main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

24/01/201908:03
Cartel do evento.
As Pontes

Volven os Amigus Labs para introducirnos nas tecnoloxías sen cancelas

Este 2 de febreiro imos ter unha nova edición dos Amigus Labs, os obradoiros argalleiros que desenvolven regularmente os integrantes da Asociación Amigus e Merca nas Pontes. Será unha nova oportunidade para mergullarnos no espírito Maker, na robótica, no software e o hardware libres, na arte, na creación dixital e na formación. 

A nova cita dos laboratorios participativos de Amigus, a edición 19.2, desenvolverase como de costume no Lar da vila coruñesa das Pontes. O obxectivo será avanzar en proxectos libres nos que se vén traballando dende anteriores edicións. Estarán expostas as creacións realizadas durante o ano pasado, como o barco solar autónomo ou os robots velocistas. Tamén haberá un recanto retro, adicado á creación de vídeoxogos e pixel art, sobre a plataforma Amiga. Amais, contarase novamente coa presenza de José A. González, membro do selo Iron Gate, que presentará o seu último proxecto e mostrará como se traballa nun xogo arcade, dende o guión, o deseño do mapa, e os grafismos, pasando polas técnicas empregadas para dotar de vida e intelixencia aos personaxes. 

Por outra banda, a nova cita dos Amigus Labs ofrecerá de novo un recanto para a impresión 3D, unha CNC e unha zona de prototipado e testeo de electrónica. Ao fío disto, está previsto proseguir co deseño e a montaxe da impresora Core XY de Amigus Labs. Na Amigus Labs Kids artellarase a sesión nun primeiro obradoiro de deseño gráfico con ferramentas libres de debuxo vectorial como é o InkScape, e outro obradoiro onde se dará forma a un robot de debuxo con hardware e software libre como materias primeiras coas que darlle forma. A idade mínima para participar tanto nos obradoiros como na Amigus Labs é de 8 anos en adiante, a inscrición é de balde.

24/01/201907:56
Comisión de seguimento da Cátedra R en Ciberseguridade.
A Coruña

Formada a comisión de seguimento da Cátedra R en Ciberseguridade

Hoxe constituíse a comisión de seguimento da Cátedra R en Ciberseguridade, unha nova iniciativa da operadora galega e das universidades de Vigo e Coruña para investigar, formar e divulgar coñecemento arredor da protección en liña e das tecnoloxías e metodoloxías que a fan posible de maneira efectiva. A presentación do equipo de seguimento realizouse na sede de R na Coruña, nun acto no que se fixo fincapé de que a cátedra é a primeira das súas características, interuniversitaria, que se pon en marcha na nosa terra. 

A comisión encargarase de supervisar as accións derivadas do convenio asinado polas universidades e máis R para validar as accións que se vaian desenvolver, aprobar os orzamentos anuais en virtude da achega económica anual de R e elaborar unha Memoria anual da Cátedra R en Ciberseguridade. As persoas que compoñen a Comisión son: Ana Fernández Vilas, coordinadora da Cátedra R en Ciberseguridade 2019 e do Mestrado na UVigo (Universidade de Vigo), Carlos Dafonte, coordinador do Mestrado na UDC (Universidade da Coruña), Rebeca P. Díaz Redondo, coordinadora do Grao en Enxeñaría de Telecomunicación (Universidade de Vigo), Francisco Javier Nóvoa de Manuel, representante do Persoal Docente e Investigador (Universidade da Coruña), Idoia Uriarte, responsable de Seguridade da Información do Grupo Euskaltel (do que R forma parte) e Susana Rey, delegada de Protección de Datos do Grupo Euskaltel (do que R forma parte).

Máis detalles
A Cátedra R deuse a coñecer o mes pasado e o seu obxectivo é promover “o desenvolvemento das competencias profesionais do alumnado universitario, mellorar a capacitación e ampliar os coñecementos, técnicos e habilidades dos membros da comunidade universitaria e doutros profesionais”. Nun plano máis concreto, o seu fin último é “adaptar ese coñecemento ás necesidades das empresas, fomentando a formación continua, a innovación e a investigación na área da ciberseguridade”. 

A Cátedra vai ter unha manchea de liñas de actuación, entre as que cómpre destacar as que citamos deseguido: 

  • Colaboración na docencia+investigación (Mestrado Interunivesitario en Ciberseguridade)
  • Creación de programa de captación de talento (alumnado ambas as dúas Universidades)
  • Creación de espazos para a difusión e o debate sobre ciberseguridade 
  • Capacitación en competencias relacionadas coa protección en liña tanto dentro da comunidade universitaria coma fóra dela, tendo en conta as necesidades competitivas das empresas. 

Amais, no eido da formación e a difusión está programado cooperar en mestrados e outros estudos de posgrao, programas de formación permanente, patrocinio de bolsas predoutorais e posdoutorais, premios a proxectos de fin de grao ou mestrado, traballos e concursos de ideas, conferencias, seminarios, obradoiros, promoción de prácticas curriculares e extracurriculares, visitas a empresas, plans de formación de empresas e institucións, formación para a creación de empresas de base tecnolóxica...etc. 

Por outra banda, no plano da I+D, impulsaranse ao seu abeiro liñas conxuntas de traballo para desenvolver proxectos a nivel galego, estatal e europeo; apoiaranse teses de doutoramento e outras de fin de grao, promoveranse encontros nacionais e internacionais de expertos nas áreas de interese da ciberseguridade, ademais de empurrar a contratación de grupos das universidades da Coruña e de Vigo para accións de innovación ou consultoría especializada na empresa. A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo e máis a Facultade de Informática da Universidade da Coruña poñerán a disposición da Cátedra R as súas instalacións para desenvolver todas estas actividades. A comisión de seguimento presentada hoxe encargarase de supervisar as accións derivadas do convenio.

23/01/201913:44
Presentación do Primeiro Smart Way - Rede Española en Fitur.
Madrid

A Xunta participa en Fitur na presentación da ‘Smart Way’ que explora ‘A Ruta dos Fenicios no Atlántico’

  • O vicepresidente autonómico, Alfonso Rueda, destacou a posta en valor do patrimonio cultural e histórico de Galicia
  • A directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou a importancia deste itinerario para afondar no turismo cultural e nun destino máis competitivo

 

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, participaron hoxe en Fitur na presentación do Primeiro Smart Way - Rede Española. A Ruta dos Fenicios no Atlántico-As Cassitérides. A Ruta dos Fenicios é un dos 30 Itinerarios Culturais recoñecidos polo Consello de Europa e pasa por 18 países e por máis de 80 cidades.

O vicepresidente da Xunta destacou a importancia de poñer en valor o patrimonio cultural e histórico de Galicia a través de iniciativas como esta e apostou pola especialización e innovación do sector turístico. O proxecto da Smart Way inclúe unha aplicación móbil que permitirá valorizar 20 elementos patrimoniais fenicios a través da realidade aumentada e que facilitará o sistema de reservas e de acceso a portos para os viaxeiros.

Ademais, e como explicou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, ao abeiro da colaboración entre a Xunta e a Asociación Galega de Actividades Náuticas (AGAN+), aproveitarase a exitosa experiencia dos Minicruceiros Costeiros polas Rías de Galicia creados no marco do proxecto Ecodestin_3IN Programa Interreg-Poctep, para poñer en marcha un novo itinerario marítimo ao redor dos vestixios fenicios tematizando varias das saídas previstas este ano. Os Minicruceiros Costeiros polas Rías de Galicia nos que se integrará esta nova ruta marítima, contaron o ano pasado coa participación de máis de 5.000 persoas. Unha cifra que se espera reeditar e mellorar este ano para o que está previstos máis de 100 saídas entre abril e outubro.

23/01/201913:22
Carmela Silva.
Pontevedra

SmartPEME capacitou en tecnoloxías a 2.400 profesionais en 2018

Deputación de Pontevedra vén de facer balance da actividade xerada polas súas iniciativas TIC para os concellos e as empresas. Os datos foron dados a coñecer pola presidenta da institución, Carmela Silva, quen fixo un percorrido pola natureza e obxectivos de “dúas iniciativas vangardistas impulsadas pola Deputación”, a disposición das administracións locais, como son o servizo de asistencia en materia de protección de datos e o xeoportal IDEPO, a Infraestrutura de Datos Espaciais da Provincia de Pontevedra. Segundo dixo, ámbalas iniciativas acadaron dende a súa posta en marcha “resultados moi positivos”. Tamén tivo palabras para enxalzar o labor de SmartPEME, que en 2018 deu servizo de capacitación dixital a 2.400 profesionais.

Silva explicou que o servizo de protección de datos para entidades locais é un servizo pioneiro na nosa terra e ten como finalidade axudar aos concellos de menos de 50.000 habitantes na implantación das medidas necesarias para adecuarse ao Regulamento Xeral de Protección de Datos da Unión Europea e da Lei Orgánica de Protección de Datos Persoais e Garantía dos Dereitos Dixitais. En concreto, tal e como informou a presidenta provincial, “vaille facilitar ás entidades adheridas a elaboración do rexistro de tratamentos de datos de carácter persoal, a revisión da licitude dos tratamentos e das bases xurídicas que o sustenten, así como analizar os riscos dos tratamentos e avaliacións de impacto na privacidade”. 

Por outra banda, a nova Infraestrutura de Datos Espaciais (IDE) salienta polo impulso que pon en xogo en materia de goberno e transparencia. A ferramenta, que integra nunha única base de datos toda a información xeográfica que dispón a administración local mediante o xeoportal web IDEPO, fornece dunha área pública e dunha área privada, que é á que se teñen que adherir as entidades locais para ter acceso. Carmela Silva enxalzou “a utilidade da área privada para os concellos”, ao proporcionarlles “información propia das súas infraestruturas, así como a xeración automática dos informes dos bens municipais ou unidades de servizos prestados a partir dos datos almacenados na plataforma”. 

Silva tamén fixo balance do acadado a través do programa SmartPEME (a rede de formación e adestramento TIC para autónomos, profesionais e empresas da provincia), do servizo de eAdministración para os concellos, do padrón municipal e do servizo de impresión e dixitalización para entidades locais. No que respecta a SmartPEME, a presidenta destacou que “o proxecto deu un xiro espectacular dende que comezou a lexislatura”, significándose como unha gran aposta pola igualdade, xa que mostra “unha paridade total entre o persoal asesor do proxecto”. Tamén salientou que en 2018, preto de 2.400 profesionais participaron nas actividades semanais de capacitación, un 3% máis que o ano anterior, e máis de 1.700 PEME e persoas autónomas e emprendedoras participaron no servizo de asesoramento, un 15 % máis con respecto ao ano anterior. Ao abeiro deste programa, Silva salientou o lanzamento da primeira aceleradora TurisTIC e anunciou a celebración da segunda xornada TurisTIC de Pontevedra, que se desenvolverá entre marzo e abril.

23/01/201913:17
Manuel Baltar reunido cos promotores da ICC Week.
Ourense

A nova edición da Ourense ICC Week celebrarase entre o 2 e o 7 de abril

A Deputación de Ourense avanzou os días pasados detalles da nova edición da Ourense ICC Week 2019, a semana da innovación, a cultura e a creatividade que este ano celébrase entre os días 2 e 7 de abril. O obxectivo da institución que preside Manuel Baltar é xuntar novamente (en diferentes recantos da provincia) centos de persoas, entre expertos e seareiros da innovación. Achegaráselles un marco para presentar as súas propostas e intercambiar recursos e coñecementos cos restantes expertos e seareiros. Unha vez máis porase o foco en fomentar ao máximo a implicación da cidadanía, que terá, na ICC Week, unha boa oportunidade para gozar coas últimas propostas que os mercados e a tecnoloxía pon á súa disposición.

A quinta edición da semana conta cos mellores precedentes, segundo apuntou a Deputación: vén avalada polo éxito da convocatoria de 2018, que acadou 27 millóns de impactos en 20 países, dos que, preto de catro millóns corresponderon ás redes sociais. Mesmo houbo eventos virais, da man do Pantomina Full ou os eSports. Por outra banda, pasouse dos 12 relatorios e mesas redondas da anterior entrega da ICC Week a un total de 17, nas que interviñeron máis de trinta profesionais, todas e todos referentes nos seus eidos de actividade, como Javier Mariscal, Gracia Querejeta ou Bárbara Ouka Leele. Tamén houbo concertos, espectáculos de humor, citas co deseño gráfico e as novas tecnoloxías da información, co audiovisual ou cos videoxogos a través do ICC Gamer, no que participaron unhas 700 persoas (na LAN Party do Campus de Ourense). 

Polo que respecta á a edición de 2019, “pretende continuar coa posta en valor do sector creativo e cultural e converter así á provincia de Ourense no marco perfecto para o co-working, a potenciación de negocios e a apertura de novos mercados”, sinalou Baltar, facendo fincapé no amplo abano de formatos que acompañan as actividades: relatorios, charlas, entrevistas, clases maxistrais e concertos, entre outras. A Deputación acompañou esta presentación da nova entrega da semana cun vídeo que resume os éxitos da edición de 2018.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS