main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

02/11/201808:24
Parte dos refugallos eléctricos e electrónicos.
Pontevedra

O Campus de Pontevedra recolleu máis de 150 dispositivos tecnolóxicos en desuso

O Campus de Pontevedra vén de levar a cabo a súa nova campaña (a oitava) de recollida de refugallos eléctricos e electrónicos, a Semana de Recollida de RAEE. Segundo informou a Uvigo, a iniciativa saldouse cunha ducia ordenadores de sobremesa e portátiles, dez teléfonos móbiles, 13 impresoras, dous televisores e unha manchea de compoñentes informáticos. En total reuníronse 152 aparellos, entre electrodomésticos e compoñentes informáticos, nos puntos de recepción emprazados do 22 ao 26 de outubro nas diferentes facultades e escolas, na Escola Infantil, no Pavillón Universitario e na Casa das Campás. 

Inserida no plan de acción do proxecto Green Campus, a iniciativa que a Vicerreitoría promove coa colaboración da Oficina de Medio Ambiente (OMA) da Universidade ten como fin sensibilizar á comunidade universitaria sobre o problema que representa unha incorrecta xestión do dito material informático e electrónico, amais de promover un correcto tratamento dos mesmos e das baterías que os alentan. Destes máis de 150 aparellos e dispositivos recollidos, 63 foron depositados no punto instalado na entrada da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, o centro que rexistrou unha maior actividade nesta oitava Semana de Recollida de RAEE. No plan de acción do proxecto Green Campus para este curso figura a celebración de dúas edicións máis desta iniciativa, que en 2019 volverá desenvolverase en febreiro e seguramente en maio.

02/11/201808:17
Logo de Conecta Peme.
Santiago de Compostela

Feijóo avanza que a cuarta edición do Conecta Peme mobilizará máis de 47 millóns en 54 proxectos de innovación empresarial

  • Asevera que para a selección dos proxectos primouse o novidoso das tecnoloxías xeradas e a súa capacidade para poñer no mercado novos produtos
  • Di que esta iniciativa pretende estimular a innovación das pemes galegas e fomentar a cooperación entre os diferentes axentes
  • Salienta que este programa compleméntase co Interconnecta que, desde 2011, tamén está a favorecer o desenvolvemento de 172 proxectos

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou na rolda de prensa do Consello que a cuarta edición do Conecta peme mobilizará máis de 47 millóns de euros en 54 proxectos de innovación empresarial.

Máis polo miúdo, Feijóo explicou que para a selección dos proxectos primouse o novidoso das tecnoloxías xeradas e a súa capacidade para poñer no mercado novos produtos e solucións que supoñan un avance significativo ou un alto impacto económico.

Así mesmo, nesta convocatoria destinarase un 8% máis de orzamento que na anterior, chegando aos 27 millóns de euros en axudas para beneficiar a un total de 169 empresas –o 93% pemes–, e a 24 centros tecnolóxicos e organismos de investigación, co obxectivo de xerar 72 empregos cualificados.

Cómpre salientar que dos 54 proxectos, 38 están vinculados ao desenvolvemento experimental; 9 a potenciar a Industria 4.0 a través de proxectos de innovación en materia de organización e proxectos e 7 terán como obxectivo a investigación industrial. E, por sectores, preto do 30% centraranse na área da nanotecnoloxía e materiais e tecnoloxías da produción; cerca do 28% no eido da enerxía e do medio ambiente e o 15% en torno á saúde e o benestar.

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta precisou varias novidades, ademais do incremento do orzamento como a simplificación de trámites, a especial valoración da contratación de persoal e o potencial en canto a viabilidade e rendibilidade dos proxectos, así como o fomento dunha maior concorrencia para evitar a concentración de axudas nunha mesma empresa.

 

Conecta Peme pretende estimular a innovación das pemes galegas

Dirixido a proxectos que contan cun orzamento de entre 500.000 euros e 1,5 millóns de euros, Feijóo aseverou que esta iniciativa pretende estimular a innovación das pemes galegas e fomentar a cooperación entre os diferentes axentes, xa que cada proxecto conta coa participación de entre tres e seis empresas e pode incluír unha grande empresa.

Desde a súa posta en marcha, no ano 2013, este programa está a mobilizar 150 millóns de euros en 187 proxectos de cooperación, nos que están a participar 433 empresas (95% pemes) e 81 centros tecnolóxicos e de investigación, e coa creación de 530 empregos.

Este programa compleméntase con Interconnecta que, desde 2011, tamén está a favorecer o desenvolvemento de 172 proxectos entre grandes consorcios de empresas e centros de coñecemento, coa participación de 565 empresas galegas.

02/11/201808:07
Unha moza usando un smartphone e un portátil no fogar.
Santiago de Compostela

Máis do 97% dos fogares galegos con nenos e estudantes ten contratado internet

  • Crecen preto dun 4% no último ano e sitúanse a máis de 17 puntos de distancia dos fogares onde non residen nenos de 3 a 16 anos
  • A contratación deste servizo aumenta ata preto do 99% nos fogares onde residen estudantes maiores de 16 anos
  • Máis do 92% dos mozos de 16 a 34 usan internet a diario cunha vantaxe de case 14 puntos porcentuais respecto aos maiores de 35 a 74 anos
  • Máis da metade dos mozos entre 16 e 34 anos compraron online fronte ao 25% rexistrado no tramo de idade entre os 35 e os 74 anos
  • As barreiras principais para non ter Internet nos fogares con nenos son os custos da conexión ou equipos e nos fogares sen nenos a percepción da falta de utilidade

O 97,5% dos fogares galegos con nenos e nenas en idade escolar (3 a 16 anos) ten contratado banda larga, aumentando un 3,9% respecto ao ano anterior e superando en 17,6 puntos aos fogares onde non residen estudantes. A contratación deste servizo aumenta nos fogares onde residen estudantes maiores de 16 anos, acadando o 98,9% e amosando a incidencia de Internet no período escolar e universitario.

Así se recolle no estudo “A Mocidade e as TIC. Edición 2018” que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

 

Incremento de actividade dixital nos máis novos

A convivencia con nenos en idade escolar (3 a 16 anos) e estudantes maiores de 16 anos, aumenta o uso de ordenadores e móbiles nos fogares e tamén a navegación por Internet. O uso de dispositivos electrónicos (ordenador, smartphone,...) acada xa ao 98,5% dos mozos e mozas de 16 a 34 anos, confirmando que convivir con nenos/as en idade escolar obrigatoria é un factor potenciador do uso das TIC nos fogares galegos, xa que supera en 23,9 puntos porcentuais aos datos que rexistran as persoas maiores de 35 anos.

A contratación practicamente universal de Internet nos fogares onde residen nenos e nenas tradúcese nun aumento tamén significativo do seu uso, de xeito que un 98,3% de mozos e mozas de 16 a 34 anos navegou por Internet nos últimos 3 meses, fronte ao 77,2% dos maiores que navegaron por Internet nese período (35 a 74 anos).

En relación á frecuencia do uso de Internet, o 92,7% dos mozos e mozas de 16 a 34 anos navega diariamente, fronte ao 78,8% de internautas de máis idade (35 a 74), o que amosa unha diferenza xeracional de 13,9 puntos porcentuais neste indicador.

Respecto aos hábitos dos internautas, aumentan as compras de bens ou servizos a través de Internet nos 3 últimos meses entre os máis novos. Máis da metade dos mozos entre 16 e 34 anos (52,9%) compraron a través Internet. Esta porcentaxe redúcese á metade (25,2%), no caso dos de idades entre os 35 e os 74 anos. No último ano, as compras a través de Internet aumentaron 4,9 puntos entre a poboación de 16 a 34 anos, superando o ritmo de crecemento que se rexistra no tramo de idade de 35 a 74 anos (2,7 puntos de aumento)

Constatárase a diferenza de coñecementos en TIC entre mozos e maiores tamén na análise dos trámites realizados coas administracións públicas, onde os internautas máis novos (16 a 34 anos) relacionáronse en maior medida coas administracións públicas a través de Internet, especialmente no referente á procura de información (83,8%) ou ao envío de formularios cubertos (79,3%). As diferenzas cos trámites feitos por internautas de 35 a 74 anos rondan os 23,3 puntos no caso da procura de información e 18,8 puntos no envío de formularios.

 

Os obstáculos no uso das TIC varían segundo a convivencia con nenos

As motivacións para non contratar aínda Internet nos fogares con nenos e nenas en idade escolar, continúan sendo os custos de equipamento e conexión. Pola contra, nos fogares que non teñen menores en idade escolar (3 a 16 anos), a razón principal para non dispoñer de Internet é a percepción de que non lles resulta útil nin interesante.

Poden consultarse os datos deste informe na seguinte ligazón: www.osimga.gal

31/10/201810:26
Acto de entrega dos diplomas.
Madrid

ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade recoñece o compromiso de máis de 30 institucións e empresas coa accesibilidade

  • Recibiron un diploma polas súas iniciativas e proxectos para mellorar a accesibilidade universal e a atención ás persoas con discapacidade.

 

ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade, entregou o luns día 29 a un total de 36 empresas, institucións e distintas administracións coas que traballou senllos diplomas que recoñecen o seu compromiso coa accesibilidade.

Ao acto, que tivo lugar na Torre ILUNION, acudiron o director de Políticas de Apoio á Discapacidade, Jesús Celada, o director de Accesibilidade Universal e Innovación da Fundación ONCE, Jesús Hernández, e a directora executiva do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI), Pilar Villarino.

A directora xerente de ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade, Ana Uruñuela, foi a encargada de dar a benvida aos representantes deste grupo de corporacións e entidades, ás que agradeceu o seu compromiso co que a Organización de Nacións Unidas (ONU) considera un dereito fundamental para as persoas con discapacidade: a accesibilidade. "É moi estimulante ver que cada vez máis empresas, entidades públicas, e corporacións buscan solucións integrais para promover o desenvolvemento da accesibilidade en todos os ámbitos posibles e que a tecnoloxía, ben usada, ponnos esta tarefa cada día máis fácil", sinalou.

Na súa intervención, Ana Uruñuela estivo acompañada por Paca (Persoal Accessible Cognitive Assistant), a última aposta de ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade para facer máis accesibles as contornas. Tras saudar aos asistentes e asegurar que era a máis indicada para estar no acto, Paca sinalou que ela pode "facer a vida máis fácil a todas as persoas con discapacidade", pois interactúa "de forma multicanle". "Mentres que coas persoas con cegueira uso a miña voz, coas persoas con xordeira uso a pantalla do meu peito", explicou.

 

Transformar a sociedade

A continuación, o director de Accesibilidade Universal e Innovación da Fundación ONCE, Jesús Hernández, sinalou que "todos temos algo que facer para transformar a sociedade, mellorando a calidade de vida das persoas con discapacidade" a través da accesibilidade.

Ao acto acudiu tamén a directora executiva do Cermi, Pilar Villarino, quen destacou que "a accesibilidade é o primeiro dereito para que se cumpran todos os demais". Ao seu xuízo, o exemplo das empresas distinguidas hoxe por ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade debe ser "replicable" a outras entidades, pois axuda á "toma de conciencia e á visibilidade da discapacidade".

Tras estas intervencións, comezou a entrega dos diplomas ás empresas e entidades que no seu momento confiaron en ILUNION para mellorar a accesibilidade das súas páxinas web, ou das súas "apps", ou para emprender un proxecto arquitectónico accesible desde a súa orixe, tanto a nivel físico como tecnolóxico, ou para formar ao seu persoal no tratamento de clientes con discapacidade, entre outros.

As empresas distinguidas son, por orde alfabética: Accenture, Concello de Antequera, Banco Interamericano de Desenvolvemento, Servizos Municipais do Concello de Barcelona, BBVA, BBVA (web Bancomer), BNP Paribas Real Estate, Defensor do Pobo, Unión Europea de Cegos (EBU nas súas siglas inglesas), EMASESA, ESIC, Fundacion para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), Ferrocarrís Generalitat Valenciana (FGV), Fundación CEDDET, Fundación Telefónica, Greenpeace, HISPACOOP, Hospital Universitario Puerta de Hierro de Majadahonda, Hospital Universitario Ramón e Cajal, Iberia Express, Iniciativa Cidadá Europea (Proxecto WEB da Comisión Europea), ING, Intu Spain, Madrid Destino, Merlin Properties, Ministerio da Cultura e Deporte, Ministerio de Educación e FP, Museo do Prado, Axencia Navarra do Territorio e a Sustentabilidade (NASUVINSA LURSAREA), Policía Nacional, Quirón Saúde, Repsol, Ros Roca, Scottish Power, Senado, Taula d'Entitats del Tercer Sector Social de Catalunya, Universidade Autónoma de Madrid e Universidade Complutense de Madrid.

31/10/201810:20
Smartphone encima dun sofá.
Santiago de Compostela

A tecnoloxía intelixente transforma a vida das persoas que viven con discapacidades

  • Descobre como os novos dispositivos tecnolóxicos para o fogar proporcionan incribles beneficios para as persoas que viven con discapacidades

 

Para as persoas que viven con enfermidades crónicas, xa sexa esclerose múltiple, artrite ou calquera outra condición, a mobilidade reducida pode causar un gran problema á hora de levar a cabo tarefas diarias no fogar. As casas "intelixentes" poden aumentar incriblemente a accesibilidade e supoñer un cambio radical para as persoas con discapacidades. Presentámosche como.

Glosario:

  • Aparellos intelixentes: Obxecto que se conecta con outros aparellos ou redes, normalmente permitindo controlalos desde un smartphone.
  • Bridge ou "Modo de ponte": Dispositivo que se conecta a outros da mesma clase (como poden ser lámpadas) permitindo controlalos desde outro punto.
  • Hub ou concentrador: Obxecto que se conecta a distintos aparellos intelixentes, producido por distintas manufacturas.
  • Altofalante intelixente: Un altofalante que se conecta con outros dispositivos, como o teu teléfono, ou á rede. O micrófono dáche a oportunidade de controlalo todo coa voz.
  • Sistema automatizado: Software que permite a automatización do comportamento de tecnoloxías intelixentes baseado en distintas condicións. Por exemplo, a luz acéndese cando un sensor detecta a unha persoa na habitación.

Que son as casas intelixentes?

É posible que escoitases falar do "Internet das Cousas". Refírese a obxectos físicos -desde coches a teléfonos ou aparellos do fogar- que teñen conectividade integrada. Estes obxectos coñécense normalmente como dispositivos intelixentes.

Un crecente número de obxectos básicos no fogar, como lámpadas ou fechaduras de portas, están a volverse "intelixentes". Un dos maiores beneficios, é que poden controlarse desde o computador ou smartphone - mesmo se non estás en casa.

Mentres que cada obxecto inclúe a súa propia app, se decides incorporar ao teu fogar distintos aparellos intelixentes, podes optar por un sistema que che permita controlalos desde un Hub (concentrador) central.

Ademais, podes engadir un altofalante intelixente. Ao incluír un micrófono que detecta comandos de voz, podes realizar todas as tarefas mencionadas cunha simple frase.

Se vives con algún tipo de discapacidade, esta tecnoloxía ten o potencial de facer da túa casa un lugar máis accesible e seguro.

 

Como pode a tecnoloxía intelixente axudar ás persoas discapacitadas?

Un fogar é un espazo incriblemente persoal e importante.

Cando unha discapacidade se converte nun impedimento para levar a cabo tarefas normais ao redor da casa, ou mesmo as imposibilita, é moi posible que te sintas frustrado ao perder gran parte da túa independencia.

O Internet das Cousas proporciona unha oportunidade para que as persoas con discapacidades volvan gañar o control que perderan.

Estes son algúns dos obxectos que están dispoñibles en versión intelixente:

  • Termostatos
  • Lámpadas
  • Detectores de fume
  • Fechaduras
  • Timbres
  • Asiparadoras
  • Portas de garaxe
  • Cortinas e persianas
  • Detectores de monóxido de carbono
  • Detectores de movemento
  • Cámaras de seguridade
  • Fornos

Parece incrible, pero as funcións de cada un destes obxectos pódense levar a cabo a través dunha aplicación do teléfono. Podes pechar as cortinas, apagar as luces, subir a temperatura do termostato e pechar a porta da casa en cuestión de segundos, utilizando simplemente a enerxía necesaria para tocar a pantalla do teu teléfono.

Aínda máis interesante; todas estas funcións pódense controlar con comandos de voz.

Para as persoas que viven con discapacidades, o feito de poder levar a cabo todas estas accións sen ter que depender tanto de amigos, familiares ou coidadores, proporciónalles unha gran independencia.

Ademais, tamén pode evitar a necesidade de facer cambios na casa -por exemplo reducir a frecuencia coa que cambiar unha lámpada- que poden necesitar cambios no futuro.

Á parte de incrementar a accesibilidade, os aparellos intelixentes poden aforrarche moitísima enerxía e acabar coa necesidade de realizar tarefas físicas. Calquera persoa familiar coa Teoría das culleres valorará enormemente o poder aforrar o maior número de culleres posible.

 

Como funciona?

En primeiro lugar, e máis importante, necesitarás un smartphone para poder controlar todos os aparellos intelixentes.

 

  • Conectarte co teu Smartphone

Cada dispositivo pode conectarse por Bluetooth ou a través do Wifi de casa. Aqueles que se conectan con Wifi, normalmente poden controlarse desde calquera lugar do mundo, a condición de que teñas acceso a internet.

A maioría dos dispositivos veñen cunha aplicación, a cal che permitirá controlar cada dispositivo desde o teu teléfono. Estas aplicacións adoitan estar dispoñibles para iPhone e Android.

 

  • Pontes e Hubs

No caso dalgúns obxectos como as lámpadas, unha única aplicación pode controlar múltiples obxectos ao redor da casa. En sistemas máis avanzados, como Philips Hue, as lámpadas conéctanse a un dispositivo aparte (unha ponte) que se conecta á súa vez co seu teléfono. Isto mellora a funcionalidade e simplifica o seu uso.

De maneira similar, os termostatos intelixentes como os que ofrecen Nest e Ecobee poden conectarse con diferentes sensores da casa, proporcionándoche un maior control da calefacción.

Se queres utilizar distintos dispositivos intelixentes na túa casa e gustaríache controlalos todos desde unha única aplicación, necesitarás un Hub como Samsung SmartThings.

Os Hubs teñen a capacidade de conectarse cunha gran variedade de distintos produtos de distintas marcas, o que é moi útil e aforrarache a necesidade de ter que utilizar distintas aplicacións.

 

  • Altofalantes intelixentes

Os altofalantes intelixentes como Amazon Echo, Google Home ou Apple HomePod, teñen micrófonos incluídos, o que lles posibilita os comandos de voz. Este é o motivo polo que os altofalantes intelixentes vólvense fundamentais en calquera casa intelixente.

Actívanse cando escoitan o seu "nome" ou AlexaOK Google ou Hei Siri respectivamente, para os altofalantes mencionados anteriormente e, ademais, escoitan os comandos.

Desde que os altofalantes intelixentes se volveron populares, unha das cousas nas que se centran é loxicamente a música, como o comando de Siri, Hei Siri, pon jazz, por exemplo.

Con todo, ao volverse un centro de control de comandos de voz para dispositivos intelixentes, a súa utilidade práctica non fai máis que medrar. Do mesmo xeito que preguntarlle a Siri se pode poñer jazz, poderías preguntarlle se pode acender as luces da habitación, pechar as persianas ou realizar calquera outra tarefa.

Isto non só mellora a accesibilidade se vives cunha discapacidade, senón que podería tamén salvar vidas en situacións nas que non sexas capaz de moverte e o teu teléfono estea fóra do teu alcance, pero que grazas a un altofalante intelixente che permita contactar cos servizos de emerxencia ou cun ser querido que poida axudarche.

 

  • Sistemas automatizados

Os sistemas automatizados, como IFTTT, que deriva o seu nome de If This, Then That, ou en galego, se isto, daquela iso, conéctanse con aplicacións que controlan os teus dispositivos intelixentes.

Por exemplo, se se detecta movemento no baño, acende as luces.

Como cos altofalantes intelixentes, determinados comandos teñen a capacidade de mellorar a funcionalidade dos teus dispositivos intelixentes, os cales poden mesmo salvar a túa vida.

Por motivos de seguridade, é posible que queiras recibir unha notificación no caso de que se detecte un movemento cando non estás na casa ou se se abre a porta durante horas determinadas.

Tamén podes activar as notificacións a través do teu teléfono ou cun comando de voz.

Hai centos de aplicacións e dispositivos intelixentes que son compatibles con estes servizos, o que fai que as posibilidades sexan infinitas.

Se tes un iPhone, o novo lanzamento de Apple Siri Shortcuts é o servizo de automatización máis simple dispoñible ata o momento, e cada día son máis as aplicacións compatibles.

 

Onde debería empezar?

Aínda que os fogares intelixentes ofrecen enormes beneficios a moitas persoas que viven con discapacidades, poñer en funcionamento todos estes dispositivos pode ser unha tarefa complicada.

Moitas persoas comezan con termostatos e lámpadas. Son relativamente fáciles de instalar na maioría dos fogares, son útiles a diario e poden ser rendibles (a longo prazo, dispositivos eficientes poden mesmo aforrarche diñeiro).

Os dispositivos intelixentes menos populares, como as cortinas ou as persianas poden resultar particularmente útiles para as persoas con discapacidades.

De maneira similar, os timbres intelixentes a miúdo veñen cunha cámara incorporada, de modo que podes ver quen está na porta e decidir se responder ou non, sen necesidade de camiñar ata a entrada. Mesmo podes abrir a porta de forma remota. Para moitas persoas, isto pode ser unha simple comodidade. Pero para aquelas persoas que viven con discapacidades, pode supoñer un gran aforro de enerxía.

Por último, o control de voz que ofrecen os dispositivos intelixentes pode ser particularmente beneficioso en caso dunha emerxencia.

Sexa cal for o dispositivo(s) co que decidas empezar, hai moita información dispoñible en liña para axudarche a tomar a decisión correcta.

Se non estás seguro, sempre podes contar co asesoramento de expertos, hai especialistas que poden axudarche a decidir os produtos adecuados para ti e ofrecerche un servizo de instalación.

As casas nas que vivimos iranse volvendo máis intelixentes nos próximos anos, a medida que se vaian desenvolvendo as tecnoloxías e o prezo se reduza.

Para as persoas que viven con discapacidades ou con mobilidade reducida, os beneficios que a tecnoloxía intelixente ofrece poden marcar un antes e un despois no seu día a día.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS