
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Esta semana, o 7 de novembro, a Deputación da Coruña vai organizar unha xornada sobre economía dixital. A xuntanza, que se enmarca no ciclo Europa na provincia da Coruña, xirará arredor dos novos xeitos de producir que se asentan e se fan realidade grazas á sociedade conectada e intelixente. Contarase coa presenza de representantes das embaixadas de Estonia e Finlandia, da axencia AMTEGA e da Dirección Xeral de Rede de Comunicación, Contido e Tecnoloxía. O embaixador do devandito país báltico explicará na sede da entidade provincial o proceso que converteu este país na referencia dixital de Europa.
Segundo explicou o presidente da Deputación, Valentín González, “xuntaremos expertos de primeiro nivel que contarán as súas experiencias no desenvolvemento da economía dixital como oportunidade para o desenvolvemento socioeconómico do territorio”. O propio Valentín González será o encargado de inaugurar o encontro, xunto coa directora do centro Europe Direct, Amparo Taboada.
Pola súa banda, o embaixador de Estonia en España, Rasmus Lumi, e a representante da embaixada finlandesa en España, Anabella Polo, explicarán a experiencia de ambos os dous países, considerados líderes europeos en procesos de dixitalización tanto na administración pública como no sector privado.
Pola xornada pasarán tamén, achegando as súas experiencias, Xurxo Remuiñán, policy officer da Dirección Xeral de Redes de Comunicación, Contido e Tecnoloxía, que explicará as ferramentas de financiamento europeo no ámbito da economía dixital, e Carlos Vázquez Mariño, director de Solucións Tecnolóxicas de AMTEGA, que explicará o programa Primare para o aproveitamento da tecnoloxía na transformación do sector primario en Galicia.
O evento rematará cunha mesa redonda sobre boas prácticas no mercado dixital na que particparán representantes de empresas tecnolóxicas, turísticas e do sector primario, compartindo as súas experiencias nestes ámbitos.
A xornada, de balde, está aberta a representantes dos concellos e entidades locais, empresarios, emprendedores e asociacións da provincia da Coruña.
Para inscricións ou información complementaria, pódese contactar co correo electrónico europedirect@dacoruna.gal, ou ben, co número de teléfono 981 080 331.
O viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago, palestra e acubillo dun relevante número de iniciativas tecnolóxicas, vén de ser recoñecido como o mellor de España segundo os datos recentes da clasificación global da Fundación das Caixas de Aforros (FUNCAS). A incubadora, emprazada no Polígono de Costa Vella de Compostela, acolle na actualidade 42 empresas, vinte das cales son empresas virtuais.
Segundo informa a Cámara, a devandita clasificación forma parte do informe titulado Os servizos que prestan os viveiros de empresas en España, ranking 2018-2019, traballo asinado por cinco investigadores que se estende ao longo de 78 páxinas.
FUNCAS sinala na investigación que o viveiro da Cámara de Comercio de Santiago posúe unha “calidade superior nos seus servizos”, segundo a categoría Avanzados do ranking global. Ademais, no estudo explícase que a incubadora de Santiago está “orientada fundamentalmente ao sector servizos, pero pode servir tamén como oficina de xestión de proxectos relacionados con outros sectores”.
Como dixemos, o viveiro compostelán incuba a día de hoxe 42 empresas, cunha taxa de ocupación aproximada do 80%. Desde a súa creación en 2006, pasaron polo viveiro un total de 177 empresas, das cales, 135 continuaron a súa actividade empresarial con éxito fóra del, polo que finalmente a taxa de supervivencia empresarial sitúase nun 76%.
A dirección da Cámara manifestou hoxe a súa satisfacción polo recoñecemento: “O estudo de FUNCAS salienta que somos un viveiro exemplar na incubación de proxectos empresariais. Fomos os mellores de España en 2015 e agora repetimos, amais de ter sido distinguidos como os mellores de Galicia en 2016. A nosa vocación no fomento do emprendemento e a súa cultura é incuestionable. Os resultados aí están e, por iso, todos os nosos profesionais merecen igualmente ser felicitados”.
Para quen non o saiba, a incubadora do Polígono de Costa Vella creouse en 2006 para “impulsar a creación, medre e afianzamento de empresarios individuais e empresas”. Con financiamento achegado integramente por recursos propios da Cámara de Comercio de Santiago, o viveiro conta unicamente con apoio técnico da Administración local.
A incubadora, amais, forma parte activa da Rede INCYDE, que é a maior rede de viveiros empresariais de Europa. Este tecido conta actualmente con 177 viveiros de empresas en funcionamento.
A Cátedra UDC-everis de Transformación Dixital, que dirixe a profesora Adriana Dapena, organiza hoxe unha xornada sobre a cadea de bloques, “blockchain” na aula 3.2 da Facultade de Informática ás 15:30 horas.
Participarán Victoria Torres, Digital & Blockchain Leader de everis; Alejandro Castro, Technical Manager de everis, e Antonio Comesaña de Agalbit.
Esta xornada ten o obxectivo de explicar que é “blockchain”, onde e cando se emprega así como analizar cómo se está implantando en Galicia e en España. Previamente, pola mañá, ás 12:30 horas, haberá unha reunión de traballo no Centro de Investigación de Tecnoloxías da Información e da Comunicación (CITIC) dos participantes nesta xornada cos grupos de investigación do CITIC.
A Organización Internacional de Normalización (ISO) anunciou a publicación do primeiro estándar internacional para o Internet das Cousas. Desta maneira, garántese a seguridade, a confianza e unha base tecnolóxica con medidas e sistemas robustos.
Co estándar ISO/IEC 30141 Internet das Cousas (IoT)- Arquitectura de Referencia, ISO creou un marco común para todos os deseñadores e desenvolvedores das aplicacións de IoT, garantindo o desenvolvemento de diferentes sistemas fiables, protexidos, que preserven a privacidade e que sexan capaces de afrontar interrupcións como consecuencia de catástrofes ou de ciberataques.
Este estándar internacional proporciona unha arquitectura de referencia de IoT estandarizada internacionalmente que utiliza un vocabulario común, deseños reutilizables e as mellores prácticas do sector.
Desenvolvemento da norma
Os organismos que participaron para a elaboración do estándar ISO/IEC 30141, foron o comité técnico conxunto da Organización Internacional de Normalización e a Comisión Electrotécnica Internacional: ISO/IEC JTC 1, Tecnoloxía da información; subcomité SC 41: Internet das cousas e tecnoloxías relacionadas.
Así mesmo, o grupo de traballo de ISO/IEC está inmerso na elaboración de futuras normas como a que establecerá o marco de aplicación para a xestión de enerxía da demanda de instalacións industriais ou a de rede de sensores para medidores de gas inalámbricos, entre outras. Actualmente, en España publicouse a Especificiación UNE 0060 Industria 4.0. Sistema de xestión para a dixitalización, cuxo obxectivo é favorecer a dixitalización da industria española, a través dun sistema de xestión eficaz.
A Fundación Vodafone España celebrou esta tarde en Oviedo a cerimonia de entrega dos seus premios anuais á Innovación. Nesta duodécima edición o xurado concedeu tres galardóns, dotados con 15.000 euros cada un, a dous proxectos accesibles que innovan no ámbito das TIC para mellorar a calidade de vida dos colectivos vulnerables e a unha entidade social en recoñecemento á súa traxectoria no uso das TIC.
O acto de entrega contou coa presenza de Isaac Pola, conselleiro de Emprego, Industria e Turismo do Principado de Asturias, e Francisco Román, presidente de Vodafone España e da Fundación Vodafone España.
O conselleiro de Emprego, Industria e Turismo do Principado agradeceu á Fundación Vodafone a elección de Asturias como sede do acto de entrega dos Premios. Así mesmo, fixo especial fincapé "no esforzo e compromiso do Goberno do Principado e os axentes sociais no desenvolvemento dun potente ecosistema de innovación, integrador de todos os axentes involucrados e que erixe a innovación como valor principal da competitividade do noso sector empresarial e a nosa rexión". Isaac Pola tamén explicou as liñas xerais do novo Plan de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación do Principado e do programa Industria 4.0, que sitúan a Asturias nun posto destacado en materia de transformación dixital.
Para Francisco Román, presidente de Vodafone España e da Fundación Vodafone España, os premiados "son tres claros exemplos de que o futuro pasa pola transformación dixital e a innovación continua. Cremos que apoiar estes proxectos é fundamental para afrontar os retos sociais que nos esperan e para contribuír a desenvolver sociedades máis sustentables, intelixentes e inclusivas". "Todos os nosos esforzos deben estar centrados en mellorar a vida das persoas, especialmente daquelas que teñen máis dificultades. A tecnoloxía non será útil se non serve para que os cidadáns poidan vivir sinxelamente mellor. O meu parabén aos premiados, aos que se lles recoñece o seu esforzo, e tamén o seu éxito, aínda que, sen dúbida, o maior dos seus méritos e o que máis debe reconfortarlos é contribuír a unha sociedade mellor."
No que respecta aos premiados, o xurado decidiu recoñecer na categoría "Premio á Traxectoria no uso das TIC", á Orde Hospitalaria San Juan de Dios, unha organización internacional, sen ánimo de lucro, que presta coidados sanitarios aos máis necesitados. Os seus obxectivos principais son a hospitalidade e a humanización da asistencia. Nos últimos anos incorporou a tecnoloxía dunha maneira transversal para conseguir un cambio profundo nos modelos de atención, así como tamén na cultura organizacional e nas formas de traballo.
Na categoría "Solución social TIC", que recoñece solucións de amplo impacto social e para calquera ámbito, o premio recaeu en MJN-SERAS, unha proposta desenvolvida por MJN Neuroserveis, que mediante un wearable en forma de audífono (personalizado con tecnoloxía 3D) e unha aplicación móbil que contén algoritmos de Intelixencia Artificial, é capaz de medir de maneira continua o risco de sufrir unha crise de epilepsia, rexistrar as crises e almacenar os datos de actividade cerebral da persoa. A aplicación ten como funcionalidade principal un semáforo de risco de crise. Se o semáforo está en verde implica risco baixo de crise, o que se traduce en calidade de vida para a persoa xa que pode programar actividades sen preocuparse de sufrir unha crise. O semáforo en vermello implica risco moi alto de crise polo que se inician os protocolos (programables) de seguridade. Estes protocolos van desde o aviso á persoa ou coidadores, como así tamén a xeolocalización. Ademais, o paciente debe sempre confirmar o seu estado despois dunha crise. De non ser así o sistema inicia o protocolo de urxencia xa que significa que o paciente pode sufrir un accidente despois da crise.
Por último, na categoría "Accesibilidade TIC", que valora proxectos que sexan de aplicabilidade a un ou a varios tipos de discapacidade (sensorial, cognitiva ou física) e que promovan a autonomía persoal e a mellora da calidade de vida, o xurado premiou a Showleap, unha solución que ten como obxectivo axudar na comunicación das persoas xordas ou con discapacidade auditiva permitíndolles comunicarse con calquera persoa oínte ou que non entenda a lingua de signos. Showleap funciona mediante o uso de dous brazaletes que detectan o movemento da persoa cando está signando, e un software "que pode instalarse no móbil, tablet ou portátil do usuario- que traduce en tempo real o que a persoa xorda expresa en lingua de signos e pásao a texto e voz. Ademais, cando a persoa oínte fala á persoa xorda, a aplicación converte estas palabras a texto, para que a persoa xorda poida lelas no seu dispositivo.
Ademais do premio en metálico e dunha escultura conmemorativa, as categorías "Accesibilidade TIC" e "Solución Social TIC" terán presenza no Mobile World Congress de 2019 e a participación nos talleres de formación "Campus CDTI" do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
O xurado desta XII Edición dos Premios estivo formado por Francisco Marín, director xeral do CDTI (Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial); Carlos Grau, director xeral da Fundación Mobile World Capital Barcelona; Miguel Ángel Valero, director xeral de CEAPAT (Centro de Referencia Estatal de Autonomía Persoal e Axudas Técnicas); Ricardo Gabarró, director de I+D+i do Grupo Eulen; Rodrigo Hilario, director de Estratexia de RENFE; Mar Pereira, directora de AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia); Manuel Muñíz, CEO de MIOTI (Madrid Internet of Things Institute); David Santamaría, Industry Head Telecom de Google España; José Manuel Sedes, director de Sustentabilidade de Vodafone España; Branca Echániz, directora de Produtos e Servizos de Vodafone España; Enrique Martín, director de Innovación de Vodafone España; e Mari Satur Torre, directora de Innovación da Fundación Vodafone España.