
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O presidente das Aulas Senior de Galicia (Ategal), Ángel Fagilde, e a directora de Caixabank en Padrón, María Iglesias, asinaron a renovación, por terceiro ano consecutivo, da subvención para que o alumnado de Ategal participe de novo no proxecto NeuronUp da Obra Social La Caixa.
A achega da fundación bancaria servirá para que o alumnado de Ategal poida matricularse, gratuitamente, no curso de adestramento cognitivo, NeuronUP. Tamén para sufragar material, docentes e profesionais de psicoloxía necesarios para este proxecto. Un programa cuxa terceira edición comezou hai uns días en Santiago de Compostela, Padrón, Vigo e como novidade neste ano, tamén en Ourense, segundo explica a vicepresidenta de Ategal e directora da sede de Santiago, Paula Sande, que matiza que, NeuronUP ten unha duración de oito meses que coinciden co novo curso das aulas.
Trátase "dunha ferramenta de aprendizaxe desde o punto de vista da prevención. Ategal é absolutamente pioneira no seu uso, pois, aínda que este sistema se vén utilizado desde hai algúns anos en gabinetes técnicos, psicolóxicos e sanitarios como neurorehabilitación "cando o proceso de deterioración cognitiva ou demencia xa está diagnosticado, no noso caso destínase ao alumnado, persoas maiores que non teñen deterioración, é dicir, de forma preventiva", destaca Sande.
En concreto, consiste nun adestramento cerebral a través dunha sinxela aplicación informática aplicada de forma intensiva e personalizada, dependendo da actividade e gustos da persoa. É totalmente individualizada e adaptada ás necesidades e características da persoa usuaria, para que lle resulte atractivo e cómodo, cunha serie de exercicios e preguntas relacionadas coa súa actividade profesional e persoal. Por exemplo, engade, "se a persoa vivía no rural, adaptaránselle preguntas relacionadas co devandito ámbito; se se trata dun ex-pescador, cuestións sobre o mar; a unha ex-enfermeira, sobre temas sociosanitarios. Así resútalles máis cómodo, práctico e motivador", asegura a vicepresidenta de Ategal.
Nese sentido, todo o material de memoria está dispoñible en formato dixital, tanto en computador de mesa, como portátil, tableta e pantalla táctil, o que resulta de gran valor para intervir, de forma profesional, en procesos de neurorehabilitación e en casos de deterioración cognitiva leve ou funcional. Non en balde, NeuronUP combina o formato presencial para realizar a avaliación inicial, adestramento e seguimento e formato a distancia para as sesións individualizadas. As sesións personalizadas realízanse no domicilio ou nas sedes de Ategal, así cada persoa usuaria é a que elixe o momento idóneo e máis cómodo para iso, reforzado polo feito de que se pode utilizar en galego, castelán ou, como novidade este ano, en portugués.
Ademais, a asistencia técnica encárgase de gardar e monitorar os resultados obtidos nos exercicios para a súa avaliación posterior por parte de persoal de psicoloxía. A nivel técnico e profesional, NeuronUP baséase na neuroplasticidade, ou potencial que ten o cerebro de modificarse e adaptarse. E aínda que estes sistemas como NeuronUP teñen, loxicamente, unha capacidade limitada para unha recuperación total, si resultan moi válidos e eficaces para retardar a deterioración cognitiva e o mantemento das capacidades persoais, xa sexa en enfermidade neurodexenerativa ou en canto a un envellecemento normal.
O proceso completo de validación e investigación de NeuronUP consta dunha avaliación cognitiva e unha entrevista inicial, polo que se realiza prevención e detección precoz de posibles trastornos neurodexenerativos. A continuación, a cada persoa usuaria ensínaselle a utilizar o computador, tableta e pantalla táctil, é dicir, realízase unha alfabetización dixital e ao final fáiselle entrega dun informe final para comentarlle a súa evolución.
Os alumnos de Ategal interesados en realizar adestramento cognitivo con NeuronUP matricúlanse nesta materia, se así o desexan, como unha máis das que ofrece Ategal durante o curso, aínda que, de forma gratuíta.
Este é o caso, por exemplo, de 20 maiores da sede de Ategal Padrón que, como explica a directora desta sede, María Cruz Taboada, "comezaron a pasada semana nas aulas do municipio, de luns a venres na aula de informática, supervisados pola técnica de informática do Concello", Institución coa que a entidade ten subscrito un convenio, desde hai case 25 anos para dispoñer de espazos, ferramentas e persoal docente.
O Boletín Oficial do Estado recolle hoxe a orde pola que se da luz verde ao Plan para proporcionar cobertura que permita o acceso a servizos de banda larga a velocidades de 30 Mbps ou superior, que terán que executar os titulares de concesións na banda dos 800 MHz, ou sexa, Telefónica, Vodafone e Orange.
A publicación no BOE lembra que coa concesión de licenzas para a banda dos 800 MHz incluíanse obrigas que deben cumprir antes do 1 de xaneiro de 2020 para facilitar que cando menos o 90% dos cidadáns de concellos de menos de 5.000 habitantes poidan acceder á Rede a unha velocidade mínima de 30 Mbps. Para iso o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio (agora Ministerio de Economía e Empresa) aprobará un plan no que se terán en conta as ofertas proporcionadas con outras tecnoloxías e outras bandas de frecuencias distintas ás de 800 MHz, identificará as unidades poboacionais onde non sexa posible acceder á Rede a 30 Mbps e establecerá as obrigas de cobertura que deberán proporcionar os operadores antes mencionados.
Actualmente as infraestruturas de rede que se teñen en conta para chegar á poboación son a fibra óptica (FTTX), as híbridas de fibra e cable coaxial (HFC), o VDSL e certas tecnoloxías radioeléctricas, e considerarase que unha poboación goza de conexións a 30 Mbps cando un dos 3 operadores involucrados no Plan ofreza tal velocidade cunha das tecnoloxías analizadas, superando uns requisitos técnicos mínimos. Para evitar que exista certa discriminación territorial non só se esixirán conexións de 30 Mbps no 90% das poboacións de menos de 5.000 habitantes, senón que tamén se establece a esixencia de que tal cobertura non sexa inferior ao 85% en ningunha comunidade autónoma.
A cidade da Coruña acollerá entre os días 21 e 28 de novembro a primeira edición da Mobile Week Coruña, organizada pola Fundación Mobile World Capital Barcelona, responsable, tamén, da organización do Mobile World Congress. O evento coruñés, un espazo para “crear espazos de reflexión sobre a transformación dixital e o seu impacto na sociedade actual”, vén cun relevante programa de actividades transversais, para todos os públicos, que se desenvolverán en máis de 20 espazos distintos, a repartir entre o termo municipal coruñés, a Área Metropolitana e a propia Compostela, na Cidade da Cultura. En termos concretos, desenvolveranse preto dun cento de accións TIC. Impulsando a semanaco seu patrocinio ou apoio atópanse máis de 60 empresas e institucións.
O patrocinador principal de Mobile Week Coruña é ABANCA, que amais implícase de cheo na programación. De feito, o seu conselleiro delegado, Francisco Botas, será un dos encargados de pechar o acto de clausura o 28 de novembro. Amais, a sede da fundación da entidade bancaria, Afundación, acollerá o 22 de novembro a conferencia Tecnoloxías da Información: a construción dun espazo de aprendizaxe, do catedrático da Universidade de Sevilla, Julio Cabero, unha actividade que precederá (tamén no salón de actos de Afundación) aos seis mWeekTalks previstos durante Mobile Week Coruña.
Tamén son patrocinadores da semana Estrella Galicia e Accenture Dixital. A marca cervexeira participará na programación da man de Juan José Delgado, responsable do ámbito dixital da empresa e co-impulsor de The Hop, programa de emprendemento colaborativo de Estrella Galicia.
Pola súa banda, Accenture achegará un obradoiro sobre como construír modelos de Intelixencia Artificial para móbiles e IoT (Internet das Cousas). Ademais, o seu director xeral para España, Portugal e Israel, José Luís Sancho, será un do seis relatores na mesa de debate Revolución dixital no traballo.
Entre as empresas máis implicadas tamén se atopan Gadis, Intasa e R, todas elas patrocinadoras do evento. A operadora de cable, ademais, participará na programación con obradoiros de robótica para os máis novos e unha charla para pais e avós sobre o uso de internet que fan a mocidade. PALEXCO, Cega, Lexus, Auren, Plam e Lifesice son empresas que tamén colaboran para que a Mobile Week Coruña supere as 100 actividades ao longo de sete días. Ademais, o evento conta co apoio e patrocinio do Concello da Coruña, a Xunta de Galicia, a través de AMTEGA, e a Deputación da Coruña. Todas elas tamén participan con eventos na programación da Mobile. Outras institucións como a Universidade da Coruña, o CESGA ou o Club Financeiro Atlático tamén se sumaron á iniciativa.
A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación acolle estes días (até decembro) un curso que pon á comunidade universitaria ao tanto das últimas novidades en impresión 3D, en palabras da organización “un eido de moitas posibilidades, agora que se espallan e se afianzan plataformas de software libre que permiten empregar deseños novos ou adaptar creacións xa existentes, ou mesmo replicar unha impresora, elaborar prototipos ou reparar equipamentos”. Trátase do curso Iniciación á impresión 3D con materiais innovadores, que conta coa presenza (impartindo teoría e, sobre todo, práctica) dos técnicos da UVigo Vicente López Díaz, Txapu, e José Manuel Rodríguez.
O obradoiro, que dá continuidade a experiencias formativas anteriores, pon o foco en cuestións como a evolución vivida nos últimos anos no eido da impresión tridimensional, “xa que hai un anos basicamente traballabas con dous tipos de filamento e agora existen moitos máis materiais, como filamentos con partículas metálicas ou filamentos imitando a madeira”, salientan os responsables do taller, que ten como primeiro obxectivo “que o alumnado lle vaia perdendo o medo a esta tecnoloxía a través dunha abordaxe fundamentalmente práctica”, que abrangue desde probar como funcionan os distintos materiais ao manexo de plataformas nas que descargar ou modificar deseños xa realizados para impresoras 3D ou a preparación de deseños propios.
Este curso de iniciación ao 3D forma parte da oferta de obradoiros impulsada para o primeiro cuadrimestre pola Vicerreitoría do Campus, que recentemente impulsaba tamén, ao abeiro do Campus Crea, cinco novos talleres, de balde e abertos ao conxunto da comunidade universitaria. Tres deles, o Obradoiro práctico de cociña saudable para cerebros ocupados, o Curso de iniciación á robótica educativa e o taller Fab-Lab no campo expandido. Planificar-construír manteñen aberto até hoxe o período de inscrición, existindo tamén prazas vacantes tanto no curso O viño: ciencia, cultura e territorio, que se desenvolverá os días 15, 19 e 22 na Casa das Campás e no Pazo de Mugartegui, como no taller A gamificación como ferramenta de innovación e motivación na aula, que se desenvolverá do 22 ao 30 de novembro na Aula Tecnolóxica da Vicerreitoría.
Este 9 de novembro celébrase en Vigo unha cita de gran relevancia para a nosa comunidade investigadora, docente e empresarial. E, tamén e sobre todo, para a mocidade que estea valorando a posibilidade de percorrer, no futuro, unha carreira vencellada ás novas tecnoloxías e ao científico. Estamos a falar da xornada de portas abertas do centro de investigación AtlantTIC do Campus de Vigo, centrado en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CITIC). Na cita calcúlase que participen máis de 250 persoas. Trátase dun evento de balde con actividades para todos os públicos, incluíndo visitas guiadas a espazos salientables do centro.
A visita intégrase no programa de actividades de divulgación científica e tecnolóxica Ciencia Singular, creado para amosar á sociedade o traballo desenvolvido nos tres centros singulares de investigación da universidade viguesa: AtlantTIC, o Centro de Investigación Mariña (CIM) e o Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO).
O encargado de levar a cabo as actividades será o persoal dos grupos de investigación que conforman o devandito centro TIC. Os residentes en AtlantTIC farán un percorrido pola actividade e os cometidos do centro, mostrando o traballo dos laboratorios e os equipos que estes acubillan. Como dixemos, tamén haberá obradoiros, experimentos e actividades, tocando temas candentes como a impresión 3D, a fabricación de placas de circuíto impreso (PCB), as redes de comunicación 5G, as comunicacións ópticas, as ferramentas de análise forense, as apps educativas para facilitar a expresión oral, a Intelixencia Artificial aplicada á comunicación, a demostración de recoñecemento da fala e de persoas en contidos audiovisuais e os nanosatélites.
Engadirase ao devandito unha visita guiada ao laboratorio de seguimento de satélites, que conta cun gran número de antenas e un equipamento electrónico que permite participar en todas as etapas que seguen ao lanzamento dunha misión espacial. Amais, haberá outra visita aos laboratorios de acústica, onde as e os visitantes poderán coñecer a cámara semianecoica e distintos equipamentos.