula garante a dispoñibilidade de equipos en función das necesidades e a evolución da iniciativa nos centros, e a homoxeneidade do equipamento co que se dotará aos novos centros que se incorporen ao uso do libro dixital no marco do Proxecto Abalar.

A mellora das infraestruturas de telecomunicación é un aspecto clave no estratexia de innovación educativa. O 100% dos centros educativos públicos de primaria e secundaria conta neste novo curso con acceso a internet cun mínimo de 100 Mpbs, grazas a iniciativa “Escolas Conectadas”, desenvolta en colaboración co Estado cun investimento de máis de 17 millóns de euros.

14/11/201815:45
Mobile Week Coruña.
Santiago de Compostela

A Amtega inaugura a súa participación na Mobile Week Coruña cun encontro sobre ciberseguridade para cidadáns e empresas

  • Terá lugar o día 21 de novembro na Cidade da Cultura como unha das preto de 20 iniciativas coas que a Xunta amplía a área de influencia da MWC
  • As empresas están convocadas á sesión da mañá, na que se abordarán os retos e as oportunidades aos que se enfrontan as empresas no eido da ciberseguridade
  • A sesión da tarde está dirixida á cidadanía e nela exporanse os riscos dunha sociedade hiperconectada, especialmente para colectivos tan sensibles como os nenos e as nenas

 

A Mobile Week Coruña (MWC), que se desenvolverá entre os días 21 e 28 de novembro, converte a Galicia na Comunidade elixida pola Mobile World Capital Barcelona para acoller o primeiro evento que celebra fóra de Cataluña.

A Xunta de Galicia, a través da Amtega, colabora coa MWC con 17 actividades para estender súa influencia á área metropolitana da Coruña e a Santiago de Compostela. A programación está dispoñible na web da MWC (https://www.mobileweekcoruna.com/es/eventos/).

 

Ciberseguridade para empresas

A Amtega inaugura a súa participación na Mobile Week Coruña o 21 de novembro cun evento de referencia en materia de ciberseguridade para empresas e cidadáns na Cidade da Cultura.

A sesión da mañá, “#PemeSegura.gal: Xornada de ciberseguridade” (https://cdtic.xunta.gal/pemesegura-ciberseguridade), está dirixida a empresas. No mundo actual, todas están expostas a sufrir un ciberataque e, malia que a seguridade total non existe, nesta sesión preténdese dar unhas pautas sobre as medidas que se poden adoptar para facer fronte a este problema.

A xornada contará con dous relatorios a cargo de dous expertos na materia, Luis Hidalgo, de INCIBE (https://www.incibe.es/), e Enrique Serrano (https://www.enriqueite.com/), cofundador de Mundo Hacker. A xornada matutina rematará cunha mesa temática na que especialistas galegos tratarán temas como o novo regulamento de protección de datos, os novos servizos de seguridade, a seguridade en contornos industriais ou os incidentes de seguridade.

Esta actividade está destinada principalmente a xerentes e responsables de empresa e de seguridade e, en xeral, profesionais con interese en abordar o impacto da ciberseguridade na competitividade das organizacións. Para participar nela cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/) ou a través da súa aplicación dispoñible para plataformas Android e iOS. A inscrición é de balde e aínda é posible facela, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.

 

A ciberseguridade na túa casa

Nun mundo hiperconectado cómpre actuar con garantías ante as ameazas en Internet, como o sexting, a ciberviolencia de xénero, o ciberbullying ou a fraude dixital. Por este motivo, a sesión da tarde, “Ciberserguridade na túa casa: ciberseguridade para tod@s” (https://www.mobileweekcoruna.com/es/evento/697/conferencias-y-debates-ciberseguridad-en-tu-casa-ciberseguridad-para-tods/), abordará estes riscos da man de recoñecidos especialistas en cada unha das materias.

Así, a asociación Pantallas Amigas (https://www.pantallasamigas.net/); Fernando Villar, formador da Garda Civil; ou Carlos Pérez, CISO de Abanca, compartirán con todas as persoas asistentes as medidas de protección máis apropiadas para salvagardar os nosos pequenos e pequenas e a nosa identidade dixital, ou para facer un uso responsable de internet así como evitar fraudes dixitais, como o hackeo das tarxetas de crédito ou o roubo de información sensible.

A sesión da tarde está dirixida a pais e nais, nenos e nenas, profesionais da educación e cidadanía en xeral. A asistencia é de balde e cómpre inscribirse na web da MWC (https://www.mobileweekcoruna.com/es/evento/697/conferencias-y-debates-ciberseguridad-en-tu-casa-ciberseguridad-para-tods/).

 

17 actividades da Coruña ao Gaiás

A xornada de ciberseguridade é unha das 17 actividades coas que a Axencia pública autonómica contribúe coa vocación da Mobile Week de irradiar a toda Galicia a necesidade de reflexionar sobre o impacto da evolución tecnolóxica na sociedade. Entre o 21 e o 28 de novembro as aulas CeMIT de Abegondo, Betanzos, Sada e A Coruña acollerán cursos e obradoiros de alfabetización dixital, formación específica sobre o uso dos servizos dixitais, programación Scratch, busca de traballo en internet e charlas divulgativas sobre os novos perfís dixitais.

As actividades complétase con visitas ao Centro de Proceso de Datos Integral da Xunta, o Corazón Dixital de Galicia para o que os interesados se poden inscribir a través do mail cemit@xunta.gal.

14/11/201815:14
Presentación da programación da Mobile Week Coruña no Concello da Coruña.
A Coruña

A programación da Mobile Week Coruña presentouse no Concello da Coruña

O edil de Culturas, Deporte e Coñecemento do Concello da Coruña, José Manuel Sande, presentou esta mañá a programación municipal dentro da súa colaboración coa primeira edición da Mobile Week Coruña, «un evento de transcendencia e relevancia de cidade» que se celebra na Coruña e a súa área metropolitana entre o 21 e o 28 de novembro.

«Somos a primeira cidade fóra de Barcelona que é escollida como sede da Mobile Week, unha oportunidade histórica que non vén da nada. Ten que ver co posicionamento da cidade en termos de innovación e de tecnoloxía, con proxectos e contribucións como Coruña Dixital, o proxecto Red.es, a plataforma de participación A Porta Aberta, a propia actividade dos museo científicos sobre divulgación e innovación, cuestións como a aposta pola migración ao software libre ou incluso algúns proxectos de cidade como a EidusCoruña, na que se plantexa esa perspectiva dunha cidade que avance a través de pautas de innovación», manifestou o edil, quen cualificou a programación como un «maremagnum brillante que servirá de espazo de reflexión e de divulgación co obxectivo principal de achegarse a cidadanía e ter un efecto divulgativo e democratizador da innovación tecnolóxica».

O concelleiro de Culturas estivo acompañado na rolda de prensa polo responsable municipal de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, quen agradeceu «á organización e ás persoas que pularon porque a nosa cidade fose elixida sede deste evento», o director executivo da Mobile Week Coruña e membro da directiva do Club Financiero Atlántico, Guillermo Taboada, e a coordinadora de contidos e actividades do evento, María José Malmierca.

A colaboración do Concello coa Mobile Week, ademais dun convenio que concreta a achega económica e a cesión de espazos, concrétase na organización de dous obradoiros) un sobre e-textiles e outro dirixido a público xuvenil denominado cacharreo tecnolóxico) a cargo dos Museos Científicos da cidade e de Bricolabs (realiza actividades vinculadas á zona maker da Domus), e unha mesa redonda arredor dos proxectos TIC que se están a impulsar dende unha perspectiva local e dende as administracións municipais, que organiza a Concellería de Participación e Innovación Democrática.

Esta charla, que terá lugar o día 22 no Ágora ás 16:00 horas, aborda programas municipais relacionados coa innovación tecnolóxica e no ámbito do social. A edil responsable de Participación, Claudia Delso, afondará no proxecto Cidade Aberta: Plataforma de Goberno Aberto, Colaborativo e interoperable, no que están implicados os concellos da Coruña, Santiago, Zaragoza e Madrid e que foi seleccionado dentro da convocatoria de cidades intelixentes de Red.es. A concelleira achegará tamén a experiencia do Co-Lab e a Forxa do Co-Lab, o laboratorio cidadán da Coruña, un espazo aberto para a posta en común de distintas capacidades, visións e coñecementos co obxectivo de deseñar e desenvolver accións para a mellora da contorna. No seu desenvolvemento, contouse tamén cun proxecto de código aberto, transparente e documentado, a forxa, un repositorio transmedia aberto e de libre uso que incorpora toda a documentación producida durante o proceso de construción colectiva do laboratorio. Pola súa banda, o concelleiro de Culturas presentará Coruña Dixital, unha iniciativa municipal para expandir na cidade novas prácticas culturas e creativas xurdidas dende as redes dixitais. Estarán tamén Alberto García por parte de Cartolab da Universidade da Coruña para introducir Emapic, un sistema que facilita a representación de coñecementos, opinións e sentimentos sobre un mapa; unha persoa representantes de GPUL, entidade organizadora dos Hackatiños de Datos Abertos, un grupo de programadores e persoas usuarias de Linux, que defende a democratización do acceso á tecnoloxía mediante a reutilización do código para aprender, incrementar a privacidade e para mellorar o software; e Arantxa Serantes, do Proxecto Cousateca, unha biblioteca aberta a cousas de todo tipo que se desenvolveu no marco do Co-Lab.

Tal e como detallou o edil, o Concello facilita tamén o uso de diversos espazos na cidade (Teatro Colón, auditorio do Ágora, a Domus e o centro cívico da Cidade Vella) que permiten «abrir a programación da iniciativa a todos os públicos e expandila por diferentes barrios da cidade», e colabora tamén de xeito económico a través dun convenio de 30.000 euros do Consorcio de Turismo. O presidente deste ente e tamén edil de Emprego e Economía Social salientou na súa intervención que este evento «posiciona A Coruña na primeira división» da organización de encontros baseados na innovación, unha decisión, dixo, na que seguro influíu a «o tecido de empresas especializadas na produción de novas tecnoloxías que se está a constituír na Coruña e na súa comarca como referencia no noroeste península».

A Mobile Week Coruña, que comeza o vindeiro día 21 cunha inauguración no Teatro Colón na que porá a música a Banda Municipal, é unha iniciativa organizada por Mobile World Capital Barcelona, que fusiona arte, ciencia e tecnoloxía para crear espazos de reflexión sobre a transformación dixital e o seu impacto na sociedade actual. Tras dúas edicións anteriores que tiveron lugar en Barcelona, este ano celébrase na Coruña co obxectivo de trasladar e dar continuidade no Eixo Atlántico o debate sobre as implicacións que, a nivel social, económico e cultural, ten a transformación dixital. 

A responsable de programación, María José Malmierca, destacou a boa acollida do evento na cidade, «que multiplicou por 10 a programación prevista inicialmente grazas ao pulo da comunidade de administracións e empresas, pero tamén polas propostas de persoas individuais». Isto concretouse en máis de 100 actividades -charlas, obradoiros, exposicións e actividades infantís- que xiran, como indicou, arredor de seis eixes temáticos: a Aula do Futuro, que aborda o sistema de coñecemento dos e das máis novas tanto dentro como fóra das institucións escolares; Territorio Galicia Futuro, sobre os retos de transformación dixital e innovación para a cidadanía e as empresas; Revolución Dixital no Traballo, no que se afondará no impacto da dixitalización no mercado laboral; Comunicación e Democracia, un eixe que tratará a interacción entre a cidadanía e as administracións, así como a xestión das cidades; Futuro Dixital, para tod@s? e Ética e Tecnoloxía, dous bloques cunha temática arredor dos valores, o potencial e os desafíos da dixitalización.

14/11/201810:04
Cartel do evento.
O Carballiño

A xira de Nativos R recala esta finde no Carballiño

Este 17 de novembro imos ter no Carballiño unha nova oportunidade para dixitalizarnos da man de R e, tamén, para demostrar ao mundo que calquera pode tirar o máximo proveito das novas tecnoloxías, teña a idade que teña e a formación que teña. Estamos a falar dunha nova actividade do programa Nativos R, dirixido a acurtar as distancias entre as persoas que naceron e medraron no ambiente dixital, por unha banda, e quen non tivo ocasión de saber para que consisten as TIC, pola outra. A idea é mobilizar os diferentes integrantes do núcleo familiar ou do tecido docente. 

En palabras de R, Nativos R diríxese á cidadanía que se ben non naceu na era dixital, convive con persoas (nenas, nenos, adolescentes, mocidade) que si que o fixeron, abrindo interesantes camiños de comunicación e interacción entre uns e outros. As charlas, cen por cen de balde, visitarán deseguido Verín, a Mobile Week Coruña, Sarria e A Guarda. A cita do Carballiño celébrase en horario de 18:00 a 20:00 h, no salón de plenos do consistorio. Segundo explica a operadora galega, con Nativos R quérese desmitificar ideas asentadas “como que as novas xeracións son competentes no uso das novas tecnoloxías polo mero feito de ter nacido con elas ou que Internet, as redes sociais e os móbiles son prexudiciais en si mesmos”. Tamén se falará da nova terminoloxía neste eido (cyberbulling, sexting, grooming...), de como nos afecta a todas e todos o cambio dixital e dos principais riscos de Internet e de que maneira previlos, entre outros temas.

Para asistir á charla de nativos R no Carballiño cómpre contar con algún dos convites do operador galego, que se poden recoller até o día 17 na tenda R, na rúa Tomás María Mosquera, 37, co teléfono 988 234 964. As charlas nativos R enmárcanse no programa Digitalent 2020 da Xunta (a través da axencia AMTEGA), cuxo obxectivo primeiro é estimular o talento precoz no ámbito das TIC e fomentar vocacións nas profesións científico- tecnolóxicas dende idades temperás, especialmente entre mozos e mozas, ademais de educar no uso das novas tecnoloxías a persoas de todas as idades.

14/11/201808:45
Maker Faire Galicia.
Santiago de Compostela

O máis puxante da industria smart darase cita na Maker Faire Galicia

Quen queira converterse en creadora ou creador de tecnoloxías, cos instrumentos do seu propio enxeño, poderá comezar a facelo a partir deste 23 novembro, en Santiago. O motivo? A celebración da cita argalleira Maker Faire Galicia, sen dúbida un dos grandes acontecementos galegos e estatais do ámbito da tecnoloxía cooperativa, participativa, democrática, accesible e sen cancelas. Por se isto fose pouco, o evento será unha boa oportunidade para vermos o que se coce na actualidade no que se coñece como Industria 4.0

Así, algunhas das empresas máis punteiras da nosa terra e do panorama internacional estarán alí para demostrarnos como as novas tecnoloxías poden axudar ao sector produtivo a tocar sempre as notas máis axeitadas: na comunicación co cliente, na produción, na loxística ou na mercadotecnia. Na cita colabora arreo o Concello de Santiago, que hoxe confirmou que a feira incluirá no seu programa unha xornada profesional para mostrar o máis avanzado en cousas como deseño intelixente, a robótica, as tecnoloxías sustentables ou a ciencia. Amais, o Goberno local compostelá informou de que unha das encargadas de abrir o evento será a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento e Turismo, Marta Lois, xunto co conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e Matilde Rodríguez, co-organizadora da Maker Faire Galicia. Nun plano máis concreto, con nomes propios e relatorios definidos, as charlas e mesas de debate contarán coa presenza de persoeiros do ámbito Maker como Gael Langevin, creador do primeiro robot humanoide de código aberto; Stiven Kerestegian, xefe de Innovación e Estratexia do CIID (Copenhagen Institute of Interaction Design), ou Zoe Powell, deseñadora téxtil especializada na creación de bioplásticos e membro de Materiom, que formará parte dunha mesa de debate sobre “a importancia da tecnoloxía para redeseñar o mundo”, na que tamén participará Gianluca Pugliese, da empresa Wasp, responsable da creación dunha impresora 3D con capacidade para imprimir casas por menos de 1.000 euros. 

No eido científico, Carmen Álvarez, licenciada e doutora en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela, falará sobre os avances da bioimpresión nunha charla na que estará acompañada por responsables de REGEMAT, empresa española especializada na impresión 3D de tecidos biolóxicos. Ademais, para esta xornada profesional, a organización seleccionou os 10 proxectos máis innovadores desenvolvidos polos nosos makers, que presentarán cadanseus enxeños perante un xurado profesional que elixirá os tres mellores. O acto rematará coa entrega de premios e unha comida networking para participantes e asistentes a cargo de O Fogar do Santiso.

O Concello de Santiago lembra que os profesionais interesados en asistir como público a esta xornada poderán inscribirse na páxina web do evento, galicia.makerfaire.com, onde teñen habilitado un formulario no cal, tras cubrir os seus datos, poderán conseguir a súa acreditación.

Para esta edición, a Maker Faire Galicia volve contar co patrocinio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e do Concello de Santiago a través do programa Compostela Móvese. Tamén colabora co evento a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS