main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

05/11/201817:41
Estanterías con produtos antigos.
Cariño

A Xunta destaca en Cariño a aposta do comercio de proximidade pola dixitalización para ofrecer novos servizos aos clientes

  • A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou hoxe nun networking sobre innovación comercial celebrado na localidade coruñesa en colaboración coa Federación Galega de Comercio
  • A Consellería de Economía, Emprego e Industria mobiliza máis de 4 millóns na modernización de empresas comerciais e artesanais

 

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, destacou hoxe en Cariño (A Coruña) nun networking sobre innovación, renovación e consolidación comercial, celebrado en colaboración coa Federación Galega de Comercio, a aposta que está a realizar o comercio de proximidade pola dixitalización e o uso das tecnoloxías para ofrecer novos servizos aos clientes e chegar a un maior público.

Na xornada, na que se abordou de xeito específico o impacto do novo regulamento europeo de protección de datos no sector, destacando as novidades máis importantes desta normativa, Vázquez Abeal sinalou que a dixitalización é un reto que pode potenciar as fortalezas do pequeno comercio, como son a proximidade, o trato personalizado e a calidade.

Neste contexto, a Xunta está a mobilizar este ano máis de 4 millóns de euros na dixitalización e modernización de empresas comerciais e artesanais para a implantación de solucións que permitan os beneficiarios adaptarse ás novas fórmulas de comercialización e ás tendencias do mercado, así como proxectos de modernización integral de locais.

Así, cuns apoios públicos de 1,5 millóns de euros, beneficiaranse destas axudas un total de 471 comercios e obradoiros artesanais. O investimento subvencionable, segundo o tipo de apoio solicitado, pode ir dos 1000 aos 5000 euros no caso de dixitalización e entre os 15.000 e os 30.000 no caso de actuacións de modernización. A porcentaxe de axuda é en todos os casos do 50%.

Así, comerciantes e artesáns desenvolverán 313 actuacións de implantación ou actualización de páxinas web comerciais e de mellora da imaxe en liña. Así mesmo, poñeranse en marcha 63 iniciativas centradas na loxística dixital ou a implantación de packaging para venda en liña. Doutra banda, activaranse 144 proxectos de ferramentas de xestión, e modernizaranse 112 locais.

Ademais, a través desta mesma orde de axudas, máis de 100 comercios contan co asesoramento dun xestor de redes sociais para desenvolver novas fórmulas de promoción e comercialización en internet, no marco do programa de Social Commerce que se desenvolve en colaboración coa Federación Galega de Comercio. O obxectivo desta iniciativa é potenciar a presenza do comercio galego de proximidade nas redes sociais, impulsando a súa conexión co cliente e creando novas redes de fidelización e imaxe de marca, buscando adaptar o comercio de proximidade ás novas tendencias do mercado.

Estas axudas enmárcanse no Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio de Galicia, que ten entre os seus retos o establecemento dun novo modelo de comercio intelixente que sitúe ao cliente no centro da súa estratexia aproveitando todos os recursos á súa disposición.

05/11/201814:59
Presentación do programa.
A Coruña

A UDC formará en TIC a colectivos con diversidades cognitivas

Un escenario de traballo cooperativo para mellorar a empregabilidade e o potencial de inserción de persoas con diversidade cognitiva. Este é o obxectivo do programa Espazo Compartido, que presentaron hoxe as entidades responsables da súa posta en marcha: a Universidade da Coruña, Santander Universidades, o Consello Social da UDC e a Fundación Universia. No acto fixeron saber que as novas tecnoloxías da información serán un piar fundamental da formación fornecida. Amais, abordaranse materias de desenvolvemento persoal, matemáticas, habilidades sociais e laborais, habilidades de comunicación, etc. 

Tecnoloxicamente, achegaranse nos obradoiros previstos coñecementos sobre iniciación ás TIC, ofimática, Internet, robótica, fotografía ou identidade dixital. As clases impártense en diversos centros do Campus de Elviña. Amais das clases propiamente ditas e dos obradoiros, subministrarase prácticas profesionais.

No acto de hoxe tamén se fixo un percorrido polos fitos acadados pola iniciativa no curso pasado, no que houbo vinte solicitudes para quince prazas e no que os participantes valoraron a iniciativa cunha nota de 4,6 (sobre 5). 

O proxecto, amais de todo o devandito, ofrece varios servizos de apoio, como asesoramento e orientación ao alumnado e ás súas familias, titorías académicas e coordinación con profesionais externos. Para atender todas estas necesidades, a Universidade conta cun equipo coordinado polo profesor Sergio Santos del Riego, formado por profesionais da Psicopedagoxía, Terapia Ocupacional, Logopedia e Psicoloxía. 

A Universidade da Coruña puxo en marcha no ano 2013 o proxecto Espazo Compartido por iniciativa da Vicerreitoría do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social e do Consello Social, como unha experiencia piloto destinada “a formar dentro dos campus ás persoas con diversidade cognitiva que non teñen acceso ás aulas universitarias”. 

Segundo informou hoxe a UDC, o proxecto é pioneiro no Sistema Universitario Galego e é un dos primeiros no sistema español dentro das súas características.

05/11/201814:13
Cartel do evento.
Madrid

Almorzos TECSOS: "Blockchain"

Na vida real e no mundo virtual atopamos un problema común, desconfiamos á hora de compartir a nosa información persoal, por elo, adoitamos necesitar unha terceira persoa que verifique quen son realmente ou nos asegure a confidencialidade dos nosos datos. Habitualmente utilizamos o DNI ou un certificado dixital, ou no caso de transaccións económicas, entidades que certifiquen quen son, podendo quedar cos nosos datos ou mesmo comerciar con eles. Perdemos o control das nosas xestións e o rastro dos datos por Internet.

Blockchain, ou "cadea de bloques" en castelán, é un rexistro de información, unha base de datos do que todos os que participan na rede gardan unha copia. A clave desta tecnoloxía é o consenso: se todos temos a mesma información, esa información é verdade. Na actualidade as ONG xa utilizan Blockchain esencialmente para favorecer a confianza dos doantes cun proceso transparente de xestión as súas achegas. Incrementa as posibilidades de incorporar colaboradores, conseguir financiamento e, por tanto, posibilita unha nova forma de xestión das catástrofes humanitarias que conciten un apoio internacional.

Mañá, día 6 de novembro de 10h a 12:30h., terá lugar no espazo de innovación de Vodafone Praza, en Madrid, un dos Almorzos TECSOS centrado esta vez en Blockchain .

Os contidos para tratar serán os seguintes:

  • Introdución aos Almorzos TECSOS (10:00 " 10:15). Gloria Placer, Directora de Innovación e Impacto Social, Fundación Vodafone España.
  • Blockchain Intro (10:15 " 10:45). Beatriz Guerra, Innovation Manager en Vodafone Empresas.
  • Aplicando o Blockchain (10:45 " 11:15) Arantza Martinez, Fundadora e CEO de itwillbe.org.
  • Charla dinámica sobre os contidos (11:45 " 12:30). Miguel Angel Rodríguez, Responsable Estratexia Dixital en Cruz Vermella e Estíbaliz Ochoa, Responsable de proxectos de Innovación.

Poderase seguir o encontro en directo desde a canle de Youtube de Vodafone España.

05/11/201810:19
Cartel da iniciativa.
Madrid

A Fundación ONCE e o CERMI están a levar a cabo un estudo sobre "O acoso e ciberacoso en alumnado con discapacidade"

  • Para compoñer unha valoración estatística da situación actual en España puxeron en marcha un enquisa na que vos convidan a participar ata o 30 de novembro.

 

Fundación ONCE e o CERMI están a levar a cabo un estudo sobre "O acoso e ciberacoso en alumnado con discapacidade" durante o seu ciclo educativo.

Para poder facer un estudo fidedigno e que presente unha apreciación real e de primeira man, convídase a participar online no seguinte cuestionario para realizar unha aproximación estatística da situación.

O cuestionario realizouse para saber a opinión do alumnado e exalumnado con discapacidade, familiares e persoal docente dos centros educativos de toda España.

Para completalo non fan falta máis de 15 minutos. Ao responder a última pregunta hai que pulsar no botón "Gardar" para que a enquisa, sempre anónima, quede gardada correctamente.

Se crees que é importante salvagardar os dereitos das persoas con discapacidade na súa etapa educativa así como en calquera outro ámbito, enche a enquisa e dá a túa opinión, este estudo poderá definir posible situacións de acoso e ciberacoso, e tentar previlas.

A data límite para participar é o día 30 de novembro.

05/11/201810:14
Instalacións do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias.
A Estrada

A Axega e o Instituto Tecnolóxico Galego colaborarán no desenvolvemento e innovación de recursos e sistemas para a xestión das emerxencias

  • O xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo, mantivo un encontro con técnicos do ITG para sentar as bases do novo marco de cooperación cuxo obxectivo é a creación de produtos que contribúan aumentar as posibilidades de éxito en situacións extremas
  • Como primeira operadora a nivel nacional de drons en servizos de emerxencia, a AXEGA porá ao servizo do Instituto a súa experiencia no uso desta tecnoloxía, así como o material necesario para facer ensaios e probas

 

A Axencia Galega de Emerxencias e o Instituto Tecnolóxico Galego (ITG) colaborarán para o desenvolvemento e innovación dos recursos e sistemas para a xestión das emerxencias. Este foi un dos primeiros avances dunha reunión celebrada nas instalacións do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia entre o xerente da AXEGA, Marcos Araújo e a directora da Área de Sensórica e Comunicacións do ITG, Analía López, e o responsable técnico deste departamento, Marco González, na que se sentaron as bases dun novo marco de cooperación para a posta en marcha de proxectos e produtos que contribúan a aumentar as posibilidades de éxito en situacións extremas.

Durante o encontro, Marcos Araújo recordou que a AXEGA foi a primeira entidade a nivel nacional que comezou a usar os drons en servizos de emerxencias, polo que esta experiencia pode ser de moita axuda para o estudo e desenvolvemento de novos sistemas de aplicación na xestión das emerxencias. Deste xeito, comprometeuse a pór aos servizo dos arquitectos e enxeñeiros do Instituto a tecnoloxía e o material necesario para facer as probas e ensaios que certifiquen a funcionalidade dos futuros produtos e proxectos.

Do mesmo xeito, a directora da Área de Sensórica e Comunicacións destacou o traballo realizado no seo do ITG para o desenvolvemento da intelixencia artificial e software aplicable á xestión operativa de drons, de forma que existen importantes sinerxías entre ambos os dous organismos que cómpre aproveitar en beneficio da innovación tecnolóxica nas emerxencias.

 

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS