
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O recinto de PALEXCO na Coruña vai acoller o 22 de novembro, en horario de mañá, a parada galega da xira Ecommerce Tour. Trátase, segundo apunta a organización (Ecommerce News), dunha xornada para dar a coñecer todo tipo de novidades acerca de comercio electrónico, loxística, transformación dixital, mercadotecnia dixital. A cita será de especial interese para boa parte do tecido comercial coruñés e galego, xa que porá o foco no pequeno e mediano comercio, mostrando claves e pautas que axuden aos establecementos a adaptarse e equipararse no camiño da dixitalización e da competitividade presente e futura.
Co fin de facilitar o devandito, amosando camiños de éxito en materia de transformación para facilitar a incorporación de empresas novas, daranse a coñecer os principais achados tecnolóxicos de firmas como Minevera.com (startup que aposta por levar tuppers a domicilio ou oficinas), Electrocosto.com,Mariskito.com, Tote Bebes, Brico4Pro, Dromosport ou Vinopremier (que recentemente abriu sede de seu na Coruña).
A axenda do evento tamén ten previsto analizar estratexias de optimización loxística para comercio electrónico a través de DHL Parcel e Correos Express; consellos para optimizar as vendas a través de mercadotecnia automática grazas a Emred; como sacar o máximo proveito ás redes de afiliación; pagos a través de canles de atención ao cliente como Whastapp ou Messenger grazas a Comercia Global Payments, e “moito máis”.
A asistencia é totalmente gratuíta (con rexistro antes do 21 de novembro) e está dirixida a profesionais, retailers, emprendedores e novas firmas innovadoras con estratexias dixitais que poderán facer traballo en rede, coñecer casos de éxito e compartir coñecementos con outras empresas do sector.
O Paraninfo da Reitoría acollerá este venres, 16 de novembro, ás 12:30 horas o acto de presentación do Campus Innova, a terceira especialización da Universidade da Coruña.
O acto, presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e polo reitor da UDC, Julio Abalde, contará coa introdución da coordinadora do Campus Innova, Susana Ladra.
A Universidade da Coruña está a impulsar decididamente un modelo universitario no que a especialización lle permita un posicionamento máis reforzado no contexto nacional e internacional. Logo da posta en marcha do Campus Industrial de Ferrol en 2016, e da primeira das especialidades do campus coruñés, o Campus Sustentabilidade, este mesmo ano, conclúe agora o proceso de especialización da Universidade da Coruña co Campus Innova.
Con esta terceira especialización, a UDC pretende consolidarse como un polo de coñecemento na área das TIC e outras tecnoloxías innovadoras. O Campus Innova está composto por tres áreas de especialización vinculadas á innovación dixital, InnovaTIC; tecolóxica, InnovaTECH; e humanística, InnovaHumanitas.
A campaña #CorazónDeInvestigadora impulsada pola CRTVG para alentar as vocacións tecnolóxicas e científicas nas nenas, ten un novo e importante apoio: o da Universidade da Coruña, que confirmou hoxe a súa adhesión á iniciativa, por considerar o seu labor de gran relevancia, non só promovendo vocacións STEM nas rapazas, senón tamén por mostrar os perfís e os percorridos de mulleres galegas referentes nestes eidos que rompen barreiras e fan esmorecer estereotipos e prexuízos. A campaña, que se lanza con motivo da Semana da Ciencia e a Paz da ONU conta xa co respaldo das tres universidades galegas.
A pedra de toque da iniciativa é un anuncio troncal para as televisións onde unha ducia de investigadoras galegas son as protagonistas. Nas redes esas investigadoras contarán a súa historia a través de pequenos vídeos que rematan lanzándolle un reto inspirador ás nenas: “E ti, que queres ser?”. Por parte da UDC participan Luz Paz Agras, doutora arquitecta e máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas da USC, amais de membro do grupo de think tank Cadelasverdes e do Grupo de Investigación en Composición Arquitectónica e Patrimonio (CIGAP); Marga Novales, doutora enxeñeira en Camiños, Canais e Portos, amais de investigadora de longo percorrido en sistemas ferroviarios de transporte metropolitano, metro lixeiro e mobilidade sustentábel; Susana Ladra, doutora enxeñeira en Informática, amais de coordinadora do Campus Innova da UDC e experta en algoritmos para optimizar as procuras de datos en Internet; e Lucía Santiago, enxeñeira Naval e Oceánica e doutoranda na UDC, a maiores de membro do Grupo Integrado de Enxeñaría e colaboradora de múltiples proxectos de I+D ligados co sector naval, sendo as súas especializades o estudo do comportamento dos buques ou o seguimento da súa estabilidade en tempo real.
Os vídeos poden verse na ligazón http://ww2.crtvg.es/rsc/ciencia/.
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organizan o vindeiro domingo, 18 de novembro, a xornada final do programa “Tech Kids”. O evento celebrarase de 11:00 a 14:30 horas no Hall de Tirantes do Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela.
A actividade está destinada a estimular o talento precoz no ámbito das tecnoloxías da información e comunicacións, así como fomentar o atractivo vocacional de profesións científico-tecnolóxicas entre a poboación máis nova. En concreto, a organización ten prevista a participación de aproximadamente 200 rapaces e rapazas de entre 10 e 17 anos. Organizarase unha xincana tecnolóxica con tres sets independentes: vídeo mapping interactivo, panel de chroma key e jam musical, ademais de varios talleres de drons. O evento será gravado cun dron e crearase un vídeo promocional que poñerá o broche final a esta xornada educativa e lúdica. Os rapaces recibirán unha bolsa de picnic e terán zona de xogos dispoñible para o seu esparexemento.
No set de vídeo mapping interactivo, os participantes poderán controlar en tempo real distintas figuras xeométricas proxectadas, sen tocar ningún dispositivo e utilizando as tecnoloxías madmapper, leap motion e midifighter. O sistema é un “quebracabezas interactivo” onde os rapaces deberán organizar os cadros de maneira que se mostre correctamente a proxección resultante, co obxecto de compoñer un vídeo nas caras frontais dos cubos mediante movementos aéreos.
No panel de chroma key, os participantes posarán diante dun sistema de subtracción de fondo para aparecer dentro dun escenario proxectado en tempo real. Disporase dunha pantalla de fondo verde para que os rapaces se poidan ver dentro dun escenario, imaxe que será proxectada nunha parede do recinto.
No jam musical, os rapaces poderán tocar música mediante un sistema informático de música en directo, configurado para que ata tres persoas participen simultaneamente. O sistema restrinxirá as escalas musicais dos instrumentos e recolocará a posición das notas.
Os rapaces poderán participar tamén en talleres teórico-prácticos de drons aéreos e terrestres, onde se lles explicará todo o relacionado co uso legal destes aparatos, así como conceptos básicos de electrónica, mecánica e responsabilidade. O obxecto é que os rapaces coñezan este sector e as súas posibilidades laborais. Ofrecerase unha exhibición de voo de drons de diferentes tamaños na que participarán os máis pequenos.
As posibilidades laborais da creación dixital na industria do entretemento
Ademais, a xornada contará cunha conferencia sobre “Mundos dixitais” que impartirán o director e fundador do Festival Internacional de Animación, Videoxogos e Infoarquitectura Mundos Digitales, Manuel Meijide, e o confundador da productora audiovisual Illusorium Studios – recoñecido estudio de postprodución nacional especializado en 3D–, Raúl Rocha, ás 12:00 horas.
Manuel Meijide explicará as posibilidades que mozos e mozas, apaixoados polo mundo da creación dixital para a industria do entretemento, teñen hoxe en día neste sector en auxe que demanda multitude de profesionales cualificados.
Pola súa parte, Raúl Rocha, explicará o proceso de creación de personaxes tal como se realiza nun estudio profesional, a través de exemplos prácticos nos que mostrará desde os primeiros deseños a man do personaxe ata como convertilo nun modelo dixital que pode manipularse como se existira en realidade.
673 rapaces participaron nas 57 xornadas celebradas este verán nas Aulas CeMIT de Galicia
O CPEIG e Amtega organizaron nos meses de xullo, agosto e setembro unhas xornadas sobre robótica, pilotaxe de drons e creación de personaxes para videoxogos ou películas de animación, enmarcadas no programa “Tech Kids”, destinado a fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre a mocidade galega. Organizáronse 57 xornadas nas Aulas CeMIT de diversos concellos das catro provincias galegas nas que participaron 673 alumnos e alumnas.
A Xunta de Galicia recibiu hoxe en Sofía (Bulgaria) o premio á mellor administración pública para as empresas emerxentes innovadoras (Best Public Administration for startups) nos StartUp Europe Awards, unha iniciativa de innovación aberta promovida pola Comisión Europea e a Fundación Finnova en colaboración con Startup Europe.
O encargado de recoller o galardón foi o director de XesGalicia, Fernando Guldrís, quen salientou que a Administración autonómica ofrece un apoio integral aos emprendedores, que non só inclúe axudas, senón que tamén se ofrece formación e asesoramento especializado a través de iniciativas como a Rede Galega de Aceleradoras, nas que se colabora cos principais sectores estratéxicos da economía da Comunidade, os novos préstamos directos do programa de Instrumentos Financeiros Innovadores (IFIS) ou o financiamento a través de fondos de capital risco.
No acto, que estivo presidido pola comisaria de Economía e Sociedade Dixital, Mariya Gabriel, premiouse tamén ás mellores startups de Europa en 18 categorías, e estivo enmarcado dentro do StartUp Europe Awards Summit onde se asinou unha declaración conxunta para reforzar o ecosistema tecnolóxico innovador en Europa.