
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe no polígono de Pocomaco da Coruña -formado por 380 empresas e 7000 traballadores directos e indirectos- unha xuntanza cos empresarios para darlles a coñecer as actuacións da Administración autonómica para impulsar a economía local e desenvolver os retos desde o punto de vista da dixitalización, innovación e internacionalización. Neste último eido, puxo en valor os datos de exportacións que saíron hoxe publicados, ata o mes de novembro, que constatan que en Galicia seguen medrando por riba da media do Estado, un 7,2% fronte ao 3,4% do conxunto de España e mantendo unha balanza comercial positiva (+3.677M€) cando en España é negativa.
A xuntanza forma parte da rolda de contactos que está a levar a cabo Conde co tecido empresarial galego para coñecer de primeira man as súas inquietudes e necesidades e intercambiar necesidades para seguir impulsando a competitividade industrial.
O obxectivo destes encontros é que ningún autónomo, empresa ou emprendedor teña que renunciar aos seus plans por falta de información ou de apoio. Deste xeito, o titular de Economía destacou que nos tres primeiros meses do ano poranse en marcha ata 30 ordes de axudas á disposición dos empresarios, autónomos, comerciantes e desempregados que sumarán máis de 100 millóns de euros.
Estas iniciativas estarán vinculadas a diversos campos como as novas tecnoloxías, a internacionalización empresarial, a promoción da eficiencia enerxética, a modernización do comercio local, a mellora das infraestruturas nos parques empresariais e o acceso ao solo industrial, o impulso do emprego e o fomento do empendremento e a atención aos autónomos. Neste último eido, nas próximas semanas publicaranse as axudas para apoiar o inicio da actividade dos autónomos e a contratación indefinida de persoas asalariadas. Tamén se publicarán no Diario Oficial de Galicia (DOG) as axudas para a consolidación de pemes de nova creación e de base tecnolóxica. Entre as dúas iniciativas investiranse 14 millóns de euros.
Galicia Inviste
O conselleiro tamén se referiu a programas cos prazos de solicitudes xa abertos como o Galicia Inviste que con 9 millóns de euros busca apoiar 140 novas pemes co financiamento que precisan para a realización de investimentos podendo cubrir ata o 30% do investimento no caso das pequenas empresas. Tamén se publicaron xa no DOG as axudas para a mellora das infraestruturas dos parques empresariais e a creación de viveiros industriais e as do Igape para impulsar a dixitalización das pemes galegas, estas últimas cunha mobilización prevista de máis de 13 millóns. Neste último senso, Pocomaco conta con infraestruturas avanzadas de banda ancha de máis de 100Mbps, imprescindible para poder traballar coas tecnoloxías máis avanzadas. Así mesmo, salientou que xa están aprobados os apoios para impulsar a eficiencia enerxética en fogares, nas empresas do sector industrial, servizos e no agrícola que mobilizarán máis de 24 millóns.
Para rematar, o titular de Economía puxo en valor a Lei de implantación empresarial lembrando que facilita ao máximo a actividade das empresas a través da simplificación administrativa e con bonificacións fiscais que se amplían no caso de que as compañías estean asentadas en Concellos Emprendedores. Na provincia da Coruña existen na actualidade un total de 28 entre os que figuran Oleiros, Abegondo e Coirós.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) abre mañá mércores o prazo de inscrición para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática (CODIX). Así se recolle na convocatoria publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia con 180 prazas para o curso de teleformación preparatorio que comezará o día 18 de febreiro e rematará o 24 de maio, previo ao exame presencial que terá lugar na última semana dese mes de maio unha vez rematado o curso.
Para acceder a esta actividade formativa os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos e estar dado de alta como usuario da rede CeMIT. A inscrición realizarase a través de internet na web da rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal), durante os cinco días hábiles a partir do seguinte da publicación da convocatoria no DOG.
Unha vez finalizado o prazo de inscrición, publicarase a relación provisional das 180 persoas admitidas na páxina web da rede CeMIT así como un número adecuado de reservas. As persoas admitidas provisionalmente deberán aboar unha taxa de 10,37 euros correspondente aos dereitos de exame –ou presentar a documentación xustificativa da súa exención-, sendo excluídos aquelas persoas aspirantes que non formalicen a súa matriculación.
O curso de preparación impártese na modalidade de teleformación con titorías de apoio, polo que soamente será necesario contar cun ordenador persoal e conexión a internet para seguir a formación dende calquera lugar e en calquera momento.
Plan Formativo Ofimático de Galicia
Durante as 12 semanas de duración deste curso as persoas matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade e baseado na suite Libreoffice de oficina libre e código aberto:
Todos estes contidos están abertos e poden ser consultados libremente na plataforma de teleformación da rede CeMIT (https://cemit.xunta.es/ema), baixo a modalidade de autoformación.
Próximas convocatorias de exames presenciais
Esta convocatoria forma parte do Plan de Formación da rede CeMIT para este ano 2019, que terá a súa continuación cunha nova edición de exames presenciais libres para aqueles cidadáns que xa posúan os coñecementos necesarios – ben pola súa experiencia no manexo destas aplicacións, pola formación adquirida por outras vías ou que opten pola modalidade autoformativa-, prevista para o primeiro semestre deste ano (no mes de abril).
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
Dende a habilitación da rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos do CODIX en maio de 2014, foron máis de 6.800 as prazas convocadas nas súas diferentes modalidades (1.930 en cursos de teleformación titorizada e 4.923 en probas presenciais de acceso libre) e máis de 3.100 as persoas que obtiveron a certificación emitida por parte da Amtega despois de superar as probas presenciais realizadas nas aulas da rede CeMIT.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de publicar no DOG a concesión de axudas por 2,8 millóns de euros para apoiar a dixitalización de 115 pemes galegas, que mobilizarán investimentos por valor de ao redor de 7 millóns de euros.
Os proxectos apoiados nesta convocatoria do programa de apoios á dixitalización inclúen, entre outros, a posta en marcha dun software específico para franquías do sector da construción, a xestión integral de subcontratas en empresas de mecanizado industrial, ou a mellora da loxística no sector farmacéutico. Esta iniciativa está destinada a facilitar a modernización e mellora da competitividade das pequenas e medianas empresas a través da interconexión dixital entre empresas vinculadas pola súa actividade.
En total, a liña de apoios á dixitalización, desenvolta ao abeiro da Axenda Industria 4.0, apoiou nas convocatorias publicadas en 2018 un total de 170 empresas con axudas de 3,8 millóns de euros, que mobilizaron investimentos por valor de 9,3 millóns de euros.
Este ano, a través do Igape, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, destinará 5 millóns de euros a impulsar iniciativas que xeran proxectos colectivos de dixitalización nas pemes da Comunidade e a apoiar así investimentos nestes ámbitos. Mediante os cursos e axudas ao desenvolvemento dixital, que contan con financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), prevese mobilizar máis de 13 millóns de euros.
Así, ata o vindeiro 15 de marzo permanecerán abertas as dúas primeiras convocatorias de 2019 dos programas de desenvolvemento dixital. O instrumento de apoio é dobre: por unha parte, o tecido asociativo galego poderá organizar cursos para a xeración de proxectos de dixitalización realizados colectivamente, que serán financiados ao 100%. Por outra, concederanse axudas a empresas para investimentos no eido dixital, que poderán cubrir ata o 30%, no caso das pequenas compañías, e ata o 20% para as medianas.
No desenvolvemento de solucións ou sistemas de dixitalización terán prioridade proxectos colectivos, é dicir, os que impliquen a un grupo de empresas que colaboren na implantación de sistemas de dixitalización para interactuar entre elas e que, de maneira opcional, poden estar coordinadas por un organismo intermedio. Tamén poden acollerse proxectos individuais de pemes para avanzar na súa propia transformación dixital.
Deste xeito, a Xunta avanza no desenvolvemento da Axenda Industria 4.0, que impulsa a implantación da industria conectada, a fábrica intelixente, e que reforza o labor que se está a realizar a través dos programas ReAcciona e dos proxectos Industria 4.0, como instrumentos especialmente valorados polas empresas para acelerar a dixitalización do tecido produtivo galego.
PREDIF, a Fundación Vodafone España e a Secretaría de Estado de Turismo presentaron hoxe a nova versión da plataforma de Turismo Accesible TUR4all no auditorio da Secretaria de Estado de Turismo, que destaca por ser colaborativa entre expertos e usuarios, multilingüe, e estar deseñada baixo criterios de accesibilidade universal, entre outras caracaterísticas.
Francisco Sardón Peláez, presidente de PREDIF, deu a benvida aos asistentes, e destacou que "TUR4all é a aplicación máis importante da Unión Europea sobre Turismo Accesible, con maior número de recursos analizados, máis de 5.000. Ademais, está deseñada con criterios de accesibilidade universal, aspecto primordial nas novas tecnoloxías"
Na inauguración participou Isabel María Oliver Sagreras, secretaria de Estado de Turismo de España, quen sinalou que "as persoas con discapacidade teñen o dereito de poder elixir a oferta de lecer que queira, en igualdade de oportunidades que o resto de cidadáns. Por iso, en España non só queremos ser líderes en turismo, senón tamén en turismo accesible, porque nos fai ser máis competitivos e acolledores. Para iso, desde a Secretaría de Estado de Turismo, expreso o meu compromiso de seguir colaborando coas entidades sociais para seguir avanzando".
Tamén interveu Ana Mendes Godinho, secretaria de Estado de Turismo de Portugal, quen remarcou o traballo colaborativo entre España e Portugal, "un traballo conxunto que ten un carácter simbólico por tres razóns: en primeiro lugar, porque o turismo accesible debe ser un dereito, porque o turismo é un instrumento para cambiar a vida das persoas e porque cando loitamos pola igualdade entre as persoas non hai fronteiras".
Pola súa banda, Jesús Á. Celada Pérez, director xeral de Políticas de Apoio á Discapacidade, incidiu na importancia desta plataforma como "un gran exemplo do que se pode conseguir grazas á colaboración entre as administracións públicas, as empresas privadas e as entidades sociais".
Para Remedios Orrantia Pérez, patroa executiva da Fundación Vodafone España, "TUR4all é o mellor exemplo do compromiso da Fundación Vodafone España para transformar a vida das persoas con discapacidade por medio de solucións tecnolóxicas que lles permitan gozar do lecer en igualdade de oportunidades, un ámbito que mide a calidade de vida dos cidadáns".
A continuación, Tatiana Alemán Selva, directora técnica de Accesibilidade, Turismo e Cultura de PREDIF, realizou a presentación da plataforma de Turismo Accesible TUR4all. Nela destacou as principais novidades: colaborativa entre expertos e usuarios, dispoñible en 11 idiomas, facilita a procura de recursos, destinos, experiencias... baixo criterios de accesibilidade universal, e dispón de 17 categorías e 59 subcategorías (engade farmacias, caixeiros automáticos, transportes... demandas dos usuarios).
Posteriormente tivo lugar unha mesa redonda, moderada por Mari Satur Torre Calero, directora da Fundación Vodafone España, na que interviñeron: José Ramón del Pino, presidente da Federación Nacional Aspaym; Iván González, director de Atención e Información Turística de Madrid Destino; Yolanda Horrillo, Relación institucións e movemento asociativo, ILUNION Hotels; Ana García, presidenta de Accesible Portugal e representante de TUR4all en Portugal; e Tono Franco, socio-director de Globaldit.
Funcionalidades da plataforma
A plataforma ofrece información validada por técnicos especialistas, baseada nunha metodoloxía de avaliación da accesibilidade dos recursos turísticos, que consiste nun conxunto de cuestionarios de verificación dos criterios de accesibilidade, acordados por organizacións públicas e privadas que representan ás persoas con discapacidade e por representantes do sector turístico.
Para cada tipo de recurso turístico, a plataforma permite consultar toda a información relevante sobre accesibilidade, como condicións da entrada, circulación interior, habitacións adaptadas, área de restauración, área exterior e servizos e equipos.
A plataforma está dispoñible a través do seu sitio web (www.tur4all.com), desenvolvido por Javacoya, e da aplicación móbil gratuíta, implementada por Ilunion, descargable en Android e iOS.
Desde agora é posible acceder a TUR4all en 11 idiomas: portugués, castelán, inglés, francés, alemán, italiano, mandarín, galego, eúscaro, catalán e valenciano.
6 anos de alianza
TUR4all créase en 2012 como aplicación móbil e páxina web de turismo accesible promovida por PREDIF e a Fundación Vodafone España, que conta co apoio do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, ao ser un proxecto EMPRENDETUR I+D+i 2/2015, e da ENAT (Rede Europea de Turismo Accesible).
A plataforma ofrece información obxectiva sobre as condicións de accesibilidade dos aloxamentos, restaurantes e dos diferentes tipos de recursos turísticos. Ata 2016, todos os recursos turísticos publicados en TUR4all foron analizados por expertos en accesibilidade e desde 2017, os usuarios poden introducir novos recursos a través dun cuestionario de avaliación. Deste xeito, TUR4all converteuse nunha plataforma colaborativa na que os usuarios e expertos valoran, puntúan e comentan a accesibilidade dos establecementos turísticos. Ademais, é unha canle de promoción para os establecementos e destinos turísticos accesibles. Con TUR4all, PREDIF quere mellorar o turismo accesible en todo o mundo e xerar ás persoas con necesidades de accesibilidade maior confianza á hora de viaxar.
Acordo PREDIF e Accessible Portugal
En febreiro de 2018, PREDIF e a Fundación Vodafone España internacionalizaron TUR4all en Portugal, grazas á colaboración entre Accessible Portugal, a Fundación Vodafone Portugal e Turismo de Portugal, quen presentou en Lisboa a versión portuguesa de TUR4all, que permite consultar a oferta turística accesible de Portugal e España, creando así a primeira plataforma ibérica na área do turismo accesible.
O esforzo das tres entidades portuguesas contribuíu de maneira importante para a captación de novos segmentos do mercado internacional e para a reafirmación de Portugal como destino turístico inclusivo, o que responde as demandas do sector turísitco, e ademais, ten en conta os dereitos das persoas con discapacidade.
O Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) convocou os Premios cermi.es 2019, que cada ano concede a entidade co fin de recoñecer o traballo en favor das persoas con discapacidade e as súas familias, co fin de lograr unha sociedade máis inclusiva.
As persoas, entidades, organizacións ou institucións que desexen participar nestes galardóns deben enviar a súa candidatura á sede do CERMI Estatal (C/ Recoletos, 1 - Baixo. Madrid) ou ao correo electrónico cermi@cermi.es antes do luns 15 de xullo de 2019, utilizando o formulario que aparece xunto ás bases dos galardóns na web do Cermi
O fallo do xurado dos Premios cermi.es 2019 darase a coñecer durante a segunda quincena do mes de setembro deste ano, segundo recollen as bases reguladoras aprobadas este xoves polo Comité Executivo do CERMI Estatal.
Premios cermi.es
Como na edición de 2018, as bases establecen 12 categorías dentro dos galardóns: Inclusión Laboral; Investigación Social e Científica; Acción social; Accesibilidade Universal - Fundación Vodafone; Acción Cultural Inclusiva; Fundación CERMI Mulleres - Acción en beneficio das mulleres con discapacidade; Medios de Comunicación e Imaxe social da Discapacidade; Mellor Acción Autonómica e/ou Local; Responsabilidade Social Empresarial/Discapacidade; Activista-Traxectoria Asociativa; Mellor práctica de cooperación asociativa na esfera do Terceiro Sector da discapacidade, e Institucional.
O fallo dos Premios cermi.es 2019 realizarao un xurado integrado por representantes do CERMI, asistidos por profesionais relevantes da comunicación e a responsabilidade social corporativa de acreditada traxectoria, quen se constituirá en Comité Técnico Asesor. Formará parte do xurado unha persoa representante da axencia de noticias Servimedia como apoio operativo. Actuará como Secretaria do Xurado, con voz e voto, a directora executiva do CERMI. O xurado dirimirá cada premio por maioría simple para cada unha das categorías, e ás persoas ou organizacións gañadoras faráselles entrega dunha escultura representativa, obra dun prestixioso artista.